A enxertía é a unión de dúas plantas mediante unha operación física que consiste na inserción dun anaco dunha na outra. A planta receptora, ou sexa a que vai aportar o sistema radicular, leva o nome de patrón ou portaenxerto.
O anaco da parte doante, procedente da parte aérea, que se insire no patrón recibe o nome de enxerto. A forma deste anaco e as datas de realización da enxertía van depender tanto dos métodos empregados como das “querencias” das distintas especies. Nas especies de folla caduca, entre as que está a videira, hai as opcións de enxertar en inverno ou coa vexetación en desenvolvemento.
En canto á feitura do enxerto, pode tratarse dun anaco de vara, portante dunha ou máis xemas, que se labra na parte inferior e que recebe o nome de puga. A maioría dos métodos de puga non precisan de que o patrón solte a pel. As excepcións son os de coroa e algunhas pugas laterais, pouco empregadas na enxertía da videira.
Tamén pode ser unha xema só, acompañada dun anaquiño de madeira; é o escudete, tamén coñecido como ollo ou burbulla. Segundo épocas e métodos, esta madeira pode ser conservada ou ben separada, ficando soamente a pel.
Nalgúns métodos á xema é acompañada por un anaco de pel máis grande, con forma de cadrado ou rectángulo. Esta variante de escudete é coñecida como chapa ou placa, moi usada en cítricos e diversas plantas tropicais.
As enxertías en escudete precisan de que o portaenxerto permita separar a casca da madeira. A excepción é o método mallorquín ou chip-bud, empregado na viña e outras froiteiras, que describiremos máis adiante.
A necesidade de inserir unha determinada variedade ou especie vexetal pode obedecer a varios motivos:
-Aumentar ou diminuir (segundo conviñer) o vigor en relación ao que lle proporcionarían as raíces propias.
-Posibilidade de realizar plantacións con determinadas especies e/ou variedades de plantas en solos cunhas características químicas ou estruturais que dificultarían que as raíces prosperasen.
-Capacidade de vexetar en solos contaminados de patóxenos grazas á resistencia das raíces do patrón.
Hai casos nos que patrón e enxerto son da mesma especie e outros en que pertencen a especies próximas pero diferentes. Sempre debe haber unha compatibilidade suficiente para permitir que este transplante vexetal poida ser viable.
A enxertía salvou aos viñedos europeos da desaparición
Na videira europea (vitis vinífera) a enxertía foi a táboa de salvación ante a invasión dun insecto chupador, a philloxera, a finais do XIX. Este pulgón norteamericano está en coexistencia coas especies de videiras nativas de alí. Resultado dun proceso de adaptación mutua de moitos milleiros de anos.
A enxertía cumpriu a súa misión, pero tivo e continúa a ter algúns problemas:
-É un transplante, e nalgunhas combinacións patrón-enxerto co paso do tempo ou en situacións de grande stress poden xurdir deficiencias de afinidade. É difícil que unha planta enxertada chegue a durar tanto como outra en pé directo (enténdase esta en hipotética ausencia de philloxera).
-As raíces americanas proceden de distintos puntos de Norteamérica (actual Sul dos USA), con diferentes terreos e mesoclimas, que non teñen por que parecerse aos europeos de destino.
-A maioría dos portaenxertos actuais son resultado de hibridacións entre distintas especies desas vitis americanas (principalmente riparias, rupestris e berlandieris) e mesmo con participación de seiva de vitis vinífera nalgúns deles.
Estas hibridacións procuraron a mellora da compatibilidade entre as castes e os patróns. Foron aumentando as opcións a efectos de escoller as combinacións de vigores e ciclos vexetativos máis axeitadas en relación aos requirimentos das diferentes castes e terroirs vitícolas.
Fóronse aproximando aos obxectivos, pero non de todo. Boa parte das seleccións feitas ata a actualidade priorizan unha resistencia aceptable á caliza. Sen embargo, a maioría das viñas galegas están en terreos ácidos, co que a escolla de portaenxertos fica máis restrinxida.
Os métodos de enxertía invernal na videira son varios. Imos mencionar os de cuña en cabeza, os de cuña lateral, os de espello (ingleses) e o mallorquín ou chip.
A) Enxerto de cuña:
Sen dúbida o enxerto máis estendido e coñecido en toda Galiza, non só para a viña, senón tamén para outras especies froiteiras, e o de cuña. Nas terras de viña, segundo que zonas, faise de dous modos.
