Claves no uso do xofre na viticultura: cando e como aplicalo

Recollemos de man de expertos e viticultores algunhas recomendacións sobre a utilización do xofre nos viñedos, un dos tratamentos empregados contra o oídio e que tamén ten propiedades acaricidas

Publicidade
Claves no uso do xofre na viticultura: cando e como aplicalo

Aplicación do xofre en po nun viñedo.

Coñecido coma un dos primeiros funxicidas da historia, o uso do xofre remóntase xa ás sociedades clásicas, aínda que o seu emprego na viticultura non se documentou ata os século XIX. Dende aquela ata os nosos días, o xofre continúa a ser un dos tratamentos presentes nos viñedos galegos, como unha solución para evitar ou reducir os danos do oídio tanto na viticultura tradicional como nos cultivos en ecolóxico.

“Dise que o xofre comezou a aplicarse na viticultura ó comprobar que as viñas que se situaban preto dos muíños nos que se moía o mineral tiñan menos problemas de oídio”, indica Francisco Rego Martínez, investigador e técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que continúa empregando o xofre no coidado do seu viñedo. “A nós o xofre estanos facendo un bo traballo para atallar o oídio”, apunta Daniel Vizcaia López, un viticultor da comarca de Valdeorras que, xunto coa súa irmá, conta cunhas 8 hectáreas de viñedo.

A sensibilidade fronte ó oídio que presentan variedades coma Brancellao ou a falta de ventilación que poida darse nalgúns viñedos son factores que condicionan ós viticultores a seguir empregando tratamentos de xofre, segundo explica o investigador.

Ademais de ser un funxicida efectivo, as súas propiedades como acaricida tamén fixeron que moitos viticultores o empreguen para manter saneados os seus viñedos. “Ácaros como a erinose, que non adoitan ser un gran problema para as cepas e que se manifesta coma pequenos vultos na folla, poden controlarse co xofre”, detalla o técnico.

O xofre adoita empregarse contra o oídio, así coma contra a excoriose ou para atallar a presenza de ácaros no viñedo

Nalgunhas zonas do sur de Galicia xa se constatou unha moi baixa presenza de ácaros no viñedo, de maneira que non sería preciso empregalo para este fin. “Dende hai bastantes anos na zona de Pontevedra case non hai ácaros nos viñedos, nin naqueles que se tratan con xofre nin nos que non reciben tratamento”, concreta Rosa Pérez Otero, responsable dos avisos sanitarios da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.

O xofre tamén se emprega na viticultura para atallar os danos que provoca a excoriose no viñedo. “Cando hai problemas leves de excoriose o xofre pode ser unha boa opción para controlalo”, indica Rego Martínez.

Existen, ademais, mesturas de xofre para atallar outras problemáticas do viñedo, como xofre con cal, coñecido como mestura sulfocálcica. “Adoita empregarse no inverno para tratar a excoriose ou a cochinilla e durante anos mesmo deixou de comercializarse, pero agora volve haber firmas que o teñen”, detalla Rego.

En seco ou en mollado

A aplicación do xofre foi durante moito tempo un dos maiores inconvenientes deste tratamento, posto que se aplicaba en po no viñedo e, pese a empregar equipos de protección, remataba causando importantes molestias ós viticultores que o aplicaban. A irritación dos ollos ou as molestias ó respirar son algúns dos danos que provoca a súa aplicación en po.

Hoxe en día, aínda se segue a dar en po, pero tamén se comercializa para aplicar diluído en auga, coma outros fitosanitarios. “Se se emprega xofre en po e se dá con equipos de man, por moito que utilices protección acabas tendo molestias e picores, mesmo varios días despois”, recoñece Daniel. No seu caso, opta por dar dous tratamentos, un deles cos primeiros pámpanos, que dependendo dos viñedos realiza con equipos de man. Mentres, a segunda das aplicacións, que fai previo a que apareza a flor, adoita xa realizalo co tractor, co que se reduce a problemática, xa que a propia cabina do tractor protexe en maior medida ó viticultor.

Moitos viticultores optan por aplicalo en mollado polas molestias que provoca utilizalo en po

A súa aplicación en mollado, diluído en auga, é unha solución pola que optan moitos viticultores. “A maior parte dos viticultores que emprega xofre na zona de Pontevedra opta por aplicalo en mollado, coma calquera outro produto fitosanitario, xa que lle resulta máis cómodo”, indica Rosa Pérez. “En anos coma este, cunha carga importante de mildio, hai moitos viticultores que aproveitan cando se dá este tratamento para acompañar con xofre para previr o oídio”, detalla o investigador Francisco Rego. No caso das grandes adegas, é pouco frecuente que se decanten por empregar o xofre, como apunta a experta.

