“A clave para substituír ao glifosato está na rotación de cultivos e no desherbado mecánico”

Abordamos con Amaia Ortiz, xefa do Departamento de Produción e Protección Vexetal no Instituto Vasco de Investigacións Agrarias, as alternativas que se presentan ao uso do glifosato na agricultura

Publicidade
“A clave para substituír ao glifosato está na rotación de cultivos e no desherbado mecánico”

Amaia Ortiz, xefa do Departamento de Produción e Protección Vexetal en Neiker.

O uso do glifosato, un herbicida de amplo espectro, leva anos no centro da polémica. Coñecemos de man de Amaia Ortiz, xefa do Departamento de Produción e Protección Vexetal no Instituto Vasco de Investigacións Agrarias (Neiker), algunhas das particularidades deste produto, así como as alternativas que se presentan na actualidade.

-Que riscos supón o uso do glifosato? Está xustificada a súa mala fama dos últimos anos?
-En marzo de 2015, a Axencia Internacional para a investigación do cancro (Iacr) clasificou ao glifosato como “probablemente canceríxeno para os seres humanos” (Grupo 2A). Isto baseouse en evidencia “limitada” de cancro en humanos (por exposicións ocorridas e confirmadas) e evidencia “suficiente” de cancro en animais experimentais (de estudos con glifosato “puro”, sen a combinación con outras sustancias). A Iacr tamén chegou á conclusión de que había probas “fortes” de xenotoxicidade, tanto para o glifosato “puro” como para as formulacións de glifosato.

Por mor deste informe, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (Efsa), que foi responsable da revisión das sustancias activas utilizadas nos produtos fitosanitarios en Europa desde 2003, realizou unha análise do risco e concluíu que é improbable que o glifosato expoña un perigo carcinoxénico para o ser humano.

Desde entón, a renovación da autorización de uso de glifosato someteuse a intenso debate en diferentes reunións de grupos de expertos da Comisión europea, solicitándose expresamente o ditame do Comité de Avaliación do Risco da Axencia Europea de Sustancias e Mesturas Químicas (Echa) acerca da clasificación do glifosato con respecto á  súa carcinoxenicidade, é dicir a capacidade de producir cancro. En marzo de 2017 a Echa concluíu no seu ditame que debía manterse a clasificación actual do glifosato, non cumprindo os criterios para ser considerado carcinóxeno, mutáxeno e/ou tóxico para a reprodución.

Meses máis tarde, en novembro de 2017 a proposta da Comisión para renovar a autorización de uso desta sustancia activa foi adoptada polos 28 Estados membros da UE. Non entanto, en lugar dos 15 anos habituais, a renovación prorrogouse só durante cinco anos máis, até decembro de 2022.

En marzo de 2019, a Comisión Europea anunciou un plan para crear un grupo de Estados membros para actuar como co-portavoces para a próxima avaliación do glifosato. O Grupo de Avaliación do Glifosato (AGG) analizará o expediente de solicitude e preparará un proxecto de informe de avaliación de renovación que a Efsa revisará en 2021. A AGG estará integrada por Francia, Hungría, os Países Baixos e Suecia. A aprobación actual do glifosato expira o 15 de decembro de 2022, polo que o proceso de renovación debe comezar en decembro de 2019, é dicir, tres anos antes da data de expiración.

-Que alternativas hai a día de hoxe fronte ao uso do glifosato?
-Nestes momentos hai máis de 70 formulacións de herbicidas e desecantes autorizadas en España. É certo que son específicos de grupos de plantas, e ás veces a súa acción pode ser máis lenta. Isto fai que o glifosato sexa tan popular pola súa rápida e efectiva eliminación de todo tipo de plantas, incluídos arbustos, ademais de ter un baixo custo.

“Está a aparecer no mercado maquinaria de desherbado mecánico moi efectiva e alcanzable economicamente para calquera tipo de cultivo como alternativa ao glifosato”

Ademais diso, está a aparecer no mercado maquinaria de desherbado mecánico moi efectiva e alcanzable economicamente para calquera tipo de cultivo, tanto herbáceos como arbóreos.

Usos do glifosato, o herbicida máis vendido en España

-O glifosato é o herbicida máis vendido en España, en que cultivos se utilíza en maior medida?
-Si, o glifosato consta como unha das materias activas de maior comercialización en España, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. O seu uso está ligado a cultivos extensivos nos que se realiza agricultura de conservación (sen laboreo da terra) e a plantacións froiteiras.

A sementeira directa sen laboreo está inevitablemente ligada ao uso do glifosato. Tamén se usa para o mantemento de barbeitos químicos, unha vez concluído o barbeito e previamente á sementeira do cultivo seguinte. Utilízase tamén para a eliminación de especies adventicias recalcitrantes, como pode ser o cardo ou similar, para as que é necesario usar herbicidas sistémicos e destruír tódolos órganos propagativos. Ademais, en viñedos e froiteiras emprégase para a eliminación ou control das cubertas vexetais.