-Nas viñas baixas, que conforman a maioría dos territorios vitícolas galegos, a unión do enxerto fica a uns 4-8 cms. sobre o ras do chan.
-Nas parras e outras formacións altas, comúns no sur da provincia da Coruña e na de Pontevedra, é frecuente que as enxertías se fagan máis elevadas respecto ao chan.
Esta enxertía recebe o nome de cuña porque unha vez labrada a base da puga, o resultado aseméllase a unha pequena cuña alongada.
Para conseguir os dous cortes iguais e perfectamente rectos que deben ter as pugas en cuña, as mellores navallas son as que se afían por unha cara e se asentan pola outra, a modo de trencha. A navalla debe manexarse de tal maneira que a parte plana da folla entre do lado da madeira e non ao revés.
A puga pode levar unha só xema, pero no caso da viña o habitual é deixar dúas.
Neste método de enxertía o portaenxerto, que os viticultores chaman bravo, féndese polo medio. Se é dun ou dous anos, a propia navalla fai perfectamente o seu cometido.
Cando se trata de reenxertas en videiras adultas, se a navalla que usamos se fai pequena, pode ser precisa outra máis grande, ou outro instrumento máis robusto para fender. Un bon coitelo de ferreiro pode servir. Unha machadiña moi ben afiada tamén é útil para fender patróns grosos e duros.
Enxertadores profesionais que reenxertan cepa adulta ou cando ademais da viña traballan con froiteiras de madeira grosa e dura, utilizan un artiluxio de ferreiro que ven sendo un coitelo abridor que nunha das beiras leva soldada unha pletina coa punta rematada en forma de cuña. Esta pletina ten por obxecto manter aberta a fendedura do patrón en canto se colocan comodamente as pugas. Un desparafusador de punta plana ou unha rama de buxo (que ten a madeira moi dura) labrada en cuña na súa punta serven para o mesmo cometido.
Cando á navalla ou coitelo lles custa entrar a fender un patrón de madeira moi dura, uns golpes cun macico de madeira facilitan a operación. Martelos ou mazos de cabeza de aceiro poden valer ou non, dependendo de cal sexa o aparello fendedor sobre o que van bater. Se é unha machadiña non hai problema, pero se é unha faca poden desformar a cota da folla.
A importancia do cambium no enxerto en cuña
Se o patrón é máis groso que a puga, esta colocarase encostada a un lado da fendedura, nunca no medio e medio. A razón está en que é precisamente na entrecasca onde se sitúa o cambium, capa xeratriz dos novos tecidos que van formar a unión. Ao inserir a cuña na fenda, os cambiums deben coincidir ao menos por un lado.
Caso de que a sección do patrón e a da puga a inserir teñan o mesmo diámetro, o contacto será máis completo, porque haberá coincidencia de cambiums das dúas bandas da cuña coas correspondentes da fenda.
Cando o patrón é suficientemente groso , poderanse colocar dúas pugas, encostadas ás bandas da fenda para que coincidan os cambiums de senllas partes de fóra.
En reenxertías sobre patróns de moitos anos, convén fixarse na casca, que pode estar bastante engrosada. Na parte exterior do ritidoma vanse acumulando capas de material seco (corcho). Compre limpar con coidado ata que apareza á vista a epidermis viva do portaenxerto e así colocar a puga no sitio exacto para buscar a mellor coincidencia dos cambiums. Con boa vista (ou bos óculos de cerca nos veteranos) non fai falta sacar a casca morta, pero eu aconsello a quen se inicia que si o faga.
Non é recomendable inserir pugas en portaenxertos de sección máis delgada. Pódese xogar co feito de que ás veces as seccións das madeiras non son exactamente cilíndricas senón máis ben elípticas para así buscar a acomodación oportuna para a plena coincidencia dos cambiums puga-patrón.
De calquera maneira, se un pé de portaenxerto se aprecia feble na altura en que se anda a enxertar e sempre e cando non se deba a enfermidades da madeira, feridas de maquinaria ou calquera outro accidente que recomende reemprazalo), o mellor é agardar a que engrose un chisco.
Pés que aínda non serven para enxertar no inverno poden estar a punto para outros métodos a finais da primavera. Aínda que así non sexa, non pasa nada por agardar un ano máis. O que hai que facer é atender moi ben eses pés atrasados para que vaian desenvolvendo o seu sistema radicular e así írense igualando aos outros.
