
O salón de actos do centro sociocultural do concello de Bóveda acolleu a parte teórica da xornada informativa sobre as posibilidades de cultivo de chopo para industria da madeira en Galicia. A formación estivo organizada por Nerea Oliveira e Alicia Fuertes (ICIFOR-INIA, CSIC) e Roque Rodríguez (UXAFORES-USC). Os participantes realizaron tamén unha visita a unha chopeira no concello bovedés e outras dúas no de Sarria.
Técnicas agronómicas
Joaquín Garnica, director de Bosques & Ríos, ofreceu unha explicación técnica sobre os aspectos agronómicos do cultivo do chopo. A súa empresa xestiona 2.800 hectáreas de chopeiras, que equivalen a 600.000 árbores. Boa parte delas destinadas a experimentación clonal.
As liñas de mellora xenética veñen de Francia e Bélxica. Son clons que aportan a madeira necesaria para contrachapado. “Toda a xestión forestal está orientada ao torno, a que a chopeira dea madeira de desenrolo. E, en segundo lugar pero igual de importante, traballamos a sanidade da árbore. De pouco serve que teña moito volume se vai estar afectada por pragas como o pulgón ou a rolla.”
Nesa liña sanitaria, sempre se busca evitar a plantación de clons das que se sabe que teñen pouca resistencia ás patoloxías máis habituais. Os clons que se están a empregar hoxe na populicultura (raspalje, unal ou mc 2-14) están a amosar unha menor resistencia ás pragas que as novas castes coas que se está a experimentar.
Vixiar o estado sanitario das árbores é unha tarefa imprescindible. De pouco serve ter moito volume se non está ben coidado. (Joaquín Garnica, Bosques & Ríos)
Un aspecto que determinará a plantación é poñer os pès en concordancia coa capa freática. Haberá leiras en que haxa que ir a un metro de fondura e haberá outras nas que haxa que ir a tres ou catro, Que a raíz do chopo estea en contacto coa capa freática determinará en boa medida a súa viabilidade.

A xestión agronómica nos primeiros anos determinará a viabilidade do cultivo do chopo
En Galicia é unha opción acaida o gradeo. Sobre todo nos primeiros anos da chopeira. Establecer alianzas con gandeiros que poidan usar o gando para pacer as malas herbas que compiten co chopo será beneficioso para as dúas partes. Por outra banda. A presenza do gando fra os efectos que poidan ter as crecentes dos ríos, sendo as beiras fluviais as localizacións máis acaídas para o chopo.
A poda é o traballo que determinará que a chopeira sexa rendible ou non. A efectos numéricos, “aos catro primeiros anos temos que ter os tres primeiros metros limpos e, ao cabo de seis anos, queremos ter os seis metros limpos e aptos. Eso é o que nos vai esixir a industria e polo que nos vai pagar,”
O gradeo pode substituirse coa agroforestería. A presenza do gando nas chopeiras supón un dobre aproveitamento
Sendo a poda o principal parámetro que determinará o éxito do cultivo, na xornada aportáronse cinco regras esenciais:
– Podas progresivas para ter fuste recto e libre de pólas, afectando o menos posible o crecemento d árbore
– Evitar podas de refaldeo excesivas: non superar 1/3 da altura nos 3 primeiros anos. Non superar 1/2 da altura durante os 3 seguintes
– Podar na primeira metade da quenda e, a poder ser, antes de chegar a 10 cm de diámetro de fuste na zona a podar
– Poda de guía ou formación para definir a guía principal os primeiros anos; de baixa intensidade e respectando as pólas finas.
– Poda de limpeza de fuste ou refaldeo a partir do segundo ano, especialmente entre os anos 2 e 6.
Non podar en exceso: combinar o “capado” con cortes a rentes da aforcadura da póla
O abandono de explotacións leva a que en Castela-León se estean destinando terras agrarias a cultivo de chopo. Algo que non se descarta en Galicia. Sen embargo, o aproveitamento de parcelas nas que xa había chopo é máis rendible economicamente porque o manexo abarata os custos.

