Claves da poda na viticultura para mellorar a vida dos viñedos

Julián Palacios, viticultor e enxeñeiro agrónomo experto en viticultura, sitúa a poda como unha das actividades máis necesarias da viña e explica as cuestións que se deben ter en conta durante o proceso, tanto en Guyot como en cordón Royat, para mellorar a vida das cepas

Publicidade
Claves da poda na viticultura para mellorar a vida dos viñedos

Imaxe do tipo de poda en cordón tomada en Evega

O sistema de savia dunha vide, ao mesmo que o de calquera outra planta, é comparable ao sistema circulatorio do corpo humano, polo que, mellorándoo conseguirase alongar a súa esperanza de vida. Existen dous aspectos clave aos que prestar atención: o primeiro é o enxerto, isto é, facendo unha correcta conexión dos vasos e comprobándoo mediante o palanqueo do mesmo, e o segundo á poda, é dicir, cunha práctica axeitada que facilite o tránsito de zume desde a raíz.

“Fai 2000 anos Columela deixou escrito que a poda da vide é a labor máis necesaria de todas as que nos propoñemos dar a viña”, destaca Julián Palacios, enxeñeiro agrónomo especializado en viticultura e viticultor, e que quere recuperar ese enfoque na actualidade. Durante a súa intervención no taller práctico de poda da vide, celebrado recentemente na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), o enxeñeiro fixo fincapé nas claves para facer unha poda que mellore os fluxos de zume, así como no correcto desenvolvemento dos dous tipos de poda máis utilizados: en cordón Royat e en Guyot.

“Hai unha importante demanda para aprender a mellorar a poda, por iso realizamos un curso práctico con especialistas acorde a un tipo de poda que permita respectar o máximo posible a circulación canle de savia pola cepa. Hoxe en día faise unha viticultura cada vez máis intensiva, con podas moi rápidas que derivan en feridas que lle fan dano a planta, por iso cómpre profesionalizar o sector e facer prácticas axeitadas que amplíen a vida da vide”, detalla Emilia Díaz, directora da Evega..

Imaxe da parte práctica do curso de poda impartida do Evega

Imaxe da parte práctica do curso de poda impartida do Evega

Principios de poda

É necesario facer unha poda atendendo á salubridade da planta e sen comprometer o seu desenvolvemento futuro. Partindo desta premisa, cómpre realizar a poda acorde a “sete principios; tres que teñen que ver coa arquitectura da planta e outros catro que obedecen á forma de facer os cortes”, detalla Julián Palacios. Estes principios mantéñense independentemente do tipo de condución seleccionado para a vide.

“Cómpre realizar a poda acorde a sete principios; tres que teñen que ver coa arquitectura da planta e outros catro que obedecen á forma de facer os cortes” (Julián Palacios)

“O primeiro deles é adecuar a poda ao sistema de condución elixido; o segundo, favorecer un crecemento ordenado todos os anos, posto que as plantas leñosas, como é o caso da vide, nunca deben deixar de medrar, e o terceiro consiste en realizar unha poda pensando no desenvolvemento futuro da vide. Estes tres representan a pauta que moldea a arquitectura da planta, e que nos permiten darlle á cepa unha forma determinada, distribuír adecuadamente a savia da vide e manter unha produción regular”, sinala Palacios.

Por outra banda, están os catro restantes que se centran na correcta execución dos cortes. “O primeiro deles é procurar unha continuidade do fluxo de savia sempre que sexa posible, para evitar interrupcións; o segundo, utilizar madeira de protección dos cortes naquelas feridas de poda que o precisen porque non sempre podemos manter o fluxo de zume; o terceiro corresponde ao uso de xemas de coroa nos chupóns que axudará á cicatrización, aínda que logo teremos que corrixilo na primavera, pero se pola contra se fai un corte moi raso, promóvese un cono de secación nunha das zonas principais de savia da planta; o cuarto fai referencia á realización de cortes en madeira de 1 a 2 anos”, concreta o enxeñeiro agrónomo e viticultor.

Da teoría á práctica

En viñedos novos, para formar unha vide próspera cómpre facelo “desde a prudencia na velocidade de formación e na entrada en produción, dándolle prioridade ao crecemento radicular sobre o aéreo, e moderando o vigor dos pámpanos”, apunta Palacios. Nesta liña, cómpre ter en conta que instrumentos utilizados habitualmente como os protectores, por exemplo, “actúan como un efecto invernadoiro fomentando o crecemento aéreo fronte ao radicular, por iso eu intento evitalo en todas as fincas, e no caso de que haxa danos por fauna, intento cercar as parcelas se é posible”, comenta.

Por outra parte, en viñedos adultos realízase ben unha poda longa ou unha poda curta. A primeira é aquela na cal os brotes longos que saen cada ano da cepa se podan a máis de tres xemas. Esta tipoloxía aplícase en moitos casos cando o rendemento é menor do desexado e a fertilidade é baixa nas xemas basais. Esta fertilidade depende de varios factores entre os que se sitúan “as condicións xenéticas da variedade, a temperatura e iluminación no momento da iniciación das inflorescencias, o estado nutricional do ‘ano -1’, e a acumulación de reservas no ‘ano -2’”, amplía Julián Palacios.