Cando plantamos unha viña con barbados (portaenxertos enraizados), o acondicionamento do terreo debe ser igual de bon que se o fixésemos con planta enxertada. Os coidados a dar na viña ata o momento da enxertía tamén deben ser os mesmos, agás o da aplicación de funxicidas, que normalmente os bravos non precisan. Deste modo, os barbados arrancarán con máis forza, a plantación será máis homoxénea, e ao ano seguinte a maioría estará pronta para o enxerto.
Non obstante, pode acontecer que esteamos ante unha viña de forte pendente, de solo pobre e cunha exposición ardida ao sul-poñente. Tamén que tras a plantación xurdan unha primavera e verán extremadamente secos. En fin, que os barbados desenvolvan menos do que se esperaba. Nestas situacións adversas non é raro que haxa que agardar dous anos despois de plantar para comezar a enxertía.
Aínda así, o resultado non vai ser peor en comparación á plantación con bacelo enxertado. Ao contrario, o bravo vai aguantar mellor as condicións adversas que unhas plantas de viveiro que cada día serven máis curtas.
“A día de hoxe hai demanda de enxertadores profesionais”
Tendo que esperar dous anos, e aínda que ficase algún resto para enxertar no terceiro, nada se atrasa porque o que realmente importa é que mentres se espera se vaia formando un potente sistema radicular no solo.
A día de hoxe o peor da enxertía no campo está na dificultade de contratar o servizo de bos profesionais, escasos e por tanto moi solicitados.
A climatoloxía das semanas que seguen á execución dos enxertos de inverno varía de ano en ano. Hai que contar con que nestas datas van vir días de choiva e de frío, as veces coincidentes e con persistencias maiores do que quixésemos.
Cada zona e cada viña teñen as súas peculiaridades. Alí onde sexa habitual enxertar en campo, a experiencia dos viticultores máis veteranos vai ser de enorme utilidade.
Lembrar que aínda que a cuña de inverno é o método máis extendido, hai outros que imos describir máis adiante, que en certos casos van ser de interese para substituír ou combinar con el, segundo se atopen en cada caso os portaenxertos e a viña. A maiores aínda fica a oportunidade de complementar cos métodos de primavera-verán.
As ataduras das cuñas
Cando o portaenxerto é groso, as cuñas (sempre e cando fosen ben labradas e ben colocadas) fican moi apretadas pola propia fendedura, sendo practicamente innecesario atar. Aínda así, é mellor facelo, porque unha boa atadura sempre é unha defensa máis en caso de roce de animais ou calquera outro evento que poida movelas.
Os vimbios cando os patróns son grosos, e a rafia nos de diámetro normal, son os materiais tradicionais de atar as cuñas máis usados polos nosos enxertadores.
Desde tempos máis recentes, o uso de bandas de fita elástica de caucho natural (flexiband) está a estenderse neste método de enxertía.
A tensión de apretado debe ser a xusta para evitar que as pugas se movan. Coa flexiband hai que ter moito tento, porque é capaz de facer unha grande presión, chegando á estrangular. Nos de inverno é menos probable que pase isto. Si o é máis adiante, cando se opera en enxertías con compoñentes herbáceos.
A flexiband é biodegradable á intemperie. Isto é aplicable a enxertos aéreos en que a fita fica descuberta. Pero non o é cando está tapada con terra ou calquera outros elementos que priven a entrada dos UVA. De ser así cando o patrón engrosa pódese producir unha “cintura” estranguladora. Antes de que iso aconteza, é mellor soltar a goma, volvendo a atar, con menor presión, se for necesario. As bolsas de flexiband deben gardarse na escuridade para que as fitas se conserven en bon estado.
A cobertura das pugas
Ten por obxecto protexer da desecación a ferida da enxertía e as propias pugas. O material empregado normalmente é a terra da mesma viña. Só se houbese moita pedregulla ou fose excesivamente barrenta sería conveniente traer un remolque con outra terra máis indicada para cubrir.
A terra debe tapar, evitando así a desecación. Ao mesmo tempo ha de estar esponxada, para evitar que as pugas abafen. Por esta razón, ao ir achegando e apousando a terra para facer os montículos, xamais deberá ser calcada.
