Ciclo de conferencias sobre “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”

En colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, dende marzo até a vendima o Sindicato Labrego Galego desenvolverá un espazo de diálogo sobre esta Denominación de Orixe

Publicidade

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, presenta o ciclo de conferencias “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra” co obxectivo de, ante a ausencia de accións de apoio ás produtoras por parte da Consellaría do Medio Rural dirixida por María José Gómez, crear un espazo no que debater sobre o futuro do sector do viño nesta Denominación de Orixe (DO).

As palestras desenvolveranse en distintos concellos da Ribeira Sacra lucense desde o mes de marzo deica a vendima, dando inicio o venres 7 de marzo coincidindo co inicio da 42ª edición da Feira do Viño de Chantada.

“Dada a situación que estamos vivindo na DO, consideramos fundamental achegar en primeiro termo información sobre aspectos que neste momento cobran especial relevancia: axudas, contratos, custes de produción, o mercado do viño tinto… Así, os dous temas cos que iniciamos este ciclo gardan relación coas axudas porque unha parte delas están a piques de convocarse -as que teñen que ver coa Intervención Sectorial Vitivinícola- e outras xa están convocadas -as que teñen que ver coa solicitude única da Política Agrícola Común”, explican dende o SLG-.

En horario de 16 a 19h., no local do Sindicato Labrego en Chantada (Rúa Emilia Pardo Bazán, 11-Baixo), o 7 de marzo comezarán as conferencias abordando a Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV 2024-2027). Trátase de fondos da Política Agraria Común (PAC) que financian, entre outras intervencións, a reestruturación e reconversión de viñedo e a colleita en verde, que coñeceremos polo miúdo a través da intervención de Leticia Olasolo Viteri, Secretaria Técnica da Unión de Agricultores y Ganaderos de la Rioja (UAGR).

A denominación de Orixe da Rioxa ten territorio en tres comunidades autónomas, co que se poderá ver de que forma sea actuou en cada unha delas. “Na da Rioxa, por exemplo, ante unha situación de crise semellante á da Ribeira Sacra, a finais de xullo foi publicada pola Consejería de Agricultura, Ganadería, Mundo Rural y Medio Ambiente da Rioxa a Orden AGM/54/2024, de 25 de julio, por la que se dictan las bases reguladoras para la solicitud de ayudas en “régimen minimis” para compensar los problemas de comercialización y la pérdida de renta de las explotaciones vitícolas acogidas a la DOCa Rioja, procedemento que reiteradamente vimos solicitando tamén á Consellaría do Medio Rural dende o Sindicato Labrego Galego”, explican.

Esta exposición será completada cunha análise e aplicación práctica das axudas da Política Agrícola Común para o viñedo da Ribeira Sacra, conferencia a cargo de Andrés Castro Ramos, Responsable Técnico do Sindicato Labrego Galego.

A segunda xornada do ciclo “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra” terá lugar achegándose a vendima. Neste espazo abordaranse cuestións como a Lei de Cadea Alimentaria aplicada ao sector vitivinícola, nomeadamente a obriga de formalizar nun contrato por escrito a entrega de uva ás adegas e o Modelo de contrato da Interprofesional do Viño. Tamén se acordará que pasou cos contratos que estaban asinados no 2024 e que se incumpriron, aportando datos sobre a situación noutras Denominacións de Orixe con variedades tintas no Estado español, Portugal e Francia e debaterase sobre as distintas realidades que afrontan as microadegas, as adegas pequenas e as adegas grandes.

Cartaz_Ciclo_O FUTURO DAS PERSOAS VITICULTORAS NA RIBEIRA SACRA slg

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información