Claves para previr accidentes coa motoserra

Claves para previr accidentes coa motoserra

Unha parte importante dos accidentes graves e mortais no sector forestal en Galicia débense ao uso da motoserra. Esta máquina, presente en boa parte dos fogares do rural galego, emprégase principalmente en traballos forestais, aínda que tamén se utiliza noutros traballos como o de xardinería. Úsase, entre outras actividades, para a corta polo pé, a derrama, a tronza e a poda de árbores.

Neste sentido, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), ten a disposición do sector unha folla informativa con medidas de prevención.

Principais riscos e medidas preventivas:

a) Rebote: 

Empinamento ou rexeitamento brusco cara a atrás ou cara a arriba da motoserra, sen posibilidade de control. Esta situación pode darse cando o cuarto superior da punta da espada tropeza ou roza cun obxecto duro como un nó, unha rama etc.

Como medidas preventivas aconséllase:

– Empregar os equipos de protección individual axeitados.

– Usar unha motoserra que dispoña de sistema de protección antirrebote.

– Traballar coa cadea de seguridade correctamente afiada e tensada.

– Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans.

– Cortar coa parte da cadea en retroceso ou coa parte inferior da espada.

– Evitar traballar coa parte superior da punta da espada e, de ser necesario, evitar o traballo co cuarto superior da punta.

– Extremar as precaucións ao introducir a espada nun corte xa comezado.

– Extremar as precaucións cando exista risco de cambio na posición do tronco ou de peches de fendeduras do corte.

– Afastar os obxectos que poidan ser rozados pola punta da espada.

– Colocar o polgar arredor da asa dianteira.

– Serrar unicamente con plena aceleración do motor.

b) Retroceso: 

Movemento brusco da máquina cando se traballa coa parte da cadea en avance e cando esta se traba ou sofre algún freo brusco.

Aconséllase:

– Empregar os equipos de protección individual axeitados.

– Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans.

– Cortar coa parte da cadea en retroceso.

– Adoptar a secuencia de cortes máis adecuada a cada situación.

c) Tiróns bruscos:

Cando se traballa coa parte da cadea en retroceso e esta se traba ou sofre un freo brusco, a máquina tende a escapar cara a diante e pode desequilibrar o traballador.

Para reducir este risco recoméndase:

– Utilizar os equipos de protección individual axeitados.

– Suxeitar sempre a máquina firmemente con ambas as mans.

d) Exceso de percorrido de corte:

Prodúcese cando se cortan dun modo brusco pólas ou matas xeralmente finas e a serra aínda accionada segue a traxectoria coa inercia do impulso orixinal, o que pode dar lugar a cortes nas pernas.

Para evitalo aconséllase:

– Empregar os equipos de protección individual axeitados.

– Adecuar a forza, a aceleración e o arco de traxectoria dos cortes a cada situación.

– Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.

e) Desvío da traxectoria de corte: 

Desvío da traxectoria da espada da motoserra ao sufrir golpes ou contactos con obxectos próximos.

Recoméndase:

– Usar os equipos de protección individual axeitados.

– Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.

– Vixiar a tensión a que están sometidos os elementos que se vaian serrar e aqueles outros alleos que poidan interferir.

f) Exceso de percorrido de corte:

Prodúcese cando se cortan dun modo brusco pólas ou matas, xeralmente finas, e a serra aínda accionada segue a traxectoria coa inercia do impulso orixinal, o que pode dar lugar a cortes nas pernas.

– Empregar os equipos de protección individual axeitados.

– Adecuar a forza, a aceleración e o arco de traxectoria dos cortes a
cada situación.

– Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.

g) Rotura da cadea:

– Non abusar da cadea de corte.

– Afiar a cadea regularmente.

– Revisar os remaches e os elos.

– Empregar sempre un calibrador para afiar os limitadores de profundidade (andarines).

h) Caídas, tropezóns e esvaróns:

Perda do equilibrio mentres a motoserra está traballando, apoiándose na propia máquina. Pode caer sobre a motoserra cando remata o corte e contactar coa cadea.

Para reducir este risco, as recomendacións son:

– Empregar os equipos de protección individual axeitados.

