Volve unha das citas con máis tradición do inverno galego. O vindeiro sábado 15 de febreiro celébrase no Campo da Feira de Sarria a XVII Festa do Cocido do Porco Celta, que recupera o seu formato habitual despois de 4 anos (no 2021 non se celebrou e en 2022, 2023 e 2024 tivo lugar nos restaurantes da localidade). A última edición co formato inicial foi a do 2020, antes de que a pandemia alterara o devir dunha cita consolidada e que agarda volver reunir a máis de 700 persoas.
A grande afluencia de público fixo que esta festa se trasladase no ano 2018 do polideportivo dos institutos da localidade, onde se viña celebrando desde os seus inicios, até o Campo da Feira, con maior capacidade para acoller aos asistentes.
As mesas de comensais, formadas cada unha delas por 13 persoas, volverán encher o mercado de gando municipal para disfrutar dun completo cocido
Os trece comensais de cada unha das 54 mesas compartirán menú de sopa e un completo cocido de porco celta con chourizos, lacón, soá e butelo, grelos, patacas e garavanzos. Non faltarán tampouco o queixo con marmelo e o café de pucheiro.
As tarxetas para a participación neste concurrido cocido pódense reservar chamando ao teléfono 982535000 ou nos establecementos colaboradores, o restaurante Cinza e Lume (609126992) e o hotel Roma (982532211). O prezo dunha mesa completa para 13 persoas é de 585 euros (45 euros comensal), acorde á calidade do produto que se vai servir, destacan os organizadores.A maiores, nalgúns restaurantes da localidade tamén se poderán comer durante a fin de semana tapas e pratos con porco celta.
Programa
A organización desta festa gastronómica corre a cargo do Concello de Sarria e da Asociación de Hostalaría e Turismo do Camiño de Santiago e conta coa colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta de Galicia (Asoporcel) e da empresa local Cárnicas Teijeiro, a primeira de Galicia en facer embutidos de porco celta fai xa 25 anos.
Para a organización do evento, o Concello contará coa axuda do grupo de hostaleiros que impulsaron no seu día esta celebración
Os actos darán comezo á unha e media da tarde coa recepción dos asistentes ao cocido no Campo da Feira, coa animación do grupo de música tradicional da Asociación Cultural sarriá Peleriños. Trala benvida do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e de outras autoridades, ás dúas da tarde procederase ao pregón.
A pregoeira deste ano será a profesora e catedrática da USC Rosaura Leis, presidenta da Fundación Española da Nutrición, que falará das bondades da dieta atlántica. Rosaura é unha especialista de referencia sobre nutrición infantil e foi ademais unha das autoras do Libro Brando dos Lácteos.
A pregoeira deste ano será a catedrática da USC Rosaura Leis, presidenta da Fundación Española da Nutrición
Como é habitual, despois das sobremesas, en torno ás 16:30 horas, faranse os tradicionais nomeamentos de Tixoleiros e Cazoleiras para proceder ao peche da festa a última hora da tarde.
Os peparativos no Mercado Gandeiro xa comezaron
A grande afluencia a esta cita, que comezou celebrándose no polideportivo dos institutos da localidade, fixo que se trasladase no ano 2018 ao campo da feira, con maior capacidade para acoller aos numerosos asistentes a esta grande xuntanza de exaltación gastronómica, que está consolidada como un escaparate da tradición que existe na comarca de Sarria na elaboración de embutidos e produtos derivados do porco.
Sarria é unha comarca con tradición de elaboración de embutidos e produtos derivados do porco
Nesta ocasión non se levará a cabo Fiporco, a feira de produtos cárnicos que se viña celebrando en paralelo á propia cita do cocido, polas complicacións de montaxe que supón a maiores no propio Campo da Feira, onde os preparativos para convertelo nun grande restaurante xa comezaron.
“O cocido celebrarase no Mercado Gandeiro, que é unha instalación de titularidade municipal. Non temos outro sitio que se preste para facelo, pero a adaptación do espazo require dun despregue importantísimo no Campo da Feira, non só ese día do Cocido, senón que hai que empezar máis dunha semana antes a desmontar e transformar as instalacións. Houbo feira a semana pasada, o día 6 e a partir dese momento xa se empeza a preparar todo para o Cocido, coa retirada das cancelas e outros elementos usados para a feira de gando”, explica Geni Valcárcel, a concelleira responsable.
Recuperación e crecemento dunha raza autóctona
A empresa local Cárnicas Teijeiro será a encargada un ano máis de subministrar a carne para o Cocido. Este establecemento con máis de 60 anos de historia foi das primeiras industrias galegas que apostou pola recuperación da raza de porco celta e pola transformación da súa carne en embutidos e produtos de calidade.
Cárnicas Teijeiro comezou fai 25 anos a elaborar produtos de porco celta e acaba de poñer en marcha a maior granxa de Galicia
Na actualidade, ademais de seguir mercando a pequenos produtores de toda a provincia de Lugo, Cárnicas Teijeiro decidiu montar a súa propia explotación de porco celta, que malia ser unha das de maior tamaño das existentes en Galicia segue mantendo o sistema de alimentación e cría tradicional do gando.
Promoción turística a través da gastronomía
A celebración ten ademais dun sentido gastronómico e de posta en valor das producións tradicionais de Galicia, un aspecto non menos importante de promoción turística de toda unha comarca atravesada polo Camiño de Santiago e que conta con interesantes atractivos patrimoniais e paisaxísticos.
A gastronomía e as producións locais son cada vez máis un recurso económico importante e un potente atractivo a nivel turístico
A comarca de Sarria é atravesada polo Camiño de Santiago francés, o itinerario xacobeo con maior tradición histórica e o máis recoñecido internacionalmente, e os peregrinos que fan esta ruta acaban sendo despois embaixadores de Galicia.
Espérase que acudan personalidades de ámbito autonómico e estatal
Esta festa gastronómica é tamén un exemplo de colaboración institucional, xa que poñen o seu gran de area o Concello de Sarria, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo.