Claves para o control e prevención da dermatite nas ganderías de leite

A dermatite é unha enfermidade frecuente nas explotacións leiteras, provocando coxeiras e baixadas de produción. Manuel Vidal, podólogo de Seragro, dá algúns consellos para reducir a súa incidencia

Manuel Vidal é membro do equipo de podoloxía de Seragro

Manuel Vidal é membro do equipo de podoloxía de Seragro

A dermatite é unha enfermidade ulcerativa de orixe infecciosa que afecta á epiderme e en casos graves tamén á dermis. A súa orixe é multifactorial (traumatismos na pel, falta de hixiene) e é moi contaxiosa afectando a día de hoxe ao 80% das explotacións leiteiras.

Foi diagnosticada por primeira vez en Italia por Morterallo en 1974, polo que tamén é coñecida por ese nome. Aparece como unha lesión típica en forma de fresa de cor vermella por enriba dos bulbos do talón das vacas.

Do control e prevención da dermatite nas granxas leiteiras falou Manuel Vidal durante as últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro. “A dermatite non se erradica, contrólase simplemente”, asegurou.

A dermatite non se erradica, contrólase simplemente

Unha vez que se introduce no rabaño, reprodúcese con grande facilidade, polo que a identificación precoz é fundamental para o seu illamento, evitando que se estenda ao conxunto de animais. “Hai que prestar especial atención ás xovencas e ás vacas secas, xa que vai afectar á súa posterior lactación”, indicou o podólogo de Seragro. 

Factores de risco

A hixiene é unha cuestión fundamental para evitar a dermatite. “Que teñamos un bo nivel de limpeza no establo non quere dicir que non teñamos puntos críticos, como as humidades ao redor dos bebedoiros ou os pediluvios suxos cando non os usamos”, dixo.

A introdución de novos animais no rabaño é tamén un factor de risco para o contaxio, ao igual que os cambios de lote. “Especial atención á recría próxima e ás vacas secas. As vacas deben parir con dermatite cero e é moi importante que non teñamos dermatites nas xovencas, porque as xovencas que tiveron un caso de dermatite antes de parir repiten a dermatite durante a lactación nun 45% dos casos”, detalla Manuel. 

As xovencas que tiveron dermatite antes de parir vana arrastrar durante a lactación

Ás vacas ao inicio da lactación báixanlles as defensas e é máis fácil que collan dermatite. Igual que lles ocorre aos animais novos, que teñen a pel máis sensible. A temperatura e humidade, o mesmo que o estrés por calor, son un caldo de cultivo perfecto para a enfermidade.

“Os chans non deben ser agresivos, que provoquen danos nos pés polos que a dermatite penetre. E que teñamos parrillas non quere dicir que non teñamos que limpalas, por exemplo na recría”, exemplifica.

Prevención

A mellora dos pediluvios e da hixiene xeral da granxa é a principal medida de prevención fronte á dermatite. Tamén a optimización de minerais antes do parto en vacas secas e xovencas.

É fundamental a hixiene xeral do establo e a optimización de minerais antes do parto

Todos os oligoelementos son importantes para a saúde do gando vacún e a dieta debe ser equilibrada para que os animais sexan máis resistentes ás bacterias causantes da dermatite, pero hai determinados minerais que son fundamentais. 

O zinc, que axuda á produción de queratina, favorece a cicatrización das feridas e a reparación dos tecidos; o cobre é necesario para a composición e mantemento dos tendóns, cartílagos e ligamentos; o magnesio para as articulacións e a densidade ósea; e o selenio é un excelente antioxidante.

Detección

dermatiteA prevención e a detección precoz son factores esenciais para manter unha baixa incidencia da enfermidade no rabaño. “Na sala de muxido é moi doado controlar as dermatites, porque quédannos as patas á altura da vista. En canto vexamos unha, debe ser tratada canto antes, en estado M1, que é cando comeza a romper a pel”, indica Manuel.  

As revisións de podoloxía e o paso de todos os animais polo poldro é unha oportunidade para avaliar o estado de todos os animais, identificando o tipo de dermatite e a prevalencia existente na granxa.

A sala de muxido e as revisións xerais do podólogo son momentos idóneos para a detección da dermatite na granxa

“O recorte funcional de pezuñas é importante porque nos permite revisar e controlar as dermatites activas”, di. Unha vez máis, é importante non esquecerse da recría. “En animais novos que pisan mal durante moito tempo provócanse modificacións na estrutura ósea. As xovencas coxas ou que anden mal débense corrixir o antes posible. Ademais, neses casos a pel é máis fina e o avance da dermatite é máis rápido”, explica o podólogo de Seragro.

Frecuencia do baño de pezuñas

En canto ao baño de pezuñas, “non é curativo, senón preventivo, para evitar que as dermatites se volvan crónicas”. Por iso, di o podólogo de Seragro, “todas as dermatites teñen que ir desactivadas ao baño para que sexa efectivo ao 100%”.

O baño non é curativo, senón preventivo, polo que todas as dermatites teñen que estar desactivadas con anterioridade para que sexa efectivo ao 100%

A frecuencia varía en función da incidencia da enfermidade. “Todos os establos son diferentes, polo que cada establo debe ter uns protocolos diferentes. Hai establos que con poñer o baño cada dous meses teñen a dermatite controlada e outros que necesitan poñelo varias veces á semana”, explica Manuel. 

