Desenvolver unha oferta enoturística en Galicia segue sendo unha materia pendente, en boa medida pola súa excesiva dependencia das axudas públicas e a falta de investimento privado, así como por non antepoñer os criterios de rendibilidade económica.
Neste sentido, o Instituto Galego do Viño organizou esta semana dentro do Atlante Wine Forum unha mesa redonda sobre “Como construír unha oferta enoturística de éxito en Galicia”, a partir de dous referentes neste campo como son as Adegas González Byass, con propiedades en Xerez, Cataluña ou A Rioxa, e as máis visitadas de España, e The Yeatman Hotel, un hotel vitícola de 5 estrelas no Porto, que é un referente para o enoturismo en Portugal.
A continuación expoñemos as principais ideas expostas por cada unha das relatoras:
González Byass, a adega máis visitada de España
Beatriz Vergara é directora de enoturismo de González Byass, en Xerez, a adega máis visitada de España, con 200.000 turistas ano ano, e a terceira do mundo.
-O enoturismo debe ser rendible por si mesmo, como un negocio máis dentro da adega. Para iso débese xerar valor. O enoturismo non ten percorrido se non se considera como unha área de negocio propia, que ten que ter un retorno.
-É necesario profesionalizar o enoturismo porque non estamos no sector primario, senón no terciario.
-A adega debe traballar o story telling, ou o que é o mesmo, unha historia da adega para crear sentimentos positivos nos visitantes cara aos produtos. Este story telling é unha forma de diferenciación.
-É necesario traballar coa historia e a ideosincrasia de cada zona. Galicia ten un gran potencial neste sentido porque ten séculos de historia, cultura propia, o Camiño de Santiago, grandes viños e unha imaxe que é coñecida a nivel mundial. “Tedes todo para ser o que queirades ser. Só hai que traballar e facelo xuntos”.
-Todas as actividades do enoturismo deben ser medibles: venda directa, club do viño, ingresos por visitas, explotación de espazos ociosos para eventos…etc.
-Fidelizar aos visitantes enviándolles de forma periódica información ás súas direccións de correo. Para iso pódense utilizar todas armas das redes sociais da internet e das bases de datos para seguir en contacto cos visitantes de forma activa.
-Procurar a visita de prescriptores de prestixio que poidan recomendar a visita á adega e os seus viños.
-Camiñar cara á excelencia e non ser curtopracistas.
“O enoturismo ten que ser emoturismo: xerar emocións nos visitantes”
-É necesario emocionar aos visitantes e xerar vivencias, que son realidades que cambian á persoa, son subxectivas e forman parte da vida das persoas. É o que se chama emoturismo.
-As boas comunicacións son clave, pero non é a única razón para ter éxito nunha zona enoturística. Para chegar ao val de Napa, en California, os visitantes teñen que desprazarse máis de 50 quilómetros ata o aeroporto de San Francisco.
-O enoturismo ten que cumprir as 3 R: recomendable, recordable e irrepetible. No mundo do viño véndese intanxibles, como unha obra de arte, e hai que transmitir ao visitante os valores da adega e da zona para que ao abrir unha botella de viño os poda apreciar, lembrar e recomendar.
-O gratis ten valor cero, polo que todo na oferta enoturística debe ter un prezo, aínda que sexa simbólico, porque iso tamén esixe dar unha calidade.
-Os proxectos de enoturismo deben ser iniciativa privada e a administración pública debe apoialos se ve que teñen un retorno económico, sobre todo con axudas para a comercialización de oferta enoturística no exterior. Exemplo na Rioxa, onde os adegueiros uníronse para crear unha oferta e a Administración acompañounos.
The Yeatman Hotel (O Porto), o primeiro hotel de luxo de Portugal dedicado ao viño
Beatriz Machado é Wine Director de The Yeatman Hotel, un hotel vinícola de 5 estrelas situado en Gaia e con vistas ao centro histórico de Porto, e que é propiedade da adega The Fladgate Partnership, con marcas recoñecidas de viños de Porto como Taylor´s, Fonseca ou Croft.
O hotel conta cun bar de viños, vinoteca, adega, restaurante, Spa con Vinoterapia e 80 habitacións con vistas ao centro de Porto, e cada unha delas dedicada a unha adega de Portugal.
-O turista que nos visita é de historia, cultura e de autenticidade, cun nivel económico medio-alto.
-O importante é ofrecer algo diferente, que achegue algo único. “O que temos diferente en Portugal é historia, gastronomía e hospitalidade”.
-Cada habitación leva o nome dunha adega portuguesa, que paga por iso. A habitación está decorada con fotografías e botellas desa adega.
-É conveniente crear unha canle de comunicación para achegarse aos clientes, desmitificando o viño e facéndoo accesible ao gran público. Para iso, neste hotel elaboraron un Jornal do Viño que se envía aos clientes cada seis meses.
“Ao principio é recomendable baixar os prezos para captar clientes e logo ir creando valor”
-É importante organizar eventos para os clientes, tanto de carácter máis exclusivo como accesible ao gran público. Así, organizan unha cata de 140 viños portugueses por 45 euros, o primeiro fin de semana de decembro, previo ás compras do Nadal para incluír os seus viños como un agasallo.
-Para un novo negocio de enoturismo ao principio pode ser recomendable baixar os prezos para captar volume de clientes cun produto diferenciado, e a partir de aí crear valor e incrementar as tarifas.
-É necesario ofrecerlle ao visitante novas experiencias. Ás veces son ideas simples. Por exemplo, en Sudáfrica as adegas organizan picnics no medio do viñedo.
-Importancia de ofrecer programas para toda a familia, pensando tamén nos nenos, mesmo aínda que se trate dunha cata de viños.
-Sobre todo para os momentos de baixa ocupación, é importante utilizar as ferramentas do márketing dixital para atraer público.
-No caso das pequenas e medianas adegas é necesario que haxa unha persoa dispoñible para recibir aos visitantes, contar a historia da adega e do viño, e realizar unha cata que non sexa estándar.