Claves para o manexo das vacas secas nas ganderías de vacún de leite

Juan Luis Mosquera Gómez, veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro SCG, fai unha análise dos factores a ter en conta para poder proporcionar benestar e confort ó gando nesta etapa

Claves para o manexo das vacas secas nas ganderías de vacún de leite

Juan Luis Mosquera Gómez, veterinario de Seragro, durante a súa intervención nas xornadas.

Garantir o benestar e o confort das vacas secas é fundamental para lograr bos resultados nas ganderías e para previr problemas tanto no presente como a medio e longo prazo. Por iso, un dos primeiros relatorios das Xornadas de Seragro 2021 -que este ano se están a desenvolver de xeito telemático- centrouse nas instalacións e no manexo deste gando nas granxas de leite. O veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro SCG, Juan Luis Mosquera Gómez, ofreceu as claves para proporcionar benestar ás vacas secas.

O veterinario tomou como base os protocolos de Welfare Quality nos que apuntan que para asegurar o benestar do animal é preciso garantir que teña as necesidades básicas cubertas e, polo tanto, non pase fame, nin sede ou sufra malnutrición. Para que a vaca estea confortable tampouco debe pasar estrés térmico, social e ha de estar sa. Á parte diso, as vacas deben poder levar a cabo as súas condutas sociais e non teñen que sentir medo na súa relación cos humanos.

Mosquera tamén sinala outros obxectivos para esta etapa de transición, que adoita ter unha duración de 45 a 60 días. “Imos tentar minimizar o estrés e a inmunosupresión, aumentar o consumo de materia seca e manter a condición corporal do animal durante este período. Todo isto temos que desenvolvelo dun xeito simple e cómodo para o gandeiro”, apunta.

Para garantir o benestar das vacas secas é preciso coidar o descanso, garantir unha boa inxesta de materia seca e evitar o estrés térmico e social

Para lograr estes obxectivos é fundamental ter presente a rutina do animal. As vacas adoitan pasar a maior parte do día deitadas, entre 12 ou 14 horas, das cales 10 están remoendo. Entre 6 e 8 horas pásanas comendo e bebendo e 2 horas do día socializan co resto do rabaño. “Esta rutina é o máis parecido a estar de vacacións e iso é o que queremos conseguir, que a vaca seca vaia de vacacións e volva coas pilas cargadas para a seguinte lactación. Para iso precisamos coidar o descanso, garantir unha boa inxesta de materia seca e evitar o estrés térmico e social”, compara o veterinario.

confort das vacas

As camas, determinantes para garantir o confort do animal

Para proporcionar un descanso axeitado ás vacas secas cómpre prestar atención ás instalacións. “Xa que a vaca pasa máis da metade do seu día deitada, proporcionémoslle unha cama branda, chea, seca e limpa tódolos días do ano”, reivindica o veterinario, quen aposta por sistemas como a cama quente fronte a outras alternativas moi estendidas nas granxas galegas como o pastoreo. “Aínda que poida parecer idílico ter as vacas secas fóra deitadas no pasto e á sombra, tamén hai que pensar que en Galicia chove alomenos 150 días, tamén neva, hai tronadas ademais de que se poden producir ataques do lobo e mosca e todo isto non proporciona benestar ó animal”, analiza o veterinario.

“Cada vez recórrese máis á cama quente posto que as vacas prefiren unha cama libre de obstáculos e branda onde poder descansar”

Unha das alternativas recomendadas é o emprego da cama quente.“Cada vez recórrese máis a este tipo de camas posto que as vacas prefiren unha cama libre de obstáculos e branda onde poder descansar”, detalla. Normalmente, este tipo de camas adoita empregarse para o lote de vacas secas, preparto, nas parideiras e mesmo nos lotes de postparto. Este tipo de camas teñen que ter alomenos 10 metros cadrado por animal no período seco e en preparto e parideira debe incrementarse ata os 12 metros cadrados, e sempre sen contar o corredor de alimentación.

