China quéixase das axudas á cadea láctea europea trala suba dos aranceis ós coches chinos

China quéixase das axudas á cadea láctea europea trala suba dos aranceis ós coches chinos

China é un dos principais importadores de leite en po europeo.

A decisión da Comisión Europea de elevar os aranceis á importación de coches eléctricos chinos está a xerar consecuencias a modo de ‘efecto boomerang’, se ben polo de agora máis verbais que reais. Primeiro foi a industria do porcino europea, o pasado inverno, a que foi foco das ameazas chinas e agora tócalle ós produtos lácteos.

China vén de anunciar que abre unha investigación polas axudas que a Comisión Europea lle presta ás granxas e industrias lácteas, pois considera que vulneran as regras de libre comercio. Desde Europa expórtanse cada ano a China produtos lácteos por importe de arredor de 1.700 – 2.000 millóns de euros, sendo China un dos principais mercados de exportación da UE, sobre todo en manteiga, en leite en po e en soro en po, produtos nos que o país asíatico ocupa o Top-3 de compradores externos da UE.

O sector percibe este movemento de China como unha represalia pola recente suba dos aranceis á importación de coches eléctricos chinos. A Comisión Europea valorou no 2023 que China mantén “artificialmente baixos” os prezos dos seus coches eléctricos gracias a “enormes subsidios estatais”, o que fixo que China apuntara ás axudas europeas á industria porcina, primeiro, e agora á láctea. A UE é o segundo exportador a China de produtos lácteos, tras Nova Zelanda.

En calquera caso, no sector non se esperan cambios bruscos na balanza comercial de produtos agrarios, pois, en primeiro lugar, o consumo chino é dependente das importacións para cubrir a súa demanda interna. A segunda cuestión a ter en conta é que China precisa da demanda europea para dar saída as súas manufacturas, polo que non lle convén unha guerra comercial a gran escala.

Desde as organizacións agrarias, Unións Agrarias emitiu unha nota de prensa na que considera que o movemento chino en nada debería de afectar á estabilidade do sector lácteo a nivel español, polo que lle pediron ó Ministerio de Agricultura que interveña para trasladar unha mensaxe de tranquilidade ó sector e mediar ante posibles incertidumes que xurdan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información