Que perspectivas de futuro se presentan para os viños brancos en España? E para os brancos galegos? Será a exportación o seu principal destino ou manteranse máis ancorados no mercado nacional? Aínda que predicilo e acertar niso é tarefa complicada, Rafael del Rey, director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño (OEMV) e xerente da Fundación para a Cultura do Viño, afrontou o reto de achegar algunha previsións durante as xornadas sobre este tipo de viños organizadas polo GDR Ribeira Sacra Courel, en días pasados no concello lucense de Quiroga.
Del Rey botou man dos datos que manexan no Observatorio do Viño para analizar a situación que atravesan os viños brancos nestes momentos e mostrar a súa evolución nos últimos anos. Un dos primeiros aspectos que destacou o experto foi a “recuperación extraordinaria” que experimentou o mercado do viño fronte ás dúas grandes crises que afrontou nos últimos anos: en 2009 e no 2020. “Aínda que se deberon a causas moi dispares a recuperación da primeira foi impresionante e os datos que estamos a ver agora tras a crise do Covid-19 o viño atópase en récord histórico de facturación”, detalla.
O mercado do viño mundial está a experimentar unha gran recuperación tras a crise da pandemia con récords históricos de facturación. Mantense estable o volume de litros de viño que se comercializa e incrementouse o seu valor
E unha das claves para lograr esta recuperación do sector é o incremento do valor que experimentaron os viños. “Non se bebe máis viño, pero si se vende razoablemente máis caro”, recoñece. Así, aínda que o volume de litros exportados a nivel mundial se mantén ao redor dos 10.500 millóns de litros, o valor incrementouse. Abonda comparar os 2,23 euros que se pagaban de media polo litro de viño hai 10 anos aos 3,13 euros alcanzados no 2021.
Consumo e exportacións dos viños brancos españois
E se os datos xerais mostran unha tendencia de recuperación do mercado do viño, no caso dos brancos a súa evolución foi moi boa nos últimos 20 anos. Unha ollada ás cifras que manexan os principais países produtores de viño branco, entre os que se atopa España, dá conta desa tendenza á alza, sobre todo cun incremento do valor.
En España, o volume de viños brancos exportados pasou dos 73 millóns de litros de 2002 a alcanzar en 2021 os 232, o que supón un incremento do 219%. No que a valor se refire este aumento foi do 291%, xa que se pasou de 98 millóns de euros aos 383 logrados o ano pasado.
Con todo, cabe ter presente as cifras tanto de valor como de produción que manexan outros países produtores de viño, como Francia, que aínda que sufriu especialmente o influxo da crise, ten unha facturación que se sitúa nos 1.689 millóns de euros para os 308 millóns de litros de viño branco que produce, o que dá boa conta que o valor económico medio dos seus viños é moi superior ao que se manexa en España. Así, o prezo medio dos brancos en Francia é de 5,48 euros por litro e representan o 30% da súa produción de viño.
“Os viños brancos españois chegaron máis tarde aos mercados internacionais, pero percorreron o mesmo camiño que outros países produtores a unha velocidade moito maior”
“O ritmo de crecemento do mercado dos viños brancos nos últimos 20 anos foi maior que o doutros produtores. Chegamos máis tarde aos mercados internacionais, pero percorremos o mesmo camiño a unha velocidade moito maior. Con todo, sospeito que os viños brancos españois teñen aínda moito percorrido”, explica del Rey.
En canto ao consumo nacional dos viños brancos, segundo os datos manexados polo Ministerio ata novembro de 2021, o viño branco representa un terzo do volume e un 29% do valor total. Así, producíronse uns 112 millóns de litros de viños brancos que facturaron un 279 millóns de euros, fronte aos 186 millóns de litros de viños tintos que alcanzaron un valor de 621 millóns de euros. O prezo medio dos viños tintos sitúase nos 3,32 euros por litros fronte aos 2,49 euros por litro que se paga de media polos viños brancos en España.
Con respecto á súa evolución, tal e como explica Rafael del Rey, o viño branco en alimentación creceu de forma máis sostida que o tinto desde hai 12 anos, pasando de representar menos do 20% en 2010 a case un terzo do consumo actual. En especial viuse un incremento do consumo de viños brancos sobre o consumo total de viño en España. “O viño branco supón unha auténtica revolución dentro do consumo nacional”, valora Del Rey.
As exportacións españolas de viño branco, aínda que se reduciron con respecto das cifras que viñan mantendo, serviron de táboa de salvación para moitos produtores e adegas co peche doutras canles de comercialización pola crise do Covid-19. Así, 2021 supuxo un crecemento importante das exportacións, aínda que a diferenza doutros países non chegaron a supoñer cifras de récord, nin en valor nin en volume para o conxunto dos viños españois.
Entre as exportacións españolas, as distintas categorías de viño branco supoñen un 21% do valor total das vendas, pero ata un 40% do volume, pola importante cantidade de vendas de viño a granel, tal e como sinala del Rey. Os viños brancos envasados supuxeron en 2021 231,8 millóns de litros por valor de 382 millóns de euros, a un prezo medio de 1,65 euros, o que supón un 10% do volume total e un 13% do valor.
As DO galegas miran á exportación
Boa parte dos viños brancos producidos baixo as DO máis centradas nesta variedade quedan no mercado nacional. A produción de viño branco comercializado en España na DO Rueda mantense por encima dos 623.000 hectolitros e destínanse á exportación uns 96.800 hectolitros, o que supón apenas un 13,4%.
“Os viños brancos producidos nas DO especializadas neste tipo de viños teñen un gran potencial de expansión nos mercados internacionais”
As vendas de Rías Baixas no mercado nacional están nos 154.000 hectolitros e fóra das fronteiras nacionais comercializaron o ano pasado 82.500 hectolitros, o que amosa como a exportación vai gañando espazo e supón xa o 34% das vendas. Mentres, no Ribeiro comercializan no mercado nacional uns 80.000 hectolitros e apenas destinan á exportación uns 4.200 hectolitros, unha cantidade moi similar á que se exporta de viños Txakolís. Nos viños de Valdeorras, uns 32.200 hectolitros comercializáronse no mercado nacional e apenas se exportaron uns 1.000 hectolitros.
“A maior parte do viño branco que se produce nas DO especializadas neste tipo de viños comercialízase no mercado nacional, con moita marxe aínda para conquistar mercados internacionais”, valora o analista.