Claves de Ecogan en granxas de leite, unha ferramenta para mellorar a pegada ambiental

Dende o 1 de xaneiro xa é obrigatorio para a meirande parte de granxas de vacún de leite o uso da ferramenta dixital ECOGAN para medir o seu impacto ambiental e as accións para reducilo. Inlac e o Ministerio de Agricultura organizaron unha xornada formativa dirixida a gandeiros e xestores na que deron a coñecer todos os procesos administrativos e técnicos para empregala con eficacia

inxectadora-xurros-

ECOGAN, unha ferramenta dixital creada polo Ministerio de Agricultura e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, ten como obxectivo declarado “axudar ás granxas a xestionar a súa dimensión ambiental”. Créase así unha aplicación útil tanto para os gandeiros como para as administracións públicas.” A principal acción é avaliar as prácticas no día a día e as emisións de gases contaminantes.

A ferramenta traballa en catro ámbitos:

– Cálculo e estimación de emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro (GEI): cuantifica emisións de amoníaco, metano, óxidos de nitróxeno e outros gases a partir das técnicas e manexos usados na explotación.

Avaliación do consumo de recursos e pegada ambiental: analiza o uso de recursos (alimentación, manexo de estercos…) dentro da granxa.

Simulador de mellora ambiental: permite facer simulacións de diferentes escenarios de xestión para ver como afectaría unha técnica ou práctica ás emisións e ao comportamento ambiental da explotación.

Rexistro de Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD): permite rexistrar as boas prácticas e técnicas ambientais que se aplican na granxa.

Acceso e manexo de ECOGAN
Unha xornada informativa online organizada pola Interprofesional Láctea (Inlac) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) serviu como repaso para o uso da ferramenta dixital ECOGAN e para dar conta das novidades e os resultados respecto desta aplicación informática deseñada para medir o impacto medioambiental das explotacións gandeiras de vacún de leite.

Belen Pérez Gutiérrez, da empresa pública Tragsatec, explicou as novidades respecto a como darse de alta en ECOGAN, como acceder á ferramenta e cales son os tipos de usuarios. Aínda que a ECOGAN poden acceder as administracións públicas e persoas xurídicas ou físicas con autorización expresa, o obxectivo da ponencia ía dirixido ao uso por parte dos gandeiros.

A partir deste ano, o acceso a ECOGAN tense que realizar a través da plataforma Cl@ve. Por eso, xa non é necesaria a contraseña que se remite dende o Registro de Usuarios do Ministerio de Agricultura (REGEUS) durante o proceso de alta.

Dende o 1 de xaneiro o acceso a ECOGAN realízase a través do sistema Cl@ve

Dende o 1 de xaneiro o acceso a ECOGAN realízase a través do sistema Cl@ve

Así, para realizar o acceso, previamente, o usuario deberá dispoñer dalgúns dos seguintes medios de identificación electrónica:

• Certificado dixital (de persoa física) ou DNI electrónico

• Cl@ve Móvil

• Cl@ve permanente

Aspectos normativos

Odón Sobrino Abuja, da Subdirección General de Medios de Producción Ganadera, abordou a normativa de aplicación respecto de ECOGAN. Incidiu en que se trata do novo estándar operativo do sector, polo que non se lle pode dar as costas. E lembrou que a ferramenta foi premiada pola FAO como unha das 20 iniciativas máis innovadoras en materia de sustentabilidade agroalimentaria.

“ECOGAN é o novo estándar operativo do sector; non se lle pode dar as costas” (Odón Sobrino)

O técnico destacou que co uso da ferramenta xa se conseguiu reducir nun 16,5% as emisións de amoníaco procedentes de granxas no período 2005-2023. Dado que a UE contemplaba unha redución dun 3%, o obxectivo inicial multiplicouse por máis de cinco, o que da idea da eficacia dos mecanismos de seguemento, caso de Ecogan.

Sobrino fixo un chamamento aos gandeiros a participar nestas iniciativas porque, dixo, “as melloras que non se rexistran quedan no eido local e son invisibles; mentres que as que pasan a un rexistro verificable contribúen a que España cumpra cos requisitos que reclama a UE”.

“As melloras que non se rexistran son invisibles. As que pasan a un rexistro verificable contribúen a que España cumpra cos requisitos que marca a Unión Europea” (Odón Sobrino)

Entre o 60% e o 65% das emisións das granxas de vacún de leite proceden da dixestión entérica das vacas

Entre o 60% e o 65% das emisións das granxas de vacún de leite proceden da dixestión entérica das vacas

Os datos que se extraen de ECOGAN sinalan que entre o 60% e o 65% das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) que producen as granxas de vacún de leite corresponden a metano entérico, é decir, o que producen os procesos dixestivos das vacas.

O resto de emisións de GEI son de entre o 10% e o 15% procedentes do consumo enerxético e de entre o 15% e o 20% de xestión de xurros e estercos. A redución da cantidade de emisións que se pode acadar coa aplicación das medicións e recomendacións de ECOGAN supón ademais unha oportunidade de negocio, pois os técnicos lembraron que as industrias priman cada vez máis esas reducións da pegada de carbono das granxas.