A cama quente pode encherse de palla, serraduras de madeira, compost… É fundamental manter limpas as camas cunha renovación e aireado regular. “Para manter as instalacións limpas debemos encamar diariamente ben manual ou mecanicamente e ter poucos animais por lote”, recomenda o veterinario.

Garantir a limpeza na cama contribúe a reducir o risco de infeccións. Abonda recordar que o 60% das mamites que se producen durante a lactación teñen a súa orixe no período seco. “Debemos extremar a limpeza tanto no momento do secado, cando aínda non está formado o tapón de queratina como antes de parir onde volve haber leite e unha maior incidencia de mamite”, valora Mosquera.

Cómpre prestar atención tamén ós corredores de alimentación, que deben ser amplos, cun mínimo de 5 metros cadrados. Os bebedoiros deben dispoñerse nestas zonas, para evitar que se molle a cama e contribuír á limpeza do patio en época de moita calor. O veterinario recomenda instalar cancelas que permitan separar lotes ou animais para o saneamento ou a reprodución e que facilitan o encamado, ó poder separar as vacas da cama. “Débense deixar dúas zonas de acceso á cama quente para facilitar a circulación dos animais e evitar crear zonas cegas onde saen prexudicadas as vacas subordinadas ó verse acurraladas”, detalla.

fresado de cama fria

A cama fría, na que se tritura o material da cama para cortar a fermentación e reducir a humidade, é outra das alternativas para as vacas secas.

Unha variante á cama quente é a cama fría, que consiste en encamar durante varios días ata que se acadan 30 ou 40 centímetros de cama. Despois procédese ó aireado, que se fai unha ou dúas veces ó día, un proceso que se fai cunha fresa ou unha grade rotativa e co que se corta a fermentación e redúcese a humidade. “A vantaxe principal é que proporciona unha cama moi cómoda e permite un aforro de materiais”, concreta o veterinario.

“O mellor cubículo é aquel que non existe para a vaca. Sexa cal sexa o material empregado debe permitir que a vaca se deite e levante comodamente e garantir un bo confort”

Outra das alternativas é a estabulación libre con cubículos, a opción máis utilizada nas granxas galegas polo aforro de material e espazo, así como polas facilidades que ofrece para o manexo do gando. Os cubículos poden ser de ferro, plástico duro ou distintos materiais. “Sexa cal sexa o material, o cubículo debe permitir que a vaca faga con facilidade os movementos naturais para se levantar e deitar e garantir un bo confort. O mellor cubículo é aquel que non existe para a vaca”, sintetiza o experto.

Para as vacas secas, Mosquera desaconsella optar polo sistema de tres filas de cubículos, posto que con esta alternativa a saturación máxima por trabadiza pode chegar a ser dun 135%, cando o que se busca é que estea entre o 80 e o 90%. “Con esta saturación prodúcese máis estrés na trabadiza, menos inxesta, máis pelexas e menos descanso”, sentencia o veterinario.

Cubilos en filas de 3

O sistema de cubículos de 3 filas pode xerar máis estrés nas vacas secas.

Á hora de deseñar os cubículos é imprescindible adaptarse ás necesidades e ó tamaño das vacas do rabaño. “Debemos ter presente que, ó mellor, a medida que vale para a granxa do veciño non serve para a nosa”, indica o veterinario. No caso das vacas frisoas, os cubículos contra a parede deberan ter alomenos 3,05 metros e nos cubículos cabeza con cabeza en dobre fila teñen que ter 5,50 metros. Así, a superficie de cama útil debe ser de entre 1,95 e 2 metros cadrados. “Os cubículos teñen que permitir que o animal permaneza nunha posición recta e non se cruce nel”, explica o veterinario.

