
Os adegueiros da conca do río Navia darán a probar o sábado 18 os seus viños deste ano en Negueira de Muñiz, que acolle a edición número 16 da súa Feira do Viño, unha cita que serve para exhaltar uns caldos diferentes, que están a gañar calidade e prestixio amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia.
A consecución deste recoñecimento supuxo o impulso definitivo para esta zona tradicional de produción de viño que chegara a correr risco de desaparecer froito do abandono dos viñedos, pero que está a coller un novo pulo nos últimos anos. Contar con IXP propia está a servir para relanzar plantacións e proxectos de novas adegas que farán medrar nos vindeiros anos a oferta actual, permitindo aos viños da zona acadar novos mercados.
Neste momento hai unhas 25 hectáreas de viñedos en produción e 5 adegas que embotellan e venden coa súa marca e a etiqueta da IXP: Adega Panchín, Adega Sidrón, Adega Cancelada e Adega Vizcaín en Negueira e Adega da Señora en Coea (Navia).
O apoio de enólogos e o paso pola barrica está a sentar ben aos viños do Navia, que destacan pola súa singularidade
O renacer da viticultura nos tres concellos que abrangue a IXP (Negueira, Navia de Suarna e A Fonsagrada) está vinculado ao mantemento de variedades autóctonas propias, como a branca lexítima. A ubicación, no extremo leste de Galicia, e as condicións microclimáticas en ladeira, confiren unhas características únicas aos viños desta zona.
O viño estase a converter nos últimos anos no motor económico de Negueira e no seu principal recurso para asentar poboación
Nos últimos anos están a xurdir novos proxectos que impulsan a economía do lugar, co viño como protagonista, e que están a servir para fixar poboación e reverter un proceso de emigración e abandono sufrido durante moitas décadas.
Do abandono á recuperación e profesionalización da produción
A raíz da construción do embalse de Grandas de Salime para produción hidroeléctrica, que anegou zonas de viñedo e obrigou aos veciños a marchar do lugar, a tradición da produción de viño fórase perdendo até que hai 20 anos Manuel Cancio primeiro (Adega Panchín) e despois os irmáns Paco e Rosa Sanromán (Adega Sidrón) apostaron por recuperar e profesionalizar a produción de viño na zona.
A eles sumáronse nos últimos tempos outras iniciativas de produtores locais que están a poñer tamén en marcha os seus proxectos de elaboración e comercialización de viño, tanto no concello de Negueira de Muñiz, como por exemplo Adega Cancelada ou Adega Vizcaín, coma tamén no veciño concello de Navia de Suarna, onde ten os seus viñedos Adega da Señora.
Adega Cancelada e Adega Vizcaín súmanse á IXP, que xa conta con 5 produtores inscritos
Todos estes proxectos están a servir para recuperar viñas vellas e para poñer a producir novas parcelas con variedades tradicionais propias desta zona. José Manuel López Méndez está á fronte de Adega Vizcaín e é o presidente a asociación de viticultores. El traballa xa neste momento case 3 hectáreas de viñedo en Negueira. Fixo novas plantacións con variedades autóctonas como a branca lexítima ou o tinto serodio e ten tamén algo de mencía, que plantara fai anos o seu pai.
“As novas plantacións que fixen están en sitios nos que sempre houbera viñas, pero nos que agora había monte. Quedan aínda na zona moitas viñas vellas abandonadas por recuperar”, asegura. En canto á festa do viño que cada ano organizan os produtores da zona na terceira fin de semana de abril, destaca que “a festa está consolidada e vai a máis a medida que a produción de viño na zona tamén vai a máis, unha cousa tira da outra”, valora.
Unha granizada no mes de xuño mermou moito a produción de viño deste ano
Laura Lledín é a outra das adegueiras que se estrea na IXP. Adega Cancelada, que leva tamén o nome da súa casa familiar, conta con 1,5 hectáreas de viñedo, todas en Negueira, de branca lexítima e tinto serodio. Será, ao igual ca Jose, o primeiro ano que embotelle viño, cunha moi boa calidade pero escasa produción por mor dunha granizada no mes de xuño que mermou moito a cantidade de uva que se puido aproveitar. “Estropeou máis da metade da colleita, pero a que quedou, tivo moi boa calidade”, valora.
Para Laura, o feito de que cada vez máis produtores dean o paso a sumarse á IXP supón unha aposta pola profesionalización. “Hai moita xente que segue facendo viño na casa, pero cada vez máis estanse a incorporar viños embotellados de adegas que supoñen un salto para a modernización do sector nesta zona”, di.
Medio cento de produtores de viño na zona amparada pola IXP
A Asociación Pola Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedo da Conca do Río Navia conta neste momento con 29 socios dos concellos de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada, aínda que hai máis xente que fai viño na casa, tanto para autoconsumo como para venda a granel.
En toda a zona amparada pola IXP hai uns 50 produtores que seguen facendo viño para a casa ou para vender a granel
Ademais das cinco adegas venden viño embotellado amparado polo selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, na outra beira do río, en Ibias, na parte asturiana, existen tamén dúas adegas que comparten coas adegas galegas da outra marxe variedades e microclima, aínda que forman parte da Denominación de Orixe Cangas de Narcea.
A iniciativa dos produtores do Navia pola dignificación dos viños da zona está a servir tamén de exemplo para outras áreas produtoras de Galicia con identidade propia, como os do val do Limia en Ourense ou os da IXP Barbanza e Iria na Coruña.
Programa deste ano
A edición número XVI da Feira do Viño de Negueira, organizada pola Asociación de viticultores en colaboración co Concello, conta cun programa que inclúe mercado, degustación de balde do viño da zona e animación musical. A cita arrincará o sábado 18 ás 12 do mediodía coa apertura do mercado de produtos da zona.
O pregón correrá a cargo de Ales Gándara, director do documental 360 Curvas, que son as que separan A Fonsagrada de Lugo e simbolizan a distancia entre o rural e as cidades onde se toman as decisións. Será á unha da tarde.
A Festa está consolidada e vai a máis, ao igual que a produción de viño na zona
A continuación haberá degustación gratuita de viño das adegas da zona, amenizado con música tradicional. Entre as adegas presentes na Feira estarán as que pertencen á zona incluída dentro da IXP Terras do Navia e haberá tamén adegas invitadas do veciño concello asturiano de Ibias. A festa continuará pola tarde, a partir das 17:00 horas, con Tania y su acordeón e co Grupo Beatriz.
Como previo á Festa do sábado e como é xa habitual, o venres terá lugar unha cata de viños na Casa dos Cazadores, con presenza de adegas galegas e asturianas das dúas marxes do río. A entrada de balde, pero debido ao reducido do aforo, é necesario cubrir un formulario para inscribirse.
“O viño coida do territorio e asenta poboación”