As terras barrentas, por efecto de choivas abundantes seguidas de días de sol forte, teñen tendencia a dilatar e contraerse, formando gretas por onde entra o aire, podendo afectar á mesma unión. Se as pugas non estivesen firmemente atadas, poderían moverse por causa destes movementos da arxila. Neste tipo de terreos os enxertadores normalmente acugulan montículos moi grandes, tapando os dous ollos da puga. A razón estriba en que deste modo a costra externa protexe o interior do montón, tal e como a casca do pan protexe o miolo, cousa que non pasaría cun montículo pequeno.
Aínda así, se as inclemencias propician a aparición dunha costra moi grosa e dura, é conveniente desfacela con mimo para non tocar as pugas, cun sachiño ceboleiro. Esmigállase a terra coas mans e recolócase, para recuperar o aspecto grumoso, mellorando a “respiración” do montículo, imprescindible para o éxito da enxertía.
As terras areosas non teñen estes problemas. Airean moi ben e os movementos de contracción-dilatación son moito menos acusados que nas barrentas. Ao facer o montículo, pódense tapar os dous ollos da puga, pero xeralmente chega con que se cubra ben o primeiro. Ao seren menos consistentes, sobre todo se a porcentaxe de área é moi elevada, é fácil que despois dunha choiva forte se desmorone parcialmente o cumio dos montículos, podendo ficar as unións ao aire. Haberá que refacelos inmediatamente, antes de que un sol forte ou un vento secante estrague o traballo.
Os tubos de plantación
Despois da popularización dos tubos de plantación, hai quen os usa para protexer os enxertos, acugulando dentro e arredor dos tubos. Sempre que a terra estea ben esponxada, e que as choivas non provoquen empozamentos dentro dos tubos, o resultado debería ser bo. Se non son porosos, será conveniente colocalos un chisquiño levantados sobre o nivel do solo para que a auga excesiva evacúe polos fondos.
Nas devanditas viñas de pedregulla ou con terras menos apropiadas para cubrir, que precisan carretar terra de fóra para cubrir os enxertos, se a cantidade necesaria fose moita existe un modo de aforrar. Pode ser co uso destes propios tubos. Ou ben preparar unhas bandas de plástico normal, que se van recortando á medida e logo grapando. Deste modo fican uns cilindros semellantes aos devanditos tubos. Estes cilindros colócanse de xeito que os enxertos queden dentro deles. Cunha paleta semellante á dos tendeiros estes tubos vanse enchendo coa terra doce. Despois, co sacho, achégase arredor a terra da propia viña. Este xeito de operar é bastante estendido nas terras xistosas do Douro. Creo que alí xa se conseguen plásticos feitos á medida. Para cantidades pequenas, tetrabriks recortados cumprirían a función.
Para os enxertos de videira feitos en alto, a protección con cucuruchos é o máis usual. Cucuruchos que son frecuentes de ver en Galiza ademais de nas parras, en enxertos de maceiras, pereiras, ameixeiras, cerdeiras e outras froiteiras. Improvísanse materiais varios: cartóns, botellas de plástico invertidas as que se lles cortou o fondo, etc.
Nas viñas altas os enxertadores profesionais o que máis están a utilizar son bandas de plástico, que van recortando na medida necesaria. Xa na planta, danlles a forma de cucurucho e afírmanas atándoas ao patrón para que cumpran co seu cometido.
A terra ha ser solta, opcionalmente pódese colocar un pouco de musgo no fondo do cucurucho. A terra chegarase ata case a cima, debendo cubrir ao menos o ollo inferior da puga e ha de ter humidade suficiente (lentura). En caso de choivas fortes o cucurucho deberá ter capacidade para evacuar o exceso de humidade acumulado, facéndolle uns buratiños na base para purgar se for necesario.
Os cucuruchos acostuman ir ben na enxertía invernal da viña en lugares de marcada infuencia marítima
Os cucuruchos acostuman ir ben na enxertía invernal da viña en lugares de marcada infuencia marítima. Hai máis humidade ambiental e a oscilación térmica é menor. Pero non por isto se debe esquecer que o volume de terra que conteñen é moi escaso. Igual que hai que ter conta de que non se encharquen nin que baixe o nivel da terra, compre estar atentos a que non se resequen cando xorden períodos de tempo seco e quente, regándoos cando fixer falta.
