A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Claves das axudas de incorporación e para plans de mellora 2025

Adrián Villar Ramos, enxeñeiro técnico agrícola, explica as principais novidades das axudas de incorporación e para plans de mellora que veñen de ser convocadas pola Consellería do Medio Rural

GRANXA ABELEIRASO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este mércores, 25 de xuño, a nova convocatoria da Consellería do Medio Rural que regula as axudas destinadas á incorporación de persoas mozas ao agro galego, aos investimentos en explotacións agrarias e aos plans de modernización para persoas mozas xa instaladas. En total, activáronse tres liñas diferenciadas: MR404A, MR405F e MR405H, todas elas cofinanciadas polo FEADER no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

O prazo de solicitude será dun mes contado desde o día seguinte á publicación no DOG. Con isto, o prazo formal remataría o 25 de xullo; porén, ao coincidir con festivo autonómico (Día do Apóstolo), o último día para presentar as solicitudes será o luns 28 de xullo de 2025.

O orzamento total destinado a esta convocatoria ascende a 36 millóns de euros, repartido do seguinte xeito:

  • MR404A – Incorporación de persoas mozas: 16.000.000 €

  • MR405F – Plans de mellora para novas incorporacións: 14.500.000 €

  • MR405H – Plans de mellora para incorporacións do ano anterior: 5.500.000 €

A orde establece ademais a posibilidade de redistribuír fondos entre as distintas liñas, no caso de existiren remanentes nunha delas, co fin de optimizar a execución orzamentaria.

En comparación coa convocatoria anterior, publicada en xaneiro de 2024, observamos unha lixeira redución no orzamento total, que daquela ascendía a 47 millóns de euros, incluíndo:

  • 16 millóns de euros para a liña principal de incorporación (68611_01),

  • 3 millóns de euros para novas persoas agricultoras (68612_01),

  • 27 millóns en total para investimentos produtivos, sumando tamén pequenas explotacións.

A edición deste ano introduce cambios relevantes no perfil dos beneficiarios, limitando as axudas a casos moi concretos. Así, só poderán solicitar estas subvencións:

  • Mozos e mozas de entre 18 e 40 anos que se incorporen por primeira vez á actividade agraria (liña MR404A),

  • Explotacións que vaian incorporar un mozo/a e presenten simultaneamente un plan de investimentos (liña MR405F),

  • Explotacións que xa incorporaran un mozo/a no ano 2024 e non lles fora aprobado o plan de mellora asociado (liña MR405H).

Esta restrición de perfís fai prever un porcentaxe elevado de resolucións favorables, ao reducirse significativamente o número de solicitudes posibles. Como contrapartida, elimínanse varias liñas que si estaban presentes na convocatoria anterior, entre elas:

  • A liña de incorporación para persoas de entre 41 e 55 anos,

  • As axudas dirixidas a pequenas explotacións,

  • E os investimentos orientados á mitigación e adaptación ao cambio climático.

Deste xeito, a convocatoria 2025 limita o alcance das axudas ao relevo xeracional, ao dirixirse unicamente a novas incorporacións ou a explotacións nas que se producira unha incorporación recente.

Ademais, a orde incorpora dúas novidades de especial interese para os solicitantes:

  1. Compatibilidade con outras axudas: por primeira vez, os investimentos subvencionables poderán recibir apoio doutras convocatorias públicas, sempre que non se supere o 100 % do custo elixible. Esta medida facilita a combinación de distintas fontes de financiamento para un mesmo proxecto, incrementando a capacidade de investimento das explotacións.

  2. Admisión de investimentos xa iniciados: poderán acollerse á subvención aqueles investimentos comezados a partir do 1 de xaneiro de 2023, sempre que non estean rematados na data de solicitude e se poida acreditar de forma oficial a data de inicio. Para isto, aceptaranse como probas válidas as actas de técnicos doutros programas, actas notariais ou calquera documento con data certa emitido por administracións públicas.

 

Incorporación de mozos e mozas ao agro: ata 70.000 € de axuda para establecerse como titulares de explotación

A primeira das liñas activadas na convocatoria 2025 é a MR404A, destinada a apoiar o establecemento de mozos e mozas como titulares de explotacións agrarias. Esta liña está pensada para facilitar o acceso ao agro da mocidade galega e conta cunha dotación de 16 millóns de euros.

Quen pode solicitar esta axuda?

