Claves para o cultivo do chícharo bravo en Galicia

Coñecemos os cultivos experimentais realizados no Ciam e as recomendacións a ter en conta á hora de sementar, manexar e colleitar esta leguminosa, considerada unha especie mellorante dos solos e a ter en conta para a nova PAC

Claves para o cultivo do chícharo bravo en Galicia

Plantación de chícharo bravo realizada polo CIAM.

A suba dos custes das forraxes e pensos sumada á preocupación por incorporar cultivos forraxeiros cos que reducir os gastos das ganderías e o impacto ambiental están a abrir a porta tanto a novas especies coma a algunhas que xa se cultivaran en Galicia, pero que foran quedando en desuso. O chícharo bravo (Lupinus), tamén coñecido como chícharo tremoceiro, é unha das alternativas que se están a valorar e sobre as que traballan no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), na Coruña, co gaio de ofrecer as claves sobre o seu cultivo ós produtores que deciden apostar por ela.

O chícharo bravo ten un alto contido en proteína, de entre o 30 e o 50% en especies coma o Lupinus albus, coñecido como chícharo bravo branco. Este é un dos eixos que pode impulsar a recuperación do seu cultivo en España, xa que ademais de ser unha fonte de proteína para alimentación animal, a nova PAC contempla axudas para a produción sostible de proteínas de orixe vexetal, con achegas que poden chegar a ser de entre 80 a 100 euros por hectárea e sen ter que empregar semente certificada.

O chícharo bravo preséntase coma unha fonte de obtención de proteína vexetal e que tamén ten en conta a nova PAC

A nova PAC e os ecorréximes tamén buscan favorecer a rotación dos cultivos, introducindo especies mellorantes como as leguminosas e nas que se inclúe o chícharo bravo, o que pode supoñer un pago de máis de 80 euros por hectárea. “O chícharo bravo ten raíces profundas e pivotantes, que lle permiten ter unha alta resistencia á seca. Empregalo como abono verde permite mellorar en gran medida a capacidade de infiltración da terra”, explicaba o enxeñeiro agrónomo do Ciam Luis Urquijo durante a súa participación nas xornadas sobre este cultivo organizadas polo propio centro e que tiveron lugar en Lalín (Pontevedra).

Do chícharo bravo pode aproveitarse tanto o seu gran, para alimentación humana ou animal; como toda a planta, para abono verde ou forraxe. O chícharo bravo é tamén un aliado para a recuperación de solos erosionados. O prezo medio do cultivo deste gran en 2022 estimouse en 450 euros por tonelada, duplicando case o seu valor con respecto do 2010, cando rondaba os 230 euros, segundo os datos manexados dende o Ministerio de Agricultura.

Evolución do prezo do chícharo bravo en España entre os anos 2009 e 2019. Fonte: MAPA.

Evolución do prezo do chícharo bravo en España entre os anos 2009 e 2019. Fonte: MAPA.

Unha alternativa para Galicia?

Aínda que o chícharo bravo se ten cultivado en zonas de Lugo, a súa presencia é mínima en Galicia e mesmo se reduciu moito dende os anos 60 en rexións coma Extremadura, Andalucía ou Castela e León, principais produtores españois e onde se cultivara dende os anos 30. Esta redución da superficie adicada ó seu cultivo debeuse en especial ó baixo prezo da soia, que pasou a converterse nunha alternativa máis rendible na alimentación. Porén, o incremento do valor que experimentaron os cereais como a soia no último ano derivada da guerra de Ucraína volve poñer sobre a mesa ó chícharo bravo.

gran altramuz_Chicharo bravo_tremoceiro

Gran de chícharo bravo.