Terras de cobertura que posúan boa porosidade, ademais de proporcionar a osixenación necesaria, contribúen á evacuación do exceso de humidade cando na post- enxertía xorden as temidas choivas persistentes, e peor aínda se estas veñen frías.
Nos enxertos baixos, cando non hai suficiente filtración, as pugas poderían chegar a asfixiarse dentro dos montículos, malográndose todo o traballo. Esta incidencia ten máis posibilidade de ocorrer canto máis chaira sexa a parcela e canto máis forte sexa a terra. Eis a importancia da meticulosidade en todo o proceso.
Hai que evitar a toda costa o encharcamento dos enxertos
En enxertos feitos sobre patróns vigorosos, especialmente se os segundos teñen máis dun ano de plantados e están plantados en terreos fértiles, e aínda máis se coinciden primaveras de moita auga, afloran “manantiais” de seiva polo corte que inundan as unións, enchendo de humidade os montículos. Velaí a importancia de que a terra de cobertura teña unha boa estruturación á hora de evacuar o exceso de auga, evitando encharcamentos nefastos.
Outros anos pode acontecer todo o contrario, que lle dea por non chover e por riba viren moitos días seguidos con picos de altas temperaturas coincidentes con ventos resecantes. Nesas circunstancias é vital manter a lentura no interior do montón, para non malograr o proceso de unión. O perigo é maior cando o bravo é novo, do ano anterior.
Repartindo auga cunha mangueira, conectada á cuba do atomizador do tractor, aplicada en gotas finas e presión reducida para non afectar á estrutura dos montículos, fanse milagres. Alí onde estea instalada a rega gota a gota o problema aínda é máis cómodo de solventar.
Vou transcribir o que me dixo un vello enxertador hai moitos anos:
“Leva un balde de auga e un vasiño. Na cima do montículo, no medio e medio, fas un buratiño redondo, máis ou menos do tamaño dun ovo, con moito tento para non mover as pugas. Colles o vaso cheo de auga e baléiralo moi lentamente. Refás o montículo e pasas ao seguinte…..” .
Deste modo tan simple, a humidade baixa directa ao “corazón” do enxerto, saíndo da apurada con moi pouco gasto de auga.
Os montículos ben feitos crean un microclima ideal para a formación do calo de unión
Os montículos, se están ben feitos, crean un microclima ideal para a formación do calo de unión. Non só é a defensa contra o reseco, senón o equilibrio osixenación-humidade, así como unha relativa protección contra as excesivas oscilacións das temperaturas exteriores.
Eu teño feito enxertías de cuñas de inverno protexidas con diversos mástics, tanto comerciais como caseiros. Con outras froiteiras foime ben con moitos deles, pero no relativo á viña o que me ten dado mellor resultado, con grande diferencia, é a cobertura con terra.
A cuña con ombros é unha variante que á vista parece máis perfecta. Sen embargo, a conclusión máis clara que tirei é que me levaba máis tempo labrar a puga. Relativo aos resultados de prendemento non vin diferencias significativas. Por isto mesmo só a labro con ombros en moi contadas ocasións.
Como manifestei anteriormente, as bondades invernais cambian dunhas zonas a outras. E os invernos veñen distintos cada ano. Con estes condicionantes, as datas ideais poden oscilar entre mediados de febreiro e fins de marzo, podendo prolongarse por abril adiante no caso de que o mal tempo tivese impedido rematar antes.
As xemas das pugas deberán estar pechadas. Porén, cando se enxerta sobre patróns potentes, o feito de que dentro dun feixe de varas haxa algunhas xemas que estean querendo hinchar polo xeral non vai supor un grande prexuízo. A razón está en que o gromo que acostuma a rebentar na xema é o procedente do seu cono principal. Pero ademais, dentro desa mesma xema, están os conos secundarios que o rodean, permanecendo durmidos, pero que actúan como suplentes dispostos a rebentar cando o principal se malogra por calquera motivo. Hai veces en que rebenta máis dun cono por xema, pero non é o habitual.
“As datas ideais para enxertar van ata finais de marzo e mesmo abril”
Hai portaenxertos que agroman moi cedo. Se na altura de executar a enxertía, vemos que hai algún bravos agromados, isto non acostuma ter maior inconveniente. Isto non quer dicir que se poida pospor a enxertía de cuña indefinidamente. A maioría dos enxertadores non lles presta enxertar en cuña cando o bravo separa a casca. Para entón están outros métodos que van mellor.
