Claves das axudas para formarse e incorporarse ao agro en Galicia

Hoxe en día existen programas e aspectos claves que contribúen á formación das persoas que se incorporan a este ámbito, e así mesmo, a encamiñar ás súas empresas a estruturas e dinámicas exitosas. Os apoios dos Plans de Mellora representan un impulso para proxectos agrogandeiros

Claves das axudas para formarse e incorporarse ao agro en Galicia

As ferramentas están enfocadas ao sector agrícola e gandeiro

A pesar das dificultades de acceso á información para a incorporación de novas persoas ao sector agrogandeiro, existen ferramentas útiles como programas de estancias formativas, onde encaixa o ‘Cultiva 2021’, que procuran experiencias de intercambio enriquecedoras. Establecer unha estrutura cooperativista para saber abordar as necesidades de incorporación á actividade agraria, ou construír un plan de empresa axeitado, representan outros aspectos claves para acadar unha integración efectiva. Ademais, os Plans de Mellora representan un dos apoios principais nas axudas actuais dispoñibles para o sector agoralimentario e o cooperativismo.

Neste sentido, o recente encontro virtual ‘Mocidade das cooperativas agroalimentarias galegas’, promovido pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, serviu de escenario para avanzar os aspectos que a xente debe ter en conta á hora de formar parte deste sector. Higinio Mougán, director xeral de Agaca, estableceu que “unha primeira característica acorde ao sector agrogandeiro é o escaso asesoramento en torno ás persoas que se incorporan á actividade ou plantexan algún proxecto nos ámbitos da agricultura ou gandería”.

Mougán fai referencia ao perfil de xente ‘neorural’ para deixar claros “os novos asentamentos en zonas rurais galegas, algúns deles provenientes doutros países, e outros, de cidades”. Acorde a esta realidade existen movementos executados exitosamente en Galicia polos cales se conformaron cooperativas, e por iso, o director xeral deixou claro no encontro “a intención de Agaca de poder dar unha orientación gratuíta a aquelas persoas interesadas en constituír unha cooperativa”.

Os aportes do programa de intercambio ‘Cultiva 21’

‘Cultiva 21’ foi o programa de estancias formativas desenvolvidas no territorio nacional o ano pasado; este ano agárdase un ‘Cultiva 22’. O seu obxectivo é fomentar o intercambio de persoas que queiran optar a unha acción formativa práctica fóra da súa comunidade autónoma. Loli Couso, responsable de formación de Agaca, ampliou que “un dos requisitos que o Ministerio puxo os dous últimos anos é que as estancias debían ser do mesmo sector de procedencia; estamos intentando que se cambie, e que se permita facer estancias en explotacións que non teñan exactamente a mesma actitude produtiva”.

Existe unha base de datos de explotacións modelo -polo momento dispoñible a de 2021, e pendente de publicarse a deste ano- na cal aparecen as entidades receptoras, e, onde se permite incluír novos integrantes. Segundo manifestou Couso, “é necesario ter en conta o alto nivel de satisfacción das persoas participantes na edición anterior, debido á vivencia de novas experiencias desde un punto de vista diferente”.

Cales foron os requisitos para xóvenes participantes no programa 2021? O primeiro deles foi que aquelas persoas interesadas debían estar instaladas como responsables da explotación, polo menos, desde o 01-01-2016. Ademais, era necesario ter menos de 41 anos na data da primeira instalación. Outros dos requisitos, xa mencionados, eran a localización da súa actividade agraria nunha CC.AA distinta á da estancia e a solicitude dunha estancia cunha produción similar á propia. Couso anunciou que as súas expectativas “son que se convoquen proximamente, polo que cómpre ter en conta que o ano pasado o prazo estivo operativo ata o 20 de outubro”.

Quen xa participara no programa de estancias, non pode ir á mesma explotación. Tamén existen outros requisitos específicos en cada unha, enunciados en cada entrada do catálogo. É imprescindible a tenencia dun certificado dixital para facer a solicitude. Antes de realizala, cómpre prestar atención á ficha da explotación, posto que, cada estancia desenvolve un programa formativo na explotación modelo, complementado con visitas técnicas.

Como é o financiamento do programa? A pesar de non estar publicado o programa deste ano, Loli Couso fixo referencia ao do ano pasado, no cal se detalla a financiación. As axudas que se concederon en 2021 a estas estancias cubrían os gastos de aloxamento e manutención, ata un máximo de 65,97 e 37,40 euros/día, respectivamente. Ademais, o programa tamén inclúe desprazamentos, custes dunha 3ª persoa por ausencia, cobertura sanitaria ou probas COVID-19, se fora necesario.

