A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Claves para mellorar a rendibilidade da recría en vacún de leite

Álex Bach, recoñecido experto en recría de vacún leiteiro explicou no seminario online de “Especialistas en novillas” as claves para mellorar a rendibilidade da recría nas gandarías de vacún de leite

Claves para mellorar a rendibilidade da recría en vacún de leite

A Unidade de Rumiantes de Zoetis España organizou recentemente o seminario online para Especialistas en Novillas sobre «A recría e o retorno do seu investimento», impartido por Álex Bach, recoñecido experto en recría de vacún leiteiro.

Como punto de partida, lembrou que “a xovenca non é un custo para unha granxa, senón un investimento, porque son as futuras produtoras de leite e reprodutoras”. Neste sentido, Álex Bach asegurou que o obxectivo para reducir o custo da recría sen comprometer a saúde e o benestar do animal debe ser alcanzar os 580 quilogramos de peso aos 670 días para unha xovenca de raza Holstein, realizando unha pesaxe periódica dos animais para comprobar se imos cumprindo os obxectivos.

Para iso, o experto ofreceu unha serie de recomendacións de manexo e alimentación para acadar esta meta, entre as que destacan:

-”As becerras que medran máis rápido a idades temperás saen máis baratas de recriar”: As tenreiras son moito máis eficientes en índice de conversión de alimentos en ganancia corporal durante os primeiros meses de vida, polo que non debemos escatimar en penso starter e leite maternizado de calidade. “O óptimo de crecemento é lograr unha ganancia de 800 gramos diarios durante os primeiros 55 días de vida, e desta forma o custo da xovenca será menor”, destacou Álex Bach. É dicir, fomentar un bo consumo de penso starter no destete cando a tenreira poderá incrementar máis quilos de masa muscular de forma máis barata reduce o custo da recría.

-Dar á tenreira antes do destete ao redor de 6 litros de leite ao día, equivalente a uns 700 gramos de leite en po. O leite maternizado debe ter un mínimo dun 25% de proteína (de caseína ou de soro de leite), un mínimo do 20% de graxa e a lactosa debería estar por baixo do 45%.

-Como debe ser o penso starter? Debe ter entre un 20 e un 22% de proteína, menos do 15% de fibra, entre un 4 e un 7% de graxa e ao redor de 3 Mcal de enerxía por quilogramo. A presentación en forma de pellet é a máis dixestible e a que mellores resultados dá nesta fase. Ao principio pódese ofrecer nun bol e logo pasar a un cubo.

-Desde os primeiros días de vida débese ofrecer auga limpa á tenreira. Cando empeza a comer starter hai que ter en conta que o animal precisa 4,5 litros de auga por cada quilogramo de penso que coma.

-Tamén desde os primeiros días de vida debemos ofrecerlle palla picada, para que se vaia familiarizando e preparando o rume para o destete.

-Entre 3 e 2 semanas antes do destete debemos ir reducindo a cantidade de leite e a semana anterior reducimos tamén a frecuencia de tomas.

-Alimentación no post-destete: O obxectivo debe ser un rápido crecemento das tenreiras duns 1,2 quilogramos ao día, pois nesta etapa son moito máis eficientes e teremos unha maior taxa de retorno. Para iso, a ración recomendada por Álex Bach é:

Entre os 70 e os 90 días: Un penso cun 20% de proteína e unha enerxía de 2,98 Mcal de EM/Kg e un 17% de NDF (non máis dun 10% de forraxe).

Entre os 90 e os 200 días: Baixar a un 19% de proteína, 2,90 Mcal de EM/Kg e subir a 19% de NDF (un 13% de forraxe).

Entre os 200 e os 260 días: Baixar a un 18% de proteína, 2,85 Mcal de EM/Kg e subir a 26% de NDF (ao redor dun 25% de forraxe).

Durante a xestación, despois dos 420 días de vida da novilla, a súa ración debería ter un 14,5% de proteína bruta, un 2,15 Mcal de EM/Kg e subir a 55% ou 60% de NDF (entre un 70 e un 75% de forraxe).

-Criterios para descartar unha becerra: As tenreiras que padeceron varios procesos de enfermidades respiratorias durante a recría recoméndase descartalas e vendelas para carne, xa que a súa vida produtiva en días en leite será menor. Igualmente, deberiamos descartar as xovencas que tiveron que ser inseminadas 4 ou máis veces, pois van ter menos días en leite e terán un custo maior. As xovencas que abortan tamén deberían ser enviadas para carne.

Seminario online de “Especialistas en novillas”

Para máis información e inscricións, consultar a seguinte páxina web: http://seminariosonlineespecialistasennovillas.com  e os perfís en Twitter (@enNovillasEsp) e Facebook (@Especialistasennovillas) de Especialistas en novillas.

Accede máis contidos en o blog.especialistasennovillas.es
#CuentaConZoetis #ConVosotrosMásQueNunca #GRACIAS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *