Claves para identificar en campo síntomas de pragas e enfermidades da pataca

O enxeñeiro agrónomo e experto consultor de pataca, Fernando Alonso Arce, explica como identificar algunhas das principais patoloxías que afectan a este cultivo como o pé negro, a alternaria ou distintos nematodos

Publicidade

Fernando Alonso Arce, enxeñeiro agrónomo e un dos maiores expertos a nivel nacional e internacional no cultivo da pataca, participou na Limia (Ourense) nunha xornada sobre pragas e enfermidades deste cultivo. A sesión formativa, organizada polo Inorde e a Comunidade de Regantes da Lagoa, contou coa participación de máis de 70 produtores tanto da Limia como doutras zonas produtoras de pataca como Coristanco, Carballo ou Bergantiños.

No marco desta xornada, que tivo a colaboración da Consellería do Medio Rural e a IXP Pataca de Galicia, tamén se presentou o grupo operativo XIPrisco, Estratexia Sostible para a xestión integrada de enfermidades en cultivos de pataca, financiado pola Xunta a través do programa FEADER 2023/013B, do que forma parte o Inorde, ademais da Universidade de Vigo, a IXP Pataca de Galicia, a Comunidade de Regantes da Lagoa de Antela e agricultores como Leonardo Rodríguez, de Coristanco.

“Este tipo de iniciativas buscan facilitar ferramentas aos agricultores de pataca para que lles permita prever pragas e enfermidades que eviten o seu impacto na produción”, explicou Rosendo Fernández, presidente do Inorde, durante a inauguración da xornada.

A receita para un bo diagnóstico

Alonso insiste en que para realizar un bo diagnóstico da enfermidade que afecta nun momento determinado á planta ou aos tubérculos é fundamental ter en conta varias cuestións:

  • Realizar unha identificación meticulosa en campo.

Á hora de diagnosticar é necesario observar como se presentan os síntomas na plantación. “É moi importante ver se se presentan en rodales, se son plantas illadas, se as plantas afectadas estiveron sometidas a unhas condicións diferentes das do resto da parcela, como pode ser unha zona que quedou asolagada despois de choivas… Toda esta información é moi importante para facer un bo diagnóstico”, explica Alonso Arce.

  • Análise do laboratorio para identificar o patóxeno.

Para Alonso Arce é imprescindible realizar unha análise de laboratorio para coñecer e identificar de maneira certeira o patóxeno que está a causar os danos, xa que en moitas ocasións os mesmo síntomas ou moi parecidos poden deberse a diferentes patóxenos e por tanto ter distintos tratamentos.

Fernando Alonso Arce

O experto Fernando Alonso durante a súa participación nas xornadas con agricultores na Limia.

Síntomas para identificar enfermidades da pataca

Na súa explicación aos produtores sobre algunhas das principais enfermidades que poden afectar o cultivo da pataca, ben sexa directamente á planta ou ao tubérculo, Fernando Alonso abordou desde bacterias, fungos, virus ou nematodos.

Ademais a xornada completouse cunha visita ao campo experimental do Inorde para identificar no terreo algúns dos problemas sanitarios que poden afectar á pataca e que se explicaron de forma teórica.

BACTERIAS

– Marchitez bacteriana ou podremia parda. Está causada pola Ralstonia solanacearum, que bloquea os vasos da planta, o que obstaculiza o transporte de auga e provoca a marchitez da planta. “Pode que en Galicia non se vexan aínda plantas afectadas, pero en Castela e León é común que cada verán se produzan casos”, apunta Alonso.

Trátase dunha praga de corentena, polo que para o seu control deben aplicarse medidas drásticas. “O problema é que a bacteria se mantén no campo na Solanum dulcamara, que actúa como vector e estas plantas son moi comúns en zonas próximas a ríos en Castela e León, polo que é frecuente que os ríos terminen contaminados”, explica o experto. Así, en países como Holanda, un importante produtor de pataca, debido a esta contaminación teñen prohibido regar con augas superficiais as plantacións de pataca e deben facelo con auga de pozos.

Podremia anular bacteriana. A bacteria Clavibacter sepedonicus está detrás da enfermidade. Tamén se trata dunha praga de corentena. Os principais síntomas son o enrolado das follas cara arriba, un síntoma que tamén poden manifestar as plantas afectadas por pé negro. Ademais, nos tubérculos o anel vascular termina podrecido.

-Pé negro. Causado por Pectobacterium sepedonicus, o pé negro toma o seu nome debido a que a parte baixa da planta adoita terminar negra e podrecida. Os primeiros síntomas aparecen na propia semente partida, onde aparece unha mancha con moco que vai ampliándose de fóra cara a dentro ata que podrece por completo o tubérculo.

“A pataca nai podrece e vai podrecendo o pé da planta que termina por verse negro”, explica Alonso Arce. Así, no campo provoca fallos de nacencia. “Nas fases máis iniciais, as plantas mustian nas horas centrais do día e os seus foliolos terminan enrolados, mentres que coa chegada da noite vanse recuperando. O problema é que segundo avanza a enfermidade, a planta xa non consegue recuperarse ao final do día”, explica Alonso.

FUNGOS

– Rizotonia. Está causada polo patóxeno Rhizoctonia solani. A súa aparición está asociada ao exceso de humidade e provoca chancros na base do talo. Nalgúns casos, o ataque é tan forte que chega a cortar o talo. Outros síntomas que identifican a presenza deste patóxeno son a aparición de tubérculos aéreos, xa que ao non poder as raíces fornecer de auga e alimento á planta, as patacas saen na parte aérea, que brotan antes de tempo e póñense verdes.

