Achégase a época de plantar os castiñeiros e realizar podas, pero precísase ter en conta diversos factores para conseguir que teñan unha boa produción. Manuel Míguez, xerente de Viveiros Refoxos, explicou recentemente no III Foro da Castaña, organizado pola Deputación de Ourense, cales son os factores máis importantes a ter en conta para conseguir unha boa plantación, tamén indica algunhas pautas a seguir na poda e aborda as diferencias entre castiñeiros híbridos e enxertados.
O primeiro e máis importante para unha boa plantación é dispor dun terreo que acompañe: Un solo que sexa sensiblemente acedo en canto a pH, fresco, profundo e con capacidade de drenaxe. “O pH é fácil atopalo en moitas zonas en Galicia, tamén en zonas da Península Ibérica, como o Norte de España e Portugal. No caso de altas choivas, hai que evitar que esa auga se quede estancada xa que pode ser un cultivo para os fungos”, explica.
Logo tamén hai que focalizarse na selección do material, valorando cal variedade ou clon híbrido se vai adaptar mellor ao terreo dispoñible e a qué mercado se vai a dedicar a produción (castañas ou madeira). Así, dentro dos híbridos e dos enxertados “hai variedades que se axustan mellor ao que buscamos”.
O seguinte paso sería definir o marco de plantación, xa que non é o mesmo un marco de plantación para madeira, “moito máis denso”, que para froito, “no que precisamos unha copa ampla para aumentar a súa produtividade”.
A climatoloxía da zona na que se vai facer a plantación tamén é un factor a ter en conta. Actualmente, hai períodos estivais longos e secos, por iso é preciso estudar a posibilidade de aplicar regadío e facer un control de malas herbas na zona onde se vai facer a plantación. “Son todos factores encamiñados a que a produtividade da nosa plantación sexa óptima”, destaca o xerente de Viveiros Refoxos.
As podas nas árbores novas débense facer en pleno verán, mentres que nas árbores adultas durante o inverno
Coñecer a planta para realizar as podas
Outro dos factores a ter en conta son as podas a realizar. Para este experto nos castiñeiros hai que poñer o foco nas mellores épocas para facer as podas. Por unha banda, cando unha planta é nova, as podas débense facer nos meses de verán (xullo e agosto). “Debemos prever certos fungos, como pode ser o chancro”, subliña Míguez. Así, indica que os cortes non son moi agresivos, xa que a planta aínda non é moi grande, e “van a cicatrizar moi ben”.
Nas plantas máis novas, é preciso deixalas que os dous primeiros anos se desenvolvan ao seu ritmo e xeito antes de comezar a darlles forma, “así a poda será moi intuitiva cando chegue o momento”. Cando a planta teña máis de dous ou tres anos xa vai a empezar a formar unha copa , así faise sinxelo perfilala. No caso de buscar froito, intentarase formar unha copa o máis ampla e globosa posible, intentarase quitarlle ese crecemento vertical e buscar máis o crecemento horizontal. Na madeira tamén se deberá empezar pouco a pouco a limpar para buscar un fuste recto.
Por outra banda, cando a planta é adulta, débese facer en pleno inverno, cando o zume está parado”. Deste xeito, na seguinte brotación de primavera, collerá a estrutura en función da poda que se levou a cabo e que lle interesa ás persoas propietarias. Ademais, tamén se evitan os fungos, “que teñen máis presencia en outono e primavera”.
Ademais de coñecer en que momento se deben facer as podas, hai que ter en conta diversos aspectos para que sexa efectiva. “O importante: coñecer ben a planta e a finalidade que nós queremos obter dela, xa que non é o mesmo unha poda para madeira que para froito”, detalla e engade que “hai moita xente que se apura moito a podar e sen ter precaucións, especialmente cos fungos”.
É necesario contar cun material xenético certificado amplo que permita aos viveiros elixir os clons que se axusten aos diversos mercados
Finalmente, é fundamental o tema da desinfección do material, como as tesoiras ou serróns. “Nós sempre recomendamos a aplicación de algún funxicida a nivel preventivo, así como incluír algunha pasta cicatrizante xa que o zume en inverno está parado e as feridas dos cortes estarán abertas moito tempo. Deste xeito, axudámoslles a pechar”, describe.
Plantas de calidade
O xerente de Viveiros Refoxos puntualiza que grazas á riqueza xenético-sanitaria “podemos intentar adaptarnos ás diferentes tipoloxías de clientes que existen”. Para logralo, cóntase con materiais moi diversos coma clons híbridos ou variedades enxertadas, enfocadas a producións máis tardías, producións máis temperás, de calibre grande, pequeno… “Como os mercados son moi diversos a nivel local, rexional, nacional e europeo, ter opcións que nos permitan satisfacer a nivel de viveiro todos eses mercados posibles é moi relevante”.
Nese amplo catálogo, ofrecer plantas de calidade é fundamental. Para iso, segundo Míguez, ten unha labor importante a propia Administración, “que pasa pola transferencia do material”. Considera necesario contar cun material xenético certificado amplo que permita aos viveiros elixir os clons que se axusten aos perfís de clientes e aos diversos mercados.
A finalidade é conseguir unha planta sa, exenta de calquera enfermidade, “é para iso, son precisos os tratamentos preventivos e un control de calidade continuo”. Tamén hai que vixiar as podas, evitando que cheguen ao mercado sen feridas dos cortes. Así mesmo, outro aspecto a ter en conta para unha planta de calidade é o equilibrio na estrutura talo-raíz. “Se valoramos todos estes factores conseguimos a nivel morfolóxico unha planta adecuada e así podemos asegurarlles unha garantía á nosa clientela”, resalta.
O clon híbrido 90.044 destaca por xuntar produtividade e garantía sanitaria
Castiñeiro hibrido ou enxertado?
Ante a dúbida de se é mellor un castiñeiro híbrido ou enxertado, Míguez teno claro: “depende moito do mercado o que queiras chegar”. Aclara que non se trata de discriminar un en favor do outro e apunta que en Galicia hai certificados clons híbridos e variedades enxertadas “moi boas e interesantes para satisfacer a un amplo mercado”.
Aínda así, destaca que un dos máis vendidos no seu viveiro é o clon híbrido 90.044, que resalta por ser moi completo xa que xunta a produtividade e a garantía sanitaria, sendo inmune á avespiña do castiñeiro. Ademais, puntualiza que os híbridos teñen maior capacidade a nivel produtivo en viveiro, posto que as variedades enxertadas “teñen outros tempos e técnicas de produción”. Tamén son polivalentes, é dicir, en función de como se realice a poda, pódense destinar a produción de madeira ou froito, “porque son vigorosos e produtivos”.
No caso das variedades enxertadas, destacan por ser apreciadas a nivel de sabor e moi productivas, como a Bouche de Bétizac, aínda que as variedades máis tradicionais presentan certos inconvenientes como a maior sensibilidade a patóxenos como a avespiña do castiñeiro. Outro factor é que a súa produción é algo máis tardía que algúns clons híbridos.
En Viveiros Refoxos destacan as vendas do clon híbrido 90.044; en castaños enxertados Bouche de Bétizac e no que son as variedades tradicionais enxertadas de Galicia, as clásicas Longal, Xudía, Negral ou Parede, “que son moi apreciadas a nivel de sabor”.