José Manuel Braña, alcalde de Negueira de Muñiz
O concello de Negueira, o que menos habitantes ten de toda Galicia (non chega aos 200), recibe no día da Feira do Viño a centos de visitantes, o que supón unha importante inxección económica para os establecementos de hostalaría locais e contribúe á dinamización da zona.
Pero o viño é para Negueira de Muñiz moito máis ca iso. O alcalde do municipio, José Manuel Braña, recoñece que a viticultura está a ser un revulsivo económico e demográfico para o concello. “O viñedo coida do entorno e asenta poboación e para un concello despoboado coma o noso iso é mais que un balón de osíxeno”, recoñece.
O día da Feira é un día grande para Negueira
“Onde hai viñedo, as fincas están limpas e están producindo, iso fai que non haxa que obrigar a limpar a ninguén. O viñedo é a mellor barreira contra o lume e fai que a xente viva no territorio. Por iso, é a mellor maneira de coidar do entorno, mellor que a produción forestal e mesmo mellor que os pastizais para o gando”, di
O viño, motor económico e turístico
Nos últimos anos houbo un rexurdir da viticultura da zona e hoxe son xa 4 as adegas que están a embotellar e comercializar viño. “Eu creo que isto é só o xerme, pero que non vai parar aquí e que vai haber máis”, prognostica, porque “o viño que se produce na conca do río Navia ten unha calidade extraordinaria e é diferente”, valora o alcalde de Negueira.
O viño axudou a darnos a coñecer
A tradición vitícola da zona está a servir tamén para poñer en marcha iniciativas de enoturismo, polo que Negueira de Muñiz está a gañar tamén infraestrutura turística. Adega Panchín e Adega Sidrón organizan visitas aos seus viñedos e no caso da segunda, ubicada en Pieiga, conta tamén con restaurante, polo que o viño, xunto co encoro, estase a converter tamén no principal atractivo turístico da zona.
Desde o punto de vista turístico, rexedor leva anos propoñendo medidas como a instalación dun dos catamaráns da Deputación provincial no Río Navia, pero considera que o principal valor da viticultura para o municipio ten máis que ver coa conservación do medio e a fixación de poboación. “O noso principal interese como concello é ter xente que viva no lugar. Por iso o vexo máis como conservación do medio. Porque un terreo que estaba baldío e que se pon a producir, vai atraer xente a vivir”, argumenta.

Galego





Control OJD