Como no inverno as choivas son ou deberían ser o normal, a tendencia aos encharcamentos vai estar aí. Aparte das medidas antes sinaladas, nas situacións en que haxa máis propensión, a preparación e a colocación das pugas nas fendas debe ser tal que se facilite a evacuación de líquidos. Ademais das choivas abundantes, a acumulación de humidade no montículo pode deberse a emanacións de patróns vigorosos ou de varios anos.
(ver foto para detalle)
Hai moitos enxertadores que recomendan decotar o patrón uns días antes da enxertía. Moderar a emanación de seiva ou adiantar os estímulos á caloxénese poden ser as vantaxes. En calquera caso, ao estar o bravo decotado e o terreo ben limpo darredor, o enxertador vai agradecer o traballo feito. Isto avanza moito o labor, sobre todo cando se trata de reenxertas de videiras adultas, nas que hai que serrar uns patróns grosos, cando non facer un meticuloso descalzado previo co sacho. Eu teño enxertado cortando tanto no momento como con decotado previo.
Ao meu entender, contando con que se teñan feito os labrados das pugas axeitados a cada situación, tal vez máis que o feito de ter decotado previamente vai contar a climatoloxía reinante nas semanas que seguen a enxertía.
Realmente son os profesionais que teñen realizado centos de milleiros de enxertos os que saben o que vai mellor para cada situación.
B) Enxertía polo método inglés ou de espello:
A enxertía polo método inglés ou de espello ten sido utilizada polos viveiristas na enxertía de mesa da videira antes de que se xeneralizase o uso das máquinas (especialmente a omega).
Chámase de espello porque ao bravo e ao patrón dánselle dous cortes en bisel (tal como se fosen dous enxertos de cuña a medio facer) e coa mesma lonxitude. Aproximadamente ás 2/3 partes, contadas indo da base á punta do bisel, ábrense senllas pestaniñas ou lingüetas, en sentido contrario, que penetran moi pouco na madeira, case que paralelas aos biseis. Estas pestanas serven para realizar un encastre perfecto bravo-manso.
Cando bravo e manso teñen igual sección, o resultado é un acople perfecto, cun contacto inter-cambial total. Por iso a este método lle chaman de espello.
Se o portaenxerto ten maior sección, polas mesmas razóns antes expostas para o método de cuña, a puga encóstase a un lado. En patróns moito máis grosos que a puga pódese facer o enxerto inglés lateral en cabeza.
Cando o patrón é bastante groso, poden coller dúas pugas, que se encostan cada unha á súa banda para que coincidan os cambiums dos lados de fóra. Hai veces en que se poden colocar catro pugas, dúas a cada costado do patrón.
Os enxertos ingleses feitos na viña átanse e cóbrense igual que os de cuña.
O enxerto inglés simples é o mesmo, pero sen lingüetas. Non é peor, o que pasa é que se fai máis engorroso para dar atado ben e por isto mesmo case que non se usa.
C) Enxerto mallorquín:
O enxerto mallorquín, nos tempos actuais máis coñecido como de chip-bud, ven sendo unha variante anticipada de escudete, xa que non é preciso esperar coma nos outros de ollo a que o patrón dea a casca.
Ao patrón dáselle un primeiro corte en ángulo agudo respecto ao seu eixe lonxitudinal, que penetra na madeira aproximadamente entre 1/3-1/2 da sección. Desde uns 1,5-2 cms. mais arriba, faise outro corte que baixa ata atopar a base do primeiro. O resultado é un encaixe no que se acomodará o escudo.
A extracción da xema da vara da vinífera a execución é semellante á descrita para o portaenxerto. O chip ou escudo resultante incrústase no encaixe do portaenxerto. Caso de ser delgado, encóstase a unha beira para que o cambium coincida dese lado. En encaixes labrados moi anchos, pódense acoplar dous chips, un a cada banda.
Cando son moitos os enxertos a facer, eu recomendo labrar moitos chips, e depositalos nun balde con auga fresca. Segundo se van labrando os encaixes nos patróns, vanse escollendo do balde os chips máis axeitados para inserir.
Os primeiros mallorquíns eran feitos a fins de verán. Os escudos cubríanse con terra, previo depósito de follas molladas enriba da ferida, para garantir uns primeiros días de ambiente húmido que axudasen ao inicio da formación do calo. Hoxe é máis fácil que daquela chegar a auga a moitas viñas, o que facilita o suceso.