“O risco de facer poda longa é de que non broten as xemas máis baixas da vara, e entón, como se renovaría o ano que ven? Hai poucos sitios nos que se fai poda longa, e estes correspóndense con zonas nas que as variedades que se cultivan son máis propensas a brotar todas as xemas, e naquelas que hai moito vigor e é necesario mobilizar xemas por todos os lados”, matiza Palacios.

Sen embargo, “é moi raro podar só en poda longa, en moitas ocasións recórrese á poda mixta; en Galicia é moi común atopar viñedos podados ao sistema Guyot, posto que, ben executado, permite unha ramificación en dúas canles e ao mesmo tempo respéctase o fluxo de savia sen atrofiar ningún lado da planta”, afirma o enxeñeiro agrónomo. Esta combinación de estruturas longas e curtas garante renovar ao ano seguinte no sitio que se seleccione.

Nestes casos é moi importante manter polgares a ambos lados da planta. “Hai que podar o polgar pensando no desenvolvemento futuro da planta, e iso elíxese en función das xemas que se deixen; se coincide que a primeira xema franca mira cara abaixo, pois pódase a dúas xemas ese polgar porque da xema de rango 2 sacarase a vara do vindeiro ano”, explica o enxeñeiro agrónomo.

“Se coincide que a primeira xema franca mira cara abaixo, pois pódase a dúas xemas ese polgar porque da xema de rango 2 sacarase a vara do vindeiro ano” (Julián Palacios)

Despois está a incógnita de arquear ou non as varas, xa que hai que pensar que ao arquealas teñen máis xemas por metro lineal pero sería necesario outro arame por riba do de formación. Tamén hai a posibilidade de facer un Guyot dobre ou un simple segundo a distancia que teñas entre as cepas, “por exemplo se tes 80 centímetros cun Guyot simple deberías cubrir, pero se hai 1’20 metros, necesitase máis. No caso dos simples, sería recomendable alternar o lado da vara”, avanza Palacios.

En canto a poda curta, que corresponde con aquelas vides que se podan como moito a tres xemas, e que normalmente son vasos, sistemas libres ou espaldeira -fundamentalmente cordón Royat-, sucede o contrario ao caso anterior. “Cando o rendemento é o desexado podas corto, con 2 xemas francas principalmente”, comenta Julián Palacios. Así como en poda longa todos os sistemas soen estar dirixidos, “a poda curta da opción a ter sistemas libres e poñer polgares onde se queira”, detalla.

“Neste caso sucede o contrario ao caso anterior posto que cando o rendemento é o desexado podas corto, con 2 xemas francas principalmente” (Julián Palacios)

Que pasa cando temos unha espaldeira a cordón? “Temos un sistema de dúas dimensións, e a dimensión do ancho non debemos utilizala, entón, cando se forma o viñedo, o longo xa se ocupou coa formación dos brazos, polo que a única dimensión que nos queda para traballar sería o alto”, expresa o viticultor. Neste crecemento vertical é máis complexo xa que, dificulta o respecto pola condución da savia e “o criterio que debe primar é deixar tacos de madeira en todos os cortes”.

Para que podamos?

Sendo unha das actividades fundamentais para o desenvolvemento da cepa, entre os obxectivos máis aparentes están a consecución dunha forma determinada para despois mantela no tempo, obter unha colleita regular ao longo da vida da plantación, buscando uns rendementos, e distribuír axeitadamente a savia que provén da raíz.

Baixo este contexto é importante “repartir adecuadamente o vigor e a expresión vexetativa dunha planta, isto é, buscar un equilibrio; así mesmo, isto será consecuencia de que a cepa teña un desenvolvemento vexetativo determinado porque se non hai brotes con certa lonxitude, non hai follas, polo que cómpre achegarse ás 8-10 follas sas en cada un”, especifica Palacios.

“Partindo de que toda a expresión vexetativa dunha vide debe repartirse nun vigor moderado é necesario ter claro que os máis delgados medran menos e durante menos tempo, mentres que cos de maior grosor pasa o contrario; resultado dos primeiros haberá unha menor produción por iso hai que buscar un equilibrio”, fai fincapé Julián Palacios. “Por que en Rías Baixas se utiliza parral en 3×3 mentres que no Ribeiro se usa espaldeira en 1×1 en moitos casos? Isto faise para unha correcta distribución do zume, para conseguir un número de xemas determinado por cepa, e xestionar o vigor”, exemplifica.

“Os brotes máis delgados medran menos e durante menos tempo, mentres que cos de maior grosor pasa o contrario” (Julián Palacios)

En definitiva, o vigor dunha vide controlase inicialmente a través do marco de plantación e o sistema de condución, pero logo a poda é unha ferramenta xa que permite regular o número de xemas que se deixan en función do vigor do viñedo. Por último, hai que pensar tamén en regular todo o relacionado coa xestión xeral do viñedo, como a nutrición, a rega e as cubertas vexetais, por exemplo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información