As axudas da PAC presentan este ano importantes novidades en cuestións como as Zonas con Limitacións Naturais, as Superficies de Interese Ecolóxico ou os pastos arbustivos. Repasamos cinco cuestións prácticas a ter en conta coa axuda de Javier Franqueira, técnico do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que este ano estivo impartindo charlas sobre a PAC orientadas a gandeiros da provincia da Coruña.
1) Cambios na xestión das Superficies de Interese Ecolóxico
As explotacións con máis de 15 hectáreas de superficie teñen que deixar un 5% das terras como Superficie de Interese Ecolóxico, isto é, ou ben a barbeito, en descanso, ou ben con cultivos fixadores de nitróxeno. Este ano, a principal novidade é que nos cultivos fixadores de nitróxeno poderanse facer mesturas, cando ata o 2017 tiñan que ser cultivos puros.
“Poderanse xustificar pradeiras de trebo e raigrás como cultivos fixadores de nitróxeno, sempre que o trebo sexa maioritario”
“O cambio abre a posibilidade a que se fagan pradeiras de trebo con raigrás, onde o trebo sexa maioritario, ou cultivos de veza mesturada con avea, sempre que a veza sexa a maioritaria” -explica Javier Franqueira-. “Pero non serviría unha pradeira de trebo con raigrás na que o raigrás sexa o máis abundante, ten que ser claramente un cultivo no que a especie fixadora de nitróxeno teña presenza maioritaria”, precisa.
A modificación permitirá que as explotacións galegas fagan un manexo de cultivo ó que están máis afeitas, pois ata a pasada campaña tiñan que xestionar cultivos puros de especies como a alfalfa, no que se daban problemas de implantación, ou de veza, que en cultivo puro tamén orixinaba dificultades.
O cultivo fixador de nitróxeno debe manterse ata a floración, podendo declararse un cultivo secundario na parte restante do ano.
Outra alternativa ó cultivo fixador de nitróxeno é manter a terra en barbeito un mínimo de 6 meses no periodo xaneiro – setembro. Este ano modificouse o periodo de barbeito, que ata agora tiña que ser de nove meses entre outubro e xuño.
Cómpre lembrar tamén que nas Superficies de Interese Ecolóxico non se poderán usar fitosanitarios en tanto estean en barbeito ou co cultivo fixador de nitróxeno.
2) Pagos dirixidos a Zonas con Limitacións Naturais
A ampliación de territorio que houbo este ano nos pagos orientados a Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) -as antigas indemnizacións compensatorias- permitirá que moitas explotacións poidan acceder a este complemento. Esíxese para elo unha carga mínima de 0,7 – 0,9 Unidades de Gando Maior por hectárea, segundo a ubicación da gandería, pero non hai limitacións de carga máxima. Poden acceder ás axudas todas as granxas prioritarias ou aquelas xestionadas por un Agricultor a Título Principal (só no caso de explotacións individuais).
Entre os produtores, hai a incógnita de cal será o pago este ano polas Zonas con Limitacións Naturais (ZLN), unha dúbida que aínda non se pode despexar. “Dependerá do número total de solicitudes, que se espera que se incrementen sensiblemente. En principio, podemos estimar que o pago será inferior ós 60 -70 euros por hectárea indemnizable que se viñan pagando nas últimas campañas para as zonas distintas de montaña, pero non se pode concretar a cifra. Tamén existiría a posibilidade dunha ampliación de fondos para as ZLN con partidas non executadas noutras medidas do Programa de Desenvolvemento Rural, polo que hai que agardar”, valora Javier Franqueira.
3) Controis preliminares
Un dos cambios da solicitude da PAC esta campaña é que tódolos produtores terán que presentar unha declaración gráfica do Sigpac coas parcelas que inclúen. O cambio é ventaxoso, pois permítelle ó produtor comprobar de forma visual que a parcela que está vendo correspóndese coa que quere declarar, evitando erros.
Tódalas explotacións presentarán unha declaración gráfica das súas parcelas, o que permitirá executar controis preliminares
Outra vantaxe é que este sistema permitirá realizar uns controis preliminares, que se executarán antes do verán, co cal se detectarán con tempo as duplicidades que haxa na declaración de fincas e se solicitará a súa corrección. Esa petición de modificación farase en primeiro termo sen sanción administrativa de por medio, a diferenza do que ocurría en campañas pasadas, cando os primeiros controis iniciábanse en setembro e levaban consigo sancións.
4) Pastoreo en zonas arbustivas
O reglamento Ómnibus abriu a posibilidade a que este ano se declaren parcelas de pastos sen predominancia herbácea, unha opción especialmente útil para ganderías de ovino e caprino ou de vacún en extensivo. “Sempre e cando na parcela haxa unha superficie de pastos arbustivos empregados para o pastoreo, non haberá problemas” -asegura Javier Franqueira.- “Non serán válidos solos sen vexetación ou mato impenetrable, pero se a solicitude é coherente, admitirase, sempre aplicando o coeficiente de admisibilidade de pastos que corresponda”.
Unha cuestión todavía por determinar é como se farán os controis sobre o terreo no tocante ós pastos arbustivos. “Estamos valorando ferramentas de comprobación, como pode ser a altura máxima de vexetación ou outros índices, aínda por concretar”, apunta o técnico do Fogga.
5) A normativa de xurros, en pausa ata novo aviso
O tema estrela este ano nas consultas dos gandeiros é a normativa de xurros. Como é sabido, esta campaña a norma só esixe que se eliminen as aplicacións con canón, sendo válidos os restantes sistemas de reparto tradicionais. “As esixencias que se planteaban de inxección dos xurros no solo quedan paralizadas sen data límite, mentres que outra norma non cambie as disposicións actuais”, apunta Javier Franqueira.