Actualmente, a variante coñecida co nome de chip-bud, execútase en inverno-primavera. Faise aérea e átase con fita de plástico, que ademais serve de protección. O ollo debe ficar á vista.
Punto débil do chip-bud
O chip-bud é un enxerto cun punto débil, xa que cando as raíces do patrón mandan moita seiva ten tendencia a “afogar.” Por culpa deste detalle o proceso de unión malógrase moitas veces. Cando se dá a circunstancia, sexa por moito vigor ou por primaveras húmidas de máis, é conveniente practicar uns centímetros por debaixo da unión un pequeno corte de drenaxe que evacúe o exceso de seiva.
O chip na viña é moi utilizado para a sobreenxertía. A diferencia da reenxertía, que se fai baixando ao bravo, na sobreenxertía opérase sobre a videira mansa.
D)Enxertía de cuña lateral:
A enxertía en cuña lateral de inverno é moi parecida na súa execución á de cuña en cabeza. Moi fácil de realizar unha vez que se practica un pouco, dá moi bo resultado tanto en enxertía de inverno como nos métodos de primavera-verán.
A diferenza da cuña tradicional, a lateral, ao igual que a enxertía de espello, pode dar lugar a encaixes plenos. Hai variantes en que se deixa un tira-seivas e outras nas que non. A cuña lateral, xeralmente máis curta, é de labrado semellante á de enxertos en cabeza.
Hai enxertadores que a deixan un chisco asimétrica, co corte que vai ir colocado do lado interior é algo máis longo que o o do lado de fóra. Eu non o encontro imprescindible, ao menos en videira.
No patrón realízase unha fendedura lateral, en ángulo moi agudo respecto ao eixe lonxitudinal do tronco. Unha navalla ben afiada a un lado, é a máis indicada para realizar un corte recto. En canto non se gaña práctica, a navalla, sobre todo se está afiada polas dúas caras, tende a curvear, a fenda non fica ben feita e o encaixe vai ser defectuoso. Se os cortes tanto na puga como no patrón son rectos, o resultado será un excelente contacto.
Os atados e a cobertura son os mesmos que os da enxertía de cuña en cabeza ou os de espello.
Resumo gráfico das claves para enxertar a viña:
Conclusións
Os métodos de enxertía de inverno e principios de primavera son unha ferramenta máis na multiplicación da videira en campo.
O de cuña en cabeza adáptase tanto para enxertar en bravo novo como para mudar de caste mediante a reenxertía sobre bravo vello.
O seu hándicap está en que nos fallos que se produzan, ademais do enxerto, tamén se pode perder algún que outro pé de bravo, especialmente se este é do ano anterior, cun sistema radicular aínda débil. Por isto mesmo, sempre que sexa posible recomendo enxertar un pouquiño máis alto. Así evítanse franqueamentos futuros (raíces emitidas polo manso). E no caso de algún que outro fallo, o bravo sempre terá mellor oportunidade de rebrotar.
O chip vai ben para enxertar en bravo novo, pero estase a empregar moito máis para muda de caste en sobreenxertías no manso, sobre videiras relativamente novas e con troncos ben formados. Pola súa propia forma, dos catro métodos descriptos é o menos susceptible a ser afectado por toques de animais.
Ao tratarse dun método no que se enxerta relativamente alto, naqueles pés con enxertos fallidos a videira rebrotará sen problema, especialmente cando se deixa un tira-seivas, podendo facer reintentos a posteriori co método de escudete “T-bud.”
Tanto o espello pleno como a cuña lateral van moi ben en patróns novos, porque en ambos os dous tipos de encaixe hai un contacto cambial moi completo, a agradecer cando o empuxe de seiva aínda é escaso, e peor aínda se xorden altibaixos que comprometen o éxito. A cuña lateral despois de atada fica moi ben afirmada ao patrón.
Sen embargo, o espello, pese á súa perfección, dá lugar a unións máis facilmente movibles polo que convén previr espetando titores cando hai perigo de roces de animais.
“Temos de procurar facer a enxertía co maior rigor”
Temos de procurar facer a enxertía co maior rigor. Aínda así a climatoloxía é imprevista e algúns fallos de prendemento son inevitables. Hai que coidar os patróns cuxa enxertía fallou para que se recuperen e gañen vigor, con opción para reintentos no mesmo verán ou na campaña seguinte, segundo como vaian respondendo as agromadas.