– Empregar motoserras dotadas de fiador de cadea que a bloquea ao desacelerar.

– Asentar firmemente os pés nunha posición segura.

– Manter o sistema de regulación da máquina sempre a punto, de tal xeito que cando a motoserra se atope en ralentí, a cadea estea sempre parada.

– Nos desprazamentos, apagar a motoserra e levala coa espada cara a atrás e coa funda da cadea posta ou, polo menos, activar o freo da cadea cando se realizan pequenos desprazamentos.

– Manter a zona de traballo o máis libre posible de obstáculos.

i) Vibracións:

– Manter en bo estado os sistemas amortecedores da motoserra.

– Empregar sempre as luvas.

– Limitar o tempo de uso e realizar descansos.

j) Cortes e golpes:

– Empregar os equipos de protección individual axeitados.

– Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans.

– En desprazamento, apagar o motor.

– Realizar os labores de mantemento da máquina parada.

– Non traballar máis dunha persoa na mesma árbore.

– Evitar rebotes, retrocesos e desvíos de traxectoria.

k) Sobreesforzos:

– Agarrar correctamente a máquina.

– Limitar o tempo de manexo ou realizar pausas.

– Manter unha boa hixiene postural.

– Empregar elementos auxiliares de axuda, no caso de que sexa necesario.

– Non manipular cargas superiores a 25 kg. Se fose imprescindible facelo, pedirlle axuda a un compañeiro.

– Non manexar a motoserra por riba dos ombreiros.

l) Queimaduras/incendios:

– Recargar sempre co motor apagado.

– Non fumar durante a recarga e manter a máquina a distancia prudencial de calquera lume.

– Evitar os derramos de combustible.

– Arrancar o motor lonxe do lugar de recarga (3 metros).

– En caso de derramo, limpar a máquina e, se é necesario, mudar a roupa.

– Dispoñer dun extintor de incendios.

m) Proxeccións:

– Usar os EPI necesarios.

– Manter a distancia de seguridade na presenza doutros operarios.

– Non manexar a motoserra por encima dos ombreiros.

n) Ruído:

– Usar protectores auditivos.

– Manter en bo estado o escape e o silenciador.

ñ) Factores biolóxicos:

– Utilizar lentes e roupa de traballo adecuada; ademais, pode ser necesario o uso de máscara en caso de alerxia ao pole.

– Evitar picaduras coa utilización de luvas e botas.

– Trasladar urxentemente a un centro hospitalario, no caso de determinadas picaduras.

o) Climatoloxía adversa:

– Hidratarse convenientemente (beber líquidos, preferentemente auga).

– Empregar roupa axeitada.

– Empregar protección solar, se fose necesario.

Recomendacións xerais de seguridade:

-O operador da máquina debe ser maior de idade, ter formación para o uso da máquina, ter información dos riscos e das medidas preventivas que debe adoptar para o labor que vai desenvolver e coñecer o contido do libro de instrucións da máquina.

-Seleccionar a máquina idónea e elixir unha espada de anchura e lonxitude óptimas para o traballo que se vai realizar (a espada será o máis curta posible, dentro da súa idoneidade de traballo).

– Comprobar a tensión da cadea antes de iniciar o traballo e, periodicamente, a intervalos regulares.

-Non traballar coa motoserra nas proximidades doutras persoas.

– Para poñer en marcha a motoserra, arrancar co freo da cadea accionado. Aconséllase colocar a motoserra no chan e situar o pé dereito sobre a empuñadura posterior e a man esquerda na anterior, mentres que se tira do arranque coa man dereita. Se non é posible colocala no chan, a empuñadura posterior suxeitarase entre ambas as pernas.

– Independentemente de que a persoa sexa destra ou zurda, collerase a empuñadura traseira coa man dereita e a dianteira coa esquerda. Nunca se traballará coa motoserra cunha man soa.

-Procurar manterse ben asentado sobre o chan durante o corte, evitar posicións inestables ou posturas forzadas e prestarlle atención a non situar ningunha parte do corpo no sector de xiro da motoserra.

-Non cortar pólas que colguen, nin quitar raíces nin estorbos coa espada da motoserra.

Descarga aquí a guía completa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sobre prevención de accidentes coa motoserra

Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información