Científicos galegos abren a porta á creación de super xudías

Publicidade
Científicos galegos abren a porta á creación de super xudías

Científicos de 24 grupos de investigación de España, México, Brasil e Arxentina secuenciarion e ancoraron 620 millóns de pares de bases do xenoma dunha variedade de xudía Mesoamericana. O equipo español estivo coordinado desde Galicia por Marta Santalla Ferradás, investigadora científica do CSIC no Grupo de Bioloxía de Agrosistemas de MBG (Pontevedra). O traballo acaba de ser publicado na prestixiosa revista Genome Biology.

O proxecto, que se iniciou en 2009, estivo financiado con máis de 2 millóns de euros por varios países hispanoamericanos.

“Temos secuenciado e ancorado 620 millóns de pares de bases do xenoma dunha variedade de xudía Mesoamericana, o que nos permitiu a identificación no xenoma dun total de 30.491 xenes, así como a análise da súa funcionalidade mediante os seus patróns de expresión. Os datos do xenoma e transcriptoma deste tipo Mesoamericano representan un recurso imprescindible para os recursos xenómicos xa existentes do tipo de xudía Andino”, explica Marta Santalla Ferradás.

“Ábrese a porta á creación de super variedades de xudía”

“Este fito científico permite afrontar, dun modo directo e co coñecemento necesario, a análise da información contida nos máis de 30.000 xenes, incluídos nos cromosomas e responsables da elaboración de todas as proteínas requiridas pola planta de xudía. Estes codifican trazos que fan que unha variedade sexa moi resistente a todo tipo de inclemencias ambientais, longos períodos de seca, baixas temperaturas, elevada salinidade dos solos (algo que permitiría aproveitar zonas actualmente non aptas para o cultivo), enfermidades, pragas, valor nutricional do froito, entre outros. Agora poderase traballar de forma específica para a combinación de xenes de distintas variedades”, explica Marta Santalla Ferradás.

“Ábrese a porta, por tanto, á creación de “super” variedades de xudía que, ademais, terán un menor impacto ambiental debido a que se poderá reducir o uso de produtos fitosanitarios, fertilizantes e menos auga. Estas novas variedades de alto rendemento e valor nutricional coas características descritas serán vitais para unha produción agraria sustentable e a seguridade alimentaria. Tamén se abre a porta a que a comunidade científica inicie novas liñas de investigación sobre a especie e a que se poidan, por exemplo, identificar os xenes que foron cruciais na súa domesticación”, destaca.

Ao proxecto estáselle dando continuidade coa secuenciación do xenoma dunha ducia doutras variedades cultivadas de xudía e algúns dos seus parentes silvestres próximos para comparar as variacións xenéticas existentes entre a xudía común e os diferentes tipos de xudía.

Tamén se está continuando coa análise dos patróns de expresión de xenes importantes no tempo a floración e desenvolvemento do froito na planta de xudía común polo seu papel clave na adaptación e mellora para unha produción agraria sustentable tanto como legume seco e hortaliza fresca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información