En usos non agrícolas,emprégase para o control de maleza en parques e xardíns, en redes viarias ou de servizo, en recintos, etc.

-Que uso se fai deste herbicida na Cornixa Cantábrica, e máis en concreto en Galicia?
-En Galicia, como no resto da cornixa Cantábrica, emprégase sobre todo para desherbado en plantacións de froiteiras e viñedos, así como para fins non agrícolas.

-Que opcións se axustarían para agricultura ecolóxica?
-Hai xa no mercado desecantes naturais e estanse desenvolvendo cada día máis, aínda que, actualmente, na agricultura ecolóxica úsase sobre todo desherbado mecánico, con maquinaria. Pero hai unha clave básica en agricultura ecolóxica e é que a rotación de cultivos correctamente elixida reduce moitísimo a dificultade para o control de plantas adventicias. A correcta combinación de cultivos permite, nalgúns casos convivir con elas. En caso necesario, que os hai e moitos, úsase maquinaria.

-Cales son os impactos destas prácticas alternativas?
-Os produtos químicos alternativos ao glifosato teñen un impacto ambiental controlado, categorizado exactamente cos mesmos criterios que para o resto de fitosanitarios, incluído o glifosato. Todas as materias activas comercializadas na UE están estritamente categorizadas pola súa toxicoloxía para as persoas e animais e pola súa ecotoxicoloxía, segundo o Regulamento 1107/2009.

As prácticas alternativas, referido á eliminación mecánica, non supoñen impacto ambiental; son unha práctica absolutamente necesaria na agricultura para manter a sustentabilidade económica dos cultivos. As plantas adventicias (non debemos chamalas malas herbas) compiten cos cultivos por auga e nutrientes e isto fai que os cultivos sexan menos produtivos cunha alta cantidade das mesmas. Nalgúns casos, non só reducen a cantidade de colleita, senón que ademais modifican a súa calidade e, ao final, reducen a túa produtividade.

-Será necesario optar por estratexias de control integradas, que combinen métodos químicos e mecánicos, para substituír ao glifosato de forma eficaz?
-Indubidablemente, pero isto é o que xa están a facer os agricultores profesionais, a clave está na rotación de cultivos e desherbado mecánico. Por suposto, sempre que se poida. O uso de químicos entra no manexo, pero de forma moi específica, cun correcto control de momento de aplicación para que con moi pouca cantidade de herbicida sexa moi efectivo.

-Deixar de utilizar o glifosato traerá perdas de produción e, por tanto, económicas?
-Perdas de produción en ningún caso, hai suficientes alternativas para substituílo. O que si pode ocorrer é un aumento de custos ao ser substituído por pases de maquinaria. Non debemos esquecer que o glifosato úsase en preplantación de cultivos, nunca se usa cando o cultivo xa está establecido no campo. Só no caso de froiteiras úsase en presenza do cultivo.

“En viñedo e froiteiras, a prohibición do uso de glifosato podería incrementar o custo do cultivo polo aumento de pases de maquinaria para desherbado mecánico”

-Europa baralla a súa prohibición de cara a 2022 e xa hai países como Austria que se adiantaron. Que suporía a súa prohibición na agricultura española?
-A prohibición do uso do glifosato en cultivos extensivos repercutiría de forma mínima, case unicamente ligado ao mantemento de barbeito químico. A súa prohibición non repercutiría no rendemento dos cultivos, xa que o control das malas herbas realízase antes da sementeira de forma mecánica e con outro tipo de herbicidas (non con glifosato) durante o cultivo.

En viñedo e froiteiras, a prohibición do seu uso podería incrementar o custo do cultivo polo aumento de pases de maquinaria para desherbado mecánico na liña de cultivo. No mercado hai boa maquinaria de desherbado. A eliminación dun pase de glifosato suporía 2-3 pases de desherbado mecánico, aínda que depende das condicións climáticas, humidade do chan e das especies instaladas invasoras.

-Cales son as herbas que supoñen maiores problemas para os agricultores nestes momentos?
-Aquelas que se diseminan por rizomas, estruturas resistentes e difíciles de eliminar por herbicidas ou por laboreos mecánicos e aquelas nas que xa se atopou resistencia a algunhas materias activas herbicidas.

“O glifosato é un herbicida capaz de destruír calquera planta se penetra pola parte aérea, pero non é eficaz pola raíz”

En calquera caso, o glifosato é un herbicida capaz de destruír calquera planta e que penetra pola parte aérea, non se incorpora á planta pola raíz. Desde a parte aérea chega a calquera punto da planta, incluídas as raíces. A planta non o toma a través das raíces, aínda que o chan estivese cargado de glifosato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información