O consumo de enerxía é un dos custos a ter moi en conta nas explotacións gandeiras. Para reducir a factura da luz, as posibilidades pasan por implantar enerxías renovables ou sistemas de aforro enerxético. Repasamos as principais liñas nas que se pode actuar.
Nunha granxa de leite, os maiores consumos débense ó sistema de muxido (33%) e ó tanque de frío (22%), seguidos dos sistemas automáticos de limpeza (19%). Outros consumos menores son ventilación (5%), iluminación (4%) e outros.
En ganderías porcinas e avícolas, os sistemas de calefacción e refrixeración son precisos para manter as temperaturas óptimas de produción. O uso nestas explotacións de caldeiras de biomasa con pellets permite aforros de arredor do 50% en comparación co gasóleo, tendo en conta que un litro de gasóleo (0,8 euros) equivale a dous quilos de pellet (0,46 euros).
Nos próximos días, publicarase a orde da Xunta de Galicia pola que se convocan axudas para impulsar o aforro enerxético das explotacións gandeiras e agrícolas. Calquera persoa interesada en presentar unha solicitude, poderá facelo a través de firmas especializadas, como Tecgal Enerxías, coa que analizamos a continuación as vías que hai para reducir a factura en granxas de leite.
Oito vías para reducir a factura eléctrica en granxas de leite
1) Implantación de enerxías renovables: solar fotovoltaica e minieólica
A xeración de enerxía eléctrica con paneis solares fotovoltaicos pode reducir a factura en arredor dun 40% nas granxas que teñan robot e, por tanto, un consumo máis continuo de enerxía. En ganderías con sala de muxido, a baixada da factura pode rondar o 20 – 30%.
As instalacións de autoconsumo poden ademais canalizar os seus excedentes de produción á rede para ser compensadas por elo. Pódense facer instalacións sen excedentes, cun dispositivo que evite o verquido á rede, ou con excedentes. Neste último caso, as instalacións pódense acoller a compensación, se cumpren os requisitos, ou vender os seus excedentes no mercado (sen compensación na factura).
En lugares illados, sen conexión á rede, unha opción para complementar os paneis solares fotovoltaicos é a instalación dun miniaeroxenerador eólico.
2) Preenfriamento do leite
Tralo muxido, o leite está a 35º C, polo que debe ser arrefriado o antes posible para manter a súa calidade e propiedades organolépticas. O tanque de frío baixará a temperatura ata 6º C, pero se antes de chegar ó tanque de frío, pasamos o leite por un intercambiador de calor situado á entrada do tanque, logramos que ceda parte do seu calor a outro fluido (normalmente auga), co que conseguimos que o leite entre no tanque a unha temperatura de 15-20º C.
Esa menor temperatura de entrada no tanque supón aforros de consumo do grupo de frío de arredor dun 25%. Mellórase así ademais a calidade do leite, en tanto que a auga quentada no intercambiador de calor pode usarse para limpeza ou bebida do gando.
3) Recuperador de calor
A limpeza do circuito de muxido e do tanque debe facerse con auga a 60 – 70º C. Para reducir o consumo, pode instalarse un sistema que permita recuperar o calor extraído do leite durante o enfriamento e usalo para prequentar a auga de limpeza.
Con este sistema, pódese reducir o gasto enerxético para a produción de auga quente ata nun 70%, pois por cada litro de leite arrefriado pódense conseguir ata 0,7 litros de auga a 50ºC.
4) Situación do condensador do grupo de frío
O condensador do tanque de frío está habitualmente refrixerado polo aire ambiente. Por tanto, a menor temperatura exterior, menor consumo eléctrico. O emprazamento idóneo do equipo será no exterior da leitería, en lugar sombreado, preferentemente con orientación norte e boa circulación de aire. É tamén importante que estea limpo, sen follas por riba.
5) Variadores de frecuencia
É un sistema para controlar a velocidade de xiro en motores de corrente alterna por medio do control da frecuencia de alimentación subministrada ó motor. Trátase dun sistema de fácil instalación, válido para corrente monofásica e trifásica, e non precisa mantemento.
Nas bombas de baleiro do circuito de muxido, os variadores de frecuencia reducen a sobrecarga de velocidade da bomba, axustándose ás necesidades de muxido. O control preciso do baleiro do sistema mellora ademais a saúde da ubre e a calidade do leite.
6) Batería de condensadores
As baterías de condensadores son equipos que permiten compensar a enerxía reactiva. Que é a enerxía reactiva?. Trátase de enerxía que se consume na granxa, pero que non se aproveita para realizar un traballo útil. Os motores ou as lámparas fluorescentes, por exemplo, adoitan consumir enerxía reactiva, o que supón un recargo na factura eléctrica por enerxía realmente non empregada. As baterías de condensadores proceden a redistribuír a enerxía reactiva para evitar a súa perda.
7) Iluminación LED
A substitución de tubos fluorescentes por leds supón un aforro en iluminación superior ó 50%. Para optimizar a produción e benestar das vacas, a temperatura de color aconsellada na iluminación é de 6050 K, recomendándose que os animais teñan 16 horas de luz diarias.
8) Revisión de factura enerxética
É importante revisar a tarifa contratada, pois en función da potencia que teña a instalación, hai variacións na factura a ter en conta. Se se consume máis do 105% da potencia contratada, a factura encarécese sensiblemente.
Axudas 2021
A orde de axudas da Xunta para a implantación de enerxías renovables no agro e/ou medidas de aforro enerxético é inminente, pois nun Consello da Xunta de decembro xa se aprobaron as bases da convocatoria do 2021. A Xunta prevé destinar un total de 2,5 millóns de euros, que permitirán financiar arredor de 200 proxectos de aforro enerxético e de instalación de enerxías renovables (enerxía solar fotovoltaica, solar térmica, eólica, biomasa, aerotermia, xeotermia ou o biogás).
A contía das axudas será do 30 % do custo elixible no caso de grandes empresas, 40 % para medianas e 50 % para pequenas ata un máximo de 100.000 euros por proxecto e 300.000 por empresa, salvo nas instalacións de autoconsumo colectivo, nas cales se poderán alcanzar os 500.000 euros por proxecto e empresa.
Este ano por primeira vez as axudas serán de concorrencia competitiva co obxectivo de priorizar a implantación de instalacións renovables en explotacións agrarias que carezan delas, así como nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se terán en conta os datos do Instituto Galego de Estatística da renda dispoñible bruta por habitante nos concellos galegos.
Máis información
- Tecgal Enerxías: 982 206 438