Unha cousa é cultivar e outra producir. Foi unha das principais premisas baixo as que se desenvolveu o encontro orientado a emprendedores, dentro do programa de actuación 2025 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo. E é que o feito de que o aguacate poida medrar e sobrevivir nalgunhas comarcas galegas, non significa que vaia ser rendible nin económica nin ambientalmente. Por eso, é necesario traballar con absoluta precisión na xestión agronómica en todas as súas fases. Dende a selección de terreos ata a loita contra as pragas ou o uso de fertilizantes.
Contexto
Demetrio Badriñana, produtor de aguacate en Perú, sinalou que a produción mundial en 2024 foi de 10,4 millóns de toneladas. Unha cifra que será superior neste exercicio. E é que cada ano o froito recollido aumenta nun 6%. As propiedades biosaudables (sen colesterol e con alta carga de vitaminas e minerais), a elevada demanda entre os consumidores menores de 30 anos e os ilimitados usos culinarios que ten, fan que os seus mercados aumenten cada ano. España sitúase no posto 17º do ranking mundial dos 50 países produtores, con 116.000 toneladas producidas en case 20.000 hectáreas. Moi lonxe dos tres millóns de toneladas que produce México, onde triplican a colleita de Colombia, que é o segundo produtor mundial.
A persea americana chegou a España a comezos do século XVII e foi sempre residual ata o ano 2017, cando se disparou o seu cultivo. Andalucía lidera a produción, con máis do 90% do total de froito e de hectáreas, seguida moi de lonxe por Canarias e Valencia. De 13.700 hectáreas de campos andaluces, sobre todo en Málaga e Granada, saen 97.000 toneladas de aguacate.
Galicia está na fase inicial e incluso experimental. Máis aló dos cultivos caseiros particulares, os últimos rexistros do Ministerio de Agricultura falan de 7 hectáreas na provincia de Pontevedra e outra na da Coruña, para unha produción de 6 toneladas. E é que moitas árbores plantadas aínda non están dando froito. No Salnés está xa en marcha a día de hoxe un proxecto para destinar a aguacate 100.000 metros cadrados.
Segundo os expertos, o actual clima galego e a súa previsible evolución fan que as expectativas de éxito no cultivo do aguacate sexan moderadamente elevadas. Por exemplo, o estado mexicano de Michoacán, un dos sitios de orixe da planta, ten un clima semellante ao de Galicia, se ben algo máis chuvioso no verán. Pero, ollo, nin todas as comarcas onde se está a plantar son axeitadas nin o clima por si só garante que vaian ser rendibles e sustentables.
Outros atractivos dende o punto de vista económico son a proximidade de Galicia ao mercado europeo, coa conseguinte redución da pegada de carbono, uns altos prezos en orixe (de máis de 3 euros o quilo), un período de colleita que se prolonga varios meses co que a produción é sostida, e un gasto en fitosanitarios moi cativo por non haber aínda pragas importantes. Unhas condicións que serían aínda máis favorables se se chega a construir unha marca española de aguacate, como xa se fai, por exemplo, en Sicilia.
Aínda que existen máis de 100 variedades de aguacate no mundo, a absolutamente predominante é a Hass e as súas hibridacións. Porque a dureza da súa pel permite transportala a grandes distancias sen que se deteriore e tamén a fai máis resistente a diferentes condicións externas. Aparte de que mantén unhas características uniformes, independentemente de onde se produza. Eso levou os ponentes a plantexar o debate sobre que mercado quere e pode abranguer o aguacate galego. Se é o de proximidade, recoméndase unha mestura de diferentes castes e, se é o mercado global, hai que centrarse na Hass.
Un rendemento medio de 8 quilos de froito por planta e de 3.300 quilos por hectárea sería unha cantidade suficiente para que o cultivo de aguacate fose rendible, sempre e cando os custos de produción se manteñan nunha marxe razonable.
Condicionantes climáticos
Tanto Iñaki Hormaza, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), como Paco Gil, asesor técnico agrícola, sinalaron que a ausencia de temperaturas extremas e unhas precipitacións medias por riba de 1,5 litros por metro cadrado son as máis desexables para un bo aproveitamento. Estes técnicos diferencian catro tipos de zonas en función do frío:
• Optimas: Onde a temperatura mínima absoluta é de 0ºC unha vez cada dez anos e nunca pasa de -2ºC
• Viables: Onde a temperatura mínima absoluta é de -2ºC unha vez cada dez anos e nunca baixa de -4ºC
• Posibles: Con temperaturas mínimas absolutas inferiores a -4ºC unha vez cada dez anos
• Non Aptas: Climas fríos con episodios reiterados cada ano por baixo dos 0ºC
O cambio climático non sempre é positivo. Un exemplo témolo na floración, un proceso que require de temperaturas medias de entre 15ºC e 20ºC. Pero en só vinte anos, a floración pasou de producirse entre abril e xuño a facelo entre marzo e maio. Eso fai que moitas veces haxa xeadas e chuvias intensas que derraman boa parte das flores, reducindo aínda máis esa xa baixa porcentaxe do 1% de éxito que caracteriza o aguacate. Ademais, a humidade relativa nunca debe ser inferior ao 75%.
