A chegada da peste porcina a Italia suscita preocupación no sector en España

Unión de Uniones urxe ao Ministerio de Agricultura a incrementar as medidas activas contra a enfermidade, logo de que na última semana se detectaran tres xabaríns positivos en Italia

cerdosUnión de Uniones de Agricultores y Ganaderos, tras coñecer a aparición dun novo caso de peste porcina africana (PPA) no noroeste de Italia, reiterou ao Ministerio de Agricultura as propostas da organización para previr e paliar unha eventual entrada da enfermidade ao territorio español. Son xa tres os casos confirmados de xabaríns infectados por peste porcina africana que se detectaron no norte de Italia desde o pasado 6 de xaneiro.

Cuestións importantes que recoñece o Ministerio no seu informe sobre o foco italiano son que se volve demostrar a capacidade do virus de realizar saltos a longa distancia (os focos máis próximos a este dábanse en Hungría e no nordeste de Alemaña) e que esta nova proximidade supón un incremento do risco para España.

Os focos máis próximos ata o momento dábanse en Hungría e no nordeste de Alemaña

Con todo, a pesar de que desde o propio Ministerio asúmese este incremento do risco, a organización profesional agraria critica que esta análise non veña acompañada dunha batería de medidas que blinden a España contra a PPA.

“A medida que a PPA foi pasando a países máis próximos, fixemos chegar ao MAPA propostas que serían de grande axuda para evitar a aparición da enfermidade no noso territorio, e este novo foco ensínanos que calquera medida non tomada pode supoñer un gran efecto negativo para o sector” indican desde a organización.

Reclaman a posta en marcha dun programa de vixiancia e maior control no movemento de animais entre os distintos Estados europeos

Por iso a organización actualizou as súas propostas e fixo chegar unha vez máis as mesmas ao Ministerio para que sexan tidas en conta en beneficio do sector porcino. Entre elas, recóllense por unha banda propostas destinadas a reforzar a prevención. Por exemplo, Unión de Uniones considera inasumible que España non teña un programa de vixiancia contra a PPA con cofinanciamento europeo (que permitiría aumentar os recursos destinados a prevención) mentres que por exemplo Alemaña en 2018, (previo a contar coa PPA no seu territorio) xa contaba con este tipo de plan. Outras propostas pasan por implantar medidas co obxectivo de reducir e activar un maior control no movemento de animais entre Estados membros.

Control da poboación de xabaríns

Outra parte das medidas propostas céntrase no control da poboación cada vez maior de xabaríns, xa que, aseguran, “estes parecen estar a expandir a enfermidade segundo os focos doutros países europeos e, ademais, son vectores doutras enfermidades”.

Ademais destas medidas de prevención, Unión de Uniones lembra a vocación exportadora do sector porcino español: máis da metade da carne de porco que se produce en España expórtase e en 2020 o 36% da produción exportouse a terceiros países fóra da UE.

Máis da metade da carne de porco que se produce en España expórtase, cos países asiáticos como principal destino extracomunitario

“A problemática cos terceiros países é que moitos non recoñecen o principio de rexionalización na loita contra determinadas enfermidades animais, polo que, se aparecese, por exemplo, un foco de PPA nunha comunidade autónoma, aínda que o resto estivese libre da enfermidade, non podería exportar carne a países terceiros, o que tería gravísimas consecuencias económicas, como ocorreu en Alemaña”, aseguran.

De producirse un caso nunha comunidade autónoma o resto de granxas españolas tería dificultades para vender a súa produción ao non recoñecerse nos países de destino a rexionalización no control de enfermidades

Por iso, Unión de Uniones urxe ao MAPA a alcanzar de forma individual acordos con terceiros países clave na exportación, como China, Xapón, Corea do Sur, Filipinas ou Hong Kong (que acumulan 77% das exportacións a países fóra da UE entre 2011 e 2021 segundo datos da Comisión Europea) para que recoñezan esta rexionalización en caso de aparición da PPA en España.

“Isto non é nada novo nin nos saltamos as normas: recentemente o goberno francés anunciou este tipo de acordos con China para protexer as súas exportacións de porco” indican desde a organización, e critican que desde o Ministerio de Agricultura non se fixese o mesmo cando o sector porcino en España ten un peso tan relevante na economía e unha gran dimensión social no medio rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información