Poderán optar á liña MR404A as persoas que cumpran os seguintes requisitos principais:

  • Ter entre 18 e 40 anos no momento da solicitude (non se poden cumprir os 41 durante o ano natural da convocatoria).

  • Instalarse como titular dunha explotación agraria por primeira vez, ou telo feito nos 12 meses anteriores á solicitude. No caso de incorporacións a través dunha sociedade, tamén será válido instalarse no prazo máximo de execución do plan.

  • Comprometerse a acadar a condición de agricultor/a profesional no prazo de 18 meses desde a data de instalación.

  • A explotación debe xerar unha renda unitaria de traballo (RUT) igual ou superior ao 35 % da renda de referencia. No ano 2025, isto tradúcese nunha renda mínima anual de 12.118,58 € por UTA.

  • Presentar un plan empresarial cunha duración máxima de 24 meses, no que se detalle a situación inicial da explotación, os obxectivos a cumprir, os investimentos previstos, unha análise económica e, se é o caso, os impactos ambientais e medidas de sustentabilidade.

  • Participar obrigatoriamente no programa de titorización da Consellería do Medio Rural, a través do persoal técnico das oficinas comarcais.

  • Permanecer na actividade agraria durante un mínimo de 5 anos desde o cobro final da axuda.

  • Non ter recibido previamente unha axuda por incorporación. De ser o caso, deberá constar a súa renuncia formal dentro do prazo legal.

Canto se pode cobrar?

A axuda base é de 30.000 €, podendo chegar ata un máximo de 70.000 €, segundo os seguintes incrementos acumulables:

  • +10.000 € se a persoa solicitante é muller.

  • +10.000 € se a explotación se localiza en zona de montaña ou Rede Natura 2000.

  • +10.000 € se se trata dunha explotación ecolóxica.

  • +10.000 € se se tramita en réxime de titularidade compartida.

No caso de explotacións intensivas, o importe limítase ao mínimo: 30.000 € sen posibilidade de acumulación.

Como e cando se cobra?

A axuda ten carácter de pago a tanto alzado:

  • Un primeiro pago do 60 % tras a concesión da axuda.

  • E un segundo pago do 40 % ao finalizar o plan empresarial, sempre que se cumpran os compromisos establecidos.

Esta liña está deseñada para facilitar o relevo xeracional no agro, ofrecendo un apoio económico importante ás persoas que queiran instalarse e desenvolver unha actividade viable. Nos vindeiros días publicaremos tamén un resumo con consellos técnicos para a elaboración do plan empresarial e os criterios que máis puntuación poden dar.

Criterios de prioridade

As solicitudes recibirán unha puntuación segundo o cumprimento de certos criterios que permiten ordenar as solicitudes no caso de que a demanda supere o orzamento dispoñible. A puntuación máxima será de 13 puntos, e será necesario acadar como mínimo 2 puntos en dous criterios distintos para que a solicitude poida ser aprobada.

Os criterios son os seguintes:

  • Instalación con investimentos simultáneos (MR405F): 4 puntos

  • Localización en zona de montaña: 3 puntos

  • Explotación ecolóxica (ou plan para selo): 2 puntos

  • Localización noutra zona con limitacións naturais: 2 puntos

  • Instalación nunha explotación do Banco de Explotacións: 1 punto

  • Muller: 1 punto

  • Residencia na mesma comarca da explotación: 1 punto

  • Instalación nunha explotación agraria prioritaria (REAGA): 1 punto

En caso de empate de puntuación entre solicitudes, resolverase aplicando os criterios na orde anterior.

Ata 250.000 € en axudas para mellorar explotacións que incorporen mozos: así funciona a liña MR405F en 2025

A liña MR405F da convocatoria 2025 está dirixida a apoiar investimentos en modernización ou mellora de explotacións agrarias, sempre que vaian acompañados dunha nova incorporación de persoa moza. Esta axuda non pode solicitarse de forma independente, senón simultaneamente coa liña MR404A de incorporación.

O orzamento total dispoñible para esta liña ascende a 14,5 millóns de euros, e o seu obxectivo é facilitar que a incorporación dun mozo ou moza se poida acompañar de melloras estruturais ou tecnolóxicas na explotación.

Requisitos para acceder

Poderán optar a esta liña as explotacións que:

  • Presenten unha solicitude de incorporación (MR404A) vinculada, é dicir, cunha persoa moza que pase a ser xefa da explotación ou socia maioritaria nunha sociedade.

  • Desenvolvan unha actividade agraria como principal.

