Claves administrativas para unha incorporación axeitada das persoas mozas ás explotacións

Falamos con especialistas en asesoramento rural para coñecer as cuestións máis importantes que deben ter en conta as persoas mozas que se vaian incorporar ó agro

Claves administrativas para unha incorporación axeitada das persoas mozas ás explotacións

O relevo nas explotacións obriga a tomar decisións empresariais e a ser coidadoso co proceso administrativo.

Os cambios na PAC en cada exercicio, a modificación nas normativas de sucesión, os requisitos tributarios, os criterios de adxudicación de subvencións…son moitos os parámetros que inflúen á hora de executar o relevo xeracional nunha explotación. Ben sexa por herdanza familiar (en vida ou por falecemento), por facerse cargo da dalgún veciño ou por pasar a formar parte dunha SAT. A cuestión é que calquera erro ou omisión no proceso burocrático poden levar a comezar a actividade sen todas as garantías e a comprometer o futuro.

Falamos con especialistas en asesoramento rural para coñecer as claves sobre como deben actuar nestes casos as persoas mozas que se incorporan ao campo.

Un dos principais aspectos que hai que ter en conta é o das axudas da PAC, un recurso esencial en boa parte dos casos. José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, sinala que hai que diferenciar se a sucesión se produce en vida do titular ou por herdanza despois de morto, e formula unha serie de puntos a ter en conta:

1.- Relacionados coa elixibilidade no novo titular.- O novo titular debe cumprir coa condición de agricultor activo, que implica que os ingresos agrarios representen polo menos o 25% do total, salvo excepcións que cita a normativa da PAC. Porque o novo titular pode ser unha persoa sen antecedentes previos na actividade agraria ou que non pode demostrar ingresos suficientes para cumprir cos requisitos para ser beneficiario das axudas.

Cando a transmisión se realiza a favor de mozos agricultores que poden solicitar dereitos da reserva nacional, debe terse en conta que hai que cumprir requisitos de formación, inicio da actividade, etc, que poden retrasar a concesión dos dereitos. Se a transmisión é en favor de sociedades ou comunidades de bens, debe demostrarse tamén que a súa actividade principal é agraria.

2.- Relacionados coa transferencia dos dereitos de pago básico.- A transmisión debe realizarse dentro dos prazos establecidos pola normativa da PAC, que adoita ser entre febreiro e maio. Se hai erros na documentación ou retrasos na comunicación da cesión, o novo titular pode quedar sen activar os dereitos ese ano e, en consecuencia, perder as axudas da PAC para esa campaña.

Ademais, no caso de alugueiro de terras, hai que precisar se os dereitos de pago tamén se inclúen no contrato ou quedan en mans dos propietarios da terra.

3.- Actualización do titular e da explotación no rexistro de explotacións agrarias.- A explotación debe estar correctamente inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIGPAC). Así, se os datos non se actualizan a tempo ou hai discrepancias na superficie declarada, pode haber problemas na solicitude da PAC para o novo titular.

4.- Existencia de condicións e compromisos previos da explotación que se transmite en relación coa PAC.- Se a explotación estaba adherida a compromisos agroambientais, ecoesquemas ou axudas de desenvolvemento rural, o novo titular debe asumir esas obrigas. Se non o fai, pode perder as axudas ou ter que devolver fondos xa recibidos.

Ademais, se a explotación recibiu axuda de incorporación de mozos agricultores, hai que verificar que a transmisión non incumpre os prazos ou requisitos desa axuda. Se o novo titular non pode asumir os compromisos pendentes, o beneficiario orixinal podería verse obrigado a devolver a axuda recibida.

5.- Prazos de comunicación da transmisión.- Para manter os dereitos da PAC, os cambios de titularidade deben formalizarse a tempo e con canta antelación mellor. E sempre antes do peche do prazo de solicitude única da PAC. Se o cambio de titularidade non se formaliza a tempo, o novo propietario non poderá solicitar as axudas ese ano.

No caso de transmisións mortis causa, ademais do anterior, existen obstáculos específicos que poden retrasar ou impedir o acceso ás axudas da PAC:

  • 1.- Retrasos na adxudicación da herdanza.- Mentres non se realice a adxudicación oficial dos bens e dereitos da explotación, o novo titular non pode transferir os dereitos de pago básico, solicitar a PAC nin figurar como beneficiario dos pagos. A repartición da herdanza e a adxudicación da explotación pode demorarse se existen conflitos entre herdeiros, falta de testamento, trámites xudiciais, etc, que facilmente poden provocar a perda das axudas ao menos dun ano.
  • 2.- Existencia de problemas da indivisibilidade da explotación.- Se a explotación se herda por varias persoas e non hai un acordo sobre quen a xestionará, tamén xorden problemas para poder cobrar a PAC ata que se clarifique a titularidade. Por iso, é recomendable que un só herdeiro asuma a xestión da explotación ou ben se opte pola creación dunha comunidade de bens, dunha sociedade ou dunha explotación de titularidade compartida con normas claras de funcionamento e organización.