-Verticilose. Débese á presenza do Verticillium dahliae. Na campaña pasada, A Limia viuse seriamente afectada por este patóxeno. “O problema é que na actualidade en España non hai ningún produto específico autorizado para combatela”, sinala o experto.

Entre os síntomas máis característicos destaca que a planta toma unha aparencia apalmeirada. “É moi típico que o anel vascular dos talos se escureza, debido a manchas marróns. Tamén é característico desta enfermidade que nun talo, unha metade se seque e a outra se manteña sen danos. Precisamente debido a esta aparencia de seca, unha das prácticas máis habituais ao ver as plantas neste estado é regar máis, aínda que lonxe de axudarlle contribúe a empeorar o problema.

“É habitual que estes síntomas aparezan despois de chover moito e que o terreo quede encharcado. Precisamente, unha das prácticas recomendadas é traballar a terra para aireala”, explica Fernando Alonso.

Esta afección provoca a morte prematura, de maneira que a planta morre 1 mes antes de tempo. “En ocasións para paliar os seus efectos achéganse aminoácidos, pero tampouco é unha gran solución, xa que é probable que xurdan dobres crecementos”, recoñece Alonso.

-Podremia seca. Provocada por distintas especies de Fusarium. É un tipo de podremia seca que avanza cara ao interior do tubérculo. Prodúcese sobre todo cando a pataca leva golpes, ben sexa no arrincado ou a almacenaxe. “É un problema de manexo, cando se producen feridas na pataca”, explica o experto.

VIRUS

A transmisión dos virus á pataca prodúcese por pulgones, que actúan de vectores ao picar unha planta enferma e logo contaminan todas as plantas que pican. Entre os virus máis habituais atópase o virus Y e as súas distintas variantes.

Entre as distintas variantes, a 0 é a máis fácil de identificar, xa que as plantas afectadas non producen tubérculos. A variante C é a que menos síntomas provoca, apenas manchas amarelas na folla e en ocasións os tubérculos nin se ven afectados, aínda que hai variedades como a Monalisa que son moi sensibles. Tanto na variante C como N para identificar estas leves manchas amarelas o experto recomenda colocar os foliolos sobre unha folla de papel branca para poder corroborar a súa presenza.

Na variante NTN do virus Y, as plantas afectadas teñen danados os tubérculos, en concreto aparecen ampolas en círculo ata que o tecido morre por completo.

NEMATODOS

Nematodo do quiste. Existe en toda España. Hai dúas especies, aínda que a Globodera rostochiensis é a máis frecuente. Na planta é difícil de ver, a pesar de que poida verse un rodal danado das plantas. O método para identificala de maneira certeira é en laboratorio.

Nematodo de nódulos ou agallas. É o único nematodo que está considerado como unha enfermidade de corentena, mentres que os outros afectan á calidade da pataca. En Galicia case non se detectou a presenza desta enfermidade. Na planta non se ven síntomas, pero no tubérculo aparecen nódulos.

Nematodo da podremia da pataca. En Europa Central é moi común. En España non se detectou, pero en parte porque é moi difícil identificalo no laboratorio, sobre todo en semente importada. Os síntomas máis evidentes é que a pel se levanta un pouco. Trátase dun verme que fai galerías no tubérculo que logo se acentúan e provocan podremia.

Outras afeccións

Avelaíña guatemalteca. As primeiras plantas afectadas detectáronse nas Illas Canarias no ano 1999. Nese momento adoptáronse medidas moi laxas e estendeuse a outras illas. “En Galicia está a combaterse moi ben. Foron medidas traumáticas, porque se prohibiu o cultivo durante 2 anos, pero está a controlarse a praga. Son medidas moi acertadas”, valora o experto.

Nesta praga, os síntomas vense unha vez que se arrincan as patacas, que están afectadas por podremia, xa que a planta mantense aparentemente sen outros síntomas.

Verme gris ou maldorme. Trátase dun verme gris que corta o talo. “Trátase dun verme que se despraza pouco, polo que ó detectar a planta cortada débese escarbar na terra para localizalo e confirmalo”, detalla Alonso. Ademais é recomendable realizar os tratamentos á noitiña.

Verme de arame. Nos últimos anos combater este verme resulta máis difícil, xa que boa parte dos produtos que se utilizaban para atallalo fóronse prohibíndose. Unha das formas para facelo é aireando a terra, xa que as larvas vense afectadas pola calor.

O risco da punta morada

Unha das enfermidades a nivel mundial que máis preocupa no sector é a coñecida como punta morada ou zebra chip. Toma estes nomes polos efectos que causa ben sexa na planta, ao tomar as follas ese ton morado ou o tubérculo presentar un cebreado escuro. Está producida pola bacteria Candidatus liberibacter solanacearum.

“É á que máis atención se lle está a prestar a nivel mundial nestes momentos xa que hai problemas en países produtores como Estados Unidos, Ecuador, Perú, Australia ou Nova Zelandia”, indica o experto. Polo momento, en Europa a penas se detectaron plantacións afectadas e as que resultaron danadas debeuse a outras vías de contaxio, por fitoplasmas, aínda que hai preocupación porque tamén se estenda ao continente e desde a UE xa están a financiar proxectos para atallar a súa expansión e combatela.

Cando a enfermidade está xa avanzada, os foliolos da cima da planta terminan morados, chega un momento en que a planta se seca e provoca que haxa tubérculos aéreos. Antes de chegar para estes efectos, as patacas nai quedan duras e as plantas quedan raquíticas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información