Claves para mellorar a rendibilidade das ganderias en ecolóxico

Diversos expertos abordaron recentemente en Vilalba as claves para mellorar a rendibilidade das ganderías de vacún de leite e de carne en ecolóxico, nunha xornada técnica organizada pola cooperativa Campoastur, líder no mercado de pensos ecolóxicos para gando vacún en Galicia

Exif_JPEG_420

Realizar un plan de fertilización, mellorar a produción de herba para pastoreo como principal fonte de alimentación, racionalizar o consumo de penso e apostar por razas rústicas e polas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías para o manexo do gando, son algunhas das claves para mellorar às contas das ganderías de vacún en ecolóxico neste momento e de cara ao futuro.

Así se puxo de manifesto na xornada técnica organizada recentemente en Vilalba pola cooperativa Campoastur, líder no mercado de pensos ecolóxicos para gando vacún en Galicia a través da sá marca Ecofeed, e que reuniu a arredor de medio cento de produtores.

Como non podía ser doutro xeito, un dos temas de debate da xornada foi a denegación das axudas por parte da Xunta a máis da metade das solicitudes en ecolóxico na convocatoria 2022, que xunto coa suba do prezo do penso, e a falta dun diferencial substancial no prezo do leite e da carne coas ganderías que están en convencional, levaron a que este ano o ambiente sexa pouco optimista entre os produtores do sector.

Neste sentido, Javier Fernández, director técnico de produción animal de Campoastur, incidiu en que esta situación é conxuntùral, especialmente na problemática das axudas -a Xunta comprometeuse a incrementalas a partir deste 2023 para atender a todas as solicitudes- pero tamén para o prezo do penso. “As previsións son que a partir de xuño os prezos volvan a unhas condicións normais no penso, porque houbo un importante incremento das sementeiras de cereais de inverno en ecolóxico en Europa, e en concreto en España, que é de onde nos abastecemos de materia prima fundamentalmente”.

Ademáis, lembrou que “as perspectivas da Comisión Europea son que para o 2030 o 25% da superficie agrícola da Unión Europea estea en ecolóxico -actualmente en España está no 9%- e para iso está sacando normativas pero tamén acompañándoo de recursos económicos”.

Plan de fertilización para as pradeiras en ecolóxico

Un dos factores que máis preocupa aos produtores cando se pasan de convencional a ecolóxico é o descenso da produción das pradeiras e a ausencia de fertilizantes químicos.

Neste sentido, Joan Alibés, xerente de Beealia, subliñou que “temos que escapar da idea de fertilizar como cando a gandería estaba en convencional”. “Hai que comezar por definir unha estratexia de fertilización clara, porque se ben nos primeiros anos de conversión as producións mantéñense bastante ben porque aínda queda nas pradeiras da fertilización convencional, acabamos caendo en problemas de fertilidade e de baixada da produción, porque queremos gastar o mesmo que cando estábamos en convencional pero os abonos en ecolóxico son máis caros e acábase fertilizando menos”, advertiu.

Como punto de partida, Joan Alibés incidiu na importancia de realizar analíticas dos solos para coñecer as súas necesidades e realizar encalado para que os nutrientes estan disponibles para as plantas. “No CIAM dispoñemos dun programa de recomendacións de encalado, o REN, que nos indica claramente que a partir dun 10 ou 20% de saturación de aluminio -indicaránolo a analítica de solo- é preciso encalar”, lembrou.

A partir de aí, deberíamos abonar priorizando os xurros e estercos da propia explotación, para aforrar custos de produción, pero non descoidando tanto a almacenaxe dos mesmos -fosas e esterqueiras cubertas- como o momento de aplicación -mellor enterrado e aplicado pola tarde e con tempo húmido- para non perder valor fertilizante, especialmente nitróxeno.

A modo de exemplo, nas pradeiras para aproveitamento a dente e a sega, para obter unha produción de 10 toneladas de materia seca por hectárea e ano -algo que en convencional deberíamos lograr con 160 kg de Nitróxeno, 100 de fósforo e 120 de potasio mineral- precisariamos entre 40.000 a 50.000 litros por hectárea de xurro de vacún, cun valor fertilizante medio de 3.7 Kg de N/m3 , 0,7 kg de P2O5/ m3  e de 3.6 kg de K2O/ m3 de xurro.

En prados destinados exclusivamente para pacer as vacas, e en xeral para producir herba a menor custo, as necesidades de fertilización tamén baixan: 80 kilogramos de N, 50 de P e 60 K en convencional, que para unha produción en ecolóxico se cubrirían con entre 25.000 e 30.000 litros de xurro.

campoastur beealia

Outras fontes de fertilizantes para pradeiras en ecolóxico: Estercos, rocha fosfórica e sales potásicas

En canto, ao abonado de pradeiras en ecolóxico con outros estercos -fundamentalmente de avicultura- Joan Alibés recomendou “sempre analizalos, aínda que os comerciais que se venden solen resultar moi caros en relación ás unidades fertilizantes que achegan”.

