
3.300 empresas, 19.800 empregos directos e 17.000 indirectos, unha superficie forestal que abrangue máis de dous terzos do territorio e a produción de máis do 50% de toda a madeira de España. Son cifras do sector forestal galego, un motor económico que abrangue o 12% do emprego industrial galego pero que aínda ten moita marxe de crecemento e mellora.
Así o explicou Daniel Farías, de Máis Madeira, na inauguración do II Simposio Ibérico de Silvicultura. Un evento que se organizou dentro de Galiforest 2026 e no que participaron profesionais chegados de toda España e Portugal, Brasil ou Ecuador.
Máis Madeira é unha iniciativa técnica e colaborativa que promove a innovación, sustentabilidade e divulgación no sector forestal. O que fan é conectar a profesionais, empresas, institucións, centros de investigación e demais actores nos recursos da madeira. O Simposio é unha das actividades nesa liña.
A potencialidade das árbores híbridas
Teotónio Francisco de Assís, en representación da empresa Assistech Brasil, deu conta dos resultados que se están a acadar no seu país mediante o emprego de variedades híbridas de eucalipto. Especialmente no relativo á sanidade das árbores, logo das perdas masivas por fungos e insectos no pasado século.
“A hibridación de especies e a súa multiplicación por clonación levaron o Brasil a ser o primeiro produtor de celulosa do mundo. Sobre todo con cruzamentos nos que está presente a variedade corymbia torelliana. Son plantas que resisten moi ben as secas, que frean o crecemento da maleza aos seus pes, que aturan a acción dos ventos fortes e que amosan unha grande fortaleza fronte a pragas de fungos e insectos, tanto coñecidos como de recente aparición.”
A produtividade é outra das vantaxes de traballar coa corymbia, posto que se poden acadar ata 600 quilos de madeira por metro cúbico e cun rendemento para celulosa de ata o 55%. Sendo, ademais, unha madeira moi resistente e indicada para cubertas e carpintería exterior porque os elementos climáticos tardan en facerlle efecto.
Aínda hai moitos propietarios que consideran un sacrilexio utilizar híbridos e non se decatan que o que importa é unha madeira sa e de calidade (Teotónio Francisco, Assistech Brasil)
O especialista brasileiro destacou tamén as hibridacións que se crearon emopregando eucalipto glóbulus. “Combinado con corymbia pero tamén con maidenii, smithii, viminalis ou dunii obtivemos masas forestais de enorme calidade e rendemento -con ata 27 millóns de fibras por gramo-. E conseguimos que se transmitiran todas as características de resistencia sanitaria.”

Teotónio Francisco fixo un repaso polos logros sanitarios e produtivos obtidos no Brasil con hibridacións
Con todo, os éxitos acadados no Brasil aínda están lonxe en España e Portugal. “Ata hai pouco era un pecado falar en Europa de hibridar eucaliptos. E segue habendo moito rexeitamento. Pero temos experiencias con corymbia en Andalucía con resultados moi prometedores. O que se precisa son árbores sanas e produtivas, independentemente da súa caste ou cruzamento.”
Nutrición, fertilización e produtividade
O impacto das prácticas de nutrición e fertilización na produtividade e sustentabilidade do eucalipto foron o obxecto da intervención de Ronaldo Silveira, da empresa RR Agroflorestal Brasil. “As doses de nutrientes virán determinadas polo potencial produtivo do solo. E a ese potencial teremos que adecuar a caste elexida e a densidade de árbores por hectárea.”, dixo.
O técnico sinalou que a produtividade -que debe ser o obxectivo último do propietario forestal- estará en función da xenética, a nutrición e fertilización, a sanidade e a silvicultura. “O Incremento Medio Anual (IMA) é un parámetro que debemos controlar en todo momento. No IMA será crucial a capa freática, xa que canto máis alta estea, maior será o crecemento. Haina que coñecer antes de afrontar a plantación.”
Galicia e a cornixa cantábrica contan coa vantaxe de necesitar poucos nutrientes no chan para producir cada m³ de madeira (Ronaldo Silveira, (RR Agroflorestal Brasil)
Silveira destacou a capacidade que hai en Galicia, e en toda a cornixa cantábrica, para a produción de eucalipto. “Con solos pouco ricos en nutrientes conséguese producir un metro cúbico de madeira con moitos menos deses nutrientes, se o comparamos co resto da península. É decir, non é precisa unha aportación excesiva de fósforo, potasio ou nitróxeno para obter moita madeira e de calidade.”

