As opinións e puntos de vista expresados só comprometen ao seu autor e non reflicten necesariamente os da Unión Europea. Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser considerados responsables deles.

As choivas de setembro melloran as perspectivas para a sementeira de cereais e colza

O sector agrícola español, do que depende en parte a alimentación da gandería, ten que enfrontar o aumento dos custos de produción, pero á vez, está a recibir prezos récord polas súas colleitas

Publicidade
As choivas de setembro melloran as perspectivas para a sementeira de cereais e colza

Campo de cereal na Limia. / Arquivo.

O incremento de custos de produción na agricultura (gasóleo, sementes e, en especial, fertilizantes) xera incertidume no sector, pois as contas de gastos por hectárea sementada dispáranse. A parte positiva é que as colleitas de cereais (trigo, cebada, centeo) e oleaxinosas, como a colza, están a acadar prezos récord no campo, o que continúa a permitir marxes positivas de beneficio. A cuestión que se plantean os agricultores é se esas marxes manteranse na próxima colleita. Dito doutra forma, vale a pena sementar este outono?

Nas últimas semanas, xerouse no campo español un runrún sobre a posibilidade de que parte dos agricultores optara por maximizar a superficie que adica a barbeito, ata o permitido pola PAC, se ben no sector son escépticos sobre esa posibilidade. Se as chuvias manteñen humidade nas terras, a previsión a día de hoxe é que haxa unha campaña de sementeira normal.

“Desde un punto de vista empresarial, as perspectivas de marxes son positivas, a pesar de toda a incertidume que temos por múltiples factores” -valora o director de cultivos herbáceos de Cooperativas Agroalimentarias de España, Toño Catón-. “A miña impresión a día de hoxe é que se a meteoroloxía acompaña, teremos unha campaña de sementeira normal. O exemplo témolo estes días coa colza, que aínda está en momento de sementeira. Coas choivas de setembro, que deixaron a terra en boa condición para o cultivo, é posible que mesmo se plantase algunha superficie máis da prevista inicialmente”, sinala Catón.

A meteoroloxía perfílase como o factor clave, pois este ano a seca minguou rendementos e arruinou a colleita do xirasol

Se en novembro e decembro a terra mantén a condición de tempero, Catón opina que “sementarase o cereal de inverno de xeito similar a outros anos”. A meteoroloxía perfílase como un factor clave, pois a seca desta campaña, que fixo minguar rendementos e arruinou colleitas como a do xirasol, é probablemente o aspecto que máis preocupa no campo.

Sobre o aumento de custos de produción, no agro hai consenso en que son asumibles cos actuais prezos dos cereais e oleaxinosas. O presidente da Asociación de Comercio de Cereales y Oleaginosas de España, Marcos Martínez, fixo estes días un chamamento a sementar durante a clausura da Bolsa de Cereales del Duero. Martínez subliñou que “segue sendo rendible sementar”, unha opinión na que coincide Toño Catón.

“Se o tempo acompaña, o traballo do agricultor é sementar e custaralle quedar mirando para a terra sen traballala. É certo que se dispararon os custos de produción, pero as colleitas tamén acadaron prezos nunca vistos” (Toño Catón, Cooperativas Agroalimentarias)

“Esta crise de custos de produción ten tamén unha lectura positiva, a de que o agricultor máis tradicional terá que avanzar cara unha maior agricultura de precisión, racionalizando custos, para o que terá que optimizar as doses de semente e de abono que precisa. Quizais este ano se reduza algo o abonado na sementeira e se aposte máis polos aportes en coberteira”, valora Catón.

En canto á posibilidade de que parte dos agricultores opte por aumentar as terras en barbeito, o director de cultivos herbáceos de Cooperativas é en principio escéptico. “O traballo do agricultor é sementar é cústalle quedar mirando para a terra sen traballala. Paréceme complicado que iso pase se a meteoroloxía acompaña. É certo que aumentaron os custos de produción, pero o agricultor non vai perder a ocasión de vender a súa colleita a prezos que nunca viu. Pode ser que o prezo dos cereais non se manteña nos niveis de récord deste ano, pero en calquera caso, todo apunta a que continuarán estables en valores altos”, conclúe.

Modificación da normativa de condicionalidade
Ante a crise de Ucraína e a necesidade de máis cultivos en Europa para alimentación humana e animal, o Ministerio de Agricultura xestionou con Europa cambios na condicionalidade da PAC 2023 co obxectivo de aumentar a produción de alimentos. Agricultura proxecta eliminar o mínimo do 4% de terras que hai que destinar en cada explotación agrícola a superficies non produtivas (barbeitos, lindes fluviais ou forestais, etc.), que se poderían adicar a calquera cultivo que non sexa millo, como xa sucedeu este ano.

Outro dos cambios é o relativo á flexibilización da esixencia de rotación e diversificación de cultivos nas parcelas dunha explotación, de xeito que os agricultores poidan tomar as súas decisións de sementeira tendo en conta as demandas do mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información