Se ao estarmos na faena da enxertía de inverno algúns portaenxertos non nos parecen aínda competentes para seren decotados, mellor será deixalos ficar, agardando a que se fortalezan para enxertalos por outros métodos en fins de primavera-verán ou na campaña seguinte. Agardando a que aumente a súa expansión radicular diminuiremos o risco de que fallen e de que por riba parte deles sequen de raíz por non soportaren tanto shock.
Hai varios métodos de enxertía para a videira, que se poden practicar desde mediados de febreiro ata fins do verán. Elixindo os máis adecuados para cada circunstancia, e salvando campañas ruíns, que sempre as houbo e as vai seguir habendo, tras un traballo ben feito a taxa de marras deberá entrar dentro das marxes do razoable.
“Unha boa enxertia de campo non vai desmerecer xamais en relación ao bacelo enxertado”
Sendo así, a enxertia de campo non vai desmerecer xamais en relación ao bacelo enxertado. En xeral a evolución debería ser como mínimo igual, cando non mellor. A realidade imponse, e cando se está a falar de grandes superficies, con moitos de milleiros de pés, a enxertía en campo faise impensable tendo en conta o pouco persoal especializado dispoñible na actualidade.
Mais tamén hai outra situación, a máis común nas viticulturas galegas, a dos pequenos produtores. Pequenos si, pero varios deles cun obxectivo grande: o logro de viños de altísima calidade. Algúns xa o teñen logrado. De descoñecidos hai dous días, hoxe xa son alguén na viticultura. E os viños de parte destes pioneiros xa traspasan fronteiras a prezos moi decentes.
Plantando patróns adaptados á cada parcela, enxertandoos con clons e castes autóctonas provenientes de vellos exemplares da zona, ben axeitados aos seus terroirs.
Segundo en que estado se atopen as viñas vellas, a muda de foráneas por esas mesmas castes mediante a reenxertía é outra opción a considerar.
“É nas parcelas dos pequenos viticultores onde ten mellor cabida a enxertía”
Unha vez que se aprende a enxertar no campo, poida que ao principio se vaia máis lento do que se desexa. Pero por algo se comeza e o que importa é irse soltando máis cada ano.
A meta será recuperar as castes perdidas, facer viño con elas e dalo a coñecer ao mundo. É pois nas parcelas destes pequenos viticultores onde ten mellor cabida esa arte que é a enxertía no campo. Valéndose dela cada un deles pode organizar os repartos de castes e clons como mellor lle conviñer. Castes e clons procedentes de vellos exemplares das súas viñas ou das de familiares e veciños. Garante deste modo a perpetuación deste patrimonio local dentro das súas parcelas.
Será bon que estes pequenos viticultores poidan atopar portaenxertos axeitados aos seus terroirs, e con garantía de que non porten patóxenos extraños á zona.
Un viveiro de pés nais de portaenxertos, produtor de estacas e barbados a nivel galego, é necesario. Os barbados e as estacas serían de lonxitudes variadas, as máis idóneas para os diversos terreos receptores.
Este viveiro que non só fornecería aos viticultores que opten pola enxertía na viña, senón tamén aos nosos viveiristas que na actualidade están a traer de fóra as estacas de bravo. Contribuiríase a preservar así a sanidade e a conservar biodiversidade que é propia en cada zona.
É moi necesario un viveiro de pés nais de portaenxertos, produtor de estacas e barbados a nivel galego
Tendo os viticultores recuperado, conservado e estudado o seu patrimonio varietal, dispor dun viveiro galego de portaenxertos dos que se fosen fornecendo segundo as súas necesidades, daría lugar a algo así como un “ciclo completo”.
Evitarían ter que recorrer, directa ou indirectamente, ás importacións de material, cuxa sanidade non sempre se corresponde co que ven explicitado nas tarxetas que acompañan os fardos.
Tratemos de obrar con sensatez e con prudencia, para que as que nos poidan caer no futuro sexan ocasionadas pola ignorancia ou imprudencia doutros, nunca pola nosa.
A formación de enxertadores profesionais é necesaria para atender as demandas anuais daqueles viticultores que por diferentes razóns non poidan realizar por eles mesmos a tarefa.