Determinar a capa freática é fundamental na elección de variedades e o seu abonado, segundo Ronaldo Silveira
As fases iniciais son claves para que unha plantación teña éxito. “Ata o de agora facíanse avaliacións ao cabo dun ano para comprobar a evolución. Hoxe, no primeiro mes xa podemos saber se o manexo é o adecuado e que é o que hai que corrixir. Algo tan sinxelo como medir a cantidade de follas respecto da masa total xa é un indicador óptimo e fiable.”
Adaptación das plantas ás parcelas
Federico Ruiz, de ENCE Terra, deu conta das accións que a súa empresa está a realizar en canto a produción de sementes e de clons e os traballos que realizan nas súas instalacións de Navia, Huelva, Torrelavega e Fiigueirido (Pontevedra). Un labor xenético intenso e centrado nas variedades glóbulus e nitens, as máis abondosas en España.
“A día de hoxe operamos con 19 variedades de clons e sementes. Poden parecer moitas, pero aínda poderían ser máis, xa que o noso obxectivo é obter a perfección xenética. E co engadido de que tanto o clima como os propios solos están nun proceso de cambio.”
Ruiz explicou que traballan cun horizonte de 15-30 anos no que se contempla nas zonas de eucaliptais unha suba das temperaturas medias de ata 2ºC e un aumento dos episodios de calor e seca extremos. E tamén dun incremento da presenza de gases de efecto invernadoiro e dunha redución de ata 300 mm anuais das precipitacións medias.
En cada investigación e proxecto traballamos tendo en conta os cambios climáticos nos próximos 15-30 anos (Federico Ruiz, ENCE Terra)
“Dentro do nitens, estamos a analizar o comportamento das variedades Nova Gales e Victoria, obtendo mellores resultados coa primeira. Unha das maiores preocupacións é a capacidade de resistencia ao fungo teratosphaeria (coñecido popularmente como micosfarela), que está a causar problemas de rendemento en todo o mundo.”

ENCE Terra experimenta con clons e sementes nas zonas de eucaliptal máis axeitadas
Como aspectos positivos, o técnico citou as innovacións que permiten dispoñer de ferramentas de análise e predición meteorolóxica altamente avanzadas. E a posibilidade de que o cultivo de eucalipto glóbulus poida ser posible en alturas sobre o nivel do mar que ata o de agora o facían inviable, por ser pouco resistente a frío e neve.
O cambio climático permitirá que o eucalipto globulus se poida plantar en zonas nas que ata agora non era apto. O nitens, ao contrario, está a sufrir nas zonas más cálidas nas que se viña plantando
Max Verde
En representación de Viveiros Mañente, Santiago Rodal explicou os bos resultados obtidos ata o de agora en diferentes eucaliptais de A Coruña e Lugo co emprego do Max Verde, unha variedade de nitens que desenvolveron no viveiro. Para comprobar a súa resistencia e rendemento fronte a factores climáticos e sanitarios, fixeron probas en 14 parcelas de ensaio de moi diferentes características edáficas e climáticas.
O nitens, dixo Rodal, supón o 60% da madeira que se produce en Galicia e o 30% da que se produce en España. “Por eso consideramos de interese desenvolver mediante mellora xenética unha caste que puidera manter esa produtividade, inpendentemente da acción dos fungos micosfarela e teratosphaeria e doutros factores que están a afectar negativamente.”
Coa variedade Max Verde conseguimos desenvolver unha árbore máis resistente e de maior rendemento madereiro (Santiago Rodal, Viveiros Mañente)
Un dos principais efectos que se conseguiron co Max Verde foi o de reducir a defoliación que si afectaba a outras variedades de nitens e que comprometía o crecemento e a produtividade. “Con esta variedade obtemos un 300% máis de rendibilidade na plantación, un 50% máis de madeira, un 26% máis de altura e incrementamos o diámetro das árbores nun 21%.”