Declaración e informes

Pola Subdirección General de Medios de Producción Ganadera, Carmen Fernández Moro, lembrou que dende o 1 de xaneiro é obrigatorio para as explotacións de pavos, vacún de leite e vacún de carne presentar os seus datos a ECOGAN, o que se coñece como Declaración.

A declaración é de carácter anual e terá que presentarse entre o 1 de xaneiro e antes do 1 de marzo. Os titulares das explotacións teñen a obriga de informar dos datos de actividade relativos ao anterior exercicio.

Moro indicou o tipo de explotacións de vacún que teñen que cumprir con ECOGAN:

Explotacións de produción e reprodución ( de leite, carne, mixtas e recría de xovencas):
.- Granxas existentes do Grupo IV (máis de 850 UGM).
.- Granxas novas do Grupo III (entre 181 e 850 UGM).
.- Todas (existentes ou novas) sempre que non teñan a condición de explotación extensiva.

Cebadoiros de bovino:
.- Granxas existentes do Grupo IV (máis de 850 UGM).
.- Granxas novas do Grupo III (entre 361 e 850 UGM).

Para a Declaración dos datos en explotacións de vacún de leite, a ferramenta ECOGAN dispón un proceso de 7 pasos de comunicación: datos da granxa, aloxamento dos animais, almacenamento de residuos, xestión dos aloxamentos, usos agrícolas dos residuos, consumos e xestión de augas residuais e resultados obtidos.

Fernández Moro asumiu tamén a parte de elaboración dos informes. Tanto dos de emisións como dos relativos a manexo gandeiro e a MTD. Os primeiros teñen que comunicar en ECOGAN as excretas de Nitróxeno (N), Fósforo (P) e Óxido de Fósforo por aloxamento e praza. Así como os de Metano por categoría e praza.

E tamén os datos de amoníaco, nitróxeno e óxido nitroso; o nitróxeno dispoñible para valorización por quilo e ano e a pegada de carbono (combustibles, electricidade e GEI). E todo desglosado entre o total da granxa, o total de cada aloxamento e o total de cada praza.

Para que as medicións de ECOGAN sexan precisas, é necesario recoller datos aloxamento por aloxamento

Para que as medicións de ECOGAN sexan precisas, é necesario recoller datos aloxamento por aloxamento

Os informes gandeiros deben conter as respostas ao formulario que se lle presenta a cada granxa adaptado ao seu historial, as súas características, ao tipo de actividade que realiza e os resultados de emisións e pegada de carbono que ten acumulados.

En canto aos informes de Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD), terán que incluír o xustificante de entrega, o listado das MTD implementadas na granxa e a porcentaxe de redución de emisións acadada coa aplicación das mesmas.

Tamén haberá que especificar se se aplicou unha soa MTD, unha mestura de varias ou todas as dispoñibles. E en que partes da explotación se aplicaron e con que criterios no relativo a manexo dos animais, manexo dos estercos e xurros, xestión dos aloxamentos e xestión nutricional dos animais.

Outra ferramenta coa que conta ECOGAN é o Simulador Público. Un sistema que permite a calquera usuario -incluso sen ser titular dunha explotación- acceder para probar distintos escenarios de xestión e ver como poden afectar as emisións e outros indicadores ambientais.

Conclusións

Dende o MAPA recoñecen que a ferramenta ECOGAN pode plantear dificultades mentres os usuarios non se familiarizan co seu funcionamento. Sen embargo, insisten en que se trata dun recurso de enorme utilidade para cada gandería en particular, para o conxunto do sector e para que España poida cumprir cos requisitos medioambientais que impón a UE e sobre o que consta abondosa información na web do MAPA

E lembran que ECOGAN non é un mecanismo con capacidade de inspección ou de sanción e que só se trata dunha ferramenta que pretende recoller toda a información dispoñible no eido medioambiental para garantir que a produción de leite se realiza con métodos e prácticas sustentables.

ECOGAN recolle tamén datos do combustible empregado na explotación e da xestión nutricional

ECOGAN recolle tamén datos do combustible empregado na explotación e da xestión nutricional

Por outra banda, os funcionarios puxeron énfase en recalcar que os gandeiros non terán que realizar ningún tipo de medición de emisións. Tan só terán que introducir os datos da súa explotación para que ECOGAN os interprete e calcule os resultados. Entre outras vantaxes, na xornada mencionáronse:

Cumprimento normativo: axuda a cumprir con obrigas legais sobre redución de emisións e xestión ambiental.

Mellora da xestión: ao visualizar o impacto das diferentes prácticas, permite tomar decisións para mellorar a eficiencia ambiental da explotación.

Obxectivos de sustentabilidade: contribúe a reducir emisións de GEI, sendo ferramenta clave para os compromisos ambientais estatais e europeos.

Transparencia e trazabilidade: vencella datos do sector gandeiro con administracións públicas e permite avaliacións coherentes a nivel estatal.

Por eso, recomendan recoller toda a información técnica e facer todas as consultas que consideren necesarias perante o MAPA. Ademais, está dispoñible todo o coñecemento necesario para desenvolverse coa ferramenta neste ENLACE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información