Claves para reducir a incidencia das enfermidades da madeira en viñedo

Dende hai algo máis de 30 anos, as enfermidades causadas por fungos que afectan a madeira dos viñedos están a aumentar en todo o mundo de forma sistemática. E danan as videiras en todas as fases da súa vida útil. Por eso, a plataforma Infowine organizou unha formación on-line para analizar as causas e solucións

Publicidade
Foto: Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino

Foto: Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino

David Gramaje, investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e do Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV) ofreceu unha formación on-line na que falou de como os fungos poden afectar seriamente a saúde das videiras e cales son as mellores técnicas para combatelos. A prevención segue a ser a principal ferramenta fronte a unhas enfermidades que todos os anos provocan enormes perdas económicas no sector.

Contexto das doenzas máis habituais

Un primeiro aspecto que hai que ter claro é que as enfermidades fúnxicas da madeira do viñedo (EFMV) poden afectar a calquera videira independentemente do seu tamaño, a súa idade, a caste da que se trate ou a zona xeográfica onde estea a viña. Por eso hai que estar vixiante en todas as localizacións e en todos os momentos e procesos.

“Por exemplo, o pé negro ou a enfermidade de Petri afectan principalmente a plantas de viveiro ou cepas moi novas facendo que non broten ben e carezan de vigor. En plantas adultas é moi habitual a Botryosphaeria -coñecido como brazo negro morto- que fai secar polas e polgares.”, dixo Gramaje.

Pero a doenza fúnxica máis coñecida en todo o mundo é a esca. Pola súa expansión e polo visual que resulta. O seu síntoma máis perceptible é o cambio na parte interna das pólas, aparecendo manchas vermellas nas cepas tintas e amarelas nas cepas brancas. E pode provocar a a morte súbita da planta nos meses de verán.

A esca e a eutipiosis son as doenzas fúnxicas máis habituais en viñedos adultos en todo o mundo

E destaca tamén a Eutipiosis, causada principalmente polo fungo Eutypa lata. Aparece xeralmente en plantacións de máis de 8 anos. As videiras presentan brotes raquíticos, de folla moi pequena, cloróticas (verde pálido) e con necroses marxinais cando a afectación é alta. E os acios sofren corremento, é decir, caen antes de se desenvolver.

Máis alá deses tres fungos estendidos, hai milleiros máis en cada zona vitícola. Outro principio claro é que non hai ningunha madeira resistente por si mesma aos fungos. Pode haber algún xenotipo máis ou menos tolerante a certos patóxenos, pero non plenamente resistente.

Os síntomas da esca son fácilmente recoñecibles nos brazos da videira

Os síntomas da esca son fácilmente recoñecibles nos brazos da videira

Tamén hai que ter en conta que os fungos poden desenvolverse en viveiro e en viñedo e que moitos teñen fases latentes que non permiten detectalos. E é fundamental ser conscientes de que non hai tratamentos curativos plenamente eficaces. O único que funciona é o control preventivo.

Causas e perdas

Gramaje ofreceu cifras para ilustrar as perdas económicas que causan as EFMV. Por exemplo, en Australia estímase que o 47% da caste syrah está afectada pola eutipiosis, cun impacto de 2.800 dólares australianos (1.026 euros) por hectárea. E en California, as perdas por eutipiosis e botryosphaeria supoñen 260 millóns de dólares (223 millóns de euros). En Francia a esca dana o 12% dos viñedos, implicando un gasto superior ao millón de euros só en tentar freala.

Aínda que as EFMV levan séculos presentes, nos últimos tempos a súa incidencia aumentou exponencialmente en practicamente todo o mundo. Unha das causas está no boom de plantacións que se produciu dende os anos 90 do pasado século.

A loita contra as EFMV sempre supón un gasto en prevención, pero será máis caro intervenir cando os fungos xa teñan actuado

“Daquela comercializouse dende os viveiros moito material vexetal. Algún de primeira calidade pero boa parte tamén de segunda e de terceira. Agora esas plantas que superan os 30 anos xa están a amosar os efectos das EFMV.”

Outra das causas do auxe destas enfermidades estaría nos cambios nos métodos de produción. Ao pasar a producir en espaldeira e aumentar a densidade de videiras por hectárea, tamén hai máis cantidade de madeira na viña e máis posibilidades de contaxio.