Pese a que os viticultores coinciden en sinalar as incomodidades que pode supoñer a súa aplicación en po, tamén valoran que esta opción parece traer mellores resultados para o viñedo. “Aínda que a materia activa é a mesma en seco ca en mollado e debera funcionar igual, parece resultar máis rápido se se aplica en po , segundo a bibliografía”, explica Rosa Pérez Otero, que matiza que na provincia de Pontevedra os viticultores optan maioritariaente pola súa aplicación en polvo mollable. Unha opinión semellante ten Rego que detalla que naquelas variedades que non sexan moi sensibles ó oídio adoita resultar efectivo o tratamento mollable, que resulta máis cómodo de aplicar.

Método de aplicación tradicional do xofre na zona de Valdeorras.

Método de aplicación tradicional do xofre na zona de Valdeorras.

Outra das vantaxes que proporciona o xofre fronte a outras solucións é que non se acumula no viñedo, co que se reduce o risco de que provoque resistencia, a diferenza doutros tratamentos. Este é tamén un dos motivos polos que se permite o seu uso na viticultura ecolóxica. “En bioloxía non existe o risco cero, pero ó ser un produto de contacto ten menos problemática”, apunta Pérez Otero. O seu baixo custo, en comparación con outros tratamentos fitosanitarios, é outro dos motivos polo que moitos viticultores optan por empregalo.

Escoller o mellor momento para aplicalo

As propias característica do produto condicionan a súa aplicación e limitan a súa efectividade. Déase en po ou en mollado, cómpre esparexelo sempre con bo tempo tanto o propio día no que se bota coma nos seguintes, para conseguir que actúe. “Ó ser un produto de contacto e non penetrar na planta se ó día seguinte de aplicalo chove réstaselle efectividade e tería que volver aplicarse”, explica a responsable da Estación Fitopatolóxicad de Areeiro.

Así, en primaveras coma a deste ano, con moitas chuvias, é frecuente que os viticultores decidan aplicar outras solucións penetrantes ou sistémicos cos que tratar o oídio no canto do xofre, así como cando a presión de oídio é moi intensa. “Hai que ter en conta que aplicalo de novo supón xa non só un gasto económico senón que se incrementan as horas de traballo, que tamén teñen un custo económico e cómpre consideralas”, indica Rosa Pérez. 

Cómpre aplicalo sen previsión de chuvias e antes da floración

A aplicación do xofre, en xeral debe facerse antes da flor. “Polo xeito que ten de invernar o oídio e en variedades coma o Albariño adoita ser suficiente aplicalo antes da purga, mentres que noutras variedades máis sensibles do Barrantes cómpre aplicalo unhas semanas antes”, detallan dende Areeiro. Porén, tamén as condicións meteorolóxicas do inverno e da primavera poden motivar que se deba adiantar a súa aplicación. “Este ano, en variedades coma o Albariño, na zona de Pontevedra abondaría con telo dado hai unha semana, mentres que se o inverno se presenta cun clima máis semellante ó de Castela habería que adiantar a súa aplicación”, concreta a experta.

Recomendacións na aplicación

Á hora de aplicar o xofre cómpre ter presente que, coma na maior parte dos tratamentos da viticultura, é preventivo, polo que non debe agardarse a localizar importantes danos no viñedo para aplicalo. “De pouco serve recorrer ó xofre cando xa tes moito oídio. Resulta efectivo a modo preventivo, non curativo”, detalla o viticultor Daniel Vizcaia.

Tampouco debe aplicarse o tratamento con elevadas temperaturas, polo que o aconsellable é escoller as primeiras horas do día. “Nunca se debe aplicar con temperaturas superiores a 28 graos, posto que pode provocar fitotoxicidade nas follas da viña”, explica Pérez.

Aplicalo con elevadas temperaturas pode provocar danos nas follas similares ás queimaduras

No caso de aplicar o xofre en po tamén se recomenda buscar horas calmas, nas que o efecto do vento non impida que o mineral quede no viñedo. “Na zona de Valdeorras mesmo hai quen o aplica de noite buscando que hora estea o máis calmada posible”, concreta o viticultor Daniel Vizcaia.

Ademais, cómpre ter en conta tódalas precaucións que se deben tomar á hora de manipular calquera caldo fitosanitario e non exceder das doses recomendadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información