Un bo indicativo para comprobar se os cubículos resultan cómodos é o tempo que lle leva á vaca erguerse ou deitarse. De media, unha vaca tarda uns 5,20 segundos en deitarse, polo que se se incrementa pode indicar que o espazo non se adapta ás necesidades da vaca.

As barras domadoras tamén deben estar colocadas a unha distancia que permita o confort do animal. “Medidas por debaixo de 1,25 e 1,3 de altura e lonxitude dende o borde posterior de 2 metros van comprometer a correcta incorporación do animal”, concreta.

Outro dos erros habituais nos cubículos é acortar o espazo de descanso con almofadas compostas por listóns de madeira, tubos ou plásticos duros. “Acurtar o cubículo con estes elementos só fai que a vaca se cruce dentro do cubículo, busque a diagonal e así pódese golpear nos ferros ou nas patas dianteiras. A mellor almofada é unha boa morea de material”, apunta Mosquera.

Os cubículos deben ser máis anchos, xa que serán utilizados por animales xestantes, máis voluminosos e torpes nos seus movementos

Cómpre prestar atención ó ancho do cubículo. “Estamos traballando con animais máis voluminosos, son xestantes. Ademais van ser moi torpes para levantarse e deitarse, co que debémoslle facilitar eses movementos proporcionándolle cubículos máis anchos”, detalla. Se en lactación están a traballar con cubículos de 1,25 metros, nas vacas secas pódese chegar a 1,37 metros. Porén, Mosquera recorda que no caso dos cubículos de plástico, o fabricante recomenda medidas de 1,20 metros.

pasillos amplos para as vacas secas en cubiculos_seragro

Debe dárselle amplitude ás zonas de paso para facilitar a circulación dos animais.

Para garantir o confort é preciso ter bordos baixos, abonda con entre 16 e 18 centímetros para garantir un bo enchido do material. Ademais, nas áreas os pasos laterais deben ser baixos, posto que circularán por eles animais moi pesados e torpes. “Debemos darlle a máxima amplitude que poidamos. É recomendable darlle entre 3,5 ou 4 metros”, concreta. Neste espazo cómpre evitar colocar os bebedeiros para facilitar o tránsito dos animais. Mosquera tamén recomenda que a zona das vacas secas conte sempre con dous corredores, sen zonas cegas, onde as vacas  se vexan acurraladas.

Os corredores laterais tamén poden ser unha zona axeitada para colocar o pediluvio, para poder facer baños periódicos. Deben ser inclinados para evitar que as vacas poidan colocar as patas fóra. “Nestes lotes sempre hai moito risco de dermatite, porque se acaban facendo menos baños que nas vacas de leite e porque se fai un agrupamento con xovencas, que adoitan ser os reservorios dentro das granxas”, indica o veterinario.

baños de pes para as vacas secas_seragro

É recomendable extremar os coidados para evitar dermatites.

Á hora de encher as camas pódese optar por materiais orgánicos como a palla, as serraduras de madeiras, a casca de arroz ou o compost, entre outros. Nos inorgánicos os máis habituais é a area e o carbonato cálcico. Outra opción son os sintéticos como as colchonetas.

A alimentación, base do confort

Durante o período seco, o aporte de materia seca é clave. “Temos que ter presente que o consumo de materia seca na vaca seca vai determinar o consumo de materia seca na vaca postparto. Canto maior consumo menos problemas de hipocalcemia, metrites, cetoses… teremos no parto”, apunta Mosquera. O consumo de materia seca nesta etapa tamén proporcionará unha maior cantidade de leite durante a lactación.

Recoméndase proporcionar forraxes de calidade, ben picados e mesturados para evitar que as vacas escollan a comida. Ademais, é preciso que o acceso ós comedeiros sexa axeitado, ó tratarse de animais xestantes, moito máis corpulentos. “Precísanse trabadizas máis amplas que nas vacas en lactación. Tentaremos procurar entre os 75 e 85 centímetros, fronte os 70 ou 75 habituais”, detalla.

