Claves para optimizar os sistemas de rego programado

O enxeñeiro técnico agrícola Andrés Graña aporta algunhas recomendacións a ter en conta á hora de programar e automatizar o rego de cultivos. As novas tubaxes, sistemas de montaxe máis sinxelos e regadores máis versátiles son algunhas das novidades neste sector

Publicidade
Claves para optimizar os sistemas de rego programado

Optimizar os sistemas de rega pode traducirse nun aforro dos gastos de produción.

Os sistemas de rego automatizados e programados son unha das ferramentas indispensable para moitos cultivos ou para a instalación de xardíns. Representan unha inversión importante para produtores e instaladores, polo que é necesario que se tenda a optimizar ó máximo os gastos nestas instalacións. Porén, como sinalan dende o sector, un aforro inicial pode tornarse en máis gastos derivados dun mal funcionamento, que se traduce tamén en perdas de produción.

Contar cunha instalación optimizada reducirá os gastos por perdas de auga e a baixada de produción que pode derivarse dunha mala rega.

“É preferible unha inversión inicial maior e que se reduzan os problemas no rego”, indica Andrés Graña, enxeñeiro técnico agrícola

“Moitas veces non se ten en conta que é preferible unha inversión inicial maior pero que logo se reduzan os problemas no rego. Isto non só afecta ós regos dos cultivos, hai concellos que non se preocupan de enmendar as deficiencias dunha canalización deficitaria e hai casos en Galicia que están supoñendo enormes perdas de auga”, apunta o enxeñeiro técnico agrícola Andrés Graña, que organizou recentemente un taller formativo sobre os materiais e instalacións de sistemas de rego no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña), onde imparte clases.

Deseño, calidade e montaxe profesional

Para unha optimización dos sistemas de rego, Graña apunta que é preciso ter en conta tres aspectos básicos que determinarán a eficacia da instalación:

-Bo deseño. Contar cun plantexamento axeitado pode reducir en boa medida tanto os gastos de auga como da instalación.

-Materiais de calidade. Aínda que inicialmente a escolla duns materiais de calidade poida incrementar o prezo, a longo prazo a inversión pode saír máis rendible.

Os sistemas máis empregados están fabricados por diferentes tipos de plásticos e apenas existen alternativas máis sostibles

Polo momento, os sistemas máis empregados están fabricados por diferentes tipos de plásticos, xa que apenas existen alternativas máis sostibles que poidan empregarse para estes sistemas. “Aínda que alguén propoña facer encanamentos de materiais como o bambú, hai moitas limitacións como a durabilidade ou as pezas de conexión intermedias para empregalas por agora”, recoñece o enxeñeiro.

-Montaxe profesional. “Á hora da montaxe destes sistemas, contar con persoal especializado neste campo é moi importante para conseguir bos resultados”, concreta Graña. De novo, unha das principais vantaxes é que se conseguen reducir as perdas de auga se se encargan deste labor profesionais na materia.

Tubaxe-2-capas-de-polietileno-

Sistema para instalacións hidráulicas con presión, fabricado en 2 capas de polietileno PE 100 RC, resistente ao crack, libre de halóxenos, e 100% reciclable.

Novas tubaxes

Un dos elementos fundamentais nos sistemas de rego automatizados seguen a ser as tubaxes. Aínda que este é un campo no que non se produciron grandes transformacións nos últimos anos, unha das maiores innovacións afectou ó deseño de tubaxes, onde cada vez hai un abano máis amplo de posibilidades.

Na actualidade atópanse no mercado tubaxes de deseño, tubos multicapa cunha gran resistencia a calquera tipo de ácidos, líquidos corrosivos ou con elementos abrasivos. “Cada vez atopamos máis tubaxes resistentes a augas máis ácidas ou alcalinas, que eran un dos maiores problemas para estes sistemas”, explica.

A diversidade de tubaxes e a súa resistencia permiten un aforro dos custos na instalación. Así, distintas marcas contan con tubos que permiten suprimir as camas de area que adoitan empregarse para asentar os tubos e como mecanismo de protección para evitar roturas e perforacións.

Nas tubaxes é habitual unha clasificación básica entre os tubos de uso alimentario, ás que se lle asociaba unha maior calidade, e os de uso agrícola, calificativo que recibían moitos tipos de tubaxes, mesmo algúns que non cumprían as normas de calidade.

A resistencia dalgúns tubos posibilita mesmo suprimir as camas de area que se usaban a modo de protección para evitar roturas

Cada vez máis, a tendencia das casas comerciais é a recomendar o uso de tubos de mellor calidade para cumprir cos estándares, aínda que como recoñece o enxeñeiro, os tubos de calidade de uso alimentario adoitan valer case o dobre dos agrícolas, pero a longo prazo saen moito máis baratos, xa que cumpren os estándares de calidade e garantizan a súa durabilidade.

Novos avances

Graña apunta que os sistemas de montaxe foi unha das áreas nas que máis se mellorou nos últimos anos, contando con pezas que axilizan os procesos. “Agora temos pezas para enlazar os tubos de polietileno sen necesidade de desmontalos e iso fai que a montaxe sexa moito máis rápida”, concreta o enxeñeiro.

enlace-non-desmontable-

Enlace non desmontable.

As pezas de enlace do rego habituais constan de 3 partes interiores (xunta de goma, xunta de plástico ríxida e unha peza troncocónica) que ata hai pouco facían que se tivese que desmontar para ensamblalas. Os sistemas de montaxe dispoñibles actualmente permiten que non sexa preciso abrir a peza de enlace e só haxa que afrouxalas, encaixar o tubo a presión e rematar cerrando a rosca da unión.

Os chamados colariños con sistema de engache con clic na abrazadeira están a facilitar moito a montaxe dos sistemas de rego, xa que posibilitan a colocación de difusores, regadores e aspersores dun xeito máis cómodo, rápido e sinxelo, ó non precisarse xa o uso do trade.

Regadores mellorados

Hai melloras nos regadores que están a permitir optimizar os sistemas de rego, reducir sectores e automatismos e, polo tanto, conseguir un aforro considerable. Trátase das boquillas de regadores que permiten colocar nun mesmo sistema de rego aspersores e difusores. Ata hai pouco evitábase que no mesmo sector coincidiran estes dous elementos, posto que empregaban diferentes presións e caudais de auga, que o fai incompatible.

Cos novos sistemas pode colocarse nun mesmo sector tanto aspersores como difusores, polo que se reducen custos

“Con estas boquillas especiais reduces os sectores de rego, o número de electroválvulas. Isto permite instalar programadores de menos estacións o que revirte tanto na economía da montaxe como na eficiencia do rego porque se consegue axustar cada regador ao alcance que se precisa”, apunta o enxeñeiro.

Outra das melloras que propoñen as casas comerciais refírense ás tubaxes de goteo, nas que empregan placas de cobre que ao reaccionar coa auga do solo impiden o desenvolvemento das raíces, evitando que os goteiros se atasquen. Esto permite facer a instalación de rega con tubaxes de goteo enterradas, con maior durabilidade a longo prazo, o que posibilita que se usen para facer regas en xardíns onde as cubertas vexetais teñen maior permanencia que os cultivos frecuentes de horta.

Estes sistemas de rega enterrada son interesantes na xardinería pública porque se evita mollar as zonas de tránsito tanto peonil como rodado e eliminan as perdas de auga por evaporación existentes nos sistemas de rega con difusores e aspersores.

Ademais, á hora de optimizar o rego destacan os sistemas de filtración nos cabezais de rega, sobre todo cando se utilizan sistemas que manexan caudais reducidos e imprescindibles cando falamos de fertirrigación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información