Clausura dos dous primeiros cursos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, en Moeche

O Centro está integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña. Agárdase que comece a funcionar de maneira autoxestionada polas persoas usuarias en colaboración cos concellos no próximo ano

Publicidade
Clausura dos dous primeiros cursos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, en Moeche

Participantes nos cursos durante o acto de clausura. // Imaxe: César Galdo.

A Nave do Mercado de Moeche acolleu este xoves o acto oficial de clausura dos dous primeiros cursos impartidos ata o momento no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón, en Moeche (A Coruña). Nestes cursos participaron un total de 33 persoas co obxectivo de formárense na preparación de conservas e zumes, ademais de aprender o manexo do equipamento dispoñible nas instalacións.

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla é un proxecto promovido conxuntamente polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño que ten como obxectivo converterse en espazo de referencia en toda a contorna para a transformación e conservación de elaborados a partir de produtos da terra, como son as hortalizas, a froita ou o mel. Agárdase que o centro, integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña, bote a andar no ano de maneira autoxestionada polas persoas usuarias en colaboración cos concellos de xeito que poidan ofrecerse máis cursos. Polo momento contan xa con 43 persoas en lista de agarda.

No acto de clausura destes primeiros cursos contaron coa asistencia dunha representación de todas as Administracións implicadas no proxecto: os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Todas elas ratificaron o seu compromiso de seguir apoiando esta iniciativa pioneira na comarca.

Cursos en Moeche

Instante do acto de clausura celebrado este xoves. // Imaxe: César Galdo.

Actividades para o 2023

De cara a 2023, o centro de transformación agroalimentaria ten marcados dous obxectivos prioritarios. O primeiro é organizar a súa xestión, na que xa se leva traballando varios meses sobre un modelo de autoorganización onde sexan as produtoras e produtores quen se ocupen da xestión do día a día da Fusquenlla. A idea é crear unha asociación que xestione o centro en colaboración cos concellos de forma que os municipios asuman os gastos fixos e as entidade os custos asociados ó uso das instalacións.

Agardan que no proxecto se impliquen máis concellos da zona, posto que tanto entre os usuarios que xa participaron nos cursos como nas persoas en lista de agarda para novas formacións atópanse veciños de todo o norte da provincia da Coruña.

Está previsto organizar dous novos cursos en 2023 para atender tanto as peticións rexistradas nos últimos meses como as que poidan producirse a partir de agora. Ademais, animan a que aquelas persoas que teñan interese nestas formacións se anoten no formulario dispoñible na portada da web do proxecto afusquenlla.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información