A variedade de queixos que temos á nosa disposición na península é de sobra coñecida por todos. Almorzos, ceas, comidas ou sobremesa, tanto ten. Podes escoller un queixo para estar coa familia, para desfrutar dunha cea cos amigos, para maridalo cunha cea coa túa parella ou para gozar dun solpor na costa atlántica.
Hai queixos para tódalas situacións e, por iso, a Organización Interprofesional Láctea (INLAC) ven de elaborar algunhas propostas para “queixear” segundo o momento do día, a compañía e o plan. Todo isto acontece no marco da súa nova campaña de difusión dos queixos nacionais: ‘Quesea’ (Queixea).
Para gozar do queixo en familia
Se hai algo que une a toda a familia arredor da mesa é un bo queixo do país. Dende as crianzas ata os avós, todos devecen por un momento agradable e o queixo aí xoga un papel fundamental.
Por iso, INLAC suxire unha táboa de queixos suaves e equilibrados, acompañados de marmelo, aceite de oliva, pan de picos e uvas de tempada. Velaquí os máis apropiados.
- Fresco: Un chorro de aceite de oliva virxe extra arbequina e listo.
- Tetilla: a suavidade feita crema dun clásico galego.
- Cabra tenro sen lactosa. Un toque doce e unha suave acidez
- Mestura semi. Para comer en calquera momento.
- Ovella curado. O queixo da despensa de sempre.
Queixos para tomar con amigos e parellas
Se o queixo tivese un mellor amigo, sen dúbida, sería o viño. E é que os nosos queixos lévanse moi ben con esta bebida. Xa sexa para unha cea planificada ou para unha quedada totalmente improvisada, nada fai quedar tan ben como unha táboa de queixos e unha boa botella de viño.
Entre as suxestións de INLAC, unha táboa que mestura texturas diversas. Fundente no Queixo da Serena e o renxer do Manchego curado. Sabores suaves, lácticos, froiteiros, vexetais, con moitas especias, picantes. Doce no Tronchón, ácido no rulo de cabra, amargo no queixo da Serena e algo salino no azul. Mil e unhas variedades para os máis esixentes.
- Tronchón tenro. Cómpre degustalo cunha pinga de aceite de oliva virxe extra e algunha planta aromática como albáfega e ourego.
- Rulo de cabra. Lisca de queixo e pinga de mel.
- Manchego curado: Intensidade, aroma e persistencia no queixo máis universal
- Queixo da Serena. Algo agre, lixeiramente amargo e vexetal.
- Queixo azul. Suave ao principio, láctico e un punto doce, case como de galleta. Ao final vai aparecendo o picante suave e crecendo a súa intensidade, pero sen chegar a ser agresivo.
Para facer un agasallo a alguén querido
Regalar queixo do país significa obsequiar unha experiencia gastronómica para tódolos sentidos. Un regalo moi orixinal e tamén moi persoal, porque podes personalizar a túa táboa segundo os gustos da persoa á que llo vaias regalar.
INLAC suxire unha táboa que mestura texturas untuosas e que renxan, como o castelán curado. Unha paleta de aromas, que van dende o leite ou iogur até o afumado ou viño e que mestura sabores con notas afroitadas e elegantes do queixo Murcia ao viño. Velaquí cinco ideas para regalos especiais.
- Fresco de untar. Ideal para unha torrada.
- Murcia ao viño. O queixo de cabra que gusta a todos.
- Castelán curado. O queixo de ovella que nunca falla.
- Idiazabal afumado. O seu cheiro envolve e o seu sabor seduce. Para os máis atrevidos e experimentados.
Para alegrar o almorzo
Hai moitos xeitos de empezar o día. Facelo con queixo é darlle os bos días a un almorzo completo e equilibrado, que ademais de axudarche a cubrir unha das racións diarias recomendadas de lácteos, sempre lle dá un toque especial á comida máis importante do día.
Nós suxerímosche para almorzar esta táboa que mestura a textura cremosa do Arzúa-Ulloa, co toque a froitas do queixo de cabra canario semi e o sabor irresistible do Sopapo do Casar.
- Arzúa-Ulloa. Nata, manteiga e crema, moita crema.
- Cabra canario semicurado. Elegante, afroitado e con resaibo a améndoa crúa
- Sopapo do Casar. De aroma intenso. Delicioso.
Para aperitivos e ceas
Como gustamos deses aperitivos que empezan a media mañá ou a media tarde e alónganse até a comida ou a cea verdade? Pois se os acompañamos con queixo son aínda mellores. Porque ademais de gozar dun aperitivo natural e saudable, podes aproveitar para descubrir e compartir moitas das variedades de queixo do país.
Para ir abrindo boca, recomendamos unha táboa de aperitivo que combina o carácter do queixo manchego curado artesán, co sabor inconfundible do azul de Valdeón e os recordos de manteiga e pemento do Afuega’l pitu.
- Manchego curado artesán. Aromas e sabores intensos e persistentes. Un queixo con carácter.
- Azul de Valdeón. Nada máis probalo, lembraraste dos Picos de Europa e as súas grutas.
- Afuegal’pitu. Sabor acedo, persistente, con recordos a manteiga no post-gusto e o punto especiado do pemento, fan deste queixo novo un dos máis demandados.
Sobre INLAC
INLAC engloba a todo o sector lácteo (Cooperativas Agro-Alimentarias de España, FENIL, ASAJA, COAG e UPA) e é un instrumento fundamental de interlocución e vertebración entre os axentes da cadea láctea e foro estable de discusión entre os seus membros, respectando os ámbitos de actuación propios de cada organización.