Claves no manexo da porca reprodutora na raza Porco Celta

Para conseguir un plan de mellora eficaz cómpre establecer obxectivos en recría, xestación, lactación e primeiros 4 días dos leitóns, tendo en conta unha serie de peculiaridades que diferencian estes animais. O veterinario Ignacio Ortolani da algunhas pautas

Claves no manexo da porca reprodutora na raza Porco Celta

O Porco Celta necesita un manexo de reprodución axeitado para reproducir os rasgos característicos e manter unhas condicións óptimas. Foto: Tres Fuciños

A cría da raza Porco Celta estase cada vez a profesionalizar máis, o que esixe tamén un manexo adecuado das porcas reprodutoras. Neste sentido, a última xornada técnica organizada por ASOPORCEL, a asociación de Criadores da Raza Porco Celta, abordou as claves para optimizar os resultados das granxas desta raza autóctona. 

En liñas xerais, os obxectivos do apartado reprodutor do Porco Celta, ao igual que no resto do sector porcino, deben procurar maximizar o número de leitóns por camada, o número de camadas ou a produción leiteira, ademais de optimizar cuestións como o peso ao nacemento ou a súa lonxevidade e vida produtiva. Pero, “canto maximizamos ou canto optimizamos?”, pregunta Ignacio Ortolani, veterinario especialista en nutrición animal en Agrifirm España. A resposta parte de “establecer uns obxectivos concretos a diferente niveis -recría, xestación, lactación, e primeiros catro días de vida do leitón- ademais de levar uns rexistros para conseguir establecer eficazmente un plan de mellora”, sinala.

Unha correcta recría en Porco Celta

Na recría o obxectivo principal é xerar as futuras nais, pero para que teña éxito cómpre poñer unha serie de metas, sempre tendo en conta que a idade de pubertade da raza Porco Celta é menor á do porco branco -por debaixo de 160 días-. A primeira meta que Ortolani propón é buscar unha idade adaptada para o primeiro servizo. “Esta non debe ser menor aos 200 ou 225 días, e sempre e cando o animal teña un peso corporal de entre 135kg e 160kg” detalla o veterinario. Deste xeito, “o indicado é esperar a un segundo celo para que o animal faga o primeiro servizo, e de non cumprir co peso recomendado, a un terceiro”, explica.

Unha idade adaptada ao primeiro servizo non pode baixar dos 200-225 días e cun peso corporal do animal de entre 135kg e 160kg

Se non se cumpre cos mínimos de peso pautados anteriormente ou coa idade do primeiro servizo “estaríamos ante nais primeirizas inmaduras cun menor desenvolvemento ovárico da porca e, polo tanto, menos capacidade de fecundación. Ademais, tería poucas reservas corporais, o que repercute nunha redución da capacidade de consumo durante a lactación”, avanza Ignacio Ortolani.

Pola contra, se se espera a un sobredesenvolvemento da porca, superando a idade do primeiro servizo e criando con animais de maior tamaño, a primeira consecuencia é a existencia de máis días improdutivos e un aumento do gasto. Durante estes días a alimentación do exemplar continúa, ten máis necesidades para manterse e vivir, e poden aparecer problemas articulares debido ao aumento de volume. Ademais, todo isto xera un engraxamento do tracto reprodutivo dando lugar a posibles problemas no parto e a unha menor produción de leite. Tanto a selección de exemplares deste tipo, como daquelas femias que están subdesenvolvidas dexenera nunha diminución da vida produtiva.

A selección de exemplares subdesenvolvidos ou sobredesenvolvidos na idade do primeiro servizo leva a unha diminución da vida produtiva

Os criterios de selección para a raza Porco Celta pasan por diferentes fases, correspondentes ao tempo de vida do animal: ao nacemento, ás 10 semanas, aos 6 ou 7 meses. Na primeira “débense elixir animais sen defectos, con bo peso durante o nacemento e o destete, e cun bo número de tetas”, recomenda o veterinario de Agrifirm. “Na segunda fase, ás 10 semanas, é necesario observar que se cumpran os resgos da raza, que teñan unha boa calidade dos tetos, e un correcto desenvolvemento dos pezuños”, sinala.

Na terceira fase, entre os 6 e 7 meses, débese continuar estudando a evolución dos caracteres da raza Porco Celta sobre os exemplares seleccionados -orellas, xamón, etc.-. “Neste punto é onde se debe facer maior presión de selección, incluso atender a como se desenvolve o animal sobre o terreo xa que, canto máis estrito sexa o criterio, máis se prolongará a vida útil das porcas”, avanza.