Un factor climático decisivo é o vento. Para mal, se é abondoso. Porque afecta á fixación das árbores na terra, tira moito froito ao chan, dificulta a polinización, favorece a chegada de pragas e aumenta a necesidade de regado. Esta incidencia do vento fai que comarcas como A Mariña luguesa ou a costa coruñesa poidan ser menos eficaces para a produción de aguacate pola persistencia das correntes naquelas comarcas.
En principio, o clima chuvioso de Galicia convèrtea nunha zona óptima para cultivar aguacates. Pero non en todos os casos é así, como demostran a floración e a recollida. No primeiro caso, un exceso de auga pode deter a floración ou facer que se deterioren moitas flores e, no segundo, a chuvia pode favorecer a aparición de fungos latentes na pel do froito recollido, que se manifestarán máis adiante.
No mercado hai máquinas e produtos para combater os efectos do vento (mallas de cobertura de leira ou de planta) e as xeadas (sistemas de auga calefactada), pero o seu custo é tan elevado que só se aconsella en caso de plantacións moi profesionalizadas e que partan con garantías.

Plantación de aguacates en Tomiño.
Plantación
Tendo en conta eses condicionantes climáticos, hai que escoller ben o momento e lugar de plantación. Paco Gil recomenda para Galicia un marco semi-intensivo de 6×4, o que serían 416 plantas por hectárea. E que a orientación da leira sexa sempre Norte-Sur; esto pode parecer secundario pero non o é. Porque nunha orientación Leste-Oeste, a incidencia do vento e das posibles pragas vai ser desigual e complicará o traballo. E a floración producirase en diferentes momentos segundo a parte da parcela da que se trate, porque unha parte da plantación proxecta sombra sobre a outra. A orografía e distribución da terra en Galicia non sempre fan posible a orientación Norte-Sur, pero hai que buscala como sexa.
A luminosidade da plantación é outro aspecto fundamental. O aguacate quere moita luz, a ser posible máis de oito horas diarias. Aínda que os ceos estean anubrados, o importante é que chegue a luz con forza e que non haxa zonas de sombra. O que non se recomenda, sendo habitual en Galicia, é usar guías de plástico na fase inicial de crecemento. E é que nese estadio a planta aínda é unha herbácea e o plástico mesturado coa calor pódea matar directamente.
A época axeitada para acometer a plantación é a primavera, evitando así os fríos e xeadas do inverno e a calor excesiva do verán. E é preciso mesturar castes para que se produza a polinización. Por exemplo, se queremos ir a unha produción maioritaria da variedade Hass, teremos que inserir cada certo espazo algunha planta doutra caste compatible. A flor do aguacate é mutante, é decir pode pasar de macho a femia e viceversa. Así, compre ter castes polinizadoras (Tipo B) que estean en fase macho cando a flor da variedade que máis nos interesa (Tipo A) estea en fase femia. En Galicia as castes Tipo A máis acaídas son a Hass, Carmen, Maluma, Gem, Pinkerton e Reed e as Tipo B Zutano, Bacon, Fuerte e Ettinger e, nos últimos tempos, irrumpiu con forza a caste Luna. A proporción ideal é insertar unha planta polinizadora por cada oito produtoras.
Os caballóns como técnica de plantación son unha opción moi acaída para Galicia. O método consiste en erguer un montículo de terra no que se ubica a planta e deixar canles máis baixas para que corra a auga. E no caballón é bo colocar mallas do sistema DNT, que axudan a controlar os procesos biolóxicos, cobertura mulching ou mesmo palla. Todos eles favorecerán o desenvolvemento da raíz.
Polinización e fertilización
Un aspecto importante, e que moitas veces leva o produtor a caer na desesperación por descoñecemento, é que a polinización do aguacate é moi baixa. Tan só o 1% das flores acaban convertidas en froito, chegando a un 2,8% se a polinización se fai de xeito manual, pero sendo este un proceso moi caro e laborioso.
A abella melífera non é o polinizador máis eficaz. Esto débese a que non é un insecto oriundo das zonas onde se orixinou o aguacate. De feito, está comprobado que as abellas melíferas só chegan ao 35% das flores femia e poucas veces cos seis grans de polen que se consideran necesarios para unha polinización efectiva. Dese xeito, aínda que se considera recomendable ubicar colmeas nas beiras das plantacións, tamén hai outras prácticas útiles como a colocación dos chamados “hoteis de insectos” -espazos creados artificialmente para acoller bolboretas, avespas, abellas libres…- ou a colocación de cubertas vexetais que, ao tempo que frean pragas, serven de refuxio e atraen insectos polinizadores.
A meirande parte dos cultivos destinados a gran produción para consumo humano precisan dunha importante aportación no chan de nitróxeno, fósforo e potasio, o famoso NPK. No caso do aguacate, o fósforo non é preferente e a súa dose pode ser menor en relación aos outros dous elementos. O que si é necesario é un aporte de ferro, boro e zinc. Tamén se recomenda realizar os aportes fertilizantes no outono posto que é a época previa á parada vexetativa e así a planta estará reforzada cando retome os seus procesos bioquímicos na floración.
Na xornada tamén se falou das pragas que afectan o aguacate. A principal é o ácaro cristalino, que se detecta pola aparición de pequenas pedras na folla pero que se pode combater con métodos non químicos como depredadores naturais. Tamén causan danos os fungos phytophtera, rosellina, botrysphariaceae e ascomiceto. Pero, en todo caso, a súa presenza en Galicia aínda é moi reducida ou mesmo inexistente e, polo momento, non foi preciso recurrir a tratamentos de choque.
Xestión da auga
Tendemos a pensar que en Galicia a auga nunca é un problema. Ou, en todo caso, éo por exceso. O cal non é totalmente certo. O profesor Xavier Cancela, da Escola Politécnica Superior de Lugo deu algunhas claves, xunto cos outros ponentes, sobre a xestión hídrica das plantacións de aguacate. O primeiro que hai que facer é analizar os nosos recursos hídricos (fontes, regos, mananciais…) no seu momento de menos volume de auga. Para saber que resposta teremos que dar. E en segundo lugar hai que analizar o solo e comprobar como asimila a auga. Con eses dous parámetros deseñaremos a nosa estratexia de rega.
Nas zonas máis produtoras de España estimouse que para producir un quilo de aguacates é necesario empregar 684 litros de auga. Deles, 417 proceden dos sistemas de rega (a chamada pegada hídrica azul) e 267 da chuvia (a pegada hídrica verde). En Galicia aínda non hai medicións precisas pero calcúlase que a cantidade de auga aportada pola chuvia será moito maior.
Aínda nas rexións de chuvia abondosa, é preciso facer regas do aguacate nos momentos de máis calor e seca. Para eso, existen dous métodos principais para colocar as mangueiras ou tubaxes: pegados ao chan ou suspendidos no aire mediante sistemas de suxeción. O primeiro garante a auga na parte máis importante e asegura que chegue ben á raíz. O segundo abrangue á totalidade da planta e axuda a refrescala e a alonxar parásitos. Á marxe do sistema elexido, é recomendable utilizar tensiómetros agrícolas para coñecer o estado hídrico do solo e as necesidades que pode ter a planta. No mercado hainos de 300 ata 1.000 euros e sempre hai que velos como un investimento e non como un gasto. Porque tamén permiten coñecer a salinidade da auga, a carga mineral ou calcular o coeficiente de cultivo que se debe aplicar a cada parcela.
Como norma xeral para Galicia, o máis axeitado é que a rega se faga de noite ou a primeira hora da mañá para evitar perdas por evapotranspiración. Aplicar a auga en pouca cantidade e o maior número de veces posible así como mesturar augas de alto contido salino con outras de máis calidade para dinamizar a planta son outras boas opcións.
O uso de cubertas vexetais tamén está vencellado coa xestión da auga. Porque, nos primeiros anos da vida da planta, ainda non hai ramaxe que protexa e enfríe o solo. A retención de auga que fai a cuberta si que evita que a temperatura na superficie se dispare e dane o aguacate.
A medio prazo, estase a traballar con sistemas de goteo soterrados -a uns 15 centímetros de profundidade- para que a auga estea máis preto das raíces, se reduza a evaporación e non se irriguen as malas herbas que compiten co aguacate.
Pablo Porto, de Vivaz Plant, unha empresa que cultiva aguacate na zona do Rosal (Pontevedra) explicou que, pola súa experiencia, comprobaron que hai que facer regas de xeito preventivo na primavera para que a planta conte con suficientes reservas hídricas para cando cheguen a calor e a seca do verán, independentemente do que se poida regar no estío.
Conclusións: As Rías Baixas son un lugar idóneo para o cultivo do aguacate
En Galicia é posible o cultivo industrial do aguacate pero non en calquera sitio. É preciso que as temperaturas mínimas non sexan extremas e que, polo tanto, baixen de -2ºC cantas menos veces mellor, que os solos sexan pouco compactados e poidan ter unha óptima ventilación e que as plantacións estean protexidas do vento e reciban a maior cantidade posible de luz solar. Eso converte as Rías Baixas -especialmente as situadas máis ao sur- no lugar idóneo. Non quere decir que non se poida dar noutras zonas, pero o manexo da terra, a auga e a planta terá que ser moi rigoroso para que o cultivo sexa rendible e sustentable. Acolchados e cubertas vexetais, encalados para regular o PH dos solos, uso de tensiómetros para coñecer o estado das augas do subsolo e prevención sanitaria son outros aspectos que hai que ter en conta para un manexo profesional.
Que as condicións climáticas e edafolóxicas sexan propicias non garante o éxito. Como non o garante obter unha colleita que non cubra os custos ou non sexa sustentable medioambientalmente. Dende AGACA xa traballan na organización dunha nova xornada na que se abordarán os aspectos comerciais e de xestión económica da produción de aguacate en Galicia.