  • Teñan capacidade para acada unha renda mínima de 12.118,58 € por UTA.

  • Acrediten a capacitación profesional suficiente (excepto no caso de que sexa a primeira instalación,que terán que conseguila en 36 meses).

  • Se comprometan a manter os investimentos durante 5 anos, ou 3 no caso de pemes ou de creación de emprego.

Ademais, este ano non poderán acceder explotacións con axudas anteriores (PDR 2014–2020) pendentes de xustificación, nin aquelas que xa fosen beneficiarias doutra convocatoria da mesma subintervención, salvo renuncia expresa.

Que se pode subvencionar?

Poderanse incluír investimentos destinados a:

  • Construcións, reformas e adquisicións de edificacións agrarias.

  • Compra de maquinaria nova, melloras tecnolóxicas ou de eficiencia produtiva.

  • Compra de terreos (ata un 10 % do investimento elixible).

  • Plantacións leñosas froiteiras.

  • Gastos xerais relacionados co proxecto (proxectos técnicos, licenzas, software, etc.).

Non son elixibles os investimentos en animais, maquinaria usada, transformación agroalimentaria, forestación ou mantemento de instalacións.

O investimento mínimo para optar á axuda é de 15.000 €.

Canto se pode cobrar?

A porcentaxe da axuda base será do 30 % do investimento elixible, podendo incrementarse ata un máximo do 65 %, en función de determinadas condicións que permiten bonificacións acumulables:

  • +10 % se a persoa moza é titular da explotación.

  • +10 % se a explotación se localiza nunha zona de montaña ou en espazos da Rede Natura 2000.

  • +10 % no caso de explotacións ecolóxicas.

  • +5 % se a titular é muller (ou se máis do 50 % dos socios da sociedade son mulleres).

Non obstante, no caso de explotacións intensivas, non se aplicarán estes incrementos, e a axuda quedará limitada á porcentaxe base do 30 %.

NOVIDADE 2025: en comparación coa convocatoria do ano pasado, este ano:

  • Redúcese o límite máximo por explotación de 300.000 € a 250.000 €

  • Volve establecerse un límite máximo por UTA: 75.000 € por unidade de traballo agrario, un criterio que en 2024 non se aplicaba. É dicir, a contía máxima que se pode cobrar dependerá tamén do tamaño real da explotación en termos de man de obra.

Como norma adicional, non se pode destinar máis do 30 % da axuda á compra de maquinaria agrícola.

Criterios de prioridade

As solicitudes que cumpran os requisitos básicos serán avaliadas mediante un sistema de puntuación, co obxectivo de priorizar aqueles proxectos máis orientados á profesionalización, sustentabilidade e desenvolvemento equilibrado do medio rural.

A puntuación máxima posible é de 32 puntos, sendo necesario obter un mínimo de 10 puntos, repartidos en polo menos dous criterios distintos, para que a solicitude poida ser subvencionable.

Os criterios establecidos son os seguintes:

  • Nivel de dedicación á actividade agraria (ata 10 puntos), segundo o plan empresarial da persoa moza:

    • Exclusivamente actividade agraria: 10 puntos

    • Compaxinada cunha actividade adicional: 8 puntos

    • Compaxinada con dúas actividades: 6 puntos

    • Compaxinada con tres actividades: 4 puntos

    • Compaxinada con catro ou máis actividades: 0 puntos

  • Explotación ecolóxica rexistrada como tal no REAGA: 4 puntos

  • Explotación agraria prioritaria, inscrita na sección correspondente do REAGA: 3 puntos

  • Localización da explotación en zona de montaña: 3 puntos

  • Explotación de titularidade compartida, inscrita: 3 puntos

  • Muller como titular, ou máis do 50 % de mulleres en caso de sociedades: 3 puntos

  • Explotación cunha carga gandeira igual ou inferior a 2 UGM/ha, ou explotación agrícola especializada: 2 puntos

  • Localización noutra zona con limitacións naturais (non montaña): 2 puntos

  • Dispoñer dun seguro agrario contratado, excluíndo o destinado só á retirada de cadáveres: 2 puntos

  • Investimentos nunha explotación procedente do Banco de Explotacións da Lei 11/2021: 1 punto

  • Pertenza a unha organización de produtores, inscrita como tal: 1 punto

Cómpre salientar que os proxectos de nova creación parten con certa desvantaxe no baremo, xa que non poden acceder a parte dos puntos vinculados á situación previa da explotación, como os referentes á condición de explotación prioritaria, á contratación de seguros agrarios ou á pertenza a organizacións de produtores. Aínda que se trata de perfís emprendedores que deberían contar cun maior apoio, na práctica vense penalizados fronte a explotacións xa consolidadas.

