En 1915 empezouse a investigar o lúpulo e as súas características en Galicia con Leopoldo Hernández Robledo, director da Granxa Escola da Coruña, o xerme do Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM). En contacto con José María Rivera, quen foi un empresario relevante que deu lugar a unha das empresas cervexeiras máis importantes, Hijos de Rivera, decidiron apostar polo lúpulo en Galicia.
En 1917, coas primeiras colleitas traballadas, recollíase que tiña un aroma máis forte que o importado e unhas características que se valoraban máis para a cervexa. Posteriormente, en varias publicacións indícase como A Coruña, entre outras zonas do norte de España coma León, era unha das áreas máis produtoras. Isto foi así ata 1982, cando hai constancia da última colleita galega.
Este recompilatorio histórico foi ofrecido por Juan Valladares, investigador do CIAM, quen ofreceu unha charla nunha xornada sobre a produción de lúpulo organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).
O investigador describe que o lupulus é unha planta dioica, é dicir, ten plantas macho e femias. É vivaz porque no inverno a parte aérea morre polo frío e a subterránea permanece viva polo efecto da térmico do chan. Agronómicamente só interesan os pés femias, dado que se aproveitan os conos florais. “As flores macho danlle certas características de amargor indesexables á hora de facer cervexa”, puntualiza.
As plantacións fanse en estruturas de parrado e as plantas chegan aos seis metros de altura, medida que se demostrou que alcanzan a maioría das variedades
Estrutura das plantacións
É unha planta que tende a rubir ata que perde a dominancia apical, xera brotes secundarios con flores en inflorescencia. Cando madura, a inflorescencia xunto coas brácteas forman o estróbilo (cono). Unha vez que o abres, obsérvanse glándulas de lupulina, presentes nos conos con resinas e dentro delas un raio que ten alfa acedos (lupulona, posthumulona…) e beta acedos (lupulona, colupulona e aldupulona).
As plantacións fanse en estruturas de parrado e as plantas chegan aos seis metros de altura, medida que se demostrou que alcanzan a maioría das variedades. É unha estrutura que presenta os liños de plantación, que serían os arames que van soportar as plantas. “Defínese a liña de plantas e o liño no cal se atan, para colocar a uns metros as pontes que nos axudan a soportar as estruturas”, explica e engade que “teñen que soportar o peso da planta e o efecto do vento”.
Valladares describe como distribuíron as plantacións experimentais nas que traballan no CIAM. Na primeira plantaron a 3×2 metros, conseguindo unhas 1.600 plantas por hectárea. “Logo démonos conta que podiamos chegar a máis plantas se optamos por rúas de 3×1,5 metros, co que alcanzamos as 2.200 plantas por hectárea”, remarca. Consideran que a distancia de 1,5 metros entre plantas é a óptima porque lles permite introducir a maquinaria, pero viaxando a Alemaña observaron que ampliaban a 3,25 as rúas e reducían a distancia entre plantas a 1,25.
Desde o CIAM están a facer ensaios para axustar os requirimentos de fósforo, potasio e nitróxeno
Para a plantación, prepárase o terreo e á profundidade de 10 a 15 cm colócase lixeiramente vertical e ponse un pau de colocación. No primeiro ano, aprovéitase para montar a estrutura. “Se imos mecanizar os traballos, as plantas teñen que estar perfectamente colocadas e aliñadas para que cando se coloque a estrutura cos seus postes e liños non teñamos problemas coas plantas”, recalca o investigador.
Labores a realizar
Nun cultivo establecido, é necesario facer labores para que as plantas saian adiante en bo estado e dean unha boa cantidade de lúpulo.
Encalado. O chan debe ter un pH 6-6.5, pero no arco atlántico galego os chans son silicios e o seu pH non adoita chegar a ser superior, senón inferior (ás veces non chega ao 5-5.5). O encalado débese levar a cabo en base ás analíticas do chan que se fagan.
Fertilización. Desde o CIAM están a facer ensaios para axustar os requirimentos de fósforo, potasio e nitróxeno. Por exemplo, a tendencia é “que se nos pasamos co nitróxeno, o rendemento será menor, e hai que estudar a calidade”. En canto ao fósforo obsérvase o contrario: “Canto máis fósforo lle botamos na marxe de 75-195, increméntase a produción e non inflúe na calidade pasarnos ou non”. No potasio, algo parecido ao fósforo. Canto máis potasio, dentro dunhas marxes, mellórase o rendemento en canto a produción cloro floral seco e hai unha tendencia a mellorar a calidade.
Agronómicamente, as rúas de tres metros son interesantes para plantar cultivos asociados e por iso desde o CIAM realizaron probas con colza, raigrás e veza
Proceso entutorado. Cando a planta empeza a desenvolverse, colócanse dous titores por plana e a cada titor enrólanse tres talos, o que se denomina rube. Tres brotes por rube e dous rubes por planta. O resto de talos que emerxen do chan adóitanse deixar. Por planta xéranse de 8 a 10 kg de materia verde, residuos (elemento que se pode aproveitar que son follas e talos) e pódense aproveitar sempre que o titor sexa biodegradable.