A calidade do chopo está en función da súa capacidade para elaborar contrachapados
Que a chopeira estea verde escuro na parte das ramas no mes de setembro é unha garantía de que o cultivo ten boa aptitude, “Outro aspecto a ter en conta é a idoneidade do terreo. A aportación de auga ten que estar garantida. Por eso, as chopeiras nunca deben depender de que haxa rega. A auga ten que proceder do subsolo.”
Contexto europeo do chopo
O panorama xeral das plantacións de chopo en Europa e en España foi o tema abordado por Flor Álvarez Taboada, da Escola de Enxeñería Agraria e Forestal do Campus de Ponferrada da Universidade de León.
En territorio europeo, Francia lidera a produción cun total de 194.000 hectáreas destinadas integramente a madeira de uso industrial. España ocupa o terceiro lugar, por detrás de Alemania, en canto a superficie de chopeiras -81.075 hectáreas, o 1% da superficie forestal- e o segundo en canto a produción destinada a uso industrial, con 73.778 hectáreas. A meirande parte das chopeiras españolas están en mans de pequenos propietarios cunha superficie media inferior a unha hectárea.
Dentro de España, Castela-León case monopoliza a produción, co 75% do total e entre 45.000 e 60.000 hectáreas. É decir, entre 43.500 e 58.000 máis que Aragón, que é a segunda. Galicia ocupa o noveno lugar, con 353 hectáreas. O chopo supón só o 2% da superficie de corte e o 20% das cortas forestais de Castela, pero abrangue o 40% dos ingresos por venda de madeira, o que da idea do seu alto valor económico.
O potencial de crecemento das chopeiras galegas é ilimitado. Pero é necesario avanzar na profesionalización. (Flor Álvarez, Universidade de León)
A industria da populicultura española está orientada á exportación. A inmensa maioría do contrachapado e laminado que se produce vai para o estranxeiro. Por exemplo, en 2022, o chopo foi decisivo para que as exportacións se dispararan ata un valor de 400 millóns de euros. E as importacións de madeira contrachapada teñen que ver con outras especies arbóreas.

As chopeiras mesturadas coa agroforestería aforran os custos do gradeo
Álvarez explicou que o chopo ten tres destinos principais, que varían en canto a calidade da parte da árbore. Así, a parte superior da copa e as plantas con nós e outros defectos van para achas que se empregan na fabricación de taboleiros aglomerados, celulosa, papel e biomasa para a produción de enerxía.
A parte baixa da copa asérrase e serve para núcleos de contrachapado, empaquetado e produto semi-terminado para mobles e ventás. E o toro das árbores ben cultivadas destínase a desenrolo, o produto de máis valor e co que se fan láminas tinguidas, taboleiros contrachapados e diferentes embalaxes de calidade.
A madeira de desenrolo úsase especialmente en mobiliario de barcos, trens, autocaravanas e medios de transporte pola súa lixeireza e resistencia. O obxectivo do cultivador de chopo debe ser obter madeira de desenrolo, que está moi cotizada pola súa alta calidade. De feito, o 90% da madeira de desenrolo procede do chopo.
O que se fai no desenrolo é laminar todo o toro, obtendo unha chapa continua que se pode fragmentar e crear pezas que logo se pegan. Se é de calidade, a madeira presenta unha cor clara que ofrece numerosas posibilidades de tinguido.
Os marcos normativos deben tender a potenciar a produción de madeira de chopo de calidade
Polo de agora, en Galicia non hai ningunha industria que se adique á madeira de desenrolo de chopo, sendo a máis próxima a planta da empresa Garnica de Valencia de Don Juan, na provincia de León.
Antes de acometer a plantación dunha chopeira, é imprescindible coñecer o marco normativo de cada zona. A Lei de Eugas é común a toda España e prohibe plantar en zonas de dominio público hidráulico e as áreas de servidume anexas. Nas chamadas “zonas de policía” (100 metros das cauces dos ríos) requírese autorización da correspondente confederación hidrográfica.
En Castela é habitual que as chopeiras convivan con outros cultivos en terras de uso agrario. Pero sempre hai que ter en conta as distancias coas fincas lindeiras, coas estradas e con calquera infraestrutura. Dependerá das ordenanzas municipais e normas autonómicas. Sempre é recomendable consultar cos axentes medioambientais para coñecer os condicionantes legais.
Álvarez informou sobre a ferramenta dixital Chopo4D. Trátase dunha aplicación totalmente gratuita desenvolvida pola universidade de León, na que os populicultores poden introducir datos sobre as súas plantacións e obterán unha estimación do rendemento madeireiro e económico da chopeira.
No acto fíxose unha demostración práctica de Chopo4D. Aportando unicamente os datos de perímetro cando o chopo ten 1,3 metros de altura, o clon que se plantou e a idade da plantación, pódese determinar a cantidade de madeira no momento da consulta e a que se proxecta a 3, 5 ou máis anos. E tamén a calidade desa madeira.

O valor da madeira de chopo concéntrase na parte inferior da árbore
E todo pode facerse dende un teléfono móbil ou un ordenador e en pouco minutos. Eso si, fundamentak que todos os datos introducidos sexan correctos -non se deben meter a ollo- e non utilizar a ferramenta en plantacións de menos de sete anos.
Orientación industrial
Carlos Álvarez Cuevas, responsable forestal da empresa Garnica, falou das necesidades da industria a calidade da madeira, o tamaño dos lotes e os prezos nos que se move o mercado. A intervención comezou sinalando as cifras de Garnica, que conta con 7 fábricas, máis de 1.000 empregados e ten unha capacidade produtiva anual de 380.000 m³ de madeira industrial.

Os participantes na xornada comprobaron a evolución das parcelas de Bóveda e Sarria
Cuevas quixo destacar o impacto que xa ten e o enorme potencial que pode desprega a populicultura en España. Hoxe hai 100.000 cultivadores de chopo, o que xenera 11.000 postos de traballo. Ademais, asegurou Cuevas, unha hectárea de corta supón só cinco xornais ao ano de coidados pero conleva máis de 110 xornais industriais. Cada dúas hectáreas de chopeira significan un posto de traballo fixo.
A madeira de chopo de calidade contrastada é un dos produtos máis valorados no sector forestal. (Carlos Álvarez Cuevas, Garnica)
O técnico de Garnica destacou o concepto de calidade na populicultura. “Dende o mesmo momento en que se decide plantar hai que ter presente que o obxectivo ten que ser obter a maior calidade posible na madeira”, sinalou. “Por exemplo, uha poda mal feita fai que o toro teña nós. E que o seu valor se reduza en moito máis da metade.”
Cuevas sinalou que a madeira de calidade págase máis por ser apta para desenrolo, é máis rendible para a industria, é necesaria para poder competir a nivel mundial no mercado do contrachapado, hai unha demanda que vai en aumento e ten aptitude para a mecanización dos traballos de corta, nun contexto de escaseza de man de obra.
En Garnica insisten en que a poda é o paso clave. “O 40% do valor da madeira está nos tres metros inferiores do toro. E o estado deses tres metros dependerá das podas que fagamos nos primeiros anos de vida do chopo.”
Cuevas indicou que o diámetro óptimo para a corta é de entre 35 e 37 centímetros. “Pero non todo o mundo ten a paciencia para acadar ese calibre. Ás veces hai quen se deixa levar pola posibilidade dun rendemento rápido e corta os chopos a 12 ou incluso 8 anos no canto de agardar os 15 recomendados. E máis en momentos como o actual onde a demanda é crecente.”
A madeira que non fende e é de clon recto aumenta un 6% o seu valor. Se na primeira troza foi podada correctamente, engadéselle outro 10%. Se acada os seis metros en perfecto estado, sobe outro 5%. E se o diámetro supera os 35 centímetros increméntase outro 25%. Por eso hai que insistir en producir madeira de calidade.
