Cinco claves para cumprir cos requisitos das axudas de incorporación de xente moza

Incumprir os prazos é un dos motivos máis habituais para que os solicitantes das axudas de incorporación ó agro rematen con penalizacións. Repasamos os principais fitos da xustificación e cumprimento destas subvencións

Cinco claves para cumprir cos requisitos das axudas de incorporación de xente moza

Instante da charla sobre este tipo de axudas celebrada en feria Cimag - GandAgro, en Silleda (Pontevedra).

As axudas de incorporación de xente moza ó agro están a ser unha das liñas destacadas tanto polo número de beneficiarios, que o ano pasado ascendeu a 353, coma pola contía da achega, que pode acadar os 70.000 euros. No procedemento para optar a estas subvencións establécense unha serie de prazos a cumprir que se volven decisivos para percibir a axuda ou evitar penalizacións parciais.

“Ter moi en conta as datas marcadas é fundamental polas consecuencias que pode supoñer á hora de recibir a subvención”, apunta Pablo Gómez Casas, xefe de servizo de explotacións e asociacionismo agrario da Consellería de Medio Rural,que recentemente falou sobre a incorporación nunha xornada da feira Cimag Gandagro.

Fitos principais das axudas de incorporación

Dende a Consellería de Medio Rural destacan 5 fitos a ter en conta á hora de tramitar ou xustificar este tipo de axudas, xa que incumprir algún destes aspectos pode supoñer quedar sen a subvención ou ter unha penalización. Repasámolos a continuación:

1_ Control efectivo da explotación.

Para poder optar a estas axudas debe xustificarse que o solicitante se instala e asume os riscos que supón esta actividade empresarial. No caso de que o interesado figure na explotación como persoa física abonda con que teña o rexistro da da actividade, como xustificante de que asume o risco de xestión que supón.

Mentres, no caso das ganderías nas que se figure como persoa xurídica é preciso xustificar a participación da persoa que solicita a axuda. Deste xeito, o solicitante debe ter un capital igual ou maior que a persoa que maior participación teña na explotación. Se non se cumpre, pode denegárselle a axuda. Se por algún motivo ó longo do plan empresarial que dura 24 meses, o solicitante deixa de ter o control efectivo da explotación as penalizacións varían, en función de se é no primeiro ou segundo ano, e poden chegar a ser do 20 ou 40% da axuda.

2_ Proceso de instalación.

O proceso de instalación iníciase cando se completa algún dos seguintes trámites:

– Alta na Axencia Tributaria.

-Alta na Seguridade Social.

-Alta do Reaga.

-Subscribirse e desembolsar o capital social, de ser o caso.

O proceso finalízase cando se completan todos estes trámites. Neste apartado cómpre ter presente as seguintes datas, xa que son decisivas para a concesión das axudas:

-Data de establecemento. É a data na que se realiza ou completa a primeira acción relacionada co proceso de instalación. Se é anterior a 24 meses da solicitude é motivo para denegar a axuda.

-Data de instalación. É a data en que se dá por finalizado o proceso de instalación. Se a data de instalación é anterior á data de solicitude non se recibirá a axuda. Se a data de instalación é posterior ó límite de 9 meses seguintes á concesión da subvención tamén se cancela a axuda.

3_ Agricultor activo e profesional.

Un dos requisitos mínimos para poder acceder a este tipo de axudas é que o titular sexa un agricultor activo e profesional. Esta definición supón que debe exercerse a actividade agraria, asumir o risco que esta representa e o 50% da renda total ten que proceder desta. Debe dedicar polo menos a metade da súa xornada laboral a esta actividade.

Estas condicións deben cumprirse como mínimo nos 18 meses seguintes dende a data de instalación da explotación, xa que é un incumprimento excluínte, co que se retira o 100% da axuda.

4_ Capacitación profesional.

Para poder optar a estas axudas é preciso dispoñer dunha capacitación profesional da actividade agraria ou gandeira. Esta capacitación xustifícase acreditando algunha destas formacións:

-Titulación académica.

-Curso de capacitación de 250 horas.

-Curso de 250 horas homologados.

É preciso contar con algunha desta formación nos 36 meses seguintes dende a data de instalación. De incumprirse, a penalización varía e pode chegar a perderse a totalidade da axuda se non se acredita a formación. Se non se acada o 50% dos módulos, hai unha penalización de entre o 20 e o 40% da axuda. Se acada o 50% dos módulos pero non se ten programado o resto, esta penalización é de entre o 5 e o 10% e se se ten programado o resto redúcese a un desconto do 1 ou 2% da axuda.

5_ Plan empresarial.

Os solicitantes destas axudas tamén están obrigados a presentar un plan empresarial realizado por un técnico no que se detallen cuestións como a situación inicial, as fases e obxectivos, as actuacións previstas (medioambientais, eficiencia de recursos, investimentos, formación, asesoramento). Este plan debe abarcar os 24 meses seguintes dende a data de instalación.

No que se refire ó plan empresarial, os solicitantes poden perder a axuda se non se dedica polo menos a metade da xornada laboral a esta actividade, se non se acada unha Renda Unitaria de Traballo (RUT) do 35% ou se non se acada a dimensión física mínima. Tamén pode haber unha penalización do 50% se se cambia a orientación produtiva das instalacións e esta penalización pode reducirse a un 20% se a pesar de facerse o cambio as instalacións son compatibles, por exemplo se se cambia dunha gandería de vacún leite a unha de carne.

Compromisos

Ó recibir estas axudas, o solicitante tamén ten uns compromisos ó longo dos cinco anos seguintes. Así, para as convocatorias do 2022 debe manterse a actividade ata o 26 de xaneiro do 2028 e contar co correspondente seguro agrario. Ademais, naqueles casos onde se percibira axuda pola creación de emprego, debe manterse eses postos e o material e maquinaria adquirido con esta subvención.

As cifras das axudas de incorporación na convocatoria 2022

As axudas de incorporación de xente moza ó agro en Galicia mobilizaron na última convocatoria preto de 14 millóns de euros. En concreto, dos 15 millóns destinados para estas partidas procedentes de fondos europeos repartíronse un total de 14.989.000 euros, segundo indicaron dende a Consellería de Medio Rural.

Nesta convocatoria presentáronse 546 solicitudes, das que 117 foron desestimadas e outras 33 foron rexeitadas por non cumprir cos requisitos. Mentres, un total de 43 solicitudes quedaron excluídas pola falta de fondos.

A denegación de axudas suscitou malestar no agro, que critica á Consellería, en tanto Medio Rural pronostica que na convocatoria 2023 non haberá eses problemas.

A maior parte das solicitudes foron presentadas por homes (60%) aínda que como sinalan dende a Consellería está a incrementarse o número de peticións realizadas por mulleres.

Increméntase o número de solicitudes procedentes de ganderías de vacún de carne

A maior parte das solicitudes foron por axudas básicas, de 30.000 euros. Mentres, un 12% optaron pola contía máxima, de 70.000 euros, onde é preciso aportar unha xustificación detallada. Outro 11% tramitaron a axuda dos 50.000 euros.

A maioría das solicitudes proceden de ganderías de vacún de leite (35%), pero nesta convocatoria sitúanse parellas as peticións para granxas de vacún de carne. Así, un 30% das solicitudes procedían deste tipo de ganderías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información