Unha vez cumpridas as metas expostas, e aplicados os criterios de selección, é necesario ter en conta uns puntos básicos, como por exemplo a orixe dos animais. Coidar os temas de consanguinidade ou manter en corentena exemplares externos cos que se pretende criar son conductas que sempre se deben ter en conta. Igualmente, proporcionar un ambiente cómodo, cun sitio habilitado para o descanso, e cuns parámetros hixiénicos ou de temperatura axeitados favorece unha correcta reprodución. Do mesmo modo, o contacto co macho durante a etapa previa ao primeiro servizo estimula a saída en celo das femias.

Xestación: fases e alimentación

O obxectivo primordial é chegar ao parto co animal nas mellores condicións corporais posibles. Para isto, é de utilidade establecer tres fases -ou terzos- nas que se cubran uns requirimentos nutricionais e medio ambientais específicos. Na primeira delas -entre os días de servizo e o día 30-, a curva de alimentación ten que estar enfocada a recuperar as reservas corporais anteriores á última lactación, polo que a cantidade recomendada de penso é duns 2,8kg se perdeu peso, e duns 1,8kg se engordou. Este é o momento da fecundación da femia polo que hai que evitar o estrés do animal, e aos 25 días da inseminación aproximadamente, realizar unha confirmación de preñez.

Curva de alimentación en xestación. Fonte: Ignacio Ortolani

Curva de alimentación en xestación. Fonte: Ignacio Ortolani

“No segundo terzo -entre o día 30 e 90- a curva de alimentación irá enfocada a manter as reservas corporais, polo que a cantidade axeitada será duns 2,2kg”, concreta Ortolani. Finalmente, “nos derradeiros 30 días de xestación correspondentes á última fase -ata o periparto-, aumenta a demanda nutricional para o crecemento mamario, polo que á porca non lle poderá faltar alimento e pode aumentarse gradualmente a ración ata os 2,8kg, aproximadamente”, afirma.

Gráfico sobre a evolución en días dun feto porcino. Fonte: Ignacio Ortolani

Gráfico sobre a evolución en días dun feto porcino. Fonte: Ignacio Ortolani

“Durante o periparto cómpre apartar a porca ao sitio onde vai parir con material accesible para anidar, manterlle a zona mamaria limpa, e comprobar que todos os signos do partos, como o calostro, transcorren correctamente”, insiste o experto.

Lactación e primeiros 4 días do leitón

Unha vez se produce o parto é importante estimular o consumo de alimentos xa que é probable que a porca perda apetito. “Moitas veces séntense estresadas pola cantidade de leitóns que as rodean, ou por estar constantemente alimentándoos, polo que ofrecerlles alimentos apetecibles -mesmo húmidos- en horas frescas do día favorece unha correcta nutrición. Igualmente, se a porca está continuamente deitada é recomendable levantala”, aconsella Ortolani.

Leitón de Porco Celta aos poucos días do seu nacemento. Fonte: Ignacio Ortolani

Leitón de porco celta aos poucos días do seu nacemento. Fonte: Ignacio Ortolani

A curva de alimentación en lactación cambia. “Se no parto se alimenta con 1,5kg aproximadamente, a partir de aí hai que ir aumentando de forma escalonada, e sobre o día 10 chegarase ao máximo consumo, o cal depende de cada animal, pero pode situarse nuns 5kg. Neste momento, estanse formando os ovocitos do seguinte celo, polo que é importante conseguir ese máximo”, explica o veterinario de Agrifirm. Do mesmo xeito, a medida que avanzan os días cómpre observar cuestións como a temperatura, a postura do animal, a pel ou a capacidade corporal, e ver que todo se desenvolve correctamente.

Nas primeiras 8 horas do leitón “o fundamental é asegurar o encalostramento posto que representa a única fonte de inmunidade e enerxía, cunha cantidade de entre 200g e 250g de calostro”, detalla Ortolani. Así mesmo, o veterinario referencia a que “nas primeiras 24 horas é moi importante non mover ou intervir sobre o leitón, e mantelos secos e quentes”, destaca.

Sen embargo, no día 1 ou 2 xa se poden facer adopcións; neste caso, con porcas de primeiro parto é aconsellable facelo con leitóns máis grandes posto que favorece unha estimulación mamaria. “A partir do día 2 é cando se comezan a dar os tratamentos, como o de ferro ou contra parasitos, e despois do día 10 ou 15, xa se poden comezar a alimentar con penso”, adianta o veterinario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información