A frecuencia vai depender do número de casos que teñamos

Os baños non deben estar moito tempo postos, porque “unha vez que se manchan os pediluvios son un foco de contaminación e trasmisión de dermatite”. “Unha vez que todas as vacas pasan 4 ou 5 veces polo baño xa se pode retirar, non é necesario telo varios días colocado”, detalla.

Unha vez que todas as vacas pasan 4 ou 5 veces polo baño xa se pode retirar porque unha vez que se mancha é un foco de contaminación

As xovencas se non teñen dermatite non é necesario pasalas polo baño. “No momento que apareca algún caso curámola e despois poñemos o baño. Si que se deben pasar polo baño as xovencas no momento de pasalas ao lote de secas ou preparto, porque unha vaca seca con dermatite é capaz de contaxiarnos a 10 xovencas”, argumenta. Por iso, é importante que as vacas secas pasen tamén polo baño.   

Ubicación e medidas do pediluvio

pediluvios baño pezuñas dermatiteO pediluvio debe ser o suficientemente longo para que os animais sexan capaces de dar 4 pasos no seu interior.  “O ideal é un longo de 3,5 a 4 metros para que dea varios pasos con cada pé polo baño. Se ten só 2 metros de longo vai pisar unha vez con cada pé e se ten menos de 2 metros a vaca non vai pasar con todos os pés polo baño, e seguramente deixe sen pisar o pé que ten a dermatite porque lle doe”, razoa Manuel.

Despois do baño os animais deben saír a unha zona seca, porque a efectividade vai ser maior

En canto á anchura, debe estar entre 50 e 70 centímetros, cunha profundidade duns 25 centímetros para que cando menos 10 sexan de auga. Os laterais deben ter unha inclinación do 70% para evitar a perda de líquido e é aconsellable un sistema de baleirado que facilite a súa limpeza.  

A bañera desde que pasan 150 ou 200 animais perde moita efectividade. Por iso, nos casos de explotacións con moitas cabezas, debe cambiarse a auga “porque senón o tratamento aos últimos animais non vai ser o axeitado”, asegura.

En explotacións con moitos animais é aconsellable baleirar o pediluvio na metade do muxido e poñer un novo

Nos casos de robots unha opción é poñelo á saída do robot. “Pero a bañeira debe colocarse desde o primeiro día, porque se primeiro adaptamos as vacas ao robot e despois poñemos o baño, vai supoñer un novo estrés para a vaca que vai facer que se retrase na saída á hora de muxirse”, indica.

Os tres factores van da man: hixiene, dimensión da bañeira e poñela os días programados para que funcione

Até agora o produto máis empregado nas ganderías para o baño de pezuñas era o sulfato de cobre, pero o cambio na normativa europea obriga a buscar alternativas. “A lexislación europea só permite usar os sulfatos como correctores na alimentación, polo que se se usan nos baños córrese o risco de ser sancionados. Hai outros produtos no mercado que funcionan como o sulfato. En xeral, todos os produtos funcionan ben, pero ningún é milagroso, vai depender máis do que fagamos nós que do produto que usemos”, conclúe o podólogo de Seragro.

“Unha dermatite vainos custar de 180 a 200 euros por animal na lactación”

A dermatite clasifícase en 5 fases en función da evolución da enfermidade, seguindo unha escala de gravidade. Unha dermatite tarda de 5 a 10 días de cambiar de estado, desde o principio da activación á lesión coa dor, que é unha fase que xa custa cartos ás explotacións, porque hai baixada de produción do animal.

A día de hoxe a dermatite representa un problema económico importante nas ganderías leiteiras. “Esta enfermidade contaxiosa é a causante de moitas coxeiras, coa conseguinte baixada de produción do gando e diminución da fertilidade”, afirma Manuel.

Canto lle custa a unha granxa a dermatite no seu gando?

“Unha dermatite vainos custar de 180 a 200 euros por animal na primeira lactación. Son moitos cartos e danos para facer moita prevención”, razoa.

Afecta a unha cuarta parte dos animais en produción e a unha de cada tres xovencas antes de parir

A dermatite atópase en terceiro lugar das patoloxías podolóxicas xerais do rabaño. Segundo un estudo realizado por Seragro en 29 das súas granxas entre xaneiro de 2019 e xuño de 2021, o 23% dos 20.410 animais en produción revisados no poldro tiñan dermatite. No caso das xovencas, a incidencia é aínda maior, converténdose na patoloxía máis frecuente (32,31%).  

Causante de coxeiras e baixadas de produción

A vaca sempre pisa primeiro de talón, polo que é importante que estea sa esa zona. “Cando temos aí unha dermatite perdemos amortiguación e o animal pisará de punta”, explica.

Cando a dermatite está na parte oposta, na zona interdixital, o animal vai pisar de talón e pode derivar en enfermedades máis graves. O talón debe ter unha altura entre 3,7 e 4 centímetros, que é o ideal para que o animal pise ben.

Que significa desactivar unha dermatite?

“Desactivar unha dermatite significa curala, pero desactivar unha dermatite non significa que non poida volver a activarse se non seguimos unha boa rutina de prevención”, advirte Manuel, que destaca o gran poder de curación que teñen os animais novos, que nunha semana poden estar perfectamente recuperados.

Os produtos deben usarse nas doses indicadas, porque podemos queimar a dermis

Para iso empréganse medicamentos de uso tópico que non levan antibióticos e non causan dor ao animal. Estes produtos deben usarse nas doses recomendadas. “Non por botar máis cantidade de produto imos curar mellor ao animal; os produtos deben usarse nas doses indicadas, porque podemos queimar a dermis”, alerta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información