A prohibición a novas plantacións de eucalipto decidida pola Xunta no 2021 caduca o 31 de decembro deste ano, pero a día de hoxe, o Goberno galego aínda non adoptou unha decisión sobre a súa continuidade ou non. Analizamos os factores que inflúen na decisión.
1) Impacto dos fungos das bandas nos piñeirais de radiata en Lugo
A entrada en Galicia do fungo das bandas a partir do 2021, cun importante agravamento da enfermidade nos últimos dous anos, está a deixar indefensos ós propietarios forestais de piñeiro radiata.
O problema dáse principalmente na metade norte da comunidade, sobre todo na zona oriental de Lugo, con masas moi afectadas, ata o punto de que A Fonsagrada se converteu no 2024 no municipio de España con máis cortas de piñeiro.
Os propietarios quéixanse de que carecen de alternativas solventes de plantación, cunha quenda de corta similar ó radiata (25 anos). Hai a posibilidade de plantar piñeiro do país, que resiste ás bandas, pero ten un turno de corta superior, por riba dos 30 anos.
Unha alternativa que está despegando é o piñeiro taeda, tamén resistente ás bandas, cunha quenda de corta estimada en arredor de 28 anos, pero é unha especie que se comezou a plantar en Galicia nos últimos anos, polo que queda por avanzar na selección de procedencias axeitadas de planta e carécese de conclusións definitivas sobre o seu rendemento final en monte.
Así as cousas, unha parte dos propietarios afectados ten parcelas cortadas e paradas, á espera de comprobar se se autoriza a plantación de eucalipto nitens na zona a partir de xaneiro do 2026.
2) Déficit esperado de madeira para a cadea do piñeiro
A orixe da industria galega da madeira está ligada ó piñeiro e na actualidade, esa vinculación mantense. A comunidade conta con arredor de 120 serradoiros e 7 factorías de taboleiro que traballan principalmente con esta materia prima.
Desde a Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea do piñeiro, calculan que dous terzos da facturación que representa o sector forestal – madeira en Galicia se debe ó piñeiro.
Para toda esta cadea, é un problema a evolución que están experimentando os piñeirais, pois na década do 2010 ó 2020, Galicia perdeu máis de 9.000 hectáreas de piñeirais ó ano.
Se se suspende a moratoria, razonan os serradoiros, a perda de superficie dos piñeirais continuará, o que levará a Galicia en poucos anos a unha situación como a que xa vive a industria portuguesa do piñeiro, afectada por un importante déficit de madeira.
Piñeiros e eucaliptos, vasos comunicantes?
Unha cuestión a ter en conta é que piñeiros e eucaliptos non son exactamente vasos comunicantes. É dicir, non toda a superficie que perde o piñeiro se planta a eucalipto.
En Portugal, no periodo 2005 – 2015, un informe do Centro Pinus estima que era equivalente a superficie de piñeiral que pasaba ó abandono tras corta, colonizada por mato e frondosas caducifolias, e a superficie de piñeiral que tras corta, se repoboaba con eucalipto.
Por iso, no sector forestal galego deféndese a necesidade de medidas para incentivar a cadea forestal das coníferas. Se non se plantan piñeiros, a moratoria non é solución.
A Fundación Arume calcula que nos dous últimos exercicios plantáronse na comunidade arredor de 5.700 hectáreas / ano de coníferas. A esa cifra hai que sumarlle a superficie que se rexenera de xeito natural tras corta, facendo selección das plantas que nacen en monte.
A cuestión é que a superficie que se planta de piñeiro, sumada á que se rexenera de xeito natural, sitúase por baixo da superficie de piñeiral que se perde cada ano, ben por cortas, enfermidades ou incendios.
A Fundación Arume defende que Galicia precisa, cando menos, dobrar as plantacións anuais de piñeiro para deter a regresión dos piñeirais.
3) Se chega Altri, hai eucalipto para todos?
Galicia corta cada ano algo menos de 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto. É unha madeira coa que se abastecen as plantas de Ence Pontevedra e Ence Navia, pero tamén saen importantes volumes de madeira para as plantas portuguesas de papel (Navigator, Altri, International Paper), así como para outros destinos e usos.
A esa demanda sostida, hai que sumarlle a que xeraría Altri, de implantarse a planta de Greenfiber na Ulloa. Esa planta precisaría inicialmente 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto, chegando nun futuro a 2,4 millóns.
Coa superficie que hai de eucalipto en Galicia, tendo en conta a mellora xenética e que hai plantacións xuvenís que aínda non entraron na primeira quenda de corta, o sector calcula que nun futuro se pode chegar a 7 ou mesmo a 8 millóns de metros cúbicos de cortas anuais.
Pero na cadea do eucalipto non se ven esas contas tan claras e hai temor das pasteiras a que exista un déficit de eucalipto no mercado galego se Altri se chega a implantar na Ulloa.
4) Opinións diversas dos propietarios forestais: moratoria non, pero regulación adicional do eucalipto si
Unha recente enquisa entre propietarios forestais do Grupo de Certificación Forestal Alvariza revela que hai unha maioría de propietarios contrarios á moratoria do eucalipto (56%), pero tamén amosa que os propietarios si son favorables a unha regulación adicional do eucalipto.
Os datos que se desprenden da enquisa é que hai un empate técnico entre os contrarios á continuidade da moratoria e os que a apoian ou evitan pronunciarse.
Esa postura apunta á necesidade dunha terceira vía na regulación da especie. Pode ser unha solución a creación de dereitos de plantación de eucalipto?.
A idea dos dereitos de plantación, barallada tanto pola Administración como por colectivos de propietarios, apunta á posibilidade de que os propietarios que queiran deixar o eucalipto, ben por ter plantacións en zonas pouco aptas, ben por decidir un cambio de uso, poidan venderlle os seus dereitos a propietarios interesados en plantalo.
É unha regulación que probablemente esixa un certo tempo de desenvolvemento, polo que colectivos como a Asociación Forestal de Galicia avogan por unha prórroga da moratoria, en tanto non se defina e consensúe unha nova normativa.
5) Funcionamento da moratoria
Malia a moratoria a novas plantacións de eucalipto, o cumprimento da normativa é cando menos desigual.
A asociación ecoloxista Adega mesmo denunciou o pasado ano plantacións de eucaliptos en parcelas de espazos naturais protexidos nas que previamente se cortaron frondosas caducifolias, un cambio de uso que xa estaba prohibido con anterioridade á moratoria do eucalipto.
Os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia apuntan a que as plantacións de eucalipto continúan medrando, se ben podería ser o caso de plantacións que nos seus primeiros anos non se daban identificado como eucaliptais a través do satélite.
Do 2022 ó 2023, a superficie de eucalipto medrou en 6.000 hectáreas (1,4%), ata chegar a 419.000 hectáreas, e os datos provisionais apuntan a que no 2024 se chegou ás 430.000 hectáreas de eucalipto (+11.000).
Así as cousas, a Fundación Arume entende que resulta fundamental prorrogar a moratoria do eucalipto polo menos 5 anos máis, “acompañando esa norma da vixilancia necesaria sobre o terreo para garantir o seu cumprimento. Sobre aqueles terreos nos que se detecte un incuprimento da moratoria, cómpre actuar para restituílos ó seu estado anterior”, conclúen.
Actualización 16-X
Galego









Control OJD