Datos: Agaca, Loli Couso

Liñas de financiación que inclúe o programa

Cuestións clave para a incorporación agraria

A caída de certas explotacións cunha estrutura consolidada foi a base da que partiu José Ramón Pedreira, xefe de sección de Estruturas Agrarias da Xunta de Galicia en Lugo, para expoñer que “entre todos é necesario deseñar un sistema para poder conseguir que esa actividade económica e esa ocupación do espazo continúe, non só que a xente se incorpore”.

“O número de rapazas e rapaces que teñen unha formación específica en agricultura de dous cursos está en torno a un 2 ou 3%, mentres que, en Francia, por exemplo, se aproxima a un 30%”, expuxo Pedreira. Unha formación axeitada representa unha necesidade para afrontar unha incorporación adecuada ao mundo agrario, e optar a un bo funcionamento da explotación. “Un sistema efectivo de información e asistencia técnica ás explotacións dos mozos de modo intensivo durante os primeiros anos de actividade completan as necesidades básicas de apoio para a mellora da viabilidade futura”, aclarou Pedreira Dono.

“É moi complexo incorporar novas xeracións no eido agrario, e conseguir unha dinamización do rural que sexa atractiva para atraer a xente nova e proxectar a súa vida neste medio”, comentou Pedreira. Por isto, o xefe de sección da Xunta de Galicia, fixo fincapé en que “hai que romper a dinámica de intentar incorporar a novas persoas a través de convocatorias de axudas e requisitos mínimos; hai que ir máis alá, actuando colectivamente entre familias, persoas que se incorporan e técnicos, para poder elaborar plans de empresa e análises de proxectos cunha visión máis ampla e robusta”.

“Fallan as estruturas básicas dun proxecto de empresa que nos leve a un prazo medio de non fracaso”, concretou Pedreira Dono. Para facerlle fronte, o xefe de sección da Xunta anunciou unha serie de preguntas que hai que formular como “que quero e preciso facer?”, establecendo unhas prioridades, e, “cando quero e necesito facer as cousas?”. Ademais destas cuestións entorno ao proxecto é necesario ter en conta os requisitos técnico-económicos, ambientais e sociais, “que son aqueles que limitan a actividade”, afirma Pedreira.

Apoios e axudas públicas

 A Consellería de Medio Rural centra os seus apoios dos Plans de Mellora en investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para mozas agricultoras, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. A finalidade principal é incidir na incorporación de novas tecnoloxías e procesos. As liñas de axuda son de tres tipos: creación de empresas para os agricultores mozos, apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, e creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de marzo, e debe ser de xeito telemático.

Aqueles agricultores mozos que opten por acceder a unha titularidade exclusiva ou compartida da explotación agraria, integrarse como socio/-a nunha entidade asociativa ou instalar por primeira vez unha explotación agraria non prioritaria poden optar a unha axuda de 25.000€, con opción a incrementarse sen que a axuda total supere os 70.000€. O aumento das axudas é proporcional á inversión que se realice.

Relación da cantidade de diñeiro invertida e incremento da axuda

Relación da cantidade de diñeiro invertida e incremento da axuda

En canto a investimentos en explotacións, as axudas concédense nun 30% dos custos elixibles , que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función da aplicación de determinados criterios; por exemplo, se se trata dun caso de investimento en agricultura ecolóxica, pode aumentar ata un 10% máis. O investimento poderá chegar a un máximo de 120.000€ por UTA sen superar os 500.000€ por explotación, tendo que ser como mínimo de 5.000€. Ademais, terá que realizarse nun período de catro anos.

A última liña está enfocada a pequenas explotacións de diferentes sectores, desde o hortícola, ao vacún de carne ou ovino, e coa nova incorporación do porco celta. Entre os requisitos está ser titular dunha pequena explotación agraria inscrita, residir na mesma comarca da explotación, ter un volume de traballo mínimo, e a presentación dun plan empresarial. A prima destas axudas é de 15.000€ a executar co plan empresarial nun prazo de 18 meses.

Os menores de 40 anos teñen prioridade na obtención das axudas. Os apoios concederanse en réxime de concorrencia competitiva e por puntuación. A diferencia doutros anos, “a Lei de Mobilidade de Terras pasa a ser un dos criterios”, afirma Carlos Ares, técnico de Agaca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información