O apetito dos consumidores chineses polos produtos lácteos está a animar o mercado a nivel mundial e a axudar a manter os prezos do leite en orixe.
Así o confirman os datos do Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea referidos ao primeiro semestre do ano. Entre xaneiro e xuño China incrementou as súas importacións de queixo nun 7%, as de leite en po desnatado nun 28% e as de leite en po enteiro nun 29%. Tamén aumentou as súas compras ao exterior de leite condensado nun 39%. Pola contra, baixou as súas compras de manteiga, nun 28%, de proteína de soro de leite, nun 29%, e de lactosa nun 17%.
Boa parte destas importacións proceden da Unión Europea, favorecidas pola guerra comercial de China e Estados Unidos. Deste xeito, a Comisión aspira a que a UE remate o ano consolidándose como primeira potencia exportadora de lácteos (ten unha cota de mercado do 32%, seguida moi de preto por Nova Zelandia), e que as compras de China medren por riba do 11% acadado no 2018. Como exemplo, as compras do xigante asiático á UE medraron no primeiro semestre deste ano un 8% en manteiga e un 71% en leite desnatado en po.
Entre outros mercados exportadores da UE destaca a boa evolución dos Estados Unidos (un 42% máis de importacións de manteiga e un 4% máis de queixos) e de Xapón (un 37% máis de compras de manteiga e un 6% máis de queixo).
Entre os principais países importadores de lácteos a nivel mundial, ademais de China, destaca tamén a boa marcha das compras de Rusia e de Filipinas
En canto á situación dos principais exportadores de produtos lácteos, a evolución de xaneiro a xuño confirma o liderado de Nova Zelanda na exportación de leite enteiro en pó (aumenta as súas vendas nun 21%) pero tamén en queixos e leite desnatado en pó. O seu principal competidor, a Unión Europea, mantén o seu liderado na exportación de leite desnatado en pó, cun incremento das vendas ao exterior do 31%, e en queixo, aínda que as exportacións deste produto só medran un 1% de xaneiro a xuño.