En Viveiro Mañente xa producen a escala o Max Verde, con óptimos rendementos
Para os traballos de campo e os estudos aparellados ao desenvolvemento do Max Verde, en Viveiros Mañente contrataron os servizos independentes da empresa Xesforest para obter os datos máis fiables e concretos posible na medición de resultados comparativos.
Debate
Os ponentes desta primeira xornada pechárona cunha mesa redonda na que se puxeron enriba da mesa os desafíos do sector, as claves sobre as que xirará o futuro e os traballos e investigacións realizados nos últimos anos.
Todos eles coincidiron en que non hai que desbotar as experiencias previas, pero é necesario adiantarse ao que traia o futuro en todos os elos do sector. Para eso, é necesario un diálogo constante cos propietarios de montes para que coñezan todas as posibilidades que existen en canto a tecnoloxía e xenética.
A análises de solos e terreos previa á plantación é primordial para todos eles. Nutrición e xenética teñen que ir da man, sinalaron, de xeito que elixamos o clon ou semente mais acaído para cada terreo e detectemos as necesidades que ten ese solo e como satisfacelas.

Os participantes coincidiron na necesidade de profesionalizar o sector e difundir todas as investigacións dispoñibles
Tamén se falou do risco que supón o monocultivo. Nesa liña, sinalaron que é mellor pasar traballos elexindo a variedade apta para cada parcela que destinar comarcas enteiras a unha soa especie. “Estamos vendo o que pasa na Fonsagrada co piñeiro radiata. Un problema sanitario pode deixar territorios enteiros sen alternativas forestais viables se non hai diversidade.”
Afondar na silvicultura e corrixir defectos do pasado son outras tarefas pendentes. “Agora estamos vendo que hai problemas sanitarios por causa de plantacións de glóbulus ou de nitens que se fixeron en terreos onde non correspondían. De non terse feito, agora non habería eses problemas.”
Finalmente, todos os participantes nos relatorios fixeron un chamamento a que propietarios, técnicos, empresas e administracións aproveiten as novas ferramentas dixitais para que se poida obter todo o potencial madereiro que ofrecen os montes.
Silvicultura activa e resiliente
Arantza Pérez Oleaga, directora forestal da Asociación Española do Sector do Papel e o Cartón (ASPAPEL) falou do contexto en que se atopa o sector forestal por mor dos cambios xeoestratéxicos e climáticos e pola aceleración nos avances tecnolóxicos. Un contexto cambiante que obriga a unha maior profesionalización.

A representante de ASPAPEL fixo un chamamento ao diálogo constante entre todos os actores do sector
“A Axenda Verde levou a unha intensa lexislación por parte de todas as administracións e todos os departamentos para regular as actividades e aproveitamentos no monte. Era algo necesario pero quizais foi excesivo. Agora afrouxou a presión normativa e estase a velar máis pola competitividade das empresas e porque teñamos uns montes resilientes”, dixo.
As regulacións que se fagan sobre o sector forestal non poden perder de vista a necesidade de seguir abrindo e abastecendo mercados (Arantza Pérez, ASPAPEL)
Pérez Oleaga lembrou que España é o terceiro país de Europa en superficie forestal e está entre os primeiros 25 do mundo, cun 56% do seu territorio e 19 millóns de hectáreas. “O problema é que só o 30% desa superficie conta cun plan específico de xestión, fronte ao 94% que temos de media na UE. E ter tan só 17.000 persoas traballando en silvicultura e aproveitamento madereiro é unha cifra moi baixa. Temos que facernos máis atractivos para a man de obra.”
A técnico sinalou que o obxectivo debe ser abrir novos mercados e axilizar o funcionamento das empresas e as administracións. “Ten que dixitalizarse o sector. E buscar novos marcos fiscais. A colaboración público/privada ten que desenvolverse máis a fondo e necesitamos unha mellor política de comunicación e divulgación. Só así teremos un sector dinámico e unha silvicultura resiliente.”
Galego









Control OJD