Pola súa banda, María Elena Piñeiro, da Asociación de Asesores Rurais de Galicia (AARG) indica que é de vital importancia informarse con profesionais especialistas. Primeiro co persoal técnico das oficinas rurais (antigo servizo de extensión agraria), que coñecen o ámbito normativo e administrativo a nivel de axudas para a viabilidade económica do proxecto nos primeiros anos.

E recomenda contar con asesores fiscais e asesores especialistas na actividade que se quere iniciar ou desenvolver. Estes últimos son as persoas responsables da coordinación de todo o proceso de incorporación en toda a súa dimensión: fiscalidade, seguridade social, lexislación medioambiental, ámbito produtivo e sanitario, adaptación ao cambio climático, comercialización, promoción de produto, formación e tramitación de axudas e subvencións dispoñibles ás que pode concorrer.

Aspectos fiscais

Piñeiro insiste na importancia dos aspectos fiscais, destacando o seguinte:

a) Explotación agraria existente: importancia de redimensionar o proxecto en función do encadre fiscal.

b) Explotación agraria de nova creación: é necesario que a asesoría fiscal coñeza todos os detalles do plan empresarial para poder encadrala fiscalmente. Vital para a viabilidade do proxecto.

c) Persoa moza que se incorpora baixo a figura dunha Sociedade: incorpórase como socio por compra de participacións, por pacto de mellora (cando os proxenitores lles traspasan a un fillo ou filla), ou por ampliación de capital, aportando bens ou efectivo. Estas operacións estan suxeitas ao imposto de Actos Xurídicos Documentados da Consellería de Facenda.

As axudas de incorporación á actividade agraria están condicionadas a que a persoa que se incorpora dispoña cando menos da mesma participación na sociedade que o socio que máis participación conte na mesma, e que forme parte dos órganos de dirección.

-d) Persoa moza que se incorpora baixo a figura dunha persoa física como titular único. Incorpórase por compra ou arrendamento da explotación agraria a un familiar ou a unha persoa que non é familiar, por pacto de mellora (cando os proxenitores lles traspasan a un fillo ou filla). Tamén están suxeitas ao imposto de Actos Xurídicos Documentados.

Neste caso é imprescindible que no documento (privado ou notarial) que se realice, se contemplen os bens que transmiten: gando (acompañado dun censo), maquinaria (documentación acreditativa do ROMA) e os dereitos da PAC asignados a esa explotación.

En todos os casos, débese proceder á inscripción no rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), no procedemento MR 408B, como alta ou como modificación .

Figuras xurídicas

Con Álvaro Núñez, xerente da entidade de enxeñería agrícola CENSEA, analizamos as opcións de figuras xurídicas das explotacións. Núñez explica que “cada explotación debe axeitarse á figura xurídica que máis lle conveña; hai persoas mozas que se incorporan coa figura de persoa física, o que simplifica a fiscalidade e as tramitacións, tanto das axudas iniciais como futuras. E outras explotacións, que pola existencia ou incorporacións de máis dun socio, é necesaria unha figura xurídica, dependendo dos volumes de produción dos que estemos a falar, así como principalmente de cara a onde se queira levar a explotación empresarialmente nun futuro, optarase por unha figura ou outra.”

No caso de dos socios que sexan cónxuxes, están en auxe as TC, explotacións de titularidade compartida, feitas principalmente pola priorización á hora de solicitar axudas, aínda que ten como función a igualdade na toma de decisións entre homes e mulleres nos órganos de goberno das granxas familiares, segundo sinalou o responsable de CENSEA.

Outra opción: “Para explotacións de tamaño grande adoitan utilizarse Sociedades de Responsabilidade Limitada e, debido os fortes investimentos realizados e o volume de negocio xerado, xa se comezan a ver estruturas de holding empresarial, que de seguro aumentarán no futuro, polas melloras fiscais e a protección do patrimonio.”

Formación

Núñez pon o foco no cumprimento dos requisitos de formación. “Como xustificación da capacitación profesional, existe unha formación regrada obrigatoria, impartida pola Administración principalmente e que consiste en 250 horas lectivas teóricas aproximadas (coa posibilidade de facelas online) e na superación de exames presenciais de varios módulos, sobre 8-10 módulos dependendo de cada actividade agrícola ou gandeira na que se pretenda incorporar o mozo para obtención do título acreditativo.

Este curso pode convalidarse con titulacións universitarias da rama agraria ou formacións profesionais neste mesmo ámbito. Deberá contar tamén de forma case xeralizada con carnet de manipulador de produtos fitosanitarios.”

Incidindo na importancia de cumprir estrictamente cos prazos, dende CENSEA indican que “no caso de explotacións de vacún, por exemplo, para o reconto dos animais elixibles para o cobro das axudas asociadas á produción na PAC, elíxense datas entre o mes de xaneiro e finais do mes de abril, polo que é necesario que os animais permanezan no mesmo REAGA durante esas datas, existe certa flexibilización para explotacións con incorporacións de mozos pero o recomendáble é non solicitar cambios de titularidade das explotacións nesas datas, co fin de evitar conflictos ou xerar condicións artificiais.”

En resumo, os profesionais aconsellan asesorarse cun ou mesmo varios especialistas en cada paso do proceso de incorporación para evitar erros burocráticos, fiscais, técnicos, formativos ou legais que poidan supoñer un atranco que perdure no tempo e lastre á explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información