O Comité Organizador da VI Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro, que se celebra en Silleda, fixou o novo encontro para o período do 25 ao 27 de febreiro de 2027.
A data foi fixada nun encontro no que tamén se analizaron os resultados da pasada convocatoria e abordáronse outros aspectos relativos á organización do certame en 2027, para comezar proximamente a súa promoción e comercialización. Os participantes na reunión coincidiron en destacar a feira como punto de encontro e espazo de negocio para o sector, ademais de valorar de forma xeneralizada a última edición como positiva, con mellores resultados e unha boa evolución no perfil profesional do público.
En canto á súa última cita, que tivo lugar do 20 ao 22 de febreiro de 2025, reuniu a 508 firmas expositoras de 26 países, un 20 % máis que na anterior edición, das cales 174 eran expositores directos, un 3,5 % máis, que procedían de cinco países. O certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, supoñendo unha superficie bruta superior aos 25.500 metros cadrados e neta de 11.648 metros cadrados. En canto aos visitantes que acudiron a coñecer as propostas da súa exposición e a participar nas máis de 40 actividades programadas, ascenderon a 19.813, un 4,3 % máis.
A reunión contou con representantes de diversas entidades, empresas e cooperativas con gran peso no sector, como son a Federación Frisoa Galega (FEFRIGA) e Africor Pontevedra, Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Galega de Porcino (FEGAPOR), Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela, Cooperativa Aira, Cogal Sociedade Cooperativa Galega, Delagro, Delaval Equipos, Gea Farm Technologies Ibérica, Hitraf, Lely, Prefabricados Faro e Tractor Import, ademais da entidade financeira ABANCA.
Galego









Control OJD