Malia as prácticas de prevención, as EFMV seguen causando enormes perdas económicas todos os anos

Malia as prácticas de prevención, as EFMV seguen causando enormes perdas económicas todos os anos

E en terceiro lugar influíu a prohibición en moitas zonas de utilizar determinados funxicidas. “Foi o caso do arsenito sódico, os funxicidas bencimidazoles ou o bromuro de metilo. Todos eles axudaban a manter as videiras en bo estado sanitario, se ben causaban problemas medioambientais.”

Todo esto levou a que xa se identificasen nas rexións vitícolas ata 135 especies de fungos que poden causar EFMV e 35 xéneros de patóxenos asociados a elas. Por contraste, no 1980 en España só estaba certificada a presenza da esca e da eutipiosis.

A prohibición dos funxicidas químicos máis eficaces dificulta a prevención pero axuda a coidar a contorna dos viñedos

Os fungos poden estar presentes nos solos e atacar as plantas dende a raíz, poden chegar polo aire e entrar na videira a través das feridas de poda e hainos capaces de colonizar o material xenético presente nos viveiros de videira.

Sistema integrado de prevención

Así pois, para frear o impacto das EFMV, cómpre actuar en todas as fases da vida útil da videira, nun sistema de manexo integrado. Empezando polos viveiros, seguindo polo viñedo novo e acabando no viñedo adulto. De nada serve unha boa xenética ou un bo estado fitosanitario sen unha estratexia de control preventivo das EFMV.”

No viveiro o proceso de propagación pódese dar xa na fase de creación da planta-enxerto. Ou nas feridas de poda das plantas novas, no desxemado ou na realización de enxertos. A cuestión é que no viveiro é moi difícil detectar a presenza das EFMV porque as plantas poden presentar unha apariencia óptima e estar contaminadas. Unhas infeccións aeróbicas e anaeróbicas que non sempre se sabe como se producen.

A alta densidade de videiras por hectárea é un factor que axuda á propagación das EFMV

A alta densidade de videiras por hectárea é un factor que axuda á propagación das EFMV

Para evitar infeccións nos viveiros pódese recorrer a produtos químicos de síntese. Pero ningún deles é totalmente eficaz. Os que realmente funcionaban xa non están autorizados na UE. Por eso, o máis recomendable é utilizar técnicas de control biolóxico.

Unha norma básica na prevención consiste en ter en conta que boa parte das EFMV son moi difíciles de detectar ata que se manifestan

“O control biolóxico emprega organismos vivos que compiten cos fungos polo espazo e os nutrientes. Son organismos que medran moito e moi rápido. Tamén se pode acudir á produción de metabolitos e ao micoparasitismo.”

Curiosamente, un dos organismos que mellor funciona para frear os fungos nocivos para a madeira de videira é precisamente un fungo: o trichoderma. Ensaios realizados en España e Italia demostraron a efectividade de inocular a cepa SC1 nas plantas de Viveiro, xa que se adaptan rapidamente, non dana a planta e espállanse con rapidez. “Tamén é útil a cepa PTA-271 da bacteria bacillus subtilis. Pero hoxe non está dispoñible comercialmente.”

A termoterapia con auga quente é outra medida de prevención. A que máis se emprega hoxe na UE. Consiste en hidratar a planta de viveiro durante unha hora, mergullala en auga quente a entre 50 e 53 ºC durante 30 minutos e volvela hidratar outra media hora. Ao cabo de 24 horas hai que plantala inmediatamente no que vai ser o terreo definitivo.

O problema da termoterapia é que pode afectar á viabilidade dalgunhas plantas. Por exemplo a caste pinot noir pode resultar moi afectada mentres que na cabernet apenas ten impacto negativo. Ademais das castes, a eficacia dependerá do material empregado na inmersión e do clima da zona onde se traballe. E tampouco está probado que sexa totalmente eficaz na eliminación de fungos causantes de EFMV.

Os axentes de control biolóxico son principalmente bacterias e fungos. Pero xa se avanzou con levaduras, plantas crucíferas e oomicetos

No caso de Galicia, o CSIC e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia aplicaron tratamentos de termoterapia a 53 ºC en plantas de viveiro de 9 castes autóctonas galegas e obtivéronse uns resultados de viabilidade de entre o 90 e o 100%.