Recoméndase proporcionar unha boa inxesta de materia seca, con forraxes de calidade, ben picados e mesturados para evitar que as vacas escollan o que máis lles gusta. Comedeiros e bebedeiros deben estar adaptados a estes animais

Nos comedeiros, é preciso facilitar o acceso á comida, cunha inclinación da trabadiza de entre 10 e 20 graos. É recomendable que o pesebre estea elevado uns 10 ou 15 centímetros con respecto do corredor. “A superficie do comedeiro debe ser fácil de limpar para evitar que se pegue a comida”, concreta.

Outra opción na alimentación das vacas secas é o sistema de barra libre, que permite unha maior liberdade de movementos, porén iso permite que as vacas dominantes teñan maior posibilidade de incidir sobre o resto, polo que Mosquera desbota esta alternativa para esta etapa.

Ademais dunha boa inxesta de alimento, cómpre garantirlle acceso á auga a tódolos animais, para o que é necesario colocar bebedeiros lavables, de inox e de volteo, cun caudal mínimo de 30 litros por minuto. É preciso garantir que a vaca pode beber comodamente 20 litros por minuto, xa que unha vaca seca adoita beber entre 45 e 55 litros ó día, pero mesmo pode chegar a inxerir 115 litros, dependendo da época do ano. “Debemos colocar un mínimo de 10 centímetros de bebedeiro por animal e alomenos 2 bebedeiros por lote”, concreta Mosquera.

Disposicion e medidas dos bebedeiros para vacas secas_seragro

Esquema da disposición dos bebedeiros para as vacas secas.

Evitar o estrés térmico

Para garantir o benestar, as vacas deben atoparse nunha temperatura que non lle xere estrés térmico, unha situación que se produce cando o animal xera máis calor metabólico do que as condicións ambientais lle permiten disipar. “En Galicia, con 20 graos e cun 80% de humidade as vacas xa están a sufrir estrés térmico”, detalla o veterinario. Para evitar esta situación pódese optar pola ventilación natural da nave, así como sistemas de ventilación forzada.

A orientación da nave é primordial para mellorar a ventilación natural das instalacións. A mellor opción en Galicia é a nordeste-suroeste, para unha menor incidencia do sol no verán e dos ventos laterais e as chuvias no inverno. “No mercado hai diferentes solucións para evitar o formigón e que axudan a mitigar as variacións térmicas e proporcionar maior luminosidade na nave”, concreta.

Procúrase que no interior da nave haxa a maior luminosidade posible, cun mínimo de 200 Lux, sen que os raios incidan directamente nin na comida nin nos animais e evitando zonas de sombras, nin reflexos. Búscase conseguir unha mellor aireación natural das granxas, sen que se xeren correntes directas sobre o animal, aire fresco e libre de amoníaco, humidades e patóxenos.

distintos sistemas de aportar luminosidade a granxa_foto Seragro

Diferentes sistemas de aportar luminosidade á granxa.

Contar con teitos altos e aberturas garante unha boa temperatura no interior dun xeito natural. “Debemos facilitar o efecto cheminea, coa apertura dos cumios, para dar saída ós gases e ó aire quente”, aporta.

De non ser suficientes estas medidas, tamén se pode optar por sistemas como a refrixeración directa por evaporación, que consiste na ventilación forzada na trabadiza e na área de descanso combinadas con duchas no pesebre, cando se superen os 28 graos.

Se as vacas sofren estrés térmico no período seco as súas consecuencias notaranse na produción de leite e no desenvolvemento das crías 

En canto ós ventiladores hai moitos modelos no mercados, pero os máis demandados hoxe en día son os tipo helicóptero, xa que teñen unha maior velocidade de aire, cun variador de frecuencia tanto individual como colectivo que regula a velocidade segundo as necesidades de cada zona, co que proporcionan menor consumo e ruído.

