Claves para o control da varroa nas colmeas

Resumo da ponencia de Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá sobre profilaxe e sanidade nas colmeas e alimentación complementaria

Claves para o control da varroa nas colmeas

Varroa nas abellas

A varroose é, xunto á loque e á nosemiose crónica, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas.

Neste sentido, Ester Ordóñez Dios,veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, explicou as medidas clave para o control e tratamento da varroa nas colmeas na xornada organizada o pasado mes de marzo en Trasalba (Amoeiro), pola Asociación Apícola Ourensá.

A varroose afecta tanto ás abellas adultas como á cría e, ademais, a varroa introduce na colmea outros patóxenos como viroses, micoses..etc. Os síntomas son:

-Unha diminución da poboación de abellas e da vitalidade da colmea.

-Un maior consumo invernal.

-Alteración do acio invernal.

Nas abellas está o 15% da varroa e o 85% na cría

Normalmente só se ve nas abellas por enriba delas, porque se esconde – por debaixo das alas, no abdome…- o 15% da varroa que temos, pois o 85% restante está na cría. Por iso, cando vemos nas abellas varroa normalmente xa temos unha infestación moi alta.

Dito doutro xeito, por cada varroa que detectamos nunha abella adulta hai outras 5 por cada cría de obreira e ata 10 se se trata de cría de abázcaro. A cría infestada de varroa soe morrer en estado de pupa e queda nas celas ata que é retirada polas obreiras.

Se ademais de varroa a colmea está afectada por nosema, o tratamento contra a varroa será menos efectivo.
En canto ao limiar de infestación perigoso para unha colmea, no Reino Unido está en 1.000 ácaros por colmea. En España considérase que con 2.000 varroas xa estaría en perigo a supervivencia da colmea.

Outros factores agravantes son que a colmea tamén presente virose ou nosema ou que as varroas sexan resistentes aos tratamentos.

A varroa pode expandirse tanto polo seu ciclo de crecemento natural (dura 4 semanas) como pola entrada de varroa procedente doutras colmeas mediante a pillaxe.

O punto de infestación do que se parta é clave, xa que non é o mesmo partir de 10 ácaros que de 100, pois en 4 meses, coa súa multiplicación exponencial, teríamos un grave problema para a supervivencia da colmea. Estímase que a partir de 100 ácaros é preciso tratar ao comezo da tempada.

CICLO_VARROA

Reinfestación de varroa:

É común que en outonos con elevadas temperaturas, tras realizar o tratamento as colmeas podan facer pillaxe reinfestando a colmea con varroa, se van pillar colmeas que aínda non estaban tratadas ou que están moi afectadas. De aí a importancia de que todas as colmeas nunha zona sexan tratadas ao mesmo tempo para evitar estas reinfestacións.

En canto aos tratamentos contra a varroa, o punto de partida é coñecer o grao de infestación que temos na nosa colmea. A continuación, ver o tratamento que imos colocar, que deberá estar preto da cría, e seguir a súa eficacia, así como comprobar se houbo reinfestacións. Non chega con poñer o tratamento e olvidarnos de mirar nada máis.

Formas de control da varroa:

1) Desoperculado de celas de cría:
Permite diagnosticar a enfermidade en estadíos iniciais. Para iso córtase (cun cutter, coitelo,etc) un cadro de cría, a poder ser de cría a término, cando máis avanza o ciclo da varroa. Nos cadros de cría a varroa soe estar máis presente pola parte de arriba e cara á piqueira. Deberanse coller distintos cadros, dar uns cortes, golpealos para que caia o seu contido e facer un reconto do número de crías e de varroa.

Para elo divídese o número de varroas entre o número de ninfas ou de celas e multiplicar o resultado por 100.

-Menos dun 5%: non é preciso un tratamento inmediato.

-Entre un 5 e un 30%: Valorar se aplicar tratamento, en función da época do ano. Considérase que con entre un 5 e un 10% a comezos de primavera, se non se fai tratamento a colonia acabaría colapsando a finais da tempada, polo que cumpriría tratar.

-Máis dun 30% de infestación: tratamento inmediato.

Non se aconsella o uso de peites para desoperculado do mel pois a varroa podería quedar no fondo das celas.

2) Uso de fondos sanitarios:

Permiten detectar a carga de varroa a partir da que cae no fondo sanitario por morte natural. A contaxe deberase facer, como mínimo, unha vez ao mes.

-Con máis de 5 varroas por día a colonia xa require tratamento.

-Con entre 5 e 10 varroas por día deberíase facer un tratamento inmediato para evitar a perda da colmea, xa que a taxa de infestación xa é moi alta.

Ademais, os fondos sanitarios tamén serven para comprobar a eficacia dun tratamento acaricida. Deberase facer a comprobación durante os primeiros 15 días tras a aplicación do tratamento, e se caen:

-Menos dunha varroa por día: infestación baixa. O tratamento foi efectivo.

-Entre 1 e 5 varroas: infestación media. Se é a comezos de primavera ver se debemos poñer outro tratamento.

-Máis de 5 varroas ao día: infestación alta. Poñer outro tratamento e ver se temos resistencias ao que puxemos ou que problema houbo.

Se non vemos caer moita varroa ver se o tratamento non está a ser eficaz ou que pasa…, débese desopercular cría e vez se hai varroa ou non. O tratamento debe ser efectivo, polo menos, durante 2 ciclos de cría, matando tanto a adulta que hai fóra sobre as abellas como a que está dentro da cría.

O fondo sanitario debe estar colocado durante, como mínimo, 7 días para poder facer o reconto das varroas que cairon e sexa representativo. Este non deberá estar propolizado, porque deste xeito non serviría para detectar varroa.

3) Contaxe da varroa sobre abellas adultas:

Para isto débese coller unha mostra de entre 100 e 300 abellas adultas, sempre das abellas que están a coidar a cría e mellor de tres cadros distintos.

A continuación metelas nun bote con azucre en po, axitalas e despois verter sobre unha malla que deixe pasar os ácaros, pero non as abellas. Posteriormente faise o reconto, dividindo o número de varroas polo número de abellas e multiplicando por 100.

-Máis dun 3% de infestación: Require tratamento.

-Máis dun 5% de infestación: É preciso un tratamento urxente para evitar a perda da colmea por colapso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información