A combinación de termoterapia coa inoculación da cepa SC1 de trichoderma si que ofreceu uns resultados de alta eficacia na contención de patóxenos causantes das EFMV en material vexetal dos viveiros, segundo arroxan diferentes estudos nos que participou Gramaje.

Outra fase de prevención está nos campos de viveiro. O proceso no que a planta enraíza e comeza a formar a súa parte aérea. Nesta fase é moi común a aparición de fungos asociados ao pé negro. E é que son capaces de producir estruturas que lles permiten vivir moito tempo en ausencia de hospedante.

A biofumigación con axentes de control biolóxico é unha medida efectiva en viñedo adulto

A biofumigación con axentes de control biolóxico é unha medida efectiva en viñedo adulto

Ao non poder usar químicos, o máis eficaz e sustentable é a fumigación con plantas crucíferas. Unha das máis empregadas é a mostaza. As crucíferas acumulan en todos os seus tecidos glucosinolatos, un grupo de sustancias que, ao seren liberadas se volven bioactivas e poden ser tóxicas para diferentes organismos presentes no solo.

Investigacións realizadas en España, Nova Zelanda e Canadá demostraron que a aplicación de biofumigación con mostaza reduce ata no 50% a aparición de fungos asociados á transmisión do pé negro.

O que se fai é preparar o terreo para plantar en outono as crucíferas. Na primavera procédese ao seu picado e esparexemento e cúbrese o solo con plástico negro. Durante un mes mantense cuberto e regada a superficie e logo libérase para que termine de exercer todo o seu efecto biocida.

Os tratamentos na pre-plantación constitúen a segunda fase preventiva. Tamén neste caso o control biolóxico é a mellor ferramenta. E tamén co uso de fungos, bacterias e mesmo oomicetos. Pódense esparexer directamente sobre a planta-enxerto ou mergullar esta nos produtos preventivos preparados.

“Hai que ter claro que un só axente de control biolóxico non vai funcionar. Teremos que empregar combinacións de varios deses elementos. Sobre todo para combater o pé negro e a enfermidade de Petri. Pero hai que saber que estes produtos son máis caros que os funxicidas de síntese, e aínda máis cando hai que combinar varios. Eso soe retraer os viticultores.”

Os solos son espazos cheos de microorganismos que interactúan de milleiros de formas diferentes. Por eso é necesario empregar doses de recordo dos axentes de control empregado. E eso volve encarecer as medidas de prevención nesta fase.

Os traballos de investigación de Gramaje amosaron que a cepa SC1 de trichoderma funciona ben en solos arxilosos pero perde eficacia nos areosos. E, coa cepa PTA-271 da bacteria bacillus subtilis sucede o contrario. Polo tanto, a eficacia destes e outros axentes dependerá do tipo de solo.

A estratexia preventiva ten a súa terceira fase nos viñedos xóvenes. “Un paso agronómico fundamental é evitar calquera tipo de estrés nas plantas nos primeiros anos de vida. Hai que moderar a velocidade de formación e atrasar a entrada en produción.”

A termoterapia con mergullo a 53 ºC con castes autóctonas galegas amosou uns resultados óptimos de desinfección

Convén evitar que haxa produción nos tres primeiros anos de vida e demorar a chegada ao rendemento máximo ata os 8 ou 10 anos, dependendo da caste de uva e do portaenxerto. E é que calquera planta estresada vai ser máis susceptible á acción dos patóxenos, non só dos que causan as EFMV.

Gramaje explicou graficamente o ciclo dos fungos nas viñas en produción

Gramaje explicou graficamente o ciclo dos fungos nas viñas en produción

Fortalecer o sistema radicular, rebaixar a dúas xemas o pámpano mellor situado, que o toro e os brazos teñan unha boa formación e, finalmente, deixar os pulgares nos brazos e aumentar paulatinamente a capacidade de carga. Todos estes pasos hainos que seguir en función da aparición das catro primeiras follas.

O estrés hídrico tamén hai que evitalo, sempre que o cambio climático o permita. Non está demostrado que un maior estrés hídrico supoña unha maior aparición de fungos causantes de EFMV. O que se comprobou é que a escaseza de auga e humidade favorece a aparición de esca e enfermidade de Petri no sistema vascular da videira. E que a abundancia de auga axuda a que se desenvolva o pé negro na raíz e a rizosfera.

