China inviste case 400 millóns na Bretaña francesa para elaborar leites infantís

O feito de dispor dunha gran cooperativa de produtores, Sodiaal, e as garantías de calidade e de trazabilidade do leite de Bretaña levan ao grupo chinés Synutra a investir en Francia para exportar leites infantís a China. Investidores chineses reúnense coa Xunta para explorar posibles negocios no agro galego

China inviste case 400 millóns na Bretaña francesa para elaborar leites infantís

Nova planta de Synutra en Carhaix (Bretaña francesa)

O xigante chinés Synutra, terceiro grupo de produtos lácteos infantís do país asiático, ven de investir 170 millóns de euros na construción dunha fábrica de elaboración de leite en pó infantil na localidade de Carhaix, na Bretaña francesa, a primeira rexión produtora da Unión Europea.

Segundo informa o xornal francés Libération nunha reportaxe titulada China e Bretaña irmáns de leite, a decisión débese á forte demanda de leite infantil en China, cun gran potencial de crecemento trala abolición da política do fillo único, e aos escándalos sanitarios naquel país, o que levou á multinacional chinesa a poñer os seus ollos en Bretaña. Os motivos: a seguridade e a trazabilidade do leite francés -igual á que lle podería ofrecer Galicia-, e non menos importante, a garantía de subministro de leite que lle ofrece unha gran cooperativa como Sodiaal, de nada menos que 288 millóns de litros ano ano -unhas 288.000 toneladas, equivalentes ao 10% da produción galega-, un volume e unhas garantías de subministro que non lle sería tan fácil lograr en Galicia.

“Os chineses queren á par seguridade alimentaria e inmensos volumes de leite”

A fábrica, que foi inaugurada o pasado 28 de setembro, ocupa unha superficie de 38.000 metros cadrados, emprega máis de duascentas persoas que ao fin do 2017 deberán de ser 350.
O leite será aprovisionado por uns 700 socios da cooperativa Sodiaal nun radio de 200 km, e será transformado en po en dúas torres de secado.

“Os chineses queren á par seguridade alimentaria e inmensos volumes de leite”, precisa André Bonnard, secretario xeral da Federación Nacional de Produtores de Leite (Fnpl).

A remuneración será 10 euros por tonelada menor para os gandeiros pero os volumes de entregas están garantidos

En canto á remuneración para os gandeiros bretóns, segundo un socio de Sodiaal citado por Libération o acordo entre a súa cooperativa e o xigante chinés estipula unha remuneración de 10 euros por tonelada por baixo do mercado interior francés. “Será un contrato variable no tempo en función do mercado”, precisa o produtor. Pero en contrapartida os volumes de entregas acordados están garantidos. De feito o acordo franco-chinés satisfai as dúas partes. Para Synutra o leite en po francés véndese a un prezo cinco ou seis veces superior ao que se fai co leite chinés do mercado doméstico. E Sodiaal entende que con este acordo mételle presión aos distribuidores nacionais para así facer subir os prezos do leite nacional.

Na actualidade as vendas de leite ao grupo Synutra por parte de Sodiaal supoñen sobre un 6% do volume total de leite recollido pola cooperativa en toda Francia. “Incluso tendo asinado un bo contrato para os nosos cooperativistas, non temos a intención de transformarnos en dependentes de Synutra”, comenta un administrados de Sodiaal. “Poñer todos os ovos no mesmo cesto sería moi perigoso”, advirte.

Synutra inviste outros 200 millóns nunha nova fábrica de leite UHT en Bretaña

Co 20% da poboación mundial pero só o 8% das terras cultivables e unha crecente clase media que demanda alimentos occidentais e de calidade, China está a realizar importantes investimentos en Bretaña para aprovisionarse de leite cara o futuro. Así, nos próximos meses Synutra comezará a construción dunha nova fábrica de leite UHT cun custe total de 200 millóns de euros. Esta infraestrutura deberá de estar operativa en 2020. O xigante chinés estará asociado legalmente coa cooperativa de Sottevast da rexión veciña de La Manche para a fabricación de cartóns de leite infantís de 20 centílitros.

E en Galicia que?

O gran proxecto industrial a curto-medio prazo existente en Galicia é o da sociedade Goodleit -con sede en Madrid e creada por ex-directivos de Senoble-, que ten previsto instalar no concello coruñés de Curtis unha planta industrial para a separación e secado dos diferentes componentes do leite para a súa exportación a mercados de Asia e de África, principalmente.

O investimento previsto ascende a 70 millóns de euros, suporá a creación duns 130 postos de traballo e cando estea a pleno rendemento as previsións da empresa é chegar a procesar unhas 400.000 toneladas ao ano, o que suporía o 17% da actual produción galega.

En canto aos chineses, polo de agora non se coñece ningún investimento a medio prazo en Galicia. Precisamente, o pasado venres o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, advertía de que unha gran debilidade de Galicia para atraer investimentos estranxeiros no seu sector lácteo “é que mentres que en Bretaña teñen un gran socio, como a cooperativa Sodiaal, que lle garante o suministro de grandes volumes de leite, en Galicia os investidores chineses terían que ir petando porta a porta”, para conseguir contratos de subministro.

Neste sentido, o director xeral de Feiraco fixo un chamamento á colaboración das cooperativas para ofertar volume a posibles investidores e á colaboración entre as industrias para a exportación.

Unha delegación de China interésase polo sector agroalimentario galego para estudar posibles investimentos

A conselleira do Medio Rural coa delegación chinesa

A conselleira do Medio Rural coa delegación chinesa

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, recibiron o pasado día 29 a unha delegación do goberno de Hunan, unha provincia do surleste de China interesada en facer investimentos no estranxeiro, especialmente no sector agroalimentario.

Así, tanto un representante deste executivo como portavoces de distintas empresas asistiron a esta reunión para descubrir as vantaxes e atractivos da comunidade galega neste sector e explicar as súas necesidades. Neste senso, Ángeles Vázquez faloulles da posición punteira de Galicia en ámbitos como o lácteo, o vitivinícola, o cárnico, pero tamén no forestal. “Todos elas, áreas nas que Galicia ten aínda marxe de crecemento”, sinalou Vázquez.

A delegación estivo composta pola representante en Europa da provincia de Hunan, Wen Fei, o CEO de China Center de París, Hong Tian, o presidente de OSA (Oficina de Arquitectura Sostible), Francisco Concejo, e os socios da consultora internacional Axperia Ventures, Armando Priegue-Freire e Enrique Luis Sánchez Arias.

Todos eles mantiveron un encontro coa titular do Medio Rural para coñecer os puntos fortes de Galicia e ver as posibilidades que lles ofrece de cara a implantación das súas empresas. Os responsables de Hunan téñense interesado por Galicia precisamente pola capacidade do seu sector agroalimentario coa intención de estudar posibles investimentos e establecer canais de exportación cara China.

Este encontro forma parte da estratexia que está a desenvolver o goberno desta provincia en diversas rexións do mundo e para a que dispoñen dun importante orzamento. No caso de Galicia, a súa visita durou dous días.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información