Chega a Galicia a couza guatemalteca, unha nova praga da pataca

A Xunta de Galicia declara a súa presenza nos concellos coruñeses de Ferrol, Narón e Neda e establece unha serie de medidas fitosanitarias para combatela.

Publicidade
Chega a Galicia a couza guatemalteca, unha nova praga da pataca

Couza guatemalteca da pataca

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución da Consellería de Medio Rural pola que se declara a presenza en Galicia da praga denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca. Aínda que a súa presenza limítase de momento a tres concellos do norte da Coruña (Ferrol, Narón e Neda), a Xunta adoptou unha serie de medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma.

Que é a couza guatemalteca da pataca?

A praga denominada «couza guatemalteca da pataca», provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, é unha das de maior importancia económica no cultivo da pataca en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos cales se foi introducindo: Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa foi observado e identificado nas illas Canarias (1999-2006).

Os danos son causados pola larva, tanto no campo como no almacén, a cal penetra no tubérculo para alimentarse facendo galerías. O tubérculo de pataca é o único hospedeiro desta praga.

Medidas fitosanitarias para combatela

Para combater esta praga a Consellería de Medio Rural estableceu unha serie de medidas fitosanitarios de obrigado cumprimento nos tres concellos afectados (Ferrol, Narón e Neda).

a) Medidas que deben obrigatoriamente adoptar os agricultores nas zonas demarcadas:
– Colocar trampas con feromona sexual para a captura masiva.
– Utilizar semente libre da praga, certificada e con garantía sanitaria.
– Realizar tratamentos fitosanitarios con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
– Retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados, así como os restos de colleita, co fin de romper o ciclo da praga durante o período de descanso.

b) Medidas que se recomenda adoptar aos agricultores nas zonas demarcadas:
– Desenterrar 15 días antes da plantación, os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos.
– No momento da sementeira, enterrar as sementes a unha profundidade mínima de 15 cm, para crear unha barreira de terra entre estas e as posibles larvas.
– Eliminar as plantas procedentes de colleitas anteriores que nazan durante as primeiras etapas do cultivo.
– Aporcar por ambos os lados e a unha altura mínima de 25-30 cm.
– Rotar cultivos sempre que sexa posible.

c) Medidas que adoptarán os almacéns comercializadores:
– Separar dentro dos almacéns os tubérculos cuxo destino sexa o de semente dos de consumo.
– Colocar mallas tupidas, tipo malla anti-insectos, sobre os tubérculos almacenados para evitar a entrada e saída da couza.
– Desinfectar o almacén, a maquinaria e as ferramentas de manipulación con produtos autorizados.
– Seleccionar os tubérculos antes de almacenalos, eliminando todos aqueles que presenten danos que poidan ser causados pola praga.
– Facer un tratamento fitosanitario dos tubérculos almacenados con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
– Colocar trampas con feromona para a detección da existencia da praga. Os tubérculos non poderán comercializarse no caso de obterse capturas.
– Separar os sacos baleiros e embalaxes de manipulación dos tubérculos, que se almacenarán en compartimentos distintos aos das patacas almacenadas.

d) Movemento de tubérculos:
– Queda prohibida a saída das zonas demarcadas dos tubérculos producidos nestas zonas.

Os agricultores afectados deberán prestar toda a colaboración

Por último, a Xunta de Galicia lembra que os afectados polo organismo nocivo Tecia solanivora Povolny “deberán prestar toda a colaboración que sexa necesaria para levar a cabo as actuacións que determine a Consellería do Medio Rural para a erradicación e control da praga”.

Igualmente, advirte de que “a localización e extensión das zonas demarcadas poderase modificar a medida que se realicen novas prospeccións e se detecten novos puntos positivos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información