Un dos aspectos polos que se presenta como unha alternativa a producir en Galicia é a súa alta tolerancia ás xeadas (entre -6º e -9º), aínda que como recorda Urquijo, durante a floración é máis sensible. A temperatura de crecemento óptima sitúase entre os 15º e os 25º. Ademais, tampouco require gran aporte de auga, o que permite que se poida cultivar en zonas cunha pluviometría mínima duns 350 milímetros ó ano, precisando o maior aporte durante a floración e o callado das vainas. Así, segundo apuntan dende o Ciam en base a diferentes estudos realizados por outros investigadores, para un rendemento dunhas 4 toneladas por hectárea precisaríanse entre 400 e 500 milímetros de auga ó ano, unha cantidade moi por debaixo do rexistrado en todas as localidades galegas .

Ademais é unha especie que se adapta a diversos solos, en especial dáse en solos acedos ou neutros, polo que tamén resulta viable de cultivar en Galicia.“É un cultivo que tamén está adaptado para solos pobres e dependendo da pH da terra pode empregarse unha especie ou outra”, detalla o investigador. Así, o chícharo bravo amarelo (Lupinus luteus) dáse ben en solos máis acedos e pobre, pero ten menor resistencia ás xeadas e ó frío ca outras variedades. Mentres, o chícharo bravo branco (Lupinus albus) require solos máis fértiles e menos acedos.

En función da zona na que se cultive e do tipo de solo que haxa é recomendable empregar unha especie ou outra, e realizar a sementeira na primavera ou no outono

Esta leguminosa adoita sementarse no outono, e a finais de febreiro prodúcese a floración, que durará ata maio. “Tamén se están logrando bos resultados con sementeiras primaverais realizadas naquelas zonas máis frías”, explica Urquijo. En función de cando se realice a sementeira tamén varía o cantidade de semente a empregar. Nas sementeiras de inverno, en zonas cálidas, recoméndase empregar unhas 20 plantas por metro cadrado. Mentres, se a sementeira se realiza na primavera, en zonas frías, increméntase o número de sementes ata as 50 plantas por metro cadrado. O investigador tamén recomenda que a terra estea ben arada, para evitar a costra superficial que pode dificultar a nascenza.

Tamén recomendan realizar a sementeira a unha profundidade de entre 1 e 5 centímetros e deixar unha distancia entre liñas de entre 15 e 60 centímetros. Urquijo tamén apunta que para lograr un rendemento de entre 3 a 4 toneladas por hectárea adoita ser habitual realizar un abonado de 0-60-80 (N – P2O5P2o5- K2O). A maduración do gran estará condicionada polas altas temperaturas e a seca.

A rotación de cultivos como o trigo, a colza ou a pataca contribúe a unha produción máis sa ó reducir a incidencia de Antracnose, principal patoloxía

Un dos maiores problemas deste cultivo en Galicia parece ser a Antracnose, que aparece diseminada na sementeira e acaba causando podredoiro na planta e no froito. Un dos métodos para reducir a incidencia desta doenza fúnxica é usar semente libre de patóxenos e producida en rexións secas ou semiáridas, e contar con semente certificada. Outro método é a rotación de cultivos. “Facer unha rotación de cultivos como chícharo bravo, trigo ou centeo, colza e patacas é unha maneira de reducir a incidencia deste patóxeno”, explica o enxeñeiro agrónomo.

Con todo, en todas as sementeiras realizadas no Ciam non tiveron que botar man de funxicidas. Tampouco empregaron herbicidas para o control de herbas de competencia posto que foi un ensaio ecolóxico e fixeron un control mecánico con grade de púas, un método que lle serviu para o seu control. “É recomendable pasar a grade cando a planta ten unhas 8 follas, é dicir cunha planta de 3 meses, xa que de facelo antes, remátase por arrancar un importante número de plantas, xa que aínda son moi pequenas”, detalla o investigador.

Xornada Altramuz Lalín_Luis Urquijo

Instante da intervención do enxeñeiro agrónomo, Luis Urquijo nas xornadas celebradas en Lalín.

