Claves para mellorar a calidade do silo de herba

As melloras nutricionais do silo de herba teñen un efecto directo sobre a calidade do leite. Conseguir un produto óptimo para a alimentación do gando é obxectivo, e á vez reto, para o sector gandeiro. Alexandre Udina, veterinario, da unha serie de pautas para mellorar a fase previa do ensilado, a fermentación do silo, ou a súa estabilidade aeróbica

Claves para mellorar a calidade do silo de herba

As melloras pódense aplicar en diferentes partes do proceso do ensilado

As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite Seragro 2021 serviron como marco de referencia para conseguir un silo de herba de calidade.. Alexandre Udina, veterinario especialista en ensilado de forraxes, lembrou que o ensilado enfróntase a unha serie de problemáticas como unha mala fermentación ou unha inestabilidade aeróbica. Os responsables no primeiro caso son a presencia de bacterias, e no segundo caso os fungos materializados en mofos ou levaduras.

Na súa intervención nesta xornada, Udina centrouse no ensilado de raygrás. O veterinario expresou que “este tipo de herba ten unha ensilabilidade media, isto é, máis fácil de ensilar que unha leguminosa, pero máis difícil que un millo”. O ‘lolium perenne’ ou raygrás inglés ten máis folla e menos tallo, o que dá lugar a un alimento máis nutritivo e fácil de compactar que o raygrás italiano. 

A fermentabilidade deste tipo de raygrás ten un contido de azucres que actúan, dun xeito positivo, como substrato das bacterias lácticas para producir ácido durante a fermentación láctica; o tipo máis “interesante e compensado” segundo expresa Udina. Pola contra, a proteína actúa coma un tampón para o proceso, resistíndose a unha caída do Ph, ademais de ser un depósito de clostridios para producir ácido butírico e aminas bióxenas.

 

Pautas previas ao ensilado para evitar riscos na fermentación

 
A fertilización do campo ten o seu efecto no contido de ácido butírico no silo de herba e, polo tanto, influíndo na nutrición dos animais. “Se fertilizamos a pradeira con puríns ou feces frescas os niveis de butírico vanse disparar no silo”, advirte Alexandre Udina. Ademais, o veterinario especialista no ensilado destaca que “é moi importante a fertilización nitroxenada e aplicar ese nitróxeno correctamente”. Este compoñente ben utilizado aumenta os niveis de nitratos no ensilado, facendo diminuír o contido de ácido butírico.

“Se o forraxe contén menos de 1g nitrato/kg MS o risco de mala fermentación aumenta” (Alexandre Udina)

A proporción de nitratos pode desencadear unha mala fermentación

A proporción de nitratos pode desencadear unha mala fermentación

O manexo e aplicación dos xurros, xunto aos montículos de terra nos campos -provocados polas toupas-, afecta directamente á aparición de clostridios. O purín inxectado reduce a contaminación sobre as follas de herba. A nivelación da terra é outro dos métodos para evitar a contaminación por butírico no ensilado de raygrás mediante unha “redución dos niveis de cinzas (terra), clostridio e butírico que mellora a calidade do silo”, especifica Udina.

Existen outras cuestións previas á fermentación do silo que afectan ás mesmas a través dunha inestabilidade aeróbica. Os residuos de millo que despois da súa recolección quedan no pasto e mesturados coa herba afectan ao ensilado. “Procesar ou desbrozar os restroballos de millo é importante para reducir o crecemento dos fungos no silo”, detalla o veterinario.

Localizar o momento óptimo de corte do raygrás é outro punto que destaca na súa intervención nas xornadas Alexandre Udina. Dúas semanas antes do espigado é o momento idóneo para cortar a herba, e así mesmo alcanzar un equilibrio entre calidade e cantidade. A produción, a proteína, e a capacidade de dixestión da materia prima varía moito entre o inicio da folla e o espigado.

A altura de corte da herba e a aplicación dun pre-secado do forraxe son as últimas pautas previas ao ensilado que o veterinario aborda. Axustar a máquina a unha altura de máis de 6cm para sacar os mínimos residuos posibles é fundamental. Por debaixo desa medida a proporción de terra no silo vai ser maior e, polo tanto, de menor calidade. A partir desta fase é necesario proceder cun acondicionado da herba para conseguir o óptimo de materia seca en silo, que é entre un 25 e un 35%. Neste proceso cómpre “facer un pre-secado de 24/48h evitando o volteado, facendo fileiras anchas e usar rotativas acondicionadoras que eviten a contaminación do solo”, adianta Udina.

A altura de corte ten o efecto sobre os niveis de cinzas do silo

A altura de corte ten o efecto sobre os niveis de cinzas do silo

O picado, xunto ao compactado e ao peche, son partes finais do proceso. A lonxitude de picado ten un efecto directo sobre a concentración de ácido butírico no silo. Por debaixo dos 3cm é o óptimo, correspondéndose cunha concentración media de 3,7g/kg Ms. Sen embargo, cunha leve variación do picado, os resultados dispáranse: entre 3,1 e 6cm de lonxitude de corte os niveis de ácido multiplícanse ata case por tres, achegándose aos 10g/kg Ms.