Rega. “Nun estudo de Mabegondo vemos que aplicando 4 mm ao día conseguiamos 0,93 kg de cono floral e se non aplicamos, só 0,59. Recoméndase regar nos meses que a demanda é alta (xullo e agosto, fundamentalmente, aínda que xuño tamén está a ser caloroso)”.
Nutrientes. A planta vaise desenvolvendo, faise un mantemento das rúas e aporcados sucesivos para controlar as malas herbas e aproveitar mellor os nutrientes. “Nós aplicamos os nutrientes con abonadora a toda a superficie, pero nos 3 metros de rúa hai raíces que non os alcanzan, por iso é importante achegarllos”, recalca.
Cultivo asociado. Agronómicamente, as rúas de tres metros son interesantes para plantar cultivos asociados e por iso dende o CIAM realizaron probas con colza, raigrás e veza. “Observamos que non inflúen na calidade do lúpulo, polo que son cultivos interesantes para os períodos de inverno”.
A colleita pódese facer con cortadora ou a man, tirando da planta que cae polo seu propio peso xa que alcanza entre 14 e 20 kg
Tratamentos fitosanitarios.
Segundo indica o investigador, os tratamentos fitosanitarios son necesarios para evitar enfermidades como o mildiu, que afecta ao lúpulo na súa primeira estancia de período de crecemento (desde marzo-abril até xuño porque se desenvolve con temperaturas entre 15-20 graos e humidade).
Outra enfermidade que afecta é o oídio, complementaria ao mildiu. Cando a temperatura sobe de 20 a 25 graos con humidade alta, que en Galicia sería en agosto cos conos florais desenvolvidos, a enfermidade atácaos e estrágaos. Polo momento, os produtos fitosanitarios que hai para facer fronte a esta enfermidade son preventivos e “iso obríganos a estar moi encima da plantación”.
Como pragas destaca o pulgón ou a araña vermella. A primeira xera como un fungo que se desenvolve polos azucres, mentres que a segunda produce unhas manchas nas follas e é localizable. “Pode haber plantas perfectamente sas con outras á beira enfermas; a danada ou ben se elimina ou se trata”.
Proceso da colleita
A colleita pódese facer con cortadora ou a man, tirando de planta que cae polo seu propio peso xa que alcanza entre 14 e 20 kg. “Non é difícil rompela e separala”, subliña Valladares. Cando a planta está cortada, empeza un proceso de degradación do aceite porque a planta deixa de alimentarse, aínda que segue respirando. “Nun día, débese secar a planta para baixarlle a humidade até o 10 %, por tanto, o primeiro é separar os conos florais do resto da planta”.
O período de colleita iníciase co 80 % de humidade do cono floral e finaliza co 75 %, “non pode ser menos diso antes de arrincar a planta para logo facer o proceso de secado”.
Uso de auga rexenerada no cultivo de lúpulo
O profesor do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela Javier Cancela abordou o proxecto I-ReWater. A través desta investigación, que finaliza en 2026, estudan mellorar a xestión dos recursos hídricos na agricultura, integrando o uso de auga urbana rexenerada en cultivos agrícolas e contemplando aspectos ambientais que aseguren o seu bo uso debido á crise climática actual.
Cos resultados esperados, “permitirase reducir ata un 10 % as extraccións de pozos ou ríos e solucionar problemas de escaseza de forma sustentable sen minguar a calidade dos cultivos”, describe. Para iso, traballan en 15 ensaios en cultivos leñosos, entre os que está o lúpulo, e outros 2 hortícolas.
Os resultados obtidos no proxecto I-ReWater servirán de base para a posterior elaboración dunha estratexia transnacional do uso de augas rexeneradas no espazo Sudoe
Cabe puntualizar que “as TIC e a dixitalización dos sistemas de fertilización e rega terán un papel protagonista nos diferentes proxectos ou ensaios pilotos que se executarán ao amparo do proxecto, dado que se contempla incorporar sensores a todos os sistemas de rega. Estes dispositivos, colocados a nivel de chan e planta, permitirán coñecer en tempo real parámetros como condicións climáticas, temperatura, cantidade de auga ou nutrientes?. Nalgúns casos, mesmo se realizarán voos de dron con cámaras térmicas ou multiespectrales.
Este sistema de axuda á decisión poderíase replicar facilmente a nivel de usuario, o que permitiría ao agricultor coñecer cando e canto debe regar e, ao mesmo tempo, favorecería a economía circular cunha agricultura máis eficiente e sustentable. Os resultados obtidos no proxecto I-ReWater servirán de base para a posterior elaboración dunha estratexia transnacional do uso de augas rexeneradas no espazo Sudoe.