“É preciso investir en sistemas de refrixeración no lote das vacas secas posto que trae importantes consecuencias a curto e longo prazo na granxa”, sinala. Se as vacas están sometidas a estrés térmico baixa o consumo de materia seca, a inmunidade e aparecen máis problemas no parto, ademais de diminuír o desenvolvemento do ubre, co que se reduce a cantidade e calidade de costro. Ademais, baixará a produción láctea na seguinte lactación. Segundo diferentes estudos, a produción pode chegar a reducirse nun 8%, o que equivale a 3,4 litros ó longo de toda a lactación.

Os lotes de parideira, preparto e secas deben colocarse nas zonas de maior ventilación da granxa, con claridade e cunha menor densidade de animais

O estrés térmico provoca que as crías sexan máis pequenas e increméntase o risco de que sufran máis patoloxías e que teñan un menor peso ó destete. Ademais, esas becerras tamén terán unha produción de ata 2,2 quilos menos na primeira lactación ata 3,8 quilos menos na terceira lactación. “Temos que ter claro que o lote para refrixerar no conxunto da nosa granxa é o das vacas secas, en especial as de preparto”, indica o veterinario. Por iso, deben colocarse os lotes de parideira, preparto e secas nas zonas de maior ventilación tanto natural como forzada, con claridade e cunha menor densidade de animais.

Reducir o estrés social

Tal e como indica Mosquera, cómpre ter presente que as vacas son animais sociais, onde se establecen exemplares dominantes e subordinados. Para determinar estas xerarquías no rabaño entran en xogo factores como o tamaño, a presenza de cornos, a idade ou o estatus hormonal. Deste xeito, as primíparas vanse ver relegadas ás últimas posicións. “Na medida do posible debemos controlar este estrés porque tamén provoca unha baixada do consumo de materia seca”, comenta. Unha opción é establecer lotes de vacas, onde as xovencas se separen do resto de vacas. “Se non é posible facer lotes separados debemos manter un número equitativo de xovencas e vacas adultas”, recomenda.

separacion das vacas secas por lotes_seragro

Distribución por lotes das vacas secas da granxa.

Tendo en conta que xusto antes do parto baixará a inxesta de materia seca, Mosquera recomenda facer un lote de preparto 3 semanas antes da data prevista para o parto, para proporcionar unha maior vixilancia a estes animais. Con esta separación limítase a entrada de novas vacas neste grupo e asegúraselle unha maior superficie dispoñible por animal, menos competencia pola comida, ó tempo que se manteñen en contacto, aínda que separadas, co resto das vacas secas, para que poidan socializar.

Xunto co lote de preparto, Mosquera propón habilitar unha área de parideira, con acceso á zona de muxido, o que acurta tempos na toma de costro por parte da cría e ofrece maior comodidade ao gandeiro. “Reducir o tempo de espera para as primeiras tomas vai reducir o estrés tanto á nai como á cría e facilita a absorción de inmunoglobulinas no tenreiro”, puntualiza o veterinario.

Tamén recomenda habilitar unha zona para o postparto. Tan importante como establecer os distintos lotes é que os cambios de lotes se fagan unha vez á semana, no canto de tódolos días. “Cada vez que facemos cambios, os animais vólvense a axitar e durante dous ou tres días vai haber disputas entre as vacas, o que provoca unha menor inxesta de comida e maior risco de accidentes”, concreta.

Por último, Mosquera incide en botar man da tecnoloxía e dos novos sistemas de control e vixilancia para a xestión das vacas secas. A información que poden proporcionar as cámaras de vixilancia, os dispositivos de control ou os sistemas de monitorización do robot de muxido achega unha valiosa información sobre o estado de cada vaca e do grupo de secas. “Estes sistemas permítennos detectar episodios de estrés térmica e social, así como afeccións de saúde, que coñecidos a tempo permiten atallar moitos dos problemas do período seco”, conclúe o veterinario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información