Claves para que unha adega teña éxito na súa aposta polo enoturismo

Jorge Vila, responsable de Galicia Wine Travel, ofreceu recentemente unha conferencia sobre recomendacións para que as adegas atraian con éxito aos novos viaxeiros do viño ás súas propostas enoturísticas.

Publicidade
Visitas turísticas nun viñedo.

Visitas turísticas nun viñedo. da adega Eidos, en Sanxenxo (Pontevedra)

O enoturismo experimentou na última década un crecemento sostido nas principais rexións vitivinícolas do mundo, unha tendencia que contrasta co descenso do consumo de viño.

Neste contexto, atraer visitantes á propia adega ofrecéndolles unha experiencia positiva e memorable non só constitúe unha importante fonte de ingresos para os produtores (tanto pola venda de entradas como de viño), senón tamén unha investimento en publicidade a moi baixo custo e cun elevado retorno.

Neste sentido, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela organizou recentemente unha xornada sobre “Os retos da Denominación de Orixe Rías Baixas en Terras de Compostela: Sustentabilidade, relevo xeracional e creación de produto conxunto”, na que Jorge Vila, director da Galicia Wine Travel, ofreceu un relatorio sobre “O viñedo como experiencia: Claves para o novo viaxeiro do viño”.

Como punto de partida, subliñou que “ensinar a maquinaria dunha adega e os depósitos de aceiro inoxidable non ten sentido, porque iso é parecido en todas partes, o que fará diferente unha visita enoturística é o trato coas persoas e o viñedo, que é o que cambia”.

A este respecto, o director da Galicia Wine Travel ofreceu unhas recomendacións para que as adegas acerten coa súa proposta enoturística, adaptándose ao novo tipo de viaxeiro do viño:

1: Coñece ao teu viaxeiro

Hoxe os visitantes están máis formados e informados e buscan interpretar unha paisaxe vitícola, buscando unha experiencia auténtica. Máis que un discurso técnico sobre a complexidade da elaboración do viño o visitante desexa algo máis comprensible e que lle emocione.

2: Vender lembranzas, non viño

O viño é o fío conductor dunha experiencia única vivida. O visitante debe de sentirse acollido como se fora na súa casa.

Dende o ano 2007 hai unha tendencia decrecente no consumo de viño a nivel mundial, mentres que, paradoxalmente, o enoturismo medrou con forza no mesmo período. Unha paradoxa que se entende porque o visitante o que busca é vivir o viño, busca unha experiencia. Para as adegas isto supón unha importante oportunidade de negocio, xa que as vendas directas aportan moita máis marxe que outras canles de comercialización, chegando nalgúns casos a supor ata o 50% das súas vendas de viño, como nas adegas do Val de Napa, en California.

3: O importante é o viñedo, non a adega.

Debemos amosarlle ao visitante o importante esforzo humano que hai detrás do viñedo.

4: Debemos contar historias, non realizar descripcións xeográficas.

O visitante co que conecta é con historias humanas, familiares, vinculadas á adega e ao viñedo. Trasmitir todo o esforzo e anécdotas que hai detrás, os protagonistas do proxecto, para que sexa historia viva, e non só se perciba como un mero negocio. A experiencia humana é fundamental.

5: Adaptar a comunicación

O viaxeiro busca emocións, non unha clase de enoloxía, polo que se deben evitar os discursos excesivamente técnicos. Dos datos esquecémonos, das emocións non.

6: Non é unha visita, é un show

A visita debe ter un fío conductor, cun ritmo, anécdotas e sorpresas polo medio para manter a atención do visitante.

7: Deseñar as experiencias para os distintos públicos

Nas visitas enoturísticas debe ter cabida tamén o público infantil (zona de xogos, material para debuxar, degustación de mosto…etc) para que a experiencia sexa agradable para toda a familia.

Por outra parte, o visitante quere coñecer o dono da adega, ou como mínimo o enólogo ou elaborador.

8: Os visitantes non son clientes, son apóstolos.

Os visitantes satisfeitos son os mellores comerciais para unha adega.

9: Escolle o teu cliente:

Se se quere chegar a un cliente premium, débense ofrecer experiencias premium a prezo premium.

10: Crea o teu relato:

Pódese botar man das conexións históricas da adega e da rexión, explicar a arquitectura, a xeografía da zona, o clima, os chans e cómo todo iso se reflexa no estilo de viño que produce a adega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información