Cinco leccións do coronavirus para o sector agroalimentario

Produción local, alimentos sans ou marcas responsables son algunhas das tendencias a ter en conta na nova normalidade

Cinco leccións do coronavirus para o sector agroalimentario

O sector agroalimentario foi un dos grandes protagonistas durante o confinamento e a desescalada, e seguirá séndoo na “nova normalidade”. Diversos informes abordan nas últimas semanas pautas de consumo e comunicación que cómpre que o sector teña en conta nesta nova época Analizamos algunhas das claves que se recollen nun informe da Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), elaborado pola consultora Llorente y Cuenca, e noutro informe da axencia Atrevia.

1. Os produtores locais son básicos para garantir o abastecemento de alimentos

O que funciona é importante. O papel do agro español no abastecemento alimentario, que pasaba desapercibido, comeza a poñerse en valor. Se tomamos como referencia a rede pública de Mercas, da que Mercamadrid é o buque insignia, dos 7 millóns de toneladas de alimentos frescos que comercializa cada ano, son producidas en España o 80% das carnes, o 78% das froitas e hortalizas e o 70% de peixes e mariscos.

Son datos relevantes, pois a metade do gasto en consumo alimentario en España correspóndese con produtos frescos -carne e elaborados (20%), froitas e hortalizas (17%) e peixe (13%)-, que chega as dúas terceiras partes se se suman os produtos lácteos (11%) e o pan (5%).

O crecemento do gasto doméstico en alimentación produciuse sobre todo nos produtos frescos, cuxa comercialización esixe unha notable estrutura loxística. Nalgunhas gamas, o aumento de consumo doméstico foi espectacular, pero non compensou a caída das vendas en restauración, como foi o caso do viño, que durante tres semanas consecutivas da pandemia acadou unhas vendas un 50% maiores ás habituais, o que non serviu para paliar a perda doutros canais.

De cara ó futuro, o informe da FIAB advirte de que o mantemento das garantías de suministro de alimentos pasa pola “necesidade ineludible” de “man de obra inmigrante, regularizada e con todas as garantías laborais e sociais para o desenvolvemento de traballos eventuais como temporeiros no campo”.

2. Os produtores locais son importantes para os supermercados: gañan cota de mercado as cadeas que apostan por eles

Os establecementos comerciais de proximidade, como tendas, froiterías ou carnicerías, aumentaron as súas vendas un 34,8% durante o confinamento e desescalada, o que as sitúa por riba do crecemento medio do sector (+ 27%). Tamén os supermercados se viron beneficiados, en especial as cadeas rexionais (+ 36%). Os menores crecementos estiveron nos hipermercados (16%) e nas cadeas de desconto (como Dia), cun 22%.

Mercadona, Carrefour e Dia perderon en conxunto un 2% de cota de mercado no 2020 en comparación co mesmo periodo do 2019. No lado contrario, as cadeas rexionais de supermercados (Gadis e Froiz en Galicia, Ahorra más en Madrid, Covirán en Andalucía, etc.) aumentaron a súa cota de mercado en 3 puntos. A maioría destas cadeas basean o seu posicionamento no mercado nunha oferta de alimentos frescos de proximidade, na que os produtores de cada comunidade autónoma teñen gran importancia.

Outro elemento diferenciador é que nos momentos de acopio de alimentos, estas redes de supermercados dispuñan dunha maior variedade de produtos de diferentes fabricantes e proveedores, de modo que a reposición nos lineais foi máis rápida. Pola contra, as cadeas máis baseadas nunha integración vertical tiveron máis dificultades para atender os picos de demanda.

En calquera caso, o informe da Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebida conclúe que é notorio que o elemento de proximidade e diversificación da oferta alimentaria, con presenza significativa das producións locais, son elementos fundamentais no crecemento da cota de mercado do comercio minorista.

O consumidor confía na calidade do produto local e tamén expresa solidariedade apoiando ós produtores locais.

3. A canle online aumenta o seu papel

Durante o confinamento, as vendas online de alimentación medraron nas distintas semanas entre un 80 e un 184%. É un servizo, que en calquera caso, non estaba preparado para unha demanda tan esixente, polo que se produciu saturación e tivo dificultades loxísticas. A posta a punto da súa xestión será importante para o futuro, pois espérase que siga medrando. Se antes da crise, algunha vez ó ano un 2% dos fogares mercaban alimentos por internet, tralo confinamento a porcentaxe subiu ó 4%, segundo os datos de Nielsen.

O estudo tamén sinala que o futuro pasa por unha transición a modelos de supermercados híbridos que combinen a tenda física coa canle online.

4. A alimentación san, baseada en certezas científicas, gañará relevancia

Esta crise consolidou a un consumidor máis consciente que busca calidade e seguridade. As empresas que optimicen nutricionalmente os seus produtos (con menos azucres e graxas) ou que modifiquen os ingredientes para mellorar a benestar e a saúde situaranse mellor na mente do consumidor.

Toda comunicación nutricional deberá basearse en certezas científicas, contando con aliados do campo da saúde, para amosar transparencia e marcar distancia coas ‘fake news’ que poboan as redes sociais. Será tamén importante a segmentación do consumidor.

En la comunicación, a canle dixital gaña en importancia, pois o consumo de noticias online aumentou un 59% durante o confinamento., en tanto as redes sociais rondaron tamén o 50% de aumento.

5. As marcas teñen unha oportunidade para posicionarse polo seu comportamento ético ou emprendedor

Nun contexto de crise, as empresas teñen unha oportunidade de situarse como referentes de comportamento emprendedor, ético ou solidario ante a sociedade, demostrando proximidade cos clientes ou con sectores vulnerables. É o momento de pensar máis no ‘story doing’ que no ‘story telling’. Feitos máis que palabras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información