Respecto aos inorgánicos, os únicos que están permitidos en agricultura ecolóxica son a rocha fosfórica (0-28-0) e o sal potásico (0-0-60). “No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo fixemos un ensaio sobre a incorporación da rocha fosfórica aos solos galegos e o resultado foi basante pobre, porque o tipo de parcela igual non era o máis axeitado. Pola contra, en Nova Zelanda aplícase de forma moi común nas pradeiras e cunha liberación lenta de entre 5 e 6 anos”, precisou o técnico de Beealia.

No tocante ao sal potásico, Joan Alibés recoñeceu que “o gran problema é atopalo sen tratamento químico”, ao tempo que matizo que “en xeral en Galicia temos pouca necesidade de potasio nos solos”.

Por último, ofreceu unhas recomendacións sobre como recuperar terras a monte ou abandonadas para convertelas en pradeiras, un método moi habitual de lograr aumentar a superficie de pastoreo.

Deste xeito, Joan Alibés lembrou que “a forma máis sinxela de recuperalas se se dispón de tempo e outras superficies de forraxe é mediante o gando, metendo moita carga gandeira e darlle de comer ao gando nestas superficies para pouco a pouco transformalas en pradeiras”.

Pola contra, se urxe facelo en menos tempo, o proceso é máis caro e debería seguir as seguintes fases: desbroce, gradado, encalado (sobre 3000 kilos por hectárea), abonado fosfórico (0-60-0), gradado, sementeira, compactación con rulo e xestión da pradeira o primeiro ano.

No caso da sementeira, -sempre realizala no outono- a recomendación do técnico de Beelia é “sementar unha mestrura de pratenses con moitas especies e rica en leguminosas para fixar nitróxeno no solo”.

Por último, aconsellou que “no primeiro ano non se debería aproveitar a pradeira para pasto ou ensilar pois o que interesa é aportar semente ao solo: soamentes realizar un pastoreo lixeiro para que non medre de máis antes da floración, e logo en agosto hai que pastorear ou segar para que toda a semente caia no terreo”.

Xan Pouliquen: “Hai que facer máis e mellor pastoreo en ecolóxico para mellorar as contas das ganderías”

Pola súa parte, Xan Pouliquen, xerente de Xestión Agrogandeira e Natureza, ofreceu unha análise sobre as previsións de evolución dos custos de produción en vacún en ecolóxico e as estratexias das ganderías para mellorar as súas contas.

Así, en canto aos custos variables asegurou que “o prezo do gasóleo vai seguir subindo, porque o petróleo estase esgotanto; os servizos agrícolas tamén se seguirán encarecendo porque dependen do petróleo, e o mesmo para o penso e a electricidade”. “E nos custos fixos, a man de obra vai subir pola suba do SMI e tamén polos problemas para atopar persoal”, engadiu.

Neste escenario, a súa recomendación para contrarrestar esta suba “é facer máis e mellor pastoreo”. Igualmente, aconsellou elixir razas máis rústicas e “dar menos penso, distribuíndoo mellor para cubrir as necesidades do gando cando o pasto non é suficiente para iso”. Ademais, Xan Pouliquen plantexou se “en vacún de carne en ecolóxico non deberíamos ir a becerros que pesen menos, pero que deixen máis cartos aos gandeiros, porque se ceban sobre todo en base a pasto e con menos penso”.

Por último, recomendou fuxir todo o posible da estabulación dos animais, “pois iso leva a meterse nunha roda de incremento dos custos de produción, pois tes que ter silos, cultivar millo, investir en cemento, en sacar o xurro, fertilizantes minerais…etc”.

Abonos orgánicos con microorganismos para mellorar a fertilidade do solo e colares que axudan a manexar o gando

campoastur innogando

A xornada técnica organizada pola cooperativa Campoastur concluíu con dúas ponencias a cargo de responsables técnicos das empresas galegas Ecocelta e Innogando.

Na primeira, Bárbara Álvarez, responsable de departamento técnico da firma con sede en Ponteareas (Pontevedra), expuxo as solucións de abonado e encalado para a agricultura e gandería ecolóxicas que ofrece Ecocelta.

Neste sentido, puxo en valor que “os nosos abonos orgánicos non poden competir cos químicos en aporte de unidades fertilizantes de NKP pero si en riqueza de micronutrientes e microorganismos que melloran a fertilidade do solo”.

E é que as materias primas que empregan son fundamentalmente esterco de granxas avícolas, restos vexetais, algas das Rías Baixas e cunchas de mexillón. “Damos valor a estes produtos transformándoos en fertilizantes de alto valor mediante compostaxe e vermicompostaxe con miñocas, ofrecendo os nosos abonos tamén en forma de pellet para facilitar a súa aplicación”, subliñou a responsable de Ecocelta.

Por último, Carlota Antelo, veterinaria de Innogando, amosou as vantaxes que achega RUMI, o sistema desarrollado por esta empresa galega e que permite monitorear en todo momento as vacas.

“Permítenos ter un control total do pastoreo de cada vaca, saber se pace, se está enferma, envíanos alertas se saiu da finca, monitorear se remoe, envía un aviso se anda ao boi…En definitiva, podemos ter un historial completo de cada vaca no noso teléfono móvil e ademais cubrir o caderno de pastoreo, unha das esixencias da nova PAC”, detallou.

Ademáis, grazas ás axudas da Xunta e do Kit Dixital os colares RUMI poden sair prácticamente gratis aos gandeiros.

  • Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Campoastur

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información