As dimensións do taboleiro industrial -o que máis se fabrica no mundo- son de 2,50 x 1.22 metros. Así, é necesario desenrolar trozas de 1,60 e de 1,30 para que, unha vez que serremos o taboleiro teña a forma exacta.
Unha liña que están a desenvolver en Garnica é a da mestura de madeiras para a elaboración dos taboleiros. “Pensamos que hai moito potencial na mestura. Porque collemos os mellores exemplares de cada especie. Porque, en función do uso que vaian ter, os taboleiros precisan diferentes niveis de flexibilidade, de resistencia a impactos ou de tonalidades. Unha mestura pola que estamos apostando é chopo con eucalipto.”
O valor do chopo está nos primeiros tres metros dende o chan. Esa corta é a máis cotizada nas industrias
O prezo que percibe o produtor vai en función dunha serie de parámetros determinados polas industrias en función das súas necesidades. Diámetro, estabilidade da árbore, patrón empregado, brancura, densidade…son os máis medidos.
Cuevas recoñece que nunca se esperou que o metro cúbico de chopo -por moita calidade que tivera- puidera chegar a subir de 200 euros. Non só foi así senón que os mellores exemplares chegáronse a pagar en 2022 a 253,3 euros. “O principal motivo foi o cambio de mobiliario nas vivendas logo da pandemia. A xente quería cambiar os mobles e a demanda desorbitouse.”
Hoxe as cotizacións para a madeira de chopo de calidade baixaron ata entre 135 e 200 euros, pero seguen sendo unha cifras moi elevadas, sobre todo se as comparamos coas doutras especies de crecemento rápido como o piñeiro ou o eucalipto, que rara vez chegan a 80 euros o metro cúbico. “E todo esto nun contexto de inestabilidade internacional polos conflitos bélicos que fai baixar o prezo das materias primas.”
Como conclusións, o técnico de Garnica sinalou que é preciso reducir os custos de desprazamento de maquinaria para diminuír os custos de explotación e que hai que mecanizar os traballos de corta e de eliminación de restos. E tamén que hai que tentar traballar parcelas superiores a unha ou dúas hectáreas.
Sinalou ademais que é preciso que se concentre a produción para que as cortas collan a máxima cantidade posible e que viveiristas, administración pública, produtores e industrias deben traballar coordinados para crear un tecido empresarial en torno ao chopo.
Axudas da administración
Alberte Piñeiro Tubío, subdirector xeral de Recursos Forestais da Consellería do Medio Rural, informou sobre as axudas públicas e as liñas de fomento da plantación de chopos en Galicia vencelladas a agrupacións de propietarios.
Piñeiro explicou que o chopo é subvencionable por vez primeira en Galicia e que o novo marco administrativo é favorable a populicultura pola aprobación do modelo silvícola específico. A Xunta considera que os altos prezos do chopo de calidade deben levar a fomentar as plantacións con estruturas de xestión profesionalizadas.
Para novas plantacións, a administración autonómica estipula que deben realizarse en terreos con aproveitamento recente do propio chopo ou de eucalipto ou en superficies previamente ocupadas por especies invasoras como acacias e pseudo-acacias.
A figura administrativa clave, dixo Piñeiro, deben ser as Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta (AFXC), que servirían para facer máis rendibles as plantacións de chopo ao concentrar parcelas e reducir o impacto do minifundio.
Dentro das AFXC hai que diferenciar entre as básicas e as territoriais. As primeiras conlevan a cooperación sen dereitos de uso e poñen o foco na comercialización conxunta. As segundas céntranse na xestión conxunta real e efectiva e contemplan a cesión temporal de dereitos por un mínimo de dez anos. Pero deben contar cun Instrumento de Xestión Forestal aprobado.