O lonxitude de picado é fundamental para evitar que os niveis de ácido butírico se disparen

O lonxitude de picado é fundamental para evitar que os niveis de ácido butírico se disparen

Na fase de compactado débese ter en conta a densidade e a altura de capa. Ademais do tamaño do picado e do uso de tractores de pisado, outro aspecto fundamental é a altura de capas. “Se facemos capas de 5 a 10 cm sempre estamos polos 200-225kg/m3 de media que é o obxectivo de densidade que debemos procurar nun silo de herba”, afirma Alexandre Udina. Outro dos consellos que engade o especialista é que se deben evitar as ‘barrigas’ no silo, isto é, que a herba ensilada non sobresaia moi por riba das paredes porque dá lugar a partes con diferente nivel de compactado.

O cerrado do silo comprenderíase como a parte final. Neste momento débese facer un peche efectivo tendo en conta certas zonas problemáticas. Na súa presentación, Udina fai fincapé na necesidade de poñer un plástico entre as paredes e o silo para que non se acumule auga e non se produza un proceso de putrefacción. En canto os materiais, o uso de plásticos para o selado aconséllase que sexa de catro capas: un plástico interior de film transparente, un exterior bicolor, sacos de area e lona de protección.

 

Fermentación e apertura do silo

 
Unha vez pechado o silo interesa que o proceso de fermentación se inicie o antes posible. O obxectivo, tal e como o describe o veterinario especialista en ensilado, “é facer un ‘iogur’ de herba, é dicir, que os azucres da planta se transformen en ácido láctico, que así mesmo nos reducirá o pH producindo unha acidificación”, explica Udina. Que función ten esta parte do proceso? Procúrase parar a respiración da planta, reducir a actividade proteolítica, inhibir os microorganismos daniños e aumentar a capacidade de dixestión do forraxe.

A fermentación no silo de herba pode ser de varios tipos diferentes. A única que resulta interesante é a láctica, concretamente a variable homoláctica que aporta unha proporción moi alta de materia seca e enerxía, aproximado 100/99 MS/enerxía. Outros tipos de fermentación que resultan negativos son aquelas que se producen por clostridios, levaduras ou enterobacterias, as cales dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía do silo.

“Cando vemos unha serie de liñas no silo máis escuras, que normalmente cheiran mal, débese a unha mala fermentación que orixina un ‘silo frío” (Alexandre Udina)

“Cando vemos unha serie de liñas no silo máis escuras, que normalmente cheiran mal, débese a unha mala fermentación que orixina un ‘silo frío” (Alexandre Udina)

A apertura do silo implica a entrada de osíxeno. Poida que ata esa fase se producira unha boa fermentación pero que despois existan problemas de estabilidade aeróbica relacionado coa constitución do mesmo ou unhas malas pautas de consumo. Ademais, a distancia de arriba do silo ten un efecto sobre a súa estabilidade. Conforme existe unha maior distancia de arriba do silo, o nivel de compactado aumenta e menos aire pode entrar, dando lugar a un tempo de espera alto para chegar a unha estabilidade aeróbica. Tamén é importante o avance diario da fronte do silo, para o cal Udina aconsella uns 30cm de avance, ou polo menos, non estar dous días ou máis con esta parte sen tocar.

Efecto de distancia de arriba do silo sobre o nivel de compactado e as consecuencias na estabilidade aeróbica

Efecto de distancia de arriba do silo sobre o nivel de compactado e as consecuencias na estabilidade aeróbica

A maior quecemento do silo, maior desenvolvemento de levaduras. Unha vez aberto o silo cómpre determinar os graos do seu interior. O que debe suceder para unha correcta estabilidade aeróbica é que o rectángulo central-alto rexistre maior temperatura que a periferia. Se pasa o contrario é sinal dunha inestabilidade que está favorecendo o avance ou aparición de levaduras, o que leva a unha perda de propiedades.


Posibilidade de aplicación de aditivos

 
O obxectivo de calquera gandería co ensilado é alcanzar a máxima calidade. Para isto, Udina aclarou unha serie de pautas que axudan a conseguir este obxectivo, como un tempo de pre-secado curto ou unha lonxitude de corta e picado determinada. No proceso, tanto previo á conformación do silo como de fermentación, “pode haber deficiencias do forraxe que cómpre compensar, como unha baixa materia seca, un baixo nivel de nitratos, ou mesmo carencias a nivel tecnolóxico, como un compactado insuficiente ou un avance lento da fronte do silo”, explica o veterinario especialista en ensilado.

Ao igual que no ensilado existen dous grandes tipos de problemas relacionados coa calidade da fermentación e coa estabilidade aeróbica, aínda que existen aditivos que melloran estas dúas partes do proceso a través da inhibición de bacterias patóxenas, de levaduras ou fungos. A combinación de ambos tratamentos pódese levar a cabo para mellorar o conxunto do ensilado. Durante a fermentación, pódese incluír nitrito-hexamina ou ácido fórmico para reducir as perdas de materia seca, así como os niveis de butírico. Na segunda fase, pódese utilizar un ‘lactobacillus buchneri’, mellorando o tempo de estabilidade aeróbica que vai ter un silo, e achegándose a unha mellora de 6 días de media, dependendo da materia prima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información