A experiencia do Ciam

No Ciam xa levaran a cabo probas para incluír o chícharo bravo nas rotacións con outros cultivos de gran no ano 1993 e no 2013. Máis recentemente iniciaron un estudo en rotación co trigo Rumbo durante a campaña 2019- 2020, sen empregar abono, herbicidas ou funxicidas. Conseguiron un rendemento de 4 toneladas por hectárea e unha calidade de proteína de 39,5%. “Alternar nese terreo co chícharo bravo permitiu lograr un rendemento do trigo superior, en concreto de 1.100 quilos máis, conseguindo un incremento do 48% se se compara con monocultivo de trigo”, explica o enxeñeiro agrónomo.

Alternar o chícharo bravo co trigo permitiulles incrementar a colleita de trigo case un 50% que o monocultivo do cereal

Xa durante a campaña 2021- 2022 realizaron probas co chícharo bravo branco alternando con tres variedades de trigo: Rumbo, Estoril e Orden Dorado, seguindo sen abonar, empregar herbicidas nin funxicidas. Ademais realizaron sementeiras tanto en outubro, coma en febreiro e marzo. Das tres variedades, os mellores resultados acadounos a variedade Rumbo, sementada a mediados de outubro. En concreto, con esta variedade de chícharo bravo conseguiuse un rendemento de 3.109 quilos por hectárea, cun aporte de proteína do 40,6% e sen case incidencia de antracnose (6,5%), mentres que noutras variedades e datas esta afección chegou a ser do 31 ou 20 %, no caso do Estoril.

 Resultados de produción do 21-2022.

Resultados de produción do 2021-2022.

Así, como destaca Urquijo, en base ás investigacións realizadas, esta é unha alternativa a ter en conta en Galicia. “O chícharo bravo ten un alto potencial produtivo en Galicia, de entre 2 a 4 toneladas por hectárea, e un alto porcentaxe de proteína (entre un 38 e un 42%), ademais de mellorar o solo e a súa fertilidade”, destaca o enxeñeiro agrónomo.

Participantes jornada Altramuz _CIAM_Lalin

Instante do debate que pechou as xornadas sobre o chícharo bravo celebradas en Lalín, no que participaron parte dos relatores.

O chícharo bravo, dende distintos eixos

Nas xornadas tamén se abordaron outros aspectos sobre o chícharo bravo que resultan de interese á hora de valorar o seu cultivo en Galicia. Así, o investigador Fernando Almeida ratificou os bos resultados que ofrece para combinar con cultivos como o trigo, en base ás investigacións que levou a cabo, logrando tamén mellores resultados con esta leguminosa que co monocultivo do cereal.

Pola súa banda, José Manuel Mateos-Cañero, un destacado coñecedor do cultivo do chícharo bravo polos anos que leva comercializando esta sementeira, apuntaba o potencial desta leguminosa. “Do chícharo bravo aprovéitase todo, e, aínda que foi desprezada, en zonas de Galicia pode chegarse a conseguir un 40% de aporte de proteína”.

Á hora de valorar o cultivo de chícharo bravo, Extremadura convértese nun referente, non só pola importancia que tivo alí esta leguminosa senón porque alí están a desenvolver o único programa de mellora realizado en España e contan cun banco de xermoplasma con máis de 2.000 ecotipos, dos cales máis de 150 proceden de Galicia, tal e como sinalaba Antonio García, un dos investigadores do Centro de Investigacóns Científicas e Tecnolóxicas de Extremadura (Cicytex) onde se desenvolven estes traballos e que tamén participaron nas xornadas cunha conexión por videoconferencia.

Abrir a porta a un aproveitamento do gran do chícharo bravo en Galicia destinado á alimentación animal é un dos obxectivos que os relatores e asistentes consideran fundamental. Neste senso, dende Piensos del Sil, Manuel Fernández apuntaba a viabilidade do emprego deste gran para a elaboración de racións e fórmulas de penso, pero o reto pasa por conseguir unha oferta estable deste gran para que se poida comezar a valorar en firme por parte das industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información