Cinco razóns polas que incluír a carne de vacún nunha dieta equilibrada

Provacuno, a Interprofesional da carne de vacún, aproveita o Día Mundial da Nutrición, que se celebra hoxe, para lembrar algúns dos beneficios do alimento

Cinco razóns polas que incluír a carne de vacún nunha dieta equilibrada

Lombo de Ternera Gallega. / Arquivo.

A organización interprofesional da carne de vacún, Provacuno, celebra hoxe o Día Mundial da Nutrición salientando as razóns polas que incluír a carne de vacún nunha dieta equilibrada

1. Fonte de ferro. A carne de vacún conta cunha serie de beneficios nutricionais básicos, entre eles o aporte de ferro, un mineral do que adoita haber un consumo deficitario en España, en especial entre mulleres e nenos, que precisan dun aporte axeitado de ferro para previr patoloxías como a anemia. O 58% do ferro da carne de vacún é ademais biodispoñible e facilmente absorbible no intestino.

2. Vitaminas do grupo B. A carne de vacún destaca polo seu contido en vitaminas do grupo B, implicadas no metabolismo das graxas e proteínas, así como precisas para o bo funcionamento do sistema nervioso, o sistema inmunitario e a diminución da fatiga. Provacuno destaca as vitaminas B3, B6 e B12, salientando que esta última, relacionada coa produción de glóbulos vermellos, só está presente en alimentos de orixe animal.

3. Seguridade alimentaria. A trazabilidade exhaustiva de cada animal criado en España permite seguilo ó longo de toda a cadea, da granxa ata o consumidor, garantindo os axeitados controis de seguridade e calidade. “O consumidor dispón de produtos sans, seguros e 100% españois”, valora Provacuno.

4. Inxesta de proteína. A carne de vacún representa un alimento imprescindible na dieta mediterránea. O consumo de 70 gramos de carne ó día garantiza a inxesta de proteína de alto valor biolóxico, precisa para o crecemento, o mantemento e reparación dos tecidos corporais. A carne de vacún aporta tódolos aminoácidos que requiren os seres humanos. Nese contexto, a Interprofesional destaca a carne de tenreira, posto que é a carne de vacún máis dixerible e pode cociñarse en multitude de preparacións.

5. Calidade e sabor. O 75% dos españois valora positivamente a carne de vacún, o que se traduce en que sexa a carne preferida polos españois, segundo un estudo sobre a imaxe da carne de vacún elaborado por Sigmados. Trátase dun produto versátil, que ofrece multitude de recetas e que é ben valorado polo seu sabor, gusto e xugosidade.

Provacuno lembra, por último, que todo o sector gandeiro español traballa de acordo cos parámetros máis esixentes do mundo, de acordo coa normativa da UE, en sanidade animal, seguridade alimentaria e benestar animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información