Viñedos adultos e poda

A cuarta fase de prevención está na sanidade dos viñedos adultos. Un paso principal é a eliminación dos restos de poda. Nos restos poden permanecer fungos que, mediante o efecto do aire, dos insectos ou da chuvia acaban volvendo ás videiras a través das propias feridas que deixa a poda. E é que a persistencia dos fungos na madeira cortada chega a ser de meses.

Os métodos de eliminación dos restos de poda son variados. Un dos máis eficaces é a queima, se ben non está autorizada en todas as rexións vitícolas. “Outra opción é trituralos, pero o tamaño microscópicco das esporas dos fungos implica que poden permanecer no triturado; e aínda sería máis perigoso se ese triturado se emprega como abono ou para mulching. A estratexia máis sustentable pero tamén máis cara sería compostar os restos de poda. Está demostrado que o seu uso reduce nun 100% a incidencia dos fungos da madeira de videira.”

A queima dos restos de poda e madeira danada é o método máis efectivo. Pero non en todas as zonas está autorizado

E, por suposto, a propia poda vai condicionar a aparición ou non de EFMV. Como principios
básicos recoméndase nunca podar antes ou despois de que chova, realizar os cortes en bisel, cortar alonxados do punto de inserción das xemas e deixando madeira de protección e reducir no posible o tamaño e número de cortes.

As feridas de poda son fonte de entrada de fungos patóxenos tanto en campos de plantas nai como en viñedo establecido. A protección dos cortes mediante pastas e resinas que combinen diferentes axentes de control biolóxico -principalmente SC1 trichoderma- é unha práctica habitual. En España está permitido o uso en feridas dunha mestura de piraclostrobin (0,5%) e boscalida (1%) aínda que son produtos químicos.

Na poda hai que reducir o número e tamaño de cortes para deixar a menor superficie exposta

Na poda hai que reducir o número e tamaño de cortes para deixar exposta a menor superficie 

A mellor opción é aplicar os medios de control biolóxico inmediatamente despois de realizar a poda. Así, os axentes biolóxicos comezaran a competir dende o primeiro momento cos patóxenos, que están presentes na madeira e no ambiente.

Os métodos de control biolóxico serán máis efectivos canto antes se proceda coa súa aplicación

Por contra, os medios químicos son máis flexibles. Os autorizados en España obteñen a mesma eficacia se se aplican ao día seguinte de podar ca se se aplican seis días despois da poda. Un factor a ter en conta, dada a escaseza de tempo e man de obra que hai habitualmente no viñedo.

Dado que a efectividade dos axentes biolóxicos dependerá da xenética da videira e das condicións climáticas e ambientais, recoméndase recoller toda a información dispoñible sobre os produtos que hai no mercado e os estudos realizados de efectividade antes de mercalos e aplicalos. Para que o viticultor dispoña do que máis resultado pode dar.

Máis alá da prevención, hai unha estratexia que pode resultar curativa ante a eutipiosis e a botryosphaeria: a renovación da cepa. Funciona ben en plantas con afección localizada en brazos e pulgares. Consiste en ir eliminando as partes afectadas ata chegar á madeira sana. Logo cúbrense os cortes cunha pasta ou unha resina e despois téntase renovar a planta co brote basal.

É unha estratexia que resulta cara e require de moito traballo. E tampouco resulta 100% eficaz. Recórrese a ela para protexer viñedos de alto valor ou que teñen unha importancia especial para o viticultor.

Conclusións

– Hai múltiples factores que inflúen na aparición das EFMV e na maioría dos casos están correlacionados

– A xestión das EFMV precisa dun enfoque holístico. Non só se pode actuar dende o punto de vista fitopatolóxico. Hai que ter en conta factores ambientais, xenéticos, climáticos…

– Na parte agronómica hai que traballar no coidado da planta nova logo de ser introducida no viñedo

– Convén afondar en novas prácticas culturais como o control biolóxico e os sistemas de condución dos fluxos de savia

– Ademais de fungos e bacterias, as levaduras e os oomicetos son tamén axentes de control biolóxico de eficacia contrastada

– No futuro aumentará o emprego de nanomateriais na protección fronte a EFMV. Xa se están a empregar nanotransportadores para liberación de compostos en planta de viveiros

– A prevención ten que completarse con outras prácticas como o uso de bioestimulantes, fertilizantes foliares ou compostos naturais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información