Cita coa androlla o domingo de Entroido en Navia de Suarna

A festa serve para poñer en valor este produto tradicional da matanza típico deste concello da montaña luguesa. Será o 2 de marzo e durante toda a fin de semana celebrarase a Ruta 4x4 que encherá de afeccionados ao motor a localidade

programa_festaandrolla2020v2

Un dos postos de venda nunha edición anterior da Festa da Androlla de Navia de Suarna

O domingo de Entroido está marcado no calendario gastronómico galego como o día da androlla. Todos os anos nesta data o concello lucense de Navia de Suarna celebra a súa tradicional festa de exhaltación deste embutido, que este ano chega xa á súa 34 edición.

Así pois, o vindeiro 2 de marzo a praza da vila reunirá un ano máis ao numeroso público que acode a esta celebración que xira en torno a un dos produtos típicos deste concello da montaña luguesa. Esta celebración promete ser, como cada ano, unha oportunidade para gozar dun día de convivencia, música, e, por suposto, boa comida. 

O programa de actividades dará comezo ás 10 da mañá cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e coa apertura a continuación dos 30 stands que acollerá a carpa ubicada na praza. Nela venderanse as androllas de numerosos produtores caseiros desta zona dos Ancares que as elaboran expresamente para esta cita e tamén as que fabrica a empresa Embutidos Suarna, unha firma local pioneira na comercialización deste protudo e que elabora ademais durante todo o ano todo tipo de embutidos. Entre os expositores tamén haberá vendedores de pan, doces, queixos, licores e todo tipo de produtos galegos, así como un amplo surtido de artesanía.

Á unha da tarde será a degustación gratuita de androlla entre os asistentes

Contra a unha do mediodía terá lugar un dos actos centrais do día, a tradicional degustación gratuita de androlla entre os asistentes. As androllas cocíñanse na propia praza, á vista dos asistentes, e repártense de balde acompañadas de viño, pan e mesmo de postre, unha torta de pasas tamén típica desta zona. A feira e a música continuarán até media tarde.

Unha oportunidade para coñecer Navia

A praza de Navia ateigada de xente durante a Festa da Androlla nunha edición anterior

A praza de Navia ateigada de xente durante a Festa da Androlla nunha edición anterior

A celebración desta festa gastronómica, unha das primeiras de Galicia, que se comezou a facer no ano 1991, está organizada polo Concello de Navia de Suarna coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. O evento contribúe á dinamización local e a manter viva esta tradición naviega da elaboración deste embutido de porco que nos últimos anos estase a converter tamén nun recurso económico para esta zona.

A androlla é un produto artesán único e con identidade propia que o diferencia do resto de elaboracións da matanza

O alcalde da localidade, José Fernández, destaca importancia desta festa como “un revulsivo económico no Entroido para o municipio e para toda a comarca da montaña” e anima un ano máis a visitar o municipio, “pasar un bo día de festa entre nós e descubrir a beleza da nosa vila”.

A Festa da Androlla non só é un evento gastronómico, senón tamén unha cita para reforzar a cultura local e dar a coñecer os sabores e tradicións de Navia de Suarna e da montaña de Lugo. O val que forma o río Navia é un lugar propicio mesmo para a produción de viño e no municipio está a rexurdir nos últimos tempos un sector que busca profesionalizarse da man de iniciativas como Adega da Señora e outros proxectos que están a xurdir na zona de Coea con novos viticultores como Pablo e Mónica que se están a animar a seguir coa tradición. 

Navia conta con cultura, paisaxe e unha tradición que está a rexurdir, a do viño

As actividades organizadas dentro da Festa da Androlla convertirán a primeira fin de semana de marzo a Navia de Suarna nun punto de encontro tanto para veciños da comarca e doutros puntos da provincia de Lugo, como para persoas de fóra, que aproveitan para coñecer e disfrutar do patrimonio e a paisaxe local. Navia conta con interesantes atractivos turísticos, como a Ponte Vella, de orixe romana, ou o castelo medieval dos Condes de Altamira, ademais de pallozas e numerosos castros.

Ruta 4×4

Coincidindo coa Festa da Androlla celebrarase tamén unha proba deportiva que reúne a un gran número de afeccionados ao mundo do motor. A VI Ruta da Androlla terá lugar nos montes do municipio a fin de semana do 1 e 2 de marzo e nela poderán participar vehículos 4×4 e UTV.

A Ruta da Androlla terá lugar nos montes do municipio e nela poderán participar vehículos 4×4 e UTV

O sábado 1 de marzo, ás 8:30 horas comezará a saída, ás 10:00 horas haberá unha parada para o café de campaña e ás 13:00 horas terá lugar o xantar. Ás 19:30 horas espérase a chegada do primeiro participante e ás 22:30 horas celebrarase a cea, o sorteo e a entrega de premios. O domingo 2, ás 10:30 horas comezarán as probas de habilidades no circuíto de Grandela e ás 15:00 horas terá lugar o xantar.

Elaborada ao xeito tradicional nas montañas de Lugo e Ourense

Androllas nun dos postos de venda da Festa da Androlla 2018

Androllas nun dos postos de venda nunha edición anterior da festa

A androlla é un produto cárnico elaborado de xeito artesanal resultante da mestura de costela (mínimo 90%) e coiros, que lle dá ao embutido graxa e xelatina que se traduce en sensación de xugosidade na boca. Convenientemente adobado o recheo durante uns tres días con allo, sal e pemento doce e picante é embutido en tripa natural procedente do intestino groso de porcino ou de vacún e posteriormente sométese a un proceso de curación e afumado con leña de carballo. O seu consumo realízase habitualmente cocida.

A zona xeográfica de elaboración da androlla en Galicia está formada por 12 concellos da provincia de Lugo e 17 da de Ourense, formando unha franxa que se estende de norte a sur pola parte máis oriental e montañosa de Galicia. Tamén se elaboran androllas en zonas limítrofes da vertente leonesa dos Ancares.

A androlla é un produto normalmente máis curado que o botelo, cun aroma intenso a embutido afumado

Aínda que semellantes, a androlla diferénciase do botelo (coñecido como butelo ou pigureiro nesta zona dos Ancares) en que só leva costela de porco e coiros, mentres que no botelo permítese ademais soá, carne magra de porco, ósos da cabeza e outros ósos con carne. Ademais, o botelo embútese en cegos, estómagos ou vexigas de porco, polo que o tamaño e o peso da peza é maior que o da androlla, que acostuma estar en torno ao medio quilo. De cor vermella intensa debido aos condimentos empregados, a androlla é un produto normalmente máis curado que o botelo, cun aroma intenso a embutido afumado. 

PROGRAMA COMPLETO: 

programa androlla navia 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información