A asociación Proecogal organizou o pasado xoves unha xornada de formación en Lugo dirixida a produtores. A intención era dotar ao sector de ferramentas para afrontar os retos da produción en ecolóxico. Durante o encontro, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Díaz Fernández, ofreceu unhas nocións sobre as carrachas como base para o seu control.
Díaz destacou que, aínda que as carrachas son un problema que preocupa aos gandeiros, o obxectivo básico do seu control debería ser limitar as súas poboacións e, así, reducir o impacto da transmisión de enfermidades. “O máis importante destes parásitos non é que se alimenten de sangue, senón que transmiten patóxenos ao noso gando que poden causar graves enfermidades”, indica e aclara que a erradicación é imposible, por iso é importante coñecer as opcións dispoñibles para o seu control. Engade que aínda así, na Unión Europea disponse de poucas ferramentas para poder realizar un control eficaz, “porque a lexislación é máis restritiva que noutros países”. Así mesmo, as carrachas atópanse tanto en animais domésticos como silvestres e tamén na vexetación, por iso “aínda que se puidesen eliminar as carrachas dos animais da miña gandaría, como podería actuar sobre o medio ou sobre os animais silvestres parasitados? É imposible. Por iso, os meus animais, que se desparasitaron, volverían a infestarse con carrachas tarde ou cedo”.
Entre as medidas de control atópase o emprego de fármacos acaricidas, que se aplican sobre o animal. Dous deses fármacos son a cipermetrina e a deltametrina. No caso de cans, disponse de colares que teñen o efecto repelente. “O principal problema destes fármacos en gandaría é que non teñen efecto a longo prazo e tampouco se deberían empregar con moita frecuencia. Ademais, identificáronse carrachas resistentes a estes medicamentos”, subiña.
O cambio climático tamén inflúe no control das carrachas, posto que pode afectar (positiva ou negativamente) á súa supervivencia e distribución xeográfica.
Nalgúns países de América e en Australia disponse dunha vacina, orientada a unha carracha en particular (Rhipicephalus microplus), que é a máis importante no vacún destes países. “Supón a base para desenvolver vacinas que protexan fronte a outras carrachas”, destaca.
Dentro doutros métodos de control inclúese a roturación de pastos, así como manter unha vexetación controlada. “Manter a herba cortada, ou o máis baixa posible, repercute nun hábitat menos favorable para a carracha”, explica o profesor.
Ademáis, avanza que están a obterse resultados esperanzadores mediante medidas de control biolóxico: “Está a traballarse moito niso, pero aínda se necesitan máis estudos de campo para comprobar a ausencia de posibles efectos adversos no medio”.
O experto incide en que un desafío importante de cara ao futuro será o cambio climático, “porque pode afectar de maneira importante á proliferación das carrachas. Nos últimos anos observouse un incremento das temperaturas, con invernos que foron xeralmente moi suaves. Isto pode favorecer a aparición, en Galicia, de carrachas propias de zonas máis cálidas”.
Máis de 900 especies
O profesor da USC indicou que hai unhas 900 especies de carrachas diferentes que se clasifican en duras (as máis comúns), brandas e carrachas da familia Nuttalliellidae. Dentro das carrachas duras, que son nas que se centrou Díaz, atópanse:
- Ixodes (son pequenas e as máis frecuentes en Galicia)
- Dermacentor (son máis grandes)
- Rhipicephalus (moi frecuentes en cans)
- Haemaphysalis (menos frecuente)
- Hyalomma (son as que transmiten a febre hemorráxica Crimea Congo)
É importante destacar que cada especie ten preferencia por determinados hospedadores e condicións ambientais. Por exemplo, Ixodes ricinus é a carracha máis frecuente no norte de España porque necesita moita humidade, mentres que as especies de Hyalomm,a que se atopan en España, prefiren un ambiente máis seco. Tamén hai que ter en conta que non todas transmiten os mesmos patóxenos, “por iso é importante coñecer cales son as preferencias das carrachas, para poder determinar o risco de transmisión de certas enfermidades nunha zona determinada”.
As carrachas teñen diferentes estratexias para chegar ao hospedador. Unha delas consiste en buscar activamente ao animal, típica de carrachas “cazadoras”
Estilo de vida das carrachas
As carrachas pasan por catro estadios: ovo, larva, ninfa e adulto (machos e femias). Díaz explica que as carrachas que hai en Galicia teñen fundamentalmente un ciclo de tres hospedadores, é dicir, necesitan alimentarse de tres hospedadores diferentes durante a súa vida. A femia pon os ovos no chan, en cantidades que poden alcanzar varios miles, dos que saen larvas que buscan un hospedador axeitado. Estas larvas son de pequeno tamaño e buscarán principalmente ratos, aves, lagartixas etc. onde se alimentan. Cando completan a súa alimentación, despréndense do hospedador e no chan mudan a ninfa. As ninfas son un pouco máis grandes e buscan un hospedador de maior tamaño (can, gato etc.), do que se alimentan. Unha vez están ben alimentadas, caen ao chan e mudan a adulto. Os adultos prefiren hospedadores de gran tamaño (vacas, cabalos, ovellas, persoas etc.) onde se alimentan. Tras copular a femia e o macho, a femia desprenderase ben alimentada, e no chan porá os ovos e posteriormente morrerá.
Poderíanse identificar dous estilos de vida das carrachas:
- Endófilas: son as que viven onde se atopan as súas hospedadores, por exemplo, especies de carrachas que viven en niños de aves ou en tobos de roedores.
- Exófilas: atópanse no medio esperando o paso dun hospedador do cal alimentarse.
As carrachas transmiten numerosos patóxenos que son causantes de enfermidades importantes
As carrachas teñen diferentes estratexias para alcanzar ao hospedador. En concreto, Díaz falou de dúas delas. A primeira é a máis habitual: esperan de forma pasiva na vexetación a que pase o hospedador. Dependendo do tipo de carrachas, a capacidade que teñen para subir á vexetación é diferente. As larvas non adoitan subir máis de 30 centímetros, e xeralmente adoitan estar en alturas menores a 9 cm. Iso explica porque son tan típicas en animais de pequeno tamaño. As ninfas poden chegar a alturas de ata 60 cm e os adultos a 80 cm. Estas carrachas “senten” aos seus posibles hospedadores mediante o órgano de ‘Haller’, que lles permite detectar a súa calor, aire expirado, humidade etc., cando están preto.
A segunda estratexia é típica de carrachas “cazadoras”, que non esperan ao hospedador de forma pasiva, senón que o buscan de forma activa. Cabe puntualizar que estas son pouco frecuentes en Galicia.
No animal, ascarrachas localízanse xeralmente en zonas con pouco pelo ou la. Así, en gando vacún adoitan atoparse especialmente na zona perianal, ubre, ventre, pescozo, orellas… Nas ovellas é habitual que se localicen nas orellas. “En definitiva, en zonas con pouco pelo e desprotexidas”, sinala o profesor.
Danos que provocan nos animais
A relevancia das carrachas non se centra en que se alimenten de sangue, senón porque repercuten de maneira negativa na saúde dos animais. Son vectores de enfermidades, transportando patóxenos dun animal a outro. Algúns deses patóxenos son os que causan a enfermidade de Lyme (borreliose), rickettsiose, anaplasmose, babesiose, theileriose, febre hemorráxica Crimea Congo ou ehrlichiose. “As enfermidades que transmiten son moitas e importantes, e as perdas nunha gandería poden chegar a ser moi considerables”, recoñece Alberto Díaz.
As carrachas aliméntanse de sangue e aumentan de tamaño de maneira que pode chegar a multiplicar o seu tamaño numerosas veces. “Hai que ter en conta que non se alimentan en dez minutos, senón que poden chegar a tardar unha semana en estar ben alimentadas”, explica Díaz e engade que “cando se alimentan son máis fáciles de detectar, porque teñen un tamaño maior, por iso moitas veces se atopan cando levan varios días fixadas ao hospedador”.
Ascarrachas repercuten de maneira negativa na saúde e rendemento produtivo dos animais. Ao alimentarse de sangue poden causar anemia, especialmente en animais moi novos que están moi parasitados. Tamén provocan feridas na pel que poden infectarse de forma secundaria con bacterias ou infestarse con larvas de moscas, o que supón un problema adicional para o animal.