Actualmente hai rexistradas en Galicia 24 AFXC, que agrupan 5.000 hectáreas e 1.800 propietarios. Para o 2026 aspírase a chegar a 7.000 hectáreas e chegar a 60 AFXC. Estas figuras legais, segundo Piñeiro, terán un acceso prioritario a novas axudas vencelladas ás economías de escala.
Visitas no campo
A xornada completouse coa visita a tres chopeiras situadas nos concellos de Bóveda e de Sarria que poderían servir como modelo para futuros proxectos forestais vencellados á madeira de chopo en Galicia.
Agra de Bóveda
Trátase dunha parcela de 4.553 m² que foi plantada en marzo de 2017 con clons de chopo da caste raspalje. A densidade de plantación é de 246 pés por hectárea. A cubicación ten funcións de perfil CHOPO4D da Universidade de León.

Os inicios do cultivo requiren dun seguemento constante
Segundo explicou Roque Rodríguez, malia as roturas por treboadas e saraibadas, a plantación presenta un nivel de crecemento óptimo tanto en tamaño como en estado das árbores. As interliñas de biomasa ata 2024 presentaron un bon nivel de desenvolvemento, chegando ata as seis toneladas por hectárea e ano.
Por outra banda, a parcela presentou durante polo menos catro anos compatibilidade con cultivos forraxeiros. Cómpre lembrar que está situada en pleno regadío do Val de Lemos e mesmo unha das acequias pasa por un lateral, se ben leva tempo sen funcionar.
Logo de case nove anos, o volume xa alcanza os 145 m³ por hectárea. E o crecemento medio foi de 16,1 m³ por hectárea e ano e o 68% xa está considerada madeira de desenrolo. A predición a quince anos é 336 m³ por hectárea, situándose o coeficiente medio en 22,4 m³ anuais. Calcúlase que o 85% da madeira será válido para desenrolo.
Agro de Cerdán
A finca sarriana abrangue unha superficie de 9.473 m³ e ten xa quince anos, o tempo propio para acometer a corta. A densidade é de 361 pés por hectárea. Tamén neste caso se empregaron clons da caste raspalje con fins madereiros exclusivamente. A plantación fíxose a unha profundidade de un metro.
O seu propietario, Francisco Pérez, realiza todos os labores de mantemento e podas. O marco de plantación realizouse cun patrón de 5,3 x 5,3 metros. Os especialistas sinalan que o efecto de borde non é tan importante como nas outras plantacións.
Destaca o moi alto desenvolvemento acadado na parcela, cun volume en pé de 356 m³ por hectárea e un crecemento medio de 27 m³ por hectárea e ano. A madeira está catalogada como de calidade II de Roda para o clon raspalje.
A día de hoxe o diámetro medio é de 33,02 centímetros. Esta alta cifra obedece ao efecto de densidade de plantación máis pechada do recomendable. Na parcela hai algún exemplar de castes diferentes da raspalje, probablemente por algún erro na subministración do viveiro.

Os ponentes debateron coas persoas interesadas na populicultura
O Teso
Denominada como Sarria 2, esta parcela está lindeira coa de Cerdán. Ocupa unha superficie de 5.282 m³ e na actualidade chegou aos 15 anos que se manexan como parámetro idóneo para o corte destinado a desenrolo.
O marco de plantación foi executado de forma similar a outra finca sarriá e tamén se optou por plantar clons da caste raspalje de uso madereiro. Malia a proximidade, o crecemento é algo inferior á de Cerdán, se ben tamén se considera moi bo.
A primeira avaliación da parcela fíxose aos 12 anos e arroxou daquela uns diámetros medios por árbore de preto de 20 centímetros. Daquela, estimouse que o crecemento medio diametral dos chopos era de 5 centímetros por ano.
Nas tres parcelas realizouse unha poda progresiva, elevando a actuación 2 metros cada ano, ata chegar a unha altura total de poda de 6 metros. O rendemento promedio dependerá de se a plantación se realizou cun marco de 6 x 6, uns 277 pés por hectárea.
Galego






Control OJD