 BANNER ABELEIRAS 2025 2

Ata 250.000 € para explotacións que incorporaron mozos en 2024 e non puideron executar un plan de mellora: así é a liña MR405H en 2025

 

A liña MR405H, incluída na convocatoria de axudas ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, está destinada a explotacións agrarias que incorporaron unha persoa moza en 2024 ao abeiro da liña MR404A pero non puideron executar un plan de mellora asociado, ben por ter sido denegado, ben por non terse solicitado.

Esta liña permite compensar esa falta de apoio ao investimento nun momento clave da consolidación da incorporación, facilitando agora a execución dunha actuación modernizadora. O orzamento para esta liña é de 5,5 millóns de euros, cun límite de axuda por explotación de ata 250.000 €, e cunha intensidade subvencionable que pode chegar ao 65 % do investimento elixible, en función das características da explotación.

 

Quen pode optar?

A liña está dirixida a explotacións agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que incorporaran unha persoa moza ao abeiro da convocatoria MR404A do ano 2024, e non puideran executar un plan de mellora vinculado a esa incorporación (por denegación ou por non terse solicitado).

  • Que non tivesen concedida axuda por plan de mellora nesa convocatoria, nin tampouco na mesma subintervención doutras convocatorias.

  • Que desenvolvan a actividade agraria como principal, con capacidade para xerar unha renda mínima de 12.118,58 €/UTA.

  • Que conten con capacitación profesional suficiente ou que a obteñan no prazo máximo de 36 meses (no caso de primeira instalación).

  • Que non iniciasen os investimentos antes do 01/01/2023. Os investimentos realizados antes desa data non serán subvencionables, aínda que se presenten facturas posteriores.

 

Que se pode subvencionar?

Permítense investimentos destinados a:

  • Construción, reforma ou adquisición de edificacións agrarias.

  • Compra de maquinaria nova.

  • Melloras tecnolóxicas, eficiencia produtiva ou ambiental.

  • Plantación de cultivos leñosos froiteiros.

  • Compra de terreos (ata un 10 % do investimento subvencionable).

  • Gastos xerais asociados: redacción de proxectos, licenzas, software técnico…

Quedan excluídos os investimentos en animais, maquinaria de segunda man, forestación, transformación agroalimentaria ou actividades de mantemento.

O investimento mínimo subvencionable é de 15.000 €.

Canto se pode cobrar?

A axuda parte dunha intensidade base do 30 %, pero poderá incrementarse ata un máximo do 65 %, segundo os seguintes criterios:

  • +10 % por ser persoa moza.

  • +10 % por localización en zona de montaña ou Rede Natura 2000.

  • +10 % por tratarse dunha explotación ecolóxica.

  • +5 % se a titular é muller (ou se máis do 50 % dos socios o son).

Importes máximos:

  • 250.000 € por explotación (antes 300.000 € en convocatorias anteriores).

  • 75.000 € por UTA da explotación (novedade de 2025).

Ademais, non se poderá destinar máis do 30 % da axuda á compra de maquinaria agrícola. 

Criterios de prioridade

A puntuación máxima é de 32 puntos, e será necesario obter un mínimo de 10 puntos en, polo menos, dous criterios distintos para poder optar á subvención.

Os principais criterios de puntuación son:

  • Nivel de dedicación á actividade agraria (ata 10 puntos).

  • Explotación ecolóxica (4 puntos).

  • Explotación prioritaria (REAGA) (3 puntos).

  • Localización en zona de montaña (3 puntos).

  • Titularidade compartida (3 puntos).

  • Muller como titular ou maioría societaria (3 puntos).

  • Carga gandeira ≤ 2 UGM/ha ou explotación agrícola especializada (2 puntos).

  • Zona con limitacións naturais (2 puntos).

  • Seguro agrario contratado (2 puntos).

  • Procedencia do Banco de Explotacións (1 punto).

  • Pertenza a organización de produtores (1 punto).

Observación final

Cómpre sinalar que esta liña supón unha segunda oportunidade para aquelas incorporacións que non puideron acompañarse dun plan de mellora no seu momento, permitindo agora dotar á explotación dos investimentos necesarios para consolidar a actividade.

Para máis información: 621 00 87 49 ingenieria@abeleiras.com

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *