Claves para realizar un bo manexo do apiario no inverno e o comezo da primavera

O apicultor e experto criador de raíñas francés Gilles Fert ofreceu na Feira Internacional de Apicultura de Lalín (Pontevedra) algunhas recomendacións de prácticas coas que ter colmeas fortes para o comezo da temporada

Claves para realizar un bo manexo do apiario no inverno e o comezo da primavera

O apicultor e experto criador de raíñas, Gilles Fert durante unha das súas intervencións na Feira Internacional de Apicultura de Lalín.

O coidado que se fai das colmeas durante o inverno e o comezo da primavera pode resultar vital para a evolución desta durante a tempada, tanto sexa para a produción de mel coma doutros produtos da colmea e mesmo para a propia supervivencia da colmea. O francés Gilles Fert, un experimentado apicultor especializado na cría de raíñas, que participou na segunda edición da Feira Internacional de Apicultura de Lalín (Pontevedra) celebrada a finais de xaneiro, comparte un decálogo de factores ós que prestar atención tanto nos meses do inverno coma nas primeiras revisións da primavera.

1_ Manter controlado o alimento dispoñible na colmea

Para Gilles Fert é fundamental deixar a colmea con reservas abondo para pasar o inverno. “Ó remate da tempada apícola hai que deixarlle ás abellas suficiente mel e polen para que poidan pasar o inverno e complementalo con outros alimentos como o azucre”, apunta o apicultor.

Durante o outono e o inverno e co obxectivo de que a colmea non pase fame, o que pode provocar que chegue a morrer, Fert apunta que se poden empregar alimentos sólidos para complementar as reservas de mel e polen que se lle deixaron trala cata. Mentres, o aporte líquido, a base de agua e azucre é para estimular a cría. Ademais, o apicultor non adoita mesturar proteínas no alimento líquido para evitar o risco de fermentación.

Emprego de básculas

Para manter controladas as reservas de alimento das colmeas, no seu apiario Fert dispón de básculas electrónicas que lle permiten coñecer a distancia as variacións de peso da colmea, o que lle alerta sobre a necesidade de proporcionarlle máis alimento ou de colocar alzas cando comezan a xuntar mel.

2_ Protexer as colmeas do frío

Fert presta especial coidado a manter ben illadas as colmeas para protexelas en especial do frío do inverno, aínda que algunhas destas proteccións tamén lles permiten mitigar a calor no verán. Así, no outono o apicultor opta por colocar chapas illantes no interior daquelas colmeas con menor número de abellas, de xeito que se reduce o espazo nos meses máis fríos. “Unha colmea que ten 5 ou máis cadros baleiros, vai gastar moito alimento para manter a temperatura no interior”, apunta. Por iso, emprega particións para reducir o volume.

Arredor dun 60% do calor pérdese polo teito da colmea por iso é importante que teña un bo illante nesta parte

“Cómpre ter en conta tamén o teito, xa que arredor dun 60% do calor pérdese polo teito da colmea”, explica. Por iso, emprega teitos recubertos na parte interna con material illante, que lle permite reter o calor no inverno e tamén lle serve no verán contra as altas temperaturas. Deste xeito logra reducir os esforzos das abellas para mitigar as variacións térmicas.

A retirada destes elementos illantes colocados no interior da colmea, realízao xa nos meses de febreiro e marzo, posto que tamén comeza nesta época co trasfego dos núcleos ás colmeas. Só deixa os illantes situados nos teitos, xa que lle permiten mitigar tamén o calor no verán.

3_ Estimular a cría

Fert, que está especializado na cría de raíñas, tamén adoita realizar prácticas para fomentar a extensión da cría na colmea. Para logralo, nos seus apiarios procede a romper algunha cría operculada e ó mesmo tempo proporciónalle ás abellas unha pasta proteica e xarope líquido cunha proporción igual de agua que de azucre, para que comecen a repoñer a cría.

“Este procedemento pódese realizar xa a comezos de ano, aínda que haxa baixas temperaturas, posto que as abellas, ó igual que os paxaros, detectan o crecemento dos días e estanse xa preparando para a tempada”, apunta.

4_ Control de infestación de varroa

O apicultor coincide con outros expertos en sinalar que a varroa é hoxe o maior problema das abellas, polo que é moi necesario manter unha supervisión do grao de afección desta enfermidade para actuar a tempo. “O obxectivo é ter unha taxa de menos dunha varroa por 100 abellas”, detalla.

Porén, en función da época do ano, a variación de varroa tamén se debe ter en conta para proceder a aplicar un tratamento. Así, recoméndase tratar se se detectan:

– 2 varroas por 100 abellas na primavera

– 3 varroas por 100 abellas no comezo do verán

– 10,5 varroas por 100 abellas no outono

– 3 varroas por 100 abellas despois do tratamento antivarroa que se aplica ó final da campaña.

Entre os métodos para detectar a presenza de varroa atópanse os test realizados con azucre moído ou CO2. En ambos casos captúranse abellas e logo de esparexerlle o azucre ou adormecelas co gas procédese a un reconto das varroas que se desprenden do seu corpo. Tamén se pode optar por empregar fondos sanitarios e realizar recontos das varroas que se desprenden das abellas de xeito natural nun período de 24 horas. Con este procedemento, Fert recomenda aplicar tratamento cando se localizan máis de 3 varroas.

5_ Revisar outras posibles enfermidades da colmea

Coa chegada da primavera é tempo tamén para realizar unha revisión da colmea para detectar outros posibles problemas, como a aparición de loque, considerada a segunda enfermidade máis importante para as colmeas. Se se trata de loque americana, para a que a abella negra ten certa resistencia, Fert apunta que a única solución pasa por destruír os cadros afectados para evitar o contaxio.

Mentres, se se detectan síntomas de loque europea pode ser un indicador dunha carencia de proteína na dieta das abellas, o que pode atallarse cun aporte ou coa chegada da primavera cando as abellas comecen a poder acceder a maior cantidade de proteína.

pole_abellas_2

Polen de abella.

6_ A xestión do polen

Para Fert a mellor maneira de proporcionar proteína á abellas é co pan de abella, elaborado polas abellas con polen, mel e diversas enzimas proporcionadas por elas. “O polen é o alimento fundamental para ter colmeas sas”, afirma o abelleiro. Tanto no caso da pasta proteica como o pan de abella deben colocarse próximas á cría, encima dos cadros, xa que pode que non a coman por estar lonxe desa zona.

Utiliza polen fresco para suplementar a alimentación das abellas, xa que o polen seco perde arrededor do 40% do seu valor nutritivo

Para a elaboración da pasta proteica, o abelleiro emprega polen fresco que mantén conxelado, xa que deste xeito mantéñense as propiedades deste, mentres que se o polen se seca pérdese arredor do 40% do seu valor nutritivo. Para incrementar o aporte de proteína mestura o polen con fermento de cervexa e fariña de soia. Recomenda proporcionar unha galleta proteica de entre 150 e 200 gramos por colmea.

Ademais, aposta por un polen de calidade e diverso, xa que se procede de diferentes plantas tamén lle proporciona un aporte de diferentes nutrientes á abella. “As proteínas son un alimento esencial para o sistema inmunolóxico das abellas”, sinala o abelleiro. A falta de polen provoca abellas máis pequenas e crías irregulares, chegando a producirse canibalismo sobre os machos, a cría destes ou as larvas de abellas.

7_ Dispoñer de cera de calidade

Prestar atención á cera que se lle proporciona ás colmeas, procurando que sexa de calidade, é outra das prioridades para o apicultor. A renovación da cera que se fai tanto á saída do inverno no núcleo de cría como na colocación de alzas debe facerse con cera de calidade. “Se se detectan irregularidades nos panais pode deberse a que existen restos contaminantes ou a cera é de baixa calidade”, apunta. Por iso, o abelleiro recomenda pechar o círculo da cera reciclando a cera de opérculo das colmeas propias e facer as láminas con ela.

8_ Proporcionar auga limpa

O inverno e o comezo da primavera é tamén o momento para preparar un punto de auga limpa para as abellas. Cómpre ter presente que unha colmea consume arredor duns 40 litros de auga por colleita. “Ter dispoñible un pozo de agua ó comezo da tempada contribúe a reducir a mortalidade das abellas”, apunta o experto abelleiro.

“Ter dispoñible un pozo de agua ó comezo da tempada contribúe a reducir a mortalidade das abellas”

Fert recomenda que este punto de agua estea próximo ó apiario, pero non apegado ás colmeas. En concreto, eles sitúanos a uns 60 metros de distancia e teñen comprobado que esta distancia é a que mellores resultados lles proporciona.

Adoitan colocar un bidón con auga e un dosificador, de xeito que a auga se vai renovando e evitan que outra fauna acabe por bañarse alí e destruílo. Ademais, proporciónanlle un aporte de sal nesta auga. Así, engaden 0,5 gramos de sal por cada litro de auga.

9_ Prepararse para combater a vespa velutina

Tanto no inverno coa elaboración de trampas e dispositivos, como co comezo da tempada coa colocación de trampas para capturar raíñas, tamén é preciso prepararse para tentar reducir a incidencia da vespa velutina sobre os apiarios.

10_ Procesado dos propóleos

Durante os meses de inverno Fert aproveita a baixada de actividade das colmeas para acometer outros labores como recolección dos propóleos que xa retirou da colmea a finais da tempada e que mantén conxelados para garantir a súa conservación. Así, durante o inverno proceden ó raspado dos panais de recolección. “Os propóleos teñen moita demanda en Francia”, valora o apicultor.

Nesta época tamén procede á selección das colmeas con maior produción, escollendo aquelas nas